13:06 Luns, 26 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-08-2020

Desde o golpe de estado en Ucraína en 2014, Bielorrusia é o único estado europeo que ten fronteiras con Rusia e non é aliado dos EUA

Bielorrusia, non é cuestión de democracia

Valorar (13)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Pouco coñecemos dun estado europeo chamado Bielorrusia que conta con aproximadamente 9,5 millóns de habitantes, e até hai un par de meses case ninguén sabía que o seu presidente, un tal Alexandr Lukashenko, era o “último ditador de Europa”, sendo bautizado así polo presidente norteamericano George W. Bush en 2005. Pero nas últimas semanas e sobre todo con posterioridade ás eleccións do pasado 9 de agosto son multitude as informacións que nos chegan da loita do povo bielorruso pola democracia e as liberdades, palabras que acotío collen como bandeira quen planifican operacións de desestabilización política e social, que normalmente teñen como obxectivo eliminar gobernos non favorábeis aos intereses xeo-estratéxicos do imperialismo norteamericano.

Non vou tratar cuestións de sobra divulgadas nestes días como os anos que leva Lukashenko no goberno, o resultado das eleccións, a crise económica ou a actitude inicial ao respecto da covid; farei referencia a outros datos menos divulgados e que poden ser de interese para termos unha composición de lugar e poder tirar conclusións sobre o que acontece en Bielorrusia.

Bielorrusia ten fronteiras con Polonia, Ucraína, Letonia, Lituania e Rusia; sendo desde a súa independencia en 1991 aliado de Rusia, estado co que mantén unha relación preferente con importantes vantaxes económicas. Ademais desde o golpe de estado en Ucraína en 2014, Bielorrusia é o único estado europeo que ten fronteiras con Rusia e non é aliado dos EUA.

Coa desaparición da Unión Soviética, Bielorrusia foi o único dos estados resultantes que mantivo un control estatal da maioría da economía e da industria, impedindo isto a aparición de oligarquías que se apoderaran das riquezas e sectores económicos privatizados, e garantindo así que perduraran moitos dos beneficios sociais existentes antes de 1991, sendo hoxe un dos estados ex-soviéticos que ten menores desigualdades sociais.

Por Bielorrusia discorren o ramal principal do oleoduto Druzhba e o gasoduto Yamal-Europa que transportan petróleo e gas ruso aos estados da Unión Europea sen ter que pasar por territorio ucraíno.

Bielorrusia ten desde hai uns anos relacións comerciais con China, concedéndolle o Banco Chino de Desenvolvemento importantes e vantaxosos créditos, está en proceso de construción un importante parque industrial vinculado á produción tecnolóxica, sendo ademais lugar de paso fundamental do ramal da ruta da seda que pasando por Rusia entra en Europa occidental polo norte.

Hai precedentes de operacións organizadas por axencias de intelixencia norteamericanas co obxectivo de mudar o goberno bielorruso. En 2006 produciuse unha revolución de cores semellante ás que triunfaron nesa mesma época en Ucraína, Xeorxia ou Kirguistán, a alcumada como Revolución Branca, que fracasou. E en 2011 houbo outra operación tamén falida. Paralelamente a esas operacións téñense producido diversos episodios de tensión coa UE debido á aplicación de sancións económicas por parte desta.

Nos últimos tempos houbo algúns roces entre Lukashenko e Putin, o que levou ao primeiro a buscar outros fornecedores de petróleo e unha diversificación das súas relacións comerciais para non ser tan dependente de Rusia. Isto fixo que o secretario de estado dos EUA Mike Pompeo a visitar Minsk no pasado mes de febreiro ofrecéndolle ao presidente Lukashenko, ao que deixaron de chamar ditador durante un tempo, todo o petróleo que precisara en condicións moi favorábeis. A atraínte proposta norteamericana finalmente non foi aceptada polo presidente bielorruso, pero os EUA nomearon embaixadora en Minsk, posto vacante había 12 anos.

Desde hai xa un tempo a USAID e a NED (coñecidas como brazos non armados da CIA) dedican importantes cantidades de recursos a financiar proxectos nese país, e grande parte das informacións que estamos recibindo nas últimas semanas sobre o que alí acontece fan referencia a Radio Europa Libre, emisora financiada polos EUA creada en 1950 en plena guerra fría e que emite para os países do leste de Europa, Asia Central e Oriente Medio.

Podería engadir aínda máis datos pero penso que con estes cada persoa pode facer a súa composición de lugar tirando conclusións propias e fuxindo dese discurso tan infantilizante de que o que está en xogo son a democracia e as liberdades.

A miña conclusión é que estamos diante dunha nova operación para mudar de xeito forzado o goberno nun estado que neste momento ten unha grande importancia xeopolítica, un cambio de goberno que se tentou xa noutros momentos pero sen éxito. De pasar Bielorrusia a ter un goberno pro-occidental Rusia perdería o seu último aliado e calquera capacidade de control do transporte do gas e petróleo que vende á UE unha vez sae das súas fronteiras. E o proxecto chino da Franxa e a Ruta da Seda na súa vía terrestre podería verse afectado no último estado polo que pasaría antes de entrar na Unión Europea.

Quedémonos con un nome, Revolución das pantuflas.




[30-08-2020 10:44] troliño non galego comentou:

En primeiro lugar, desculpádeme polo meu galego, eu non son galego e sei que non é o mellor.
Na miña opinión, o problema que teñen os movementos autodenominados de esquerdas é a súa fascinación por réximes totalitarios... de esquerdas e mais co islam. Por circunstancias persoais coñezo un pequeno grupo de bielorrusos e crédeme, ningún de nós, nin siquera o que escribiu este artigo, quereriamos vivir nun país así. O Lukashenko é un tirano de manual, se és da súa corda ou se adoptas un perfil baixo, probablemente podas ter unha existencia mais o menos tranquila; senón simplemente vas desaparecer ou ter de emigrar. Como di unha señora de Bielorrusia que coñezo ben: os meus bos amigos da KGB, que boa xente, en Bielorrusia sí que hai disciplina e respecto.
O caso de Venezuela é ainda peor. Millóns de persoas teñen fuxido (pero, obviamente, a esquerda non lles va facer pancartas dicindo benvindos refuxiados), a xente xuicídase por falta de medicamentos o prostitúese para os obter. Ningunha persoa con sentidiño quereria vivir en países así, a non ser que sexas un amigo do tirano (e non caias en desgraza, que entón vas desaparecer igualmente). É como cando habia o muro en Berlín. O muro non foi construido para a xente non inmigrar en masa a Berlín e desfrutar das bondades do réxime socialista, senon porque, sen muro, a parte non comunista de Berlín simplemente tería fuxido e a cidade teríase quedado sen habitantes.
Se de verdade os galeguistas queredes ser hexemónicos, na miña humilde opinión, cómpre fuxir do cheguevarismo; senón, ides ter Feixoo por moitos anos. Teño visitado ducias de países e, con todos os seus infinitos defectos, a nosa sociedade occidental e mais a súa xente son hoxe en día o menos mao que hai e a xente de todos os países que admirades, se poidese, mataría case literalmente por vivir coma nós.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña