16:17 Venres, 03 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-06-2020

Aló polo ano 1952, cando tiña once anos lembro que, de súpeto, escoitei un repique de sinos moi intenso

Por quen dobran os sinos?

Valorar (18)

FRANCISCO GRAÑA


Aló polo ano 1952, cando tiña once anos lembro que, de súpeto, escoitei un repique de sinos moi intenso. Asustado pregunteille a miña nai, que estaba pasando na Coruña? Por que soaban as sinos das Igrexas tan forte e continuo. A miña nai respondeume que tocaban celebrando a morte dun home que foi moi malo. Non me dixo o nome. Moito máis adiante no tempo, souben que ese home se chamaba Staline.

Foi o máximo dirixente da Unión Soviética despois de Lenine, pero a diferencia deste, rematou condenado e maldito polo poder capitalista imperialista e a inmensa maioría da xente que habitaba no mundo occidental, debido aos crimes que, en suposición, se cometéron sob o seu mandato. Un home maldito mesmo nas filas do antifranquismo organizado, ao que os avatares da miña vida me levaron a participar nel. Era difícil atopar a alguén que falara positivamente deste persoeiro xa falecido, e se o facía o bisbaba con medo. No PCE era tabú, dado o seu talante conciliador co franquismo sociolóxico.

Staline foi o construtor dun poderoso País que se confrontou con firmeza e sen contemplacións ás sistemáticas agresións do mundo capitalista, e non reparou en métodos nin en medios. Apelou ao patriotismo do pobo soviético. A Unión Soviética foi capaz de derrotar na Segunda Guerra Mundial a máis poderosa máquina militar levantada por Occidente, a Alemania nazi, o desembarco de Normandia, tan cacarexado polo occidente, foi posíbel despois da derrota, ano e medio antes, en Stalingrado do exercito alemá; a mais grande forza militar coñecida até entón. Esta Unión Soviética de Staline era incompatíbel coa permanencia do Imperialismo Occidental, mentres fora dirixida por este, ou estivera sob a súa influencia.

Pero para min o máis rechamante é atopar que Castelao, o símbolo da Galiza, na súa obra principal, “Sempre en Galiza, base do seu pensamento e actuación política, manifesta o seu recoñecemento e identificación, sen dúbida ningunha, con Josif Staline, o gran político e ideólogo comunista, máximo líder da Unión Soviética posteriormente maldito. Para sempre?

Así Daniel Castelao di “ Apelarei en troques, á definición que dá Staline, porque a este respeito, é un autor libre de ofuscamentos filosóficos.”

“Nación é unha comunidade estable, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflectidos nunha comunidade de cultura. Somente a existencia de tódolos signos distintivos, en conxunto, pode formar unha nación.”

“Compre dicir que apelo a Staline non por sentirme inclinado a organización internacional que el dirixe (eu vivo en latitudes moi distintas do comunismo), senón porque no problema das nacionalidades abraza, con decisión, o ideal patriótico da liberdade.”

“A teoría de Staline encol do problema nacional concorda en, absoluto, cos sentimentos permanentes a Galiza, traducidos en verbas que o pobo galego soubo pronunciar por boca dos galeguistas.”
Castelao é contrario ao razoamento liberal que supedita a existencia de Galiza, como nación, á manifestación das galegas e galegos, por medio das urnas, moi de acordo coas ideas cosmopolitas imperialistas. A realidade dunha nación e o seu dereito a autodeterminación non pode reducirse a unha formalidade electoral. Con certeza Castelao non era un anti-comunista, a pesar dos esforzos do galeguismo piñeirista por presentalo así, e sí un antifascista consecuente. Tense manifestado contrario ao piñeirismo demandando para Galiza a necesidade de contar cun gran partido político nidiamente galego, e con unha política súa para conseguir o seu desenvolvemento.

Tamén ten afirmado que, “cada pobo diferente ten o seu ideal revolucionario e, polo tanto, necesita facer a súa propia revolución. Un marxista estremeño -poño por caso- non é idéntico a un marxista galego”. No primeiro caso as terras están cheas de latifundios, e reclaman a súa estatalización ca expropiación. Na Galiza, ao revés, comezando pola recuperación da propiedade comunal como “os montes incultos (incultos por seren propiedade do Estado centralista)” e a consolidación da propiedade da terra polos labregos, agrupados en unidades familiares como unidade económica básica, “compañía familiar galega”, favorecendo o sistema cooperativista.

Na organización política administrativa galega, a entidade primaria parte do “lugar”, un conxunto de casas espalladas. Os lugares espallados compoñen un agrupamento que se chama “parroquia”. Ainda hoxe a pesar do proceso destrutivo feito polo capitalismo españolizado, Galiza reúne a metade dos mal chamados concellos de España(focos de caciquismo), e tendo en conta que a maioría deles se sitúan nunha parroquia ou lugar das varias que o compoñen, a cifra dispárase. É necesario recuperar a personalidade xurídica das parroquias rurais e mariñeiras do País, para a súa vertebración socialista, comunitaria galega, coa incorporación das tecnoloxías produtivas actuais.

Castelao era anti-capitalista e anti-imperialista, pois apreciou o dano que este sistema fixo na nación galega como instrumento destrutivo e asimilador do Pais convertido nunha colonia, a través das leis ditadas polo españolismo, alleas a Galiza e a súa estrutura económica-social colectivista. A condición colonial de Galiza é indubidábel para Castelao, por iso, rexeitaba calquera revolución ou transformación que por moitas vantaxe e progreso que ofrecera, que ao fin resultara unha nova colonización do Pais. O máis valioso para Galiza era a liberdade para gobernarse sen inxerencias alleas, deixando de así ser unha colonia.

Staline herdou de Lenine a visión de que, fracasada a revolución socialista en Europa, había que apoiar aos movementos de liberación nacional, como a vía máis efectiva para a transformación mundial cara ao Socialismo. Así, axudou a expansión das revolucións en Asia, China, Corea... sob a súa dirección, espallando as bases teóricas sobre a cuestión nacional polos pobos oprimidos, o galego entre eles. Seguindo o mesmo obxectivo, centrouse na construción do Socialismo na Unión Soviética, que chegou a constituír unha ameaza mortal para o Imperialismo de Occidente, xa que o Socialismo estendeuse como unha mancha de aceite polo mapa mundial. Despois da súa morte en 1952, a Unión Soviética foi esmorecendo e deixou de ser un referente para os traballadores occidentais, o que puxo en evidencia o carácter esencialmente voluntarista do réxime stalinista, a diferencia dos movementos de liberación nacional dos pobos oprimidos que manteñen e incrementan o seu potencial transformador.

Castelao foi un pioneiro do necesario vencello das clases proletarias co nacionalismo dos pobos oprimidos. No seu pensamento e actuación fusiona as clases traballadoras galegas coa nación galega. Na Europa capitalista impúxose a unión das elites imperialistas coas distintas nacións opresoras usando no seu beneficio o patriotismo e, xa que logo, a mutación do nacionalismo en imperialismo que arrastrou às distintas clases obreiras europeas a pelexar entre si, e a colaborar co capital nas guerras inter-imperialistas e as agresións colonialistas. Por iso, tamén Castelao era contrario ao modelo euro-céntrico que espolia aos pobos das periferias europeas e mundiais, e polo tanto a Galiza.

Ante todo, Castelao foi un patriota, o símbolo do País, que exerceu de guieiro da Galiza e asume a tese de Staline sobre a cuestión nacional, elaborada antes da Revolución de Outubro do 17 en Rúsia por patriotismo, porque establecía as características que forman unha nación e, que son aplicábeis ao noso Pais. Por isto, foi sinalado de anti-demócrata e contrario ao progreso.

Parece máis doado manipular as ideas e os proxectos que os efectos do exercicio do poder, e sobre todo, se este é de longa duración. Castelao nunca puido exercer o poder e o seu pensamento e acción foron manipulados, despois de morto aínda que sen éxito, polo piñeirismo e a dereita fraguista. A Autonomía galega foi un feito recorrente para a súa asimilación pero a posición de Castelao en canto a este asunto sempre foi diáfana. Non é o mesmo unha Autonomía conquistada que unha Autonomía concedida polo poder central que sempre será efémera, independentemente do seu contido, que tamén.

Staline tivo o poder dunha gran potencia, que antes da Revolución foi un Imperio capitalista incipiente, e exerceuno dun xeito autoritario na defensa da súa patria soviética, e puxo en perigo a existencia do mundo occidental. Verdadeiramente a miña nai tiña razón, Staline era un home malvado, eu penso ademais quer infumábel para Occidente. Por iso, celebrando a súa morte en 1952, soaron os sinos de pura alegría nas Igrexas do Vaticano.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña