13:47 Luns, 26 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-09-2020

O resultado das eleccións ao Parlamento autonómico na Galiza, favoreceu un axuste lóxico na xeografía electoral do Pais

O novo bipartidismo galego

Valorar (14)

FRANCISCO GRAÑA


O resultado das eleccións ao Parlamento autonómico na Galiza, favoreceu un axuste lóxico na xeografía electoral do Pais, máis en concordancia coa súa posición dependente, grazas ao bo facer da organización e as candidaturas do BNG.

As pugnas esquerda dereita e a súa plasmación no mapa electoral galego, son disputas no españolismo dirixido desde Madrid polo Capital español e non responden a realidade social galega. Con certeza non reflicten a contradición entre españolismo e nacionalismo galego, a versión galega da contradición principal no conflito mundial, entre imperialismo capitalista e pobos oprimidos, que aquí xa fai tempo que chegou aos seus limites soportábeis.

Agora na Galiza, as e os nacionalistas podemos ter a seguridade de transitar pola vía máis axeitada cara a emancipación da noso País despois de moitas voltas e revoltas, non nos principios, pero si nas políticas de alianzas sen ataduras nin dependencias, pois coñecemos como esquivar con sabedoría as trancas que nos poñen no camiño os que traballan arreo pola subordinación do Pais, usando mil escusas supostamente benfeitoras para o pobo galego, mais no fondo para servir os seos intereses elitistas.

Sería inxénuo pensar que despois do gran éxito nestas eleccións autonómicas acompañadas co COVD-19, no nacionalismo galego e en particular no BNG, xa non imos recibir máis agresións desde o españolismo madrileño e os seus servidores autóctonos, e xa podemos estar tranquilos. Nada máis falso. O Estado e a élite capitalista española non están dispostos a perder nen un anaco da riqueza que recibe sen intercambio de Galiza, pola nosa dependencia. O piñeirismo nas súas distintas versións, ainda que ferido está aí.

E fora do BNG?.

A diversidade e as diferencias ideolóxicas e políticas existentes en nos como galegas e galegos non deben ser un obstáculo para para traballar pola necesaria cohesión do pobo galego, tampouco que sexan descoñecidas todo o contrario. Mais co debate democrático debemos contravir para que este pluralismo non sexa enviciado coa manipulación mediante propostas ultra-democráticas dentro e fora do BNG, que se poñen por enriba do noso sentimento patriótico, contribuíndo desta maneira a debilitar a forza necesaria para poder unir, transformar e liberar o Pais, pois como en todo o mundo a inmensa maioria das e dos galegos non somos apátridas. 

En moitas ocasións, a predisposición a desprezar o propio esta presente nas posicións ultra – críticas, dando por feito a incapacidade e inferioridade do pobo galego, ao valorar dun xeito irreflexivo seguindo as pautas da propaganda españolista as experiencias, ocorrencias e modas que acontecen fora da Galiza, como superiores as galegas, contribuíndo así a unha modernización colonizadora do Pais . Aquí temos que dar unha gran batalla, sen caer en ningún chauvinismo esteril, que sempre será alleo ao pobo galego, xa que a loita de liberación galega é en esencia solidaria e internacionalista, e nunca imperialista.

Con todos os matices que se queiran e sen esquecer a problemática que conleva, o obxectivo dun Goberno nacionalista galego, non e outro ca emancipación do Pais. Mais, para acadar este obxectivo irrenunciábel é necesario gañar a vontade positiva da maioría do pobo galego xunto coa desactivación da belixerancia doutra contraria significativa, ou coma menos a súa neutralidade pasiva.

Con maior ou menor arraigo o patriotismo galego está presente en todas e todos os galegos e ten moita capacidade para inzar e espallarse se se dan as condicións apropiadas. O éxito ou fracaso neste obxectivo vai depender da apertura e capacidade do nacionalismo galego para apelar e achegarse a poboación galega para cultivalo, sen sectarismos nin xuizos negativos preconcibidos.

O nacionalismo galego é moi sinxelo, a diferencia do resto doutras ideoloxias cheas de complexidade, e baséase en moi poucos principios, polo tanto non é nada difícil de comprender. A Autoorganización e Soberania galegas para que o pobo galego poida exercer o dereito a Autodeterminación e decidir sobre si en todo intre, é alcanzábel a todas e todos os galegos, sen distinción. Son fáciles de entender por todas e todos . A única excepción son os que forman unha ínfima minoría que é transversal a todos os ámbitos políticos e socioeconómicos en grado diverso, pero que teñen unha gran influencia no noso Pais. Son os imbéciles e escuros, dos cales librémonos, pois eses non nos entenden non. Endexamáis.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña