16:18 Venres, 03 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-06-2020

Crisóstomo pode, coas súas falacias, argumentar a favor de calquera cousa ou da contraria. En todo caso, a única finalidade dos seus discursos é a de deixar K.O. aos seus contrincantes

Non é un conto chino

Valorar (23)

MARICA CAMPO


Debería utilizar o pasado, como en calquera conto fiel ao seu xénero, mais neste non é posíbel. Non é posíbel porque non o podo referir a un pasado máis ou menos lonxincuo. O que quero relatar, non aconteceu: acontece.

Acontece e é un conto triste, porén cómpre adubalo cunhas pingas de humor. Quen isto escrebe non sempre atina con elas, secasí, se non for para chorar, o argumento prestaríase para unha ‘cantinflada’ ou algo semellante. Por se deturpo o xenuíno segredo do humor, tan ben argumentado por Celestino Fernández de la Vega, talvez deba falar da comicidade. A comicidade corre por conta do protagonista.

Acontece, xa que logo, que nun país próximo a nós -e asemade moi afastado- ocúpase do goberno un home ao que chamarei Crisóstomo que, en ‘román paladino’, significa pico de ouro.

Crisóstomo pode, coas súas falacias, argumentar a favor de calquera cousa ou da contraria. En todo caso, a única finalidade dos seus discursos é a de deixar K.O. aos seus contrincantes. Non lle importa dar golpes baixos nin patadas nos atributos (léase como metáfora politicamente incorrecta) de quen se lle poña diante. E non se preocupen, que saberá facelo coa corrección necesaria para que, quen vexa e escoite, entenda que el, Crisóstomo, é o bo da película e as outras e outros os malvados do filme. Malvados e ademais incompetentes. Menos mal que el representa o sentidiño.

O país do que non ousei pronunciar o nome, ten lingua de seu. Secasí, unha das tarefas que se propuxo Crisóstomo é a de erradicala. Sen violencia, coma quen non quere a cousa. Propoñendo substituír o mel polo azucre, que á fin disque é máis universal. A onde vas coa substancia das abellas? Concretando: mellor en inglés.

En realidade, todo ou boa parte da filosofía deste señor -moi ao seu pesar, porque prefire unha expresión máis cosmopolita- está contida no folclore do país que non nomeo. Di así: “Porque unha perna teño aquí / e outra no teu tellado /mira se te quero, nena,/ que estou escarranchado”.

Ninguén se emocione. A nena non leva ese nome que el pronuncia nos seus discursos coma un mantra, á beira das bágoas. O nome é o do imperio ao que el pon por diante sempre, servo submiso, por moito que queira facer ver o contrario. E, servo tamén, que aspira a ser o señor. Sería interesante ler de novo a Paulo Freire que, na súa Pedagoxía do oprimido, defende que todo oprimido aspira a ser opresor.

Observen os seus progresos en materia de fonética. Naturalmente que me refiro á outra lingua, a que non naceu no país que non nomeo. Calquera rastro ou pegada da propia pérdese no eco da megafonía Corte Inglés que escoitamos. Se puxer o mesmo empeño en colocar ben os pronomes da fala que rexeita, abofé que non habería outro mellor.

Desde logo, na asimilación da lingua do Imperio -o de aquí, non o Ianqui- lévalle boa vantaxe a un ex-ministro que, segundo contan, contratou un profesor co mesmo propósito. Un éxito. Trocou a pronuncia relaxada ou elisión no grupo -ct- do /k/ por un Z que o facía todo ‘correZto’ e ‘perfeZto’.

Crisóstomo, para iso é boca de ouro, fala a cadora menos esa lingua que cheira a mar e carballeiras. E, porque sabe que a memoria é fráxil e a maioría da xente non anda polas hemerotecas, nunca explicará os verdadeiros motivos polos que botou pola borda as concesións de eólicos, dándolle unha mortal labazada que, agora si, quere resucitar a calquera prezo. Ben se sabe que, estas cousas, mellor en mans estranxeiras e, a ser posíbel, destruíndo patrimonio natural e cultural.

Tampouco non explicará os motivos que o levaron a desprezar o banco de terras, feliz iniciativa de quen gobernaron antes ca el. Agora, si. Agora cómpre recuperar o rural para un futuro ecolóxico, mais todo o que o axuda a despoboalo segue aí: mal acceso ás novas tecnoloxías, supresión de escolas e médicos..., e mil atrancos engadidos.

Malia todo, Crisóstomo está tranquilo. Sabe que no seu territorio todo se arranxa cun bo churrasco e unhas boas empanadas, regado o festín por un viño de mérito ou por purrela, tanto ten. Sempre quedará o licor café para unha dixestión feliz. Contraporá estas delicias de posguerra ao que cualificará de separatismo (‘arredismo’ non se lle pasará pola mente), comunismo, socialismo e demais “-ismos” amedrentadores para unha sociedade á que, historicamente, lle serviron de papón ou coco. Non engado Ambrosio nin Caruso, nomes que, por sonoros, producían o mesmo efecto na casa de quen escrebe isto.

E terá ensinanza o conto?




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña