15:40 Xoves, 23 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-08-2020

Sorprenderon na praza da Lavandeira de Imo -chea de xente- as palabras dos nosos veciños Alex, Lita e sobre todo a do seu irmán Manolo actuando como de condutor dos feitos

Pepe de Loureiro trouxo a Imo a Moncho Reboiras

Valorar (8)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN



Cando se cumpren 45 anos do asasinato no Ferrol de Reboiras puidemos ver no seu concello natal a pre estrea dun relato cinematográfico imprescindible nestes tempos.

Ata o de aquí son moitas as páxinas escritas sobre o papel da loita galega clandestina. Se cadra con escasa presenza nos libros de texto reservados, claro está, para as fazañas dos grandes imperios, colonialismo,... o xerme do neoliberalismo actual. Sabíao ben Reboiras que Galiza necesitaba organizarse para ser unha nación libre para poder vivir dela e para ela como noutra época.

Centos de micro financiadoras contribuíron como a Fundación Terra e Tempo produtora, xunto coa Deputación da Coruña ao exitoso proxecto dirixido por Alberte Mera e cunha escollida ficción á que se lle engaden as entrevistas feitas ao redor dun indiscutible líder nacionalista galego, dos primeiros anos 70 como testemuñan os seus camaradas. Cada unha coa súa historia, debuxan no guión do director unhas vivencias que somerxen a un espectador profano no ambiente descoñecido do franquismo que morre matando.

Sorprenderon na praza da Lavandeira de Imo -chea de xente- as palabras dos nosos veciños Alex, Lita e sobre todo a do seu irmán Manolo actuando como de condutor dos feitos parellos ao dunha persoa, tamén con familia, á que ten que renunciar para protexela da perpetua noite de pedra.

Corenta e cinco anos despois das homenaxes no Ferrol e ás do cemiterio de Imo pola UPG , e desde os 70 como se ve no documental, achéganse outras máis tarde como a CIG , a Fundación Moncho Reboiras, o BNG de Dodro, o MGS , Agora Galiza,... Familia, nacionalistas, e curiosos non nacionalistas acompañan ás distintas comitivas... e pouca veciñanza. Mesmo despois do intenso e frutífero traballo de Francisco Rodríguez , deputado polo BNG na época do goberno Zapatero en 2009, cunha lei da Memoria Histórica insuficiente, que consegue o recoñecemento de vítima do franquismo é borrado un mural coa imaxe do mozo ao lado do cemiterio da súa aldea natal.

Sen embargo a pre estrea de Reboiras. Acción e corazón, organizada polo Concello de Dodro, supuxo un paso máis e a oportunidade esperada para dalo a coñecer desde a institución municipal.

Moitos dos que o coñeceron morreron xa. Pero quedan persoas da súa quinta, fillos e netos cunha idea transmitida desde uns ideais antidemocráticos que se instalaron no imaxinario colectivo da comarca.

Ducias e ducias de veciños acudiron expectantes aos pés dos hórreos da Lavandeira descubrindo, a través da gran pantalla, ao fillo de Generosa e de José tal e como uns recordaban e outros, sorprendéronse do que había detrás daquel disfrace que en cada aniversario rexurdía polo país.

Esperemos que esa agardada normalidade se instale da man de Pepe de Loureiro e que os centos de espectadores continúen o legado de reclamar a liberdade para o pobo de Moncho Reboiras.






Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña