15:43 Xoves, 23 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-08-2020

Unha boa amiga miña, referíndose á nosa lingua, adoita dicir que non se pode xogar coas cousas de comer

As cousas de sermos

Valorar (15)

MARICA CAMPO



Unha boa amiga miña, referíndose á nosa lingua, adoita dicir que non se pode xogar coas cousas de comer. Fica claro para quen sabemos que niso nos vai a existencia coma pobo, do mesmo xeito que nas cousas de comer nos vai a vida. Porén, os detractores e detractoras do Galego, por aquilo de que “pensa o ladrón que todos son da súa condición”, coidan que o que nos move é o proveito económico, que comemos diso. Igualiño que a que fora presidenta da Comunidade de Madrid e alcaldesa daquela capital, cando ela, precisamente ela, falaba de mamandurrias.

Seralles máis difícil tirar conclusións retortas se reconvertemos o aserto para dicir que non se pode xogar coas cousas de sermos. Aquí non temos a dúbida de Hamlet, to be or not to be, aínda que poderiamos formulalo así desde a certeza de que, na lingua de noso, recae o propio ser ou non ser.

É por iso polo que a aprendizaxe dun idioma que precisa ser rescatado de entre as cousas arrombadas non pode ser neutral como a adquisición dunha lingua estranxeira. Ten de arrincar dun decidido compromiso de reposición e restauración cualitativa. Non serve, a estas alturas, falar de lingua mamada nin, moito menos, empregala mal para non afastala do pobo que a creou e transmitiu. A maior parte das persoas que procuran pasárllela ás xeracións novas, non a recibiron do ámbito familiar, ou porque non estaba presente, ou porque llela furtaron como algo inservíbel. Daquela, resumindo, a resurrección só pode chegar pola vía política e social.

Certo que se pode constatar a naturalidade, en todo caso desexábel, con que algúns e algunhas se expresan en galego. Secasí, tamén se pode constatar o descoido con que se fala. E non me refiro a quen viviu e vive a esquizofrenia da diglosia porque non sabe máis. Refírome a nós, as persoas que o falamos conscientemente e non consideramos precisa, xa que non a excelencia, polo menos a corrección do seu uso.

Di a sociolingüista María Pilar García Negro que todas e todos somos neofalantes. Sexa cal for o punto de partida, iso é evidente. Tivemos que aprender e precisamos seguir aprendendo. Teño na memoria o curso 1979-80, cando no colexio de San Cibrao, en Cervo, o compañeiro Carlos Devesa e mais quen isto escribe impartiamos, con carácter voluntario pola nosa parte, aulas de galego. Non tiñamos libros de texto e, daquela, tampouco había moitas lecturas axeitadas para o alumnado de EXB. Memorias dun neno labrego, por exemplo, ficaba ben lonxe da fala mariñá, e as experiencias de Balbino pouco se semellaban ás dos fillos dos mariñeiros ou a rapazada vida de Asturias por mor de Alúmina-Aluminio. Mais usámolo entre outros dos clásicos e valeunos de moito.

O entusiasmo era tanto que mesmo había que consolar a alumnos que declaraban querer seren galegos de nacemento. Boa ocasión, por certo, para lles explicar que esa non era a cuestión. Adoitaban estar entre os mellores. En todo caso, proba de que os prexuízos non operaban neles.
 
Após máis de corenta anos, agora con outros medios e especialistas, non se perciben moitos sinais alentadores. O empobrecemento nas competencias non atinxe moito menos ao español, mais o emprego evidencia de que lado se inclina a balanza. Mesmo no ámbito da creación literaria, o mal uso da nosa lingua clama ao ceo en moitos casos.

Un pouco máis e a política lingüística de Feijóo (léase Feixó) conseguirá o seu obxectivo que, aínda que non se atreva a formulalo así, non é outra que relegar o galego ao faiado, coas cousas inservíbeis. Outrora, talvez lle concedesen un certo carácter ornamental. Agora, nin iso. Véxase e compárese o orzamento para o apoio ao Galego que recibirán os concellos. Ben se sabe: se aínda fose a metade de importante que o fútbol.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña