15:34 Venres, 03 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-05-2020

“Parasitos” e “Joker” tratan a desigualdade sociais e a loita de clases desde ópticas diferentes

Parasitos vs Joker: así nos ven en Hollywood

Valorar (11)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


Parasitos”, a película coreana vencedora dos Oscars de 2020, fálanos das desigualdades sociais, as diferenzas entre ricos e a clase traballadora. Por unha banda temos á familia rica que vive na parte alta da cidade nunha casa de deseño, que recorda un castelo, neste caso amurallado por verde e frondoso xardín; reproduce os roles típicos da sociedade patriarcal: o home dirixe unha empresa e é quen trae os cartos á casa, mentres a muller dirixe a casa e coida os fillos (os príncipes da casa).

Ambos teñen bo gusto, son bondadosos e a pesar de ser clasistas, teñen un aire inxenuo que aproveita habilmente a familia que vive no suburbio. Pola contra esta familia de clase traballadora mal vive na parte baixa da cidade, viven nunha infravivenda situada nun soto, viven coo animais metidos nun tobo. O matrimonio e os dous fillos non teñen traballo, malviven dobrando caixas para unha pizzería. Son folgazáns, egoístas e non dubidan en piratear a wifi dos veciños para teren acceso a internet. Son a antítese da familia do alto da cidade.

A familia do suburbio quere subir na escala social, non queren facer revolución algunha para mellorar a súa situación persoal, senón vivir como os ricos. Para iso non dubidan en mentir e afastar egoísta e drasticamente a todos os da súa clase social que compiten por sentar no sofá e poñer os pés na mesa de deseño da familia rica.

Esta película coreana, a pesar de levar tamén o Oscar ao mellor guión orixinal, ten moitas semellanzas coa película de Akiro Kurosawa “O inferno do Odio”. As coincidencias de fondo son evidentes: unha familia rica, asentada no alto da cidade, ve ameazada a súa fortuna porque un traballador que vive na parte baixa da cidade secuestrou ao fillo do condutor da familia pedindo un rescate. O rico capitalista dubida debátese en se ceder ás demandas económicas do secuestrador, porque poñería en risco a súas finanzas. Outra das similitudes é o clima, que repercute de xeito diferente segundo á clase social: no caso da película de Kurosawa é o intenso calor o que afoga á clase traballadora dos suburbios, mentres o rico capitalista vive comodamente na súa mansión con aire acondicionado; en “Parasitos” é a choiva á que arrasa as poucas pertenzas que ten a familia traballadora protagonista, mentres que para os ricos a choiva é un simple contratempo que suspende unha xornada de cámping.

Fronte a “Parasitos”, que debuxa unha clase social traballadora egoísta aparece “Joker”, que competía tamén nos Oscars por ser a mellor película deste 2020, unha película na que tamén se reflicte a loita de clases, pero desde unha óptica radicalmente distinta. Nesta película de Todd Philips o “Joker”, interpretado maxistralmente por Joaquin Phoenix, é un paria da sociedade; ten un traballo precario e mal vive coa súa nai; sofre un trastorno mental, cuxo tratamento se interrompe abruptamente por mor dos recortes orzamentarios da asistencia social, o que terá consecuencias moi negativas para o protagonista. Paralelamente aparecen as clases populares maltratadas por uns políticos que en absoluto defenden os seus intereses, senón os da clase dirixente, que non dubida en insultalas a través dos medios chamándolles pallasos e mesmo agredilas fisicamente para mantelos a raia. As clases populares acaban tomando as rúas xerando o caos. Todo este cóctel serve de detonante para o xurdimento do Joker, líder involuntario das masas populares, e do seu alter ergo, Batman, o rico superheroe que se ocupará de manter o statu quo e os intereses da clase dirixente.

“Parasitos” e “Joker” tratan a desigualdade sociais e a loita de clases desde ópticas diferentes. En “Parasitos”, colectivamente non hai esperanza para as clases populares, só lles queda buscarse a vida individualmente e soñar nunha vida mellor, como se pode apreciar ao final da película. Sen embargo “Joker” é unha chamada á revolución das clases traballadoras e precarizadas para contestar nas rúas a súa situación, de aí a preocupación que xeraba esta película onde moitos vían unha chamada á violencia dos de abaixo contra os de arriba. Neste sentido é curioso que ao tempo que se estreaba esta película de Todd Philips, unha nova entrega de Rambo salpicaba con sangue as pantallas de medio mundo, e curiosamente ninguén vía nesta película de Silvester Stallone unha chamada á violencia.
O premio a “Parasitos” non é unha sorpresa, senón a constatación de como nos ven en Hollywood, de como ven as clases dirixentes desta sociedade ás clases traballadoras e populares. Para eles, que nos miran desde o alto do castelo, como o señor feudal miraba os seus vasalos, somos egoístas, violentos, folgazáns, temos valores morais negativos e cheirámoslles mal e vivimos a costa deles, en definitivas, somos parasitos.

Hollywood pode tolerar certas doses e aparencia de cine social, mais nada de dar ideas que poñan en perigo o statu quo. “Parasitos” é unha película clasista, pero non dun clasismo decimonónico e ilustrado, senón medieval e reaccionaria onde hai uns ricos bos e xenerosos, aínda que un tanto inxenuos, que ven ameazada a súa vida por uns “parasitos” sen escrúpulos que viven na parte baixa da escala social a conta dos ricos, e que non dubidan en mentir e utilizar a violencia para medrar socialmente. Liberalismo puro e duro é o que rezuma esta película coreana. Que cada quen se busque a vida é a idea que se lanza ao final, nada de loitar colectivamente por unha sociedade mellor e máis xusta como se desprende en “Joker”.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña