15:52 Venres, 03 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-05-2020

A RBU defínese como o dereito de todo cidadán ou cidadá, residentes nun País, a percibir unha cantidade periódica que cubra, ao menos, as súas necesidades vitais sen que por elo deba contraprestación algunh

A Renda Básica Universal, unha alternativa de esquerdas?

Valorar (12)

XESÚS SEIXO FERNÁNDEZ


Na medida en que as crises do capitalismo se suceden, sexan cales sexan as causas, deixando na exclusión social e na pobreza a miles de traballadores e traballadoras, aparecen con máis forza as voces que defenden a necesidade dunha Renda Básica Universal (RBU). Na crise que estamos a vivir nestes momentos, derivada da pandemia COVID-19, mesmo fixeron referencia a esta necesidade o Foro Económico Internacional (Foro de Davos) e o propio Papa, Francisco I.

A RBU defínese como o dereito de todo cidadán ou cidadá, residentes nun País, a percibir unha cantidade periódica que cubra, ao menos, as súas necesidades vitais sen que por elo deba contraprestación algunha, independentemente de se non pode ou non quere traballar de forma remunerada, se é rico ou pobre ou de cales poden ser outras posíbeis fontes de renda.

As persoas e organizacións defensoras desta RBU, todas elas desde supostas posicións progresistas, xustifícano como mecanismo de combate á pobreza e á exclusión social, en base as seguintes argumentacións: ninguén se vería obrigado pola necesidade a aceptar condicións precarias de traballo, a clase traballadora estaría en mellores condicións para negociar os seus contratos de traballo, tendería a desaparecer o traballo ilegal dado que non se perdería a RB por atopar traballo e o autoemprego tendería a aumentar ao ser menos arriscado.

A miña posición é contraria a esta RBU e ás razóns prácticas e ideolóxicas que se dan para xustificala como mecanismo de combate á pobreza, á exclusión e á precariedade.

En primeiro lugar é difícil rematar coa pobreza, a exclusión social e a precariedade cando non se cuestiona o modelo económico, social e produtivo que é responsábel das tres cousas, e todo parece indicar de que os autores desta proposta non o fan.

En segundo lugar, os defensores da RBU aceptan que a incorporación dos avances tecnolóxicos, especialmente as TIC, aos procesos produtivos, coa conseguinte robotización e dixitalización dos mesmos, vai supor a destrución de centos de miles de empregos e a dificultade para moitos traballadores e traballadoras de poder ter acceso a un emprego ao longo da súa vida. Con esta posición néganlle, na práctica, á clase traballadora un dereito fundamental como é o dereito ao traballo e a poder vivir dignamente do mesmo, renunciando á unha verdadeira posición progresista e de esquerdas como é a defensa de que eses avances tecnolóxicos, na medida en que van favorecer o incremento da produtividade, sirvan para reducir a xornada laboral sen perda de salario, repartir o tempo de traballo para que todas e todos podamos traballar e ter, así mesmo, máis tempo de lecer, en definitiva, para por os avances tecnolóxicos en función dos intereses da clase traballadora e non en función dos intereses e da obtención de lucro por parte dos donos dos medios de produción. A RBU converteríase así nunha especie de chantaxe sobre a clase traballadora, un troco pola aceptación por parte desta da destrución masiva de emprego, de forma estrutural e permanente.

En terceiro lugar, os defensores desta proposta deberían aclarar de onde van saír os recursos públicos para poder facer fronte a unha renda deste tipo, sen facer cambios estruturais profundos nun sistema económico como o que vivimos que afonda cada vez máis na precarización do mercado laboral, na redución dos salarios, na rebaixa dos impostos ás rendas máis altas e ao capital, na protección dos paraísos fiscais, no incremento das desigualdades sociais e da explotación da clase traballadora ou no espolio dos países da periferia do sistema ou en vías de desenvolvemento.

En cuarto lugar, resultaría absolutamente inxusto que, segundo esta proposta, se dediquen recursos públicos a pagarlle unha renda a persoas que non queiran traballar ou a todas aquelas que polos seus ingresos poden levar unha vida económica moi desafogada, e mesmo a aquelas que defenden e son responsabeis deste modelo económico que provoca o que pretenden combater coa RBU ou que fomenta a redución do gasto en servizos públicos, en servizos sociais ou no sistema público de protección social, algo de tanta importancia para unha a calidade de vida digna por parte da clase traballadora. Loita contra a pobreza e a exclusión social si, pero sen cuestionar as bases do sistema que as provocan.

Certo é tamén que, diante da tendencia deste modelo económico á destrución de emprego e ao incremento das desigualdades sociais e da pobreza, poden aparecer sectores do capital ( serva de exemplo o caso da posición ao respecto da RB do Foro Económico de Davos e do mesmo Papa, nada sospeitosos de ser de esquerdas ou de estar interesados nun reparto xusto da riqueza ) que, preocupados por como pode influír esta situación social na caída da capacidade de consumo da poboación (un aspecto básico para o mantemento do sistema), e mesmo da forte conflitividade social no que iso pode derivar, empecen a especular coa necesidade de promover unha renda desas características, algo en calquera caso de difícil aplicación neste sistema, por numerosas razóns.

Fronte a esta Renda Básica Univeral, e como alternativa á mesma, súmome á proposta que leva anos defendendo a Confederación Intersindical Galega (CIG), de defensa, por xustiza social, dunha Renda de Inserción Laboral e Social (RILS), equivalente ao 60% do salario medio (o que debería ser a contía do Salario Mínimo Interprofesional), para todos aqueles traballadores e traballadoras desempregadas que non cobren outro tipo de prestación pública. No caso de que cobrasen unha prestación pública inferior á RILS terían dereito a que se lle complementase a diferenza. Esta RILS tería a finalidade de garantirlle a todas as persoas desempregadas un mínimo de ingresos que lle permitisen non caer na pobreza, nin na exclusión social, pero sempre co obxectivo fundamental e prioritario de conseguir un emprego que garantice a súa plena integración laboral e social e contribuír solidariamente á produción de bens e servizos en beneficio da mellora da calidade de vida da sociedade.

A percepción desta RILS tería que ir acompañada, obrigatoriamente, da incorporación a un itinerario persoal de orientación e formación profesional, que facilitara a súa incorporación ao mercado laboral no prazo de tempo máis breve posíbel.

Esta Renda Galega de Inserción Laboral e Social sería responsabilidade, na súa regulación e xestión, do Goberno Galego, e sería financiada, namentres a Xunta de Galiza non asume as plenas competencias en materia fiscal e laboral, con cargo aos orzamentos do Estado, por ser este quen ten reservadas ditas competencias.

Esta proposta ten que ir necesariamente acompañada de medidas de carácter estrutural que poñan en cuestión este modelo de capitalismo neoliberal, responsábel último de que se incremente a precariedade, a desigualdade social, a pobreza, o desemprego e a exclusión social. Medidas como: unha política fiscal progresiva e progresista que incremente os impostos directos sobre as rendas máis altas, a banca e as grandes empresas en xeral; o combate rigoroso contra a fraude fiscal e a favor da supresión dos paraísos fiscais; a mellora dos servizos públicos, dos servizos sociais e dos sistemas públicos de protección social; a aprobación dunha normativa laboral que favoreza o emprego estábel, a redución da xornada laboral e o reforzamento da negociación colectiva ou a socialización das empresas dos sectores estratéxicos da economía.

Por último, si coincido cos promotores desta RBU en que a aprobación e percepción da mesma ía aumentar o autoemprego, unha figura laboral que sen dúbida algunha lle interesa promover ao propio sistema capitalista polo que supón de fomento do individualismo, da insolidariedade e da autoexplotación, para beneficio das empresas e en detrimento da organización da clase traballadora.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña