14:20 Luns, 26 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-09-2020

O día 11 do xullo pasado fixo un ano do falecemento en Santiago do compañeiro, camarada e vello amigo, Manuel Domínguez Rial, un loitador que levaba Galiza no corazón

Na lembranza do amigo Manuel Domínguez Rial

Valorar (9)

RAÚL RÍO DÍAZ


O día 11 do xullo pasado fixo un ano do falecemento en Santiago do compañeiro, camarada e vello amigo, Manuel Domínguez Rial, un loitador que levaba Galiza no corazón, pero obrigado pola necesidade, debido ao empobrecemento da nosa nación, sendo moi novo tivo que emigrar da súa querida terra, primeiro en Bilbao, onde colleu conciencia social e política, e sete anos mais tarde, coa súa inseparable compañeira Lola, fóronse para Suíza, á que chegaron sen papeis e na que el pasou 23 anos traballando de mecánico e a súa compañeira de cociñeira.

Son sabedor de que cando se fala dun amigo hai moita xente que pensa que se esaxera ao valorar as súas virtudes, pero dicir a verdade non é esaxerar, polo que podo afirmar sen medo a mentir ou equivocarme, que Manuel era un home bo e xeneroso deses que fala o noso himno, un gran loitador e unha gran persoa que conxeniaba con calquera. Firme e constante nas súas ideas, pero respectando sempre as dos demais, aínda que non as compartira; un gran conversador, con un falar pousado igual que os chairegos, que diría Manuel María.

Coñecino e empecei a tratalo aló polos anos 1977 ou 1978, cando aínda se atopaba na Suíza. Foi en Santiago, nas xuntanzas da emigración -primeiro da AN-PG, despois do BNG e tamén nas da UPG- polos Días da Patria, aproveitando as vacacións do verán que pasabamos na Galiza, cando el xa era o responsable da AN-PG no país alpino. Mais tarde, ao regresar definitivamente á terra, viña con asiduidade polos Vilares de Díaz Castro a visitar a un irmán da súa compañeira, que estaba casado con unha veciña desa parroquia dos trapeiros. Viña polas festas do San Vicente e da Pascua, como nesta do 2014 na que lle saquei as fotos que acompañan este artigo, pero tamén noutras ocasións. Si vía que me atopaba en Galiza, paraba na miña casa para facerme unha visita e falabamos un pouco dos problemas políticos e sociais que nos traían os tempos, dos avances e retrocesos; deses pasos adiante e outros atrás que dicía o poeta vilarego.

Cando estaba na Suíza o seu corazón e o seu pensamento estaban na Galiza. Cría nas potencialidades da nosa patria e dicía que non eran menos que as dun cantón suízo, afirmando que a riqueza que temos nas rías non a vira en ningures. Ao vir de Suíza contoume que tiña pensado facer unha piscifactoría para criar rodaballos, pero daquela dirixía a Xunta o “Gran Timonel”, que non estaba pola labor de deixarlle facer ese tipo de negocios si non era a unha multinacional na que logo puideran entrar os seus amigos pola porta xiratoria no consello de administración, como tamén lle sucedeu a Manuel Rico Dopico propietario de “Truchas del Jubia”, que tivo que pechar o negocio debido ao acoso do, naquel tempo, Presidente da Xunta.

De volta á patria, a mediados dos anos 90, establécese en Santiago e, despois de patear toda Galiza para buscar apoios, funda, con outros compañeiros, a Asociación de Emigrantes Retornados “Marusía” da que foi Presidente desde a súa fundación ata o seu falecemento. Ademais da asociación, fundaron tamén unha revista que levaba o mesmo nome, da que el era tamén coordinador, e que sempre me pasaba unhas cantas cando viña polos Vilares, para que repartira entre os compañeiros de Euskal Herria.

Tanto a Asociación como a revista creáronse co fin de procurar un lugar de encontro entre ese colectivo e loitar polos seus dereitos. Unha desas loitas que levaron a cabo foi oporse a decisión do goberno español de cobrarlles retroactivamente aos emigrantes polas pensións que recibían dos países aos que tiveron que emigrar. Entendía que non había porque declarar as pensións do  estranxeiro e non podía permitir que Montoro fixera caixa con eles mentres aplicaba a amnistía fiscal e o diñeiro da corrupción seguía agachado en Xenebra. Eles que non puxeron nada que non fora obrigarnos a marchar, debido as súas políticas económicas antigalegas, aínda querían sacar tallada, dicía.

Outra mobilización importante, que por iniciativa del levou a cabo esta Asociación, foi polos dereitos sanitarios plenos, ao ver como a fibriomialxia, recoñecida como enfermidade na Suíza, non se consideraba como tal no Estado Español, pero, ademais diso, seguiu a traballar dentro da UPG e do Bloque Nacionalista Galego, organización pola que se presentou de candidato a concelleiro do Axuntamento Santiago nas municipais do 2015 e, xa enfermo, aínda participou na campaña das municipais e europeas do 26 de maio do ano pasado.

As súas actividades abranguían todo tipo de asociacionismo e non deixou de lado o sindicalismo, axudando á CIG en calquera loita que se dera, nin a actividade cultural, colaborando incansablemente coa asociación cultural O Galo e coa Mesa pola Normalización Lingüística, sendo o primeiro corredor dun vídeo feito por esta organización.

Fóisenos un histórico militante nacionalista, pero deixou tamén miles e miles de amigos entre os que tivemos a sorte de tratar e coñecer a este home que loitou toda a súa vida polas causas mais xustas e mais nobres. Un dos imprescindibles, que dixo Bertolt Brecht na súa famosa poesía, un home que deixou un oco moi difícil de encher con outra persoa.

Aínda así, seguiremos coa súa loita, porque é a mellor homenaxe que lle podemos facer e o mellor xeito de telo sempre no recordo.



[18-09-2020 15:52] Xulio comentou:

Excelente persoa!

[18-09-2020 12:15] César comentou:

Preciosas verbas na memória do Manuel Domínguez.
Ben as merece !

Obrigados, Raúl !

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña