21:41 Sabado, 19 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-08-2020

Aurelia Cruz Golpe (ou Mori) presentará a súa solicitude de iniciación en marzo de 1892. Sería iniciada o 29-8-1892 na Cámara de Adopción da loxa. Adoptaría o nome simbólico de Constancia

Aurelia Cruz Mori, unha masona ferrolá

Valorar (5)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ



Aurelia Cruz Mori nace o 12-9-1861 en Ferrol, filla natural de Emilio Cruz, empregado, natural de Ferrol, e Manuela Mora (sic por Mori), tamén natural de Ferrol. Foron os seus avós paternos Manuel, de Recemel, Ferrol, e Juana Azcona, de Santander; e os maternos José, de Betanzos, e Bernarda Basanta (sic por Pasán), de Ferrol. Bautizouse o día 13 en San Xulián. (Na partida pon, cremos que por erro, Amelia). [Os datos de Padróns, etc., tomámolos de procuras na web www.familysearch.org].

Un ano despois do seu nacemento, o 4-10-1862, casaron en San Xulián de Ferrol Emilio Cruz, natural de Ferrol, de 20 anos de idade, solteiro, non figura profesión, con Manuela Moris (sic. por Mori), de Ferrol, de 18 anos, solteira. Os pais del eran Manuel, de Ferrol, defunto, e Juana Azcona, de Santander, e os dela José, de Betanzos, e Bernarda Pasán [Guerrero], de Ferrol.

Ademais de Aurelia, o matrimonio tivo os seguintes fillos, todos nacidos en Ferrol: María (naceu o 12-9-1863 en Cárcel Vieja, nº 5; faleceu o 5-12-1865), Ricardo Bernardo (nace o 28-7-1865 en Cárcel Vieja, nº 7, e morre o 16-10-1866), José Manuel (nace o 16-4-1867 na rúa María, nº 48), Alfredo Andrés (nace o 8-5-1869 na rúa Magdalena, nº 136, e falece o 24-8-1869 na rúa María, nº 98), Josefa Manuela (naceu ca. 1868) e outra María (nacida ca. 1871). Nestes datos vemos os domicilios nos que residía a familia.

Respecto dos proxenitores de Aurelia, o nome completo do pai era Pelayo Emilio Cruz Azcona. Nacera en Ferrol o 26-6-1842 na rúa de San Eugenio, sen número, baixo, fillo de Manuel Cruz, de Santa María de Saavedra (Begonte, Lugo), e Juana Azcona, de Vega de Pas (Santander). Os avós paternos eran Pedro Cruz, de Santa María de Saavedra (Begonte), taberneiro, e María Fernández, do mesmo lugar; e os maternos Santiago Azcona, de Vega de Pas (Santander), e Josefa Cobo, do mesmo lugar. Irmáns seus foron Ramón, Manuel Francisco e Ramona. Pouco sabemos da nai, que acabaría separada do seu home. No Padrón de Ferrol de 1877, na rúa Vera, nº 10, toda, con outras persoas, vive Manuela Mori Pasán, casada, costureira. Uns anos despois, no Padrón de 1884, Manuela figura tamén como casada e costureira, e vive en Sol nº 34. Por último, no Rexistro de enterramentos no cemiterio de Ferrol figura que Manuela More Pasán foi inhumada o 30-6-1888; vivía en Sol, nº 82 e, en observacións, pon: "Pobre".

Nun Padrón de 1886-1887 xa vemos que Aurelia casara: na rúa Espartero, nº 24, habitan Rosendo Escrigas Marcos, de 27 anos, natural da cidade de Barcelona, 3º condestable, gaña 540 pesetas anuais, está destinado no Arsenal e paga 120 pesetas anuais de aluguer da casa. Vive con el a súa esposa Aurelia Cruz Mori. Mais podemos precisar que xa estaba casada en maio de 1886: nunha suscrición para restaurar a imaxe de Nosa Señora do Socorro aparece Aurelia Cruz de Escrigas, contribuíndo cunha peseta. (El Correo Gallego -en adiante, ECG-, Ferrol, 11-5-1886, p. 2). Ese mesmo ano, o 19 de xullo, nace o seu fillo Fausto Escrigas Cruz. (ECG, 20-7-1886, p. 2).

Quen era o seu marido? A primeira noticia que encontramos de Rosendo é de agosto de 1879, cando foi pasaportado para Ferrol, polo Comandante Xeral da Escuada de Instrución; era 3º condestable. (ECG, 8-8-1879, p. 2). En febreiro de 1880 foino para Cartagexa, con destino á Escuadra de Torpedos. (ECG, 22-2-1880, p. 2). En xuño de 1881, por resolución do Ministerio de Mariña, é destinado a Cartaxena para embarcar no bote porta-torpedos nº 2. (ECG, 18-6-1881, p. 2). En xullo de 1885 expedíuselle pasaporte para facer uso de dous meses de licencia en Barcelona. (ECG, 7-7-1885, p. 2). En febreiro de 1886 concedéuselle a continuación no servizo. (ECG, 23-2-1886, p. 2). E a finais de 1886, permutou destino con outro 3º condestable. (ECG, 1-12-1886, p. 2).

En 1887, na rúa Espartero, nº 24, viven Aurelia Cruz Mori, casada, cabeza de familia, le e escribe; o seu fillo Fausto e a súa irmá Josefa Manuela Cruz Mori, solteira, le e escribe (que emigrará a Montevideo no ano seguinte). Neste mesmo Padrón, na rúa Iglesia (nun cuartel), figura Rosendo Escrigas Marcos, de 30 anos, casado, condestable, le e escribe, natural de Barcelona (Barcelona), residente, leva 2 anos e 7 meses en Ferrol. E na rúa San Juan, nº 22, habitan o pai de Aurelia, Emilio, le e escribe, oficial de ferreiro, está "separado de su esposa", e a súa filla María, de 16 anos, solteira, le e escribe, costureira.

En xaneiro de 1888 embarcou no cruceiro "Isla de Cuba" o 3º condestable Francisco Lanza, quedando sen efecto o embarque de José Rosendo Escrigas Marcos. (ECG, 17-1-1888, p. 2).

En 1889 a familia segue en Espartero, nº 24, 1º. Rosendo figura como nacido en 1858, de 30 anos de idade, 3º condestable. Con el habitan a súa esposa Aurelia e o seu fillo Fausto.

No mes de outubro deste ano 1889 foi ascendido a 2º condestable da Armada. (ECG, 30-10-1889, p. 2, e 24-11-1889, p. 3). En abril de 1890, foi asignado como escribinte á Comandancia de Marina da provincia. (ECG, 15-4-1890, p. 2).

Respecto da francmasonería, en 1889 Rosendo, simbólico Zorrilla, grao 3º, fixo parte da loxa "Voltaire nº 45" de Ferrol, inicialmente auspiciada pola "Gran Logia Simbólica Independiente Española" e logo traballando de maneira independente. Pediu a prancha de quite o 1-2-1890 e, convidado por Severino Barros Viqueira, que o animou, foi un dos fundadores da "Francisco Arouet de Voltaire nº 118", do Gran Oriente Español (GOE). Sufrirá a acometida do Venerable Mestre da loxa, José Rojido Nimo, nun triste e lamentable episodio acontecido na tenida celebrada o 22-9-1893, que será o inicio do declive e desaparición da mesma. Nesta loxa Rosendo foi 1º Experto (1891), 2º Vixilante (1892 e 1893) e 1º Vixilante (1892). Chegaría a acadar o grao 9º. (Alberto Valín Fernández: Galicia y la masonería en el siglo XIX, Sada, 1990, páxs. 236, 239, 240, 265 e ss, 271).

Pola súa parte Aurelia Cruz Golpe (ou Mori) presentará, na mesma loxa, a súa solicitude de iniciación en marzo de 1892, con outras profanas. Sería iniciada o 29-8-1892 na Cámara de Adopción da loxa, xunto con Emilia Cárceles Zambrano, Rosario Robles Golpe (ou Mori, curmá dela), Carolina Barros Patiño e Ana Maresco López. Adoptaría o nome simbólico de Constancia e chegaría ao grao 2º. (Valín Fernández, 1990: 260, 270, 589).
Nestes anos, en varias suscricións, encontramos noticias de Aurelia e do seu fillo: para mercar un manto bordado para Nosa Señora do Socorro: Aurelia Cruz, 1 pta. (ECG, 15-10-1890, p. 3); en favor dos operarios de José Cubeiro: Fausto Escrigas, 1 pta. (ECG, 26-2-1893, p. 2; Suscrición popular polas necesidades da guerra: Aurelia Cruz de Escrigas, 5; Fausto Escrigas Cruz, 1. (ECG, 10-11-1893, p. 2).

En xaneiro de 1894 concedéuselle a Rosendo continuar un ano máis na fragata "Asturias". (ECG, 19-1-1894, p. 2). Desembarcaría da mesma a mediados de outubro. (ECG, 25-10-1894, p. 2). Uns meses despois, en abril de 1895, figura na dotación do cruceiro "Teresa". (ECG, 2-4-1895, p. 1). En agosto deste ano, dispúxose que continuase no Departamento, por deber pasar a Cuba. (ECG, 25-8-1895, p. 2). Aproveitando esta situación, solicitou licencia entre revistas; ao tempo, con outros militares, tiña que estar listo para marchar a Inglaterra, ao primeiro aviso, con obxecto de embarcar nos cañoneiros que alí se construían. (ECG, 31-8-1895, p. 1).

Nacida o ano anterior, en abril de 1896 sufrirán a perda da súa filla Aurelia; foi soterrada no cemiterio de Ferrol o 24-4-1896. Tiña 11 meses e vivía en Socorro, nº 19. (ECG, 25-4-1896, p. 3).

No curso 1895-1896 comezará o seu fillo Fausto os estudos de 2ª Ensinanza.

Na Matrícula xeral da Contribución Industrial para o ano económico 1895-1896, Aurelia Cruz aparece coa Tarifa 1ª Clase 9ª: Vive na rúa San Francisco, nº 55, a ocupación é "Vendedora de tejidos ordinarios" e paga trimestralmente 44,88 pesetas.

Nun artigo publicado por un dos seus descendentes, coñecemos algús emotivos materiais familiares do ano 1896: unha carta enviada por Rosendo, embarcado no cruceiro "Reina Mercedes", ao seu fillo Fausto, datada a bordo do barco, "en la mar,"o 16-7-1896, e na que o felicita pola súa onomástica e polas notas do Instituto; unha fotografía de Rosendo, dedicada "A mi querida esposa Aurelia", datada na Habana o 19-9-1896, así como unha moeda, un "Denario", pertencente a Rosendo, "que se encontraba en una cinturilla falsa alrededor de su cinturón cuando fue herido en Santiago de Cuba. Acababan de pagarle en oro los salarios que se le debían". Cando se repatriaron os seus enseres persoais trala guerra, encontrouse un grupo de moedas, que conserva a familia. (Juan Escrigas Rodríguez: Fotografías con historia. El crucero Reina Mercedes en la estación naval de Neweport": http://www.armada.mde.es/archivo/rgm/2018/04/rgm042018cap06.pdf).

Mentres o seu home anda embarcado, temos máis noticias das actividades profesionais dela: o 2 e 3 de abril de 1898, no escaparate do comercio "Villa de París", estaría exposta unha colección de corsés da "acreditada corsetera" Aurelia Cruz. (ECG, 2-4-1898, p. 2).

Destinado en Cuba, alí colleu a Rosendo a guerra hispano-norteamericana. Algunha fonte indica que, na batalla naval de Santiago de Cuba, que tivo lugar o 3-7-1898, á saída da baía de Santiago de Cuba, mandando a flota española o almirante Cervera, "el valeroso Segundo Condestable Don Rosendo Escrigas, después de cumplir como bueno en el “Mercedes” y la Socapa, gravemente herido en las trincheras, es conducido al hospital donde falleció a los dos días". (https://www.artillerianaval.es/combates-de-cavite-y-santiago-de-cuba/). Mais meses despois, vemos na prensa a súa esquela, na que se di que morreu en Santiago de Cuba o 14-8-1898. Celebraríanse misas na igrexa de Nosa Señora do Socorro. (ECG, 13-10-1898, p. 3). Cremos que esta última data debe ser a verdadeira, xa que, como indicou o seu bisneto Juan Escrigas, morreu como consecuencia das feridas recibidas nas trincheiras durante a defensa da cidade. (https://blogcatedranaval.com/tag/academicos/ ).

O seu comportamento nesa batalla será recollido en varios artigos baixo o título de "Héroes y mártires". (ECG, 27-12-1898, p. 1; El Mundo Naval ilustrado, Madrid, 1-6-1899, p. 10; nesta última publicación aparece unha foto coa orla dos condestables mortos en Cavite e Santiago de Cuba, entre eles a de Rosendo).

Logo da morte do home, quedoulle a Aurelia unha pensión anual de 547,50 pesetas. (Gaceta de Madrid, Madrid, 9-9-1899, p. 925; La Voz de Galicia, A Coruña, 30-9-1899, p. 2).

En marzo de 1900 concedéuselle (a el e a moitos máis) a Cruz de 1ª do Mérito Militar con distintivo vermello polo seu comportamento na defensa de Santiago de Cuba. (Boletín Oficial del Ministerio de Marina, ano I, nº 32, Madrid, 17-3-1900, páxs. 278-279).

Mais a vida segue. E, de novo, encontramos outra información da actividade profesional de Aurelia: nun anuncio publicitario, lemos: "La corsetera doña Aurelia Cruz, participa á su numerosa clientela el traslado de domicilio para la (plaza de Amboage) María, nº 162, al lado del Hospicio". (ECG, 2-10-1899, p. 3). Ao ano seguinte, vemos outra: "El corsé confeccionado para S. M. La Reina, por la acreditada corsetera Dª Aurelia Cruz, no fué rechazado por la Regente, como dice un colega coruñés, puesto que no llegó á entregárselo, en vista de que se habían anticipado las corseteras de la Coruña á entregar los confeccionados por ellas". (ECG, 7-9-1900, p. 3). Que debía ter prestixio profesional demóstrao un anuncio de bastantes anos despois, no que a corseteira Dolores Fraga Díaz menciona que era "Antigua oficiala de Aurelia Cruz". (ECG, 9-4-1916, p. 3).

No Padrón deste ano 1900, Aurelia e o seu fillo Fausto viven na rúa Frutos Saavedra, nº 162. E precisamente preocupada polo futuro do fillo, solicitará para el unha praza na Escola Naval:

Excmo. Sr: Como resultado de la instancia promovida por D.ª Aurelia Cruz Mori, viuda del segundo condestable de la Armada D. Rosendo Escrigas, en solicitud de que se le conceda á su hijo Fausto plaza de gracia en la Escuela naval; S. M el Rey (q D. g) y en su nombre la Reina Regente del Reino, de acuerdo con lo informado por la Subsecretaría é Intendencia general de este Ministerio, ha tenido á bien disponer se conceda á el huérfano de referencia plaza de gracia con examen de suficiencia en las Escuelas de Marina, por estar comprendido en lo que preceptua el párrafo cuarto, artículo séptimo, título once del vigente reglamento de la Escuela naval. De Real orden comunicada por el Sr. Ministro de Marina, lo digo á V. E. para su conocimiento y efectos.—Dios guarde á V. E muchos años Madrid 11 de Enero de 1901. El Subsecretario José M. Pilón. (Boletín Oficial del Ministerio de la Marina, ano II, nº 9, Madrid, 19-1-1901).

Os exames de ingreso na Escola Naval realizaríanse no verán de 1903; no listado, figura Fausto Escrigas Cruz. (ECG, 16-6-1903, p. 1).

A súa irmá Josefa, que regresara de Montevideo, onde casara con Ignacio Fontanilla, volverá marchar no verán de 1902, acompañada das súas fillas María e Esther de dunha sobriña, Mercedes Fontanilla. Ela estaba residindo na rúa María nº 164.

Transcorren os anos. Co fillo na Armada, Aurelia inscribiuse a finais de 1907 como socia da Asociación Benéfica Concepción Arenal. (ECG, 6-12-1907, p. 1). Nos anos seguintes, vémola colaborar coa tómbola a prol do Asilo da Asociación: "Un estuche con avíos de labor y un muñeco de cuerda" (ECG, 24-12-1912, p. 1); "un servicio de cristal y níquel para fresas" (ECG, 6-2-1914, p. 1); un centro de porcelana (ECG, 11-10-1915, p. 1); un "verdau" ela, e "un estuche con cuchillos de plata" o seu fillo Fausto e a súa esposa (ECG, 17-10-1916, p. 2); "un juego de porcelana para centro de mesa" (ECG, 17-1-1918, p. 2).

Chegamos ao mes de xullo de 1916. Nunha noticia lemos que "por la madre del novio, la señora viuda de Escrigas, ha sido pedida la mano de la bella y distinguida señorita ovetense Flora Estrada y Acebal, hija del difunto catedrático del mismo apellido, para el ilustrado alférez de navío D. Fausto Escrigas Cruz". A voda celebraríase cando o noivo regresase da súa viaxe na "Nautilus". (ECG, 21-7-1916, p. 1). A familia da noiva [chamada tamén Florentina] era profundamente tradicionalista e carlista.

Aurelia (que aínda chegará a coñecer ao primeiro dos seus netos, Guillermo, mais non ao segundo, Fausto) falecerá no seu domicilio na rúa Espartero, nº 21, o 9-3-1920, enterrándose o día seguinte no cemiterio de Ferrol. (ECG, 10-3-1920, p. 2).






Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña