13:20 Martes, 27 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-08-2020

Este é o progreso que, no período dos trinta e cinco últimos anos, experimentou o emprego da nosa lingua na Administración de Xustiza

De 0 ao 2,6 %

Valorar (9)

EDUARDO ÁLVAREZ


A mediados deste pasado mes de xullo, a Irmandade Xurídica Galega celebrou en Celanova o vixésimo quinto aniversario da tramitación do primeiro procedemento procesual integramente en galego. De 1985, dez anos antes deste feito, data a primeira sentenza redactada na nosa lingua da historia xudicial moderna cando o Tribunal da Sala do Contencioso da daquela Audiencia Territorial de A Coruña, composta polos maxistrados Ricardo Leirós Freire, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerga Fidalgo, sentou un fito máis pola súa excepcionalidade que polo pulo que supuxo na normalización lingüística no eido xudicial. Pasaron trinta e cinco e vinte e cinco anos de ambos acontecementos, e ben pouco mudou a situación na actualidade. Nestes tempos, nos xulgados e tribunais de A Coruña asistín como letrado a algúns procedementos de distintas ordes xurisdicionais realizando todas as actuacións en galego e endexamais obtiven notificacións nin resolucións nesta lingua. No último deles, promovido contra a Consellaría de Medio Rural perante a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, sucedeu o mesmo: as dúas partes do litixio actuamos en galego e o órgano xudicial desenvolveu absolutamente todas as actuacións en español coa única excepción da palabra “XUSTIZA” debaixo do escudo de Galiza, da letra X na sigla “TSXGALICIA” e do emprego de “Consellería do Medio Rural”. Velaquí fican reducidos os esforzos por normalizar a nosa lingua no eido xudicial e por atender os dereitos das partes no proceso. De certo, tamén pensei que as mostras da miña reducida experiencia perante a Administración de Xustiza non tiñan por que extrapolarse a todos os órganos xudiciais e, na procura de conclusións de maior rigor estatístico, acudín ao Centro de Documentación Judicial (CENDOJ), a base pública de datos do Poder Xudicial que recolle todas aquelas resolucións susceptíbeis de servir de apoio xurisprudencial para os operadores xurídicos. Isto é, este Centro contén, por suposto, todas as resolucións xudiciais do Tribunal Supremo e tamén do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e boa parte das catro Audiencias provinciais. Por careceren de valor xurisprudencial, son moi poucas, en cambio, as resolucións emanadas dos xulgados unipersoais de primeira instancia, de instrución, do contencioso e do social que figuran no CENDOJ. Estes son os resultados:

Isto é, de cada cen resolucións xudiciais (sentenzas e autos) non chegan a tres as redactadas e notificadas en galego. A maioría dos órganos son na práctica monolingües en español pois as porcentaxes de emprego da nosa lingua son anecdóticas: 0,02 % en Civil-Penal da Audiencia de Ourense, 0,12 % da de A Coruña, 0,36 % da Sala do Civil-Penal do Tribunal Superior de Xustiza, mentres que a Sala do Civil-Penal de Lugo ascende ao 1,26 % mercé aos maxistrados Edgar Amando Cloos Fernández e Xulio Xosé Ferreiro Baamonde. Especialmente grave resulta a ausencia de uso do galego por parte da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza se temos en conta que moitos dos recursos de suplicación que se presentan neste órgano proceden das asesorías xurídicas dos sindicatos dirixidas ao Tribunal na nosa lingua.

Na Sala do Contencioso do Tribunal Superior, o emprego do galego sobe ao 4,49 % por iniciativa dos maxistrados Fernando Fernández Leiceaga e Luís Villares Naveira.

Na Audiencia de Pontevedra, con case dez mil resolucións en galego, o emprego desta lingua ronda o 12 % do total e coincide cando son relatores os maxistrados Juan M. Alfaya Ocampo, Miguel Aramburu García-Pintos e José Juan Barreiro Prado.
Fronte a este deplorábel comportamento da Administración de Xustiza, debemos dicir que case todos os xuíces e maxistrados están acreditados cos correspondentes cursos de perfeccionamento da nosa lingua, que tan só empregan para “alegar como mérito preferente o coñecemento oral e escrito dos idiomas propios da comunidades autónomas” a efectos de computar un ano a maiores de antigüidade nos concursos de traslados para os membros coa categoría de xuíz, dous anos para os da categoría de maxistrado e tres anos para a provisión de prazas correspondentes a tribunais colexiados, antigüidade que se incrementa se tamén posúen coñecementos do Dereito civil propio, segundo se recolle nos artigos 71 a 76 do Regulamento 2/2011 da Carreira Xudicial.

¿Para que emprega a maioría dos membros do Poder xudicial os coñecementos que posúen da nosa lingua? A resposta é contundente: para o seu beneficio persoal, mais non para satisfacer os dereitos lingüísticos dos cidadáns.

¿Como cumpren os encargados de aplicar a Lei o inciso final do apartado 2 do artigo 7 da 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística, que recolle literalmente que en todo caso, a parte ou o interesado terá dereito a que se lle entere [sic] ou notifique na lingua oficial que elixa?

¿Como respectan tamén a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, feita en Estrasburgo o 5 de novembro de 1992, e ratificada polo Estado español e en vigor desde o 1 de agosto de 2001, que no seu articulado recolle a obriga das Partes asinantes de aseguraren que os órganos xurisdicionais, a solicitude dun dos litigantes, leven o procedemento na correspondente lingua minorizada?



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña