23:56 Mércores, 21 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-05-2020

De primeiras, desbotamos calquer relación coa preparación da carne ao lume, ou outras composicións culinarias, por a sua incongruencia toponímica.

ASADOS: Suxerente nome dunha parroquia de Rianxo

Valorar (10)

CÉSAR VARELA GARCÍA


De primeiras, desbotamos calquer relación coa preparación da carne ao lume, ou outras composicións culinarias, por a sua incongruencia toponímica.

Nunha primeira aproximación a este nome , non atopamos nengún outro lugar na nosa Terra, nen no viciño Portugal, que loza semellante chamadeiro.
O segundo paso é pescudar nos antigos documentos, se aparece o tal nome, como o escreben, e que interpretación lle dan os nosos devanceiros; isto é o que atopamos:

  1. Varias referencias á parroquia, “… êna freigres´ja de Santa Maria d´ASADOS ” , ano de 1448.
  2. Inventario notarial do ano 1519, onde se fala de, “…tres ou quatro ASADOS vellos…”


O primeiro destes depoimentos, fainos pensar que o nome da freguesía non é recente, senón que xa ven de moi lonxe no tempo.

O segundo, avísanos de que a palabra “asado” era un nome de algunha cousa común; algún ben que merecia ser notado nunha herdanza.

I-é que, conforme nos informa o dicionário de ESTRAVIZ:

Un ASADO é “ un pucheiro de barro con ASAS no que se costuma guardar o leite ”.

Está claro, que o notario medieval, no seu inventario, estáse referindo a un vello barreñón ou cántaro dotado, iso sí, de duas ASAS para millor ser manexado.

Ainda estará en uso esta palabra de ASADOS, en alguna parte da nosa xeografía?

Cómo puido pasar un cántaro a ser o chamadeiro dunha parroquia galega?

O noso grande P. Sarmiento rexistra a palabra así:

Asado. Se llama así un puchero pequeño de los que se ponen a la lumbre. Acaso de ansatus.”

Percebe o particular do nome da parroquia, e expón a sua teoría:

Asados. Feligresia junto Rianjo. Acaso de vas ansatum, aludiendo, no a que allí se fabricaban, sino que hacia allí estaban las mámoas o sepulcros de los romanos, con urnas, ollas o asados cinerarios. Lo mismo acaso de los lugares Oleyros, de ollarios,y Moymentas de monimenta, y acaso Sespón de cespiton o cespedón, por los céspedes con que se hacia la mámoa. Y es cierto que, desde Padrón hasta Curruvedo, hay hoy muchas mámoas con ollas, y también las hay en el Salnés.”

O toponimista luso, Almeida Fernandes ao explicar un topónimo semellante que é ASSADOURO escrebe:

Nao creio que haja, seja o que for, com “ assar”, pois nao se compreende um sítio onde se fizesse “assadouro”: quem ou de qué?

Por outro lado temos Sedouro nao longe daqui, e creio que se trata dun remoto n. comum “* sedouro” < lat. *sitoriu-, de
site- “sede” ( sé-), ou seja, um “assento”, sobretudo de moinho(s)…….”

Tamén lemos na rede un intelexente traballo da “Equipa de Dinamización da Lingua Galega” do I.E.S “FÉLIX MURIEL”, de Rianxo , onde aponta a posibilidade de proceder o nome de ASADOS e ASADELOS, duns MONTES ARSATUS, ou sexa,“queimados” aludindo á antiga costume de rozar e queimar nas “extirpadas”ou estibadas do monte. Todo viría do latin ARSUS, participio de ARDERE.
Poderia ser……!

Claro que en consecuencia, “queimado “ sería ARSUS, e daí, ASO, (que non aparece na toponimia ), e non ARSATUS, necesario para dar o ASADOS de hoxe.

Con todo respeito para as opinións anteriormente expostas, é a nosa idea, que tanto o ASADOS que nos ocupa hoxe ,a ASADOIRA de Somozas, o ASADELOS de Rianxo, e se cadra, o ASADUR de Maceda, proceden todos dunha laboura que se daba aos montes para poñelos en producción; era pasarlle o AVESADOIRO , un tipo de arado que entraba fondo na terra e dáballe a volta, ou sexa, VERSABA a terra.

Daí veñen os varios lugares chamados de BESADA ou millor AVESADA, e daí propomos nós que sairía o nome de ASADOS que nos ocupa hoxe, velaí o camino:

Montes ou terrenos AVERSADOS > AVESSADOS > AV´SADOS > ASADOS
ADVERSATORIU > ADVESSADOIRO > AVESADOIRO > AV´SADOIRO > ASADOIRO

E o mesmo, para sair ASADUR de ADVERSATURI-.

O lugar portugués chamado de ASSENTO, que alí interpretan como a sé dun muiño ; entendemos nós, que mais ben merece ise nome , debido a ter sido un MONTE ADVERSENTUS > AVESSENTO> AV´SSENTO > ASSENTO.

E, ¿ cómo incluir nesta teoría, a existencia do nome de ASADOIROS, dado a uns penedos pelados ao norte da illa de Sálvora?

Ise nome non acaecería con ninguna das teorías expostas anteriormente.

Só se nos ocorre apontar que, se cadra, o nome primitivo dises cons, foi o de NASADOIROS; e dicer , lugar onde os mariñeiros costumaban colocar as NASAS.

Non seria difícil, que por desgaste popular, e incuria dos fixadores da toponimia, o lugar dos NASADOIROS pasase a ser chamado dos, ASADOIROS.

(Lémbranos o monte do CODESAL , no Carballiño, que os nosos “ilustrísimos” notários e rexistradores da propriedade escreben sen dó, como , “ CÚ DE SAL ”!!!).




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña