18:27 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-06-2010

A afiliación ten que saber que o sindicato nacionalista está para defender os intereses dos traballadores, mais tamén que o está a facer dunha maneira substancialmente diferente aos outros sindicatos

Conformismo e deriva sindical

Valorar (15)

LOIS SÁNCHEZ MEIZOSO



A presentación do Decreto de reforma laboral e a posterior aprobación nas Cortes da súa tramitación como proxecto de lei, veñen pór de manifesto a deriva económico-ideolóxica que o goberno do Estado nos quere impor. Diante desta nova tomadura de pelo, a reación dos individuos é, alén de compracente, inversamente proporcional ao que debería ser.

Neste mundo ao revés, a actuación sindical, dende logo apoiada pola manipulación dos medios de comunicación, é vista negativamente, até tal extremo que xa son bastantes as opinións que atribúen o descalabro das contas públicas e privadas, á actuación sindical. É interesante ollar como de forma subrepticia estas argumentacións son inseridas e asumidas de forma incontestábel pola sociedade.

Son os paladíns do liberalismo económico nacional e internacional os que de forma insidiosa e con relativa facilidade, fannos ollar cara outro lugar e buscar outro chivo expiatorio a quen lle botar as culpas. Certo é que a actuación sindical nestes tempos non foi todo o boa que sería desexábel mais, alguén que manexe con certo criterio as súas fontes de información (hemeroteca, internet e publicacións de diversa índole) podería agardar outra cousa do sindicalismo estatal? Dito o anterior, si sería mester que a sociedade comprendese que non todos os sindicatos son o mesmo. Cal é logo a fórmula secreta? Non existen receitas máxicas, só traballo de base coa afiliación. O sindicato debe configurarse, ademais do seu funcionamento asesor (que tamén) como correa de transmisión do seu corpus estatutario, isto é, de clase e nacionalista. Sobre destas verbas repousa a verdadeira diferenciación entre CC.OO, UXT, e un longo etcétera de sindicalismo ao servizo do aparello estatal, e a CIG, ao servizo da clase traballadora e baixo un prisma de defensa do traballador, o tecido produtivo e a cultura galegos. Isto revela como esencial o traballo dos delegados sindicais coa base de afiliados. Ao estaren en contacto directo, ponse en funcionamento un mecanismo multiplicador da nosa ideoloxía. O sindicalismo diferenciado que veño de expor, faría ben en aperturar a súa afiliación á sociedade e viceversa. De que maneira? Participando en actividades de tipo cultural e de ocio, así como cun fondo traballo de concienciación ideolóxica referido ao valor dun sindicato nacionalista. Deste xeito facilitarase unha visión non tópica do sindicalismo, así como unha maior presenza (cuantitativa e cualitativamente) da afiliación en todas as mobilizacións.

Unha das expresións que máis frecuentemente escoito de compañeiros afiliados a sindicatos estatais é que a súa afiliación se debe única e exclusivamente a unha cuestión de interese persoal, e punto. O que xa non me gusta tanto é escoitar a mesma afirmación de compañeiros afiliados á CIG. O sindicalismo e máis o nacionalismo deben moverse en parámetros colectivos e nunca de tipo individual, pois desta maneira, retroaliméntase o poder do capitalismo, agora sen "rostro humano", que de xeito tan doado é incorporado no discurso persoal. Non chega con manifestalo, dalgunha das maneiras expostas hai que levalo á práctica. A afiliación ten que saber que o sindicato nacionalista está para defender os intereses dos traballadores, mais tamén que o está a facer dunha maneira substancialmente diferente aos outros sindicatos. A afiliación ideoloxizada (e por certo que podería selo nun número moi elevado á vista das estatísticas de afiliación) permitiría afrontar retos políticos nos diferentes niveis da administración que doutro xeito antóxanse complicados (ás probas me remito); por iso, desprezar esa posibilidade, é algo que o nacionalismo non se pode permitir.

O afundimento dos sindicatos estatais non pode arrastrar con eles a un sindicato que durante moito tempo antes viña avisando de que isto se ía producir. O escorregamento cara un sindicalismo de tipo norteamericano: ermo, inútil e servil é precisamente o que os mercados internacionais (Amancio Ortega, Bill Gates, Warren Buffet,...), os seus instrumentos de doma e castración (FMI, BCE, BE,...) e os seus altofalantes mediáticos queren acadar.

O nacionalismo e o sindicalismo de clase e nacionalista teñen que traballar para que a afiliación valore, de forma obxectiva, as achegas que cada sindicato e cada partido fornecen na construción dun país económica, social e culturalmente independente. Non é nin sequera necesario recorrer á demagoxia, só se require confrontar á xente coas súas contradicións para facer patente cal é a realidade: reivindicacións relativas ás melloras no ferrocarril, autoestradas, mantemento e mellora dun sector financeiro propio e vencellado coas necesidades do país, levantamento do veto a Astano?, oportunidade de teres creado un grupo lácteo galego, sector pesqueiro e as reivindicacións en Bruxelas para o afortalamento do marisqueo e a flota de baixura, defensa da lingua e cultura galegas,... Todas, repito, todas e cada unha das anteriores cuestións figuran como propostas presentadas en exclusiva (ou asumidas a posteriori de maneira demagóxica por outros partidos e/ou sindicatos) polo sindicalismo e polo nacionalismo político galego, nas diferentes administracións. Aquelas que foron finalmente aprobadas e resultaron beneficiosas para o país, nunca figurarán como logros do nacionalismo e/ou do sindicalismo, posto que os medios de comunicación convertiranos en aportacións doutros; iso si, e como a crise pon de manifesto, as eivas do sistema capitalista e outras tropelías varias formarán, para sempre, parte da bagaxe que o sindicalismo-nacionalismo leva consigo.

Reverter esta situación, suporanos un esforzo extra nesa laboura de concienciación, posto que os nosos altofalantes non se atopan ao servizo do imperialismo.  


[29-06-2010 13:20] Lobo comentou:

Apunta o compañeiro varias eivas non sindicalismo en xeral, ca que concordo, agora ben tampouco miremos pra outro lado e votemos un ollada na "casa" e veremos que non todo e ouro o que reluce, ulo? o traballo politico cos afiliados na CIG, donde o seu traballo tamen cultural proxectado cara a sociedade? tamen non é de recibo o trato funcionarial de moitos "liberados" que xestionan a CIG como si foran a sua parcela, haberia moito que falar e mais detidamente do sindicalismo galego, pero por oxe abonda.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña