03:53 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-05-2020

Andou por varios lugares de Europa, pero a súa intención era volver a Euskal Herria e no 2001, xunto con outros doce ou trece refuxiados, pasa a Iparralde(1) para facer unha campaña a favor do ENA(2)

Ánxel Alcalde: Do Parlamento Español ao exilio

Valorar (7)

RAÚL RÍO DÍAZ


Di Bertolt Brecht nunha das súas mais célebres frases, que hai homes que loitan un día e son bos, pero que hai outros que loitan toda a vida e eses son os imprescindibles. Un destes últimos é Ánxel Alcalde, un loitador incansable que empezou desde moi novo a loita por unha sociedade mais xusta e aínda sigue nela a pesar dos anos e da súa delicada saúde.

Naceu en Portugalete o 2 de maio de 1943 e desde moi novo tomou conciencia de que vivía nunha ditadura na que se restrinxían as liberdades, tanto individuais como colectivas, polo que empezou a loitar por conseguilas e pola liberación nacional do seu pobo.

Xa cando estaba na escola de aprendices participou nas folgas de Etxebarria e na que foi a folga mais grande durante o franquismo, que durou 163 días e tivo lugar en novembro de 1966 en laminacións de Bandas de Etxebarri. Folga da que falarei mais detalladamente noutra ocasión, xa que nesa fábrica concluíu a miña vida laboral.

Despois de rematar en aprendices comeza a traballar de auxiliar de farmacia, organizando en 1981 as primeiras folgas de traballadores e traballadoras de farmacia que se fixeron en Europa, para reclamar, xa daquela, a igualdade de salarios entre homes e mulleres e a mellora da situación laboral. Nesa folga foi detido por primeira vez, ingresando na prisión de Basauri, onde botou catro días, ao identificalo a policía cando formaba parte dun piquete que tivo un enfrontamento con uns esquirois e no que se romperon os cristais dunha farmacia.

Tampouco foi alleo á campaña contra a central nuclear de Lemoiz, na que participou moi activamente ata que a mobilización popular conseguiu paralizar o proxecto.

Ademais dese interese polos temas sociais e ecoloxistas, non era alleo a loita política pola liberación nacional, e os xuízos políticos celebrados nos anos setenta e posteriores, en 1975; o xuízo de Burgos, cos condenados á morte, acrecentaron nel ese interese por liberar a patria da tiranía franquista.

A seguinte detención foi no ano 1988, porque apareceu o seu nome nunha lista que lle atoparon a Santi Arrospide Sarasola cando o detiveron. Estivo en Indautxu, logo levárono á Porta do Sol e despois pasou polas prisións de Carabanchel, Alcala Meco e Herrera. Estando nesta última déronse internamente unha serie de loitas permanentes debido á represión carceraria, nas que tamén participou. Seguía alí no ano 1989, cando asasinaron a Josu Muguruza no hotel Alcalá, e recibiu unha carta na cadea dicíndolle que despois de Josu el sería o seguinte, pasoulla aos seus avogados, pero non volveu saber mais nada do tema. Casualidade que tamén era o seguinte da lista por Bizkaia, naquela lexislatura para o Parlamento Español, debido a que Herri Batasuna tiña por norma poñer nas listas un preso político como referencia, para denunciar a situación dese colectivo, polo que a el tocoulle ocupar o posto de Josu e por ese motivo tivéronlle que dar a liberdade condicional.
Quince días mais tarde do asasinato, o 5 de decembro de 1989 acode ao Parlamento, xunto con Jon Idigoras e Itxiar Aizpurua a recoller as credenciais, non podendo ir Iñaki Esnaola ao estar convalecente, porque tamén o feriran gravemente no atentado. Tiñan previsto que Ánxel lera un discurso solicitando que se retomaran de novo as conversacións de Alxer entre o Goberno español e ETA, pero ao xurar por imperativo legal non accedeu á condición de Deputado e non llo deixaron ler. Logo quixo intervir Idigoras, pero o daquela Presidente da Cámara, Felix Pons, negoulle tamén a palabra e despacháronos con berros de fora!, fora!, por parte da maioría dos deputados. Ao saír fixo un plante ante Felipe González a xeito de denuncia pola falta de democracia, ao negarlles o dereito a intervir nesa institución, que debía servir precisamente para confrontar as ideas.

Ao estar en liberdade condicional, e non poder acreditarse como Deputado, o seu avogado avisouno ao día seguinte, de que saíra unha orde de busca e captura na súa contra, polo que tivo que escaparse para o exilio, primeiro a París e despois a Bélxica. Durante o exilio non parou de loitar. Acompañado sempre por personaxes internacionais, deu roldas de prensa tanto en París como en Bélxica, nas que solicitaba unha tregua bilateral e denunciaba a situación carceraria no Estado Español, que foi terrible naqueles tempos.

A audacia e a valentía de afrontar o risco é outra das súas virtudes, pois, estando exiliado, no 1991 hai outras eleccións e acórdase que Alcalde interveña lendo un comunicado no mitin final de campaña, que se ía dar no velódromo de Anoeta en Donostia. Entrou arroupado entre a xente e cando ía intervir pecharon as portas para que non puidera entrar ninguén e ao rematar a intervención saíu polo mesmo sitio, para retornar outra vez ao exilio.

Andou por varios lugares de Europa, pero a súa intención era volver a Euskal Herria e no 2001, xunto con outros doce ou trece refuxiados, pasa a Iparralde(1) para facer unha campaña a favor do ENA(2). Esa reivindicación empeza a madurar tamén en Hegoalde(3), e no 2003 acordan facer unha manifestación en Donostia e despois un mitin no velódromo de Anoeta. Foi unha sorpresa para os asistentes, pois noutra demostración de coraxe, el e outra compañeira, tamén exiliada, leron un comunicado. Aquelo revolucionou e animou moito á xente, pois ninguén pensaba que puideran estar alí.

Nese 2003, cando prescribiron os casos dos que o acusaban, volveu definitivamente a Hegoalde, aínda que, outra vez, tivo que sufrir represión policial e no 2005 volven detelo, porque en Iparralde vivira na casa dunha amiga na que tamén estivo vivindo un militante do comando Bizkaia. Primeiro detivéron á amiga, porque apareceu o seu nome, xunto co de outros once, nos famosos papeis de “Susper” (Ibon Fernández de Iradi), a quen detiveron en Baiona.
Como a súa saúde xa empezaba a decaer, estando na cadea tivo un síncope cardíaco e outros problemas, operándoo do corazón e despois de cáncer de colon nun espazo duns catro meses. Ao ano e pico deixaron aos doce en liberdade condicional, pendentes de xuízo, pero no 2007 celebrouse a vista e saíu absolto, xunto con outros sete compañeiros.

Unha anécdota que lle ocorreu estando en Iparralde (en 2001 ou 2002), denota o perigo que supón ese tipo de periodismo sensacionalista e a información que os medios corporativos pasan á sociedade. Foi cando un compañeiro que vivía na mesma casa que el, díxolle: Hoxe saes na prensa. Miraron e aparecía o seu nome nunha Lista Internacional do Terrorismo Mundial co número dous, nada menos que detrás de Bin Laden.

Agora segue loitando por unha sanidade pública, por unhas pensións públicas dignas, polos dereitos dos presos; en Gure Esku Dago, reivindicando o dereito a decidir; en Zaldibar Argitu, para que se aclare o derrube do vertedoiro desa localidade, onde aínda están sepultados dous traballadores, desde o día 6 de febreiro, abandonados baixo cascotes e lixo polas institucións que goberna PNV, e outras loitas para construír unha sociedade mais xusta, mais humana e menos agresiva coa natureza.

(1).-Euskadi Norte (2).- Carné vasco (3).- Euskadi Sur

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña