23:16 Martes, 17 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-10-2020

Vén de rematar o verán máis estraño das nosas vidas

Na cultura, en Cambados unha pinga contra o auto-confinamento

Valorar (12)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Vén de rematar o verán máis estraño das nosas vidas, época do ano sempre chea de actividades e datas sinaladas que eran cita obrigada; citas e celebracións que desapareceron baixo o manto da covid-19 que todo o cubre.

A desaparición deactividades que eran fundamentais nas nosas vidas: viaxes, festas e celebracións....asumiuse con total naturalidade,  feito que considero moi preocupante.

Que ninguén interprete que estou poñéndome a carón dos negacionistas ou desa xente irresponsábel que  coa súa conduta pon engrave perigo tanto a súa propia saúde como a saúde colectiva. Pero empezo a pensar que despois de meses de relación estreita coa pandemia estamos caendo nun auto-confinamento que de non superalo pode ter consecuencias moi graves para o noso futuro.

Afortunadamente hai colectivos que non están dispostos a auto-confinarse, colectivos que deciden facer cousas ou manter actividades, sempre con estritas medidas de seguridade sanitaria, porque son conscientes de que o auto-confinamento pode ser o prólogodunha amputación, unha amputación que é moito máis que a caída temporal dunha cita na axenda.

Un dos sectores máis afectados pola actual situación é o da cultura, algo que non é novo pois sempre que hai unha criseimponse a idea de que a cultura é un ben suntuario que non precisa apoio e podemos e debemos prescindir dela diante de necesidades máis urxentes. Un argumento que en principio pode parecer lóxico, pero teñamos moito ollo pois quen defenden esa postura non o fan por unha simple e lóxica orde de preferencias e necesidades; de ser así antes da cultura defenderían a redución ou a anulación de apoios a outros sectores realmente menos importantes ou menos necesarios, desde os gastos en adquirir armamento de guerra até as subvencións á igrexa católica por poñer só dous exemplos.

Confinar a cultura supón mutilar ao ser humano, pois a cultura é a que nos fai persoas, e dar pasos atrás neste ámbito supón un retroceso brutal para calquera povo, e moito máis para unpovo como o noso que posúe unha cultura minorizada.

Na última semana do mes de agosto a Asociación Cultural Xironsa de Corvillón foi unha desas pingasque se enfrontaron ao auto-confinamento. Xironsa é unha asociación modesta que desde unha parroquia de Cambados traballa pola preservación e fomento da nosa cultura, especialmente da nosa música popular; e fronte á decisión adoptada por outras asociación e colectivos de suspender toda actividade ou reducila ás redes sociais, adoptaron a arriscada decisión de manter a celebración da
XXª edición do seu Festival “Xironsa punto e aparte...”

Sei que tiveron dúbidas e cando decidiron tirar para diante  houbo quen ollaron para eles con mala cara por mantelo;  pero como dicía o presidente de Xironsana presentación dunha das actividades a cultura non pode confinarse.

Seguro que houbo festivais que pola súa estrutura e profesionalización ao mellor foi imposíbel realizalos; pero valoro moi moito os tres días que nos agasallou Xironsa  ás persoas que asistimos ao seu festival;  moito máis modesto que en edicións anteriores, e anulando actividades que podían supor un risco como o seu tradicional xantar popular. O XX Festival de Xironsacelebrouse co traballo voluntario coma sempre, contando con todas as medidas de protección e seguridade sanitaria, efoi un éxito de público; superando os medos e demostrando que a xente apoia a quen traballa pola cultura e considera que en momentos como o actual hai que estar aínda máis con ela.

Xironsa podía ter decidido non organizar o seu festival este ano e anunciar que o vindeiro sería moito mellor, non recibiría críticas e moitos aplaudirían, pero deixaría un baleiro.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña