03:17 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-05-2020

A estas alturas de maio o covid-19 imprégnao todo coma o chapapote. Pensamentos, charlas, encontros, estudos, sociedade, economía,...política

Coroavirus como Prestige

Valorar (8)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN


A estas alturas de maio o covid-19 imprégnao todo coma o chapapote. Pensamentos, charlas, encontros, estudos, sociedade, economía,...política.

Nin o máis pintado vía vir isto! Exclama un paisano- tantos adiantos, tanto correr e paraliza o mundo unha cousa tan minúscula coma un virus.

Pero a maquinaria política, máis ca nunca, engraxábase para dar respostas. Cada quen a súa. As acaídas á necesitada poboación. Sempre existiu unha caste de políticos que aproveitan estas “ocasións” para arrimar a ascua á súa sardiña, e á dos seus. Pasou co Prestige xa. Velaquí as miñas comparacións rápidas.

No 2002 -curioso número, por certo- a incipiente Internet asomábanos a ver por onde andaba o barco escarallado na Costa da Morte fronte ás informacións que desde “unos hilillos de plastilina” ata outro, que sinalaba o buque fóra da pantalla nos dicían que estiveramos tranquilos. Paco Vázquez seica non o quixo por onda os seus dominios. Tampouco agora se entende como non se pechou un dos grandes focos de contaxio de Madrid e blindar á vez Galiza. Pois ao revés, mandaron para aquí ao exercito que aínda agora non acerto a entender os motivos. E Galiza sabendo como sabemos dos recortes – marca PP - en sanidade, residencias de maiores, residencias públicas? Noooon. A maioría privadas onde máis mortes se producen.

O PP ancorado na Xunta precisa decisións valentes, manter a calma da poboación e fai que fai. Os seareiros apúntanse aos grotescos festivais de máscaras, desinfeccións, ... aniquilan o pouco sentido común de políticos, empeñados no rédito electoral. Unha máscara un voto. Mentres Sanidade delega as súas funcións temos concellos, onde primeiro peta a cidadanía, preocupándose pola saúde dos seus. Estrañas relacións da Xunta do PP co estado tendo competencias plenas en Sanidade e Educación para deixar que decidan todo por nós, alá. A Consellería de Educación apoia a decisión tomada na Conferencia Sectorial de Educación do Estado canda outras. Penso que moi discutible esta actitude centralista pero desde logo haille que recriminar que critique despois o que ela non se atreveu a decidir. Oposicións estiveron en pé en pleno confinamento, anpas cabreadas, docentes teletraballando nun mar embravecido cunha fenda dixital importante como a do Prestige.

E o Señor de los Hilillos foi sustituído canda a pandemia do PP polo liderpredicador. Relegadas as consellerías, presidencializa. Maneiras de corromper as institucións. Empregando a propaganda e menosprezando o parlamento. As comparecencias públicas de Alberto Núñez Feijoo xustificando o rumbo ás urnas e atacando, baleiras de contido sen iniciativas, sen goberno, mentres critica a Madrid. Mesmo cuestiona as indicacións dos expertos que segue o goberno estatal excepto os del, que son incuestionables. E el, segue presumindo, con aplausos, loito e crespóns do que carece e do que exterminou. Se vas no coche e enganchas eses momentos na Galega secuestrada podes ter un accidente!

E o consello de ministros, apupado, pariu na Coruña o 23/1/2003 o Plan Galicia. Fotasa. E anos despois que?! Pois agora a propaganda instálase tamén desde a Xunta. Interesan nestes momentos os pensionistas. Os community manager da Xunta dan choio ás redes sociais; as imprentas, outras radios e televisións van guiadas para non morder a man que lles da de comer con cartos públicos.

O Prestige na Costa da Morte non foi unha gamela no Manzanares como non é tampouco o coroavirus no noso territorio. Pero quen coma nós, as persoas que cremos no país para poñer en valor a Nosa Terra rica que produce e viuse máis agora. O confinamento galego diferénciase doutros lados. Comercio e mercados de proximidade, industrias se non estiveran fóra... Ai os políticos se estiveran dentro do país!

Feijoo Prestige. Feijoo o Inmortal, soñando con Madrid onde tamén só queren que cheiremos o Partido Podrido desde o poder. Iso si, que o voten antes de marchar! antes de que vexan que hai detrás das cámaras: seguir con maquiavélicos plans coma os que acabaron coa banca galega, soñando eucaliptos e proxectos contaminantes, privatización, negación do país, afogamento da cultura e da lingua ; a superación de Fraga.

Os imbéciles seguen lonxe da pedagoxía do voluntario lixado de piche pero empapados de dignidade. Os escuros empéñanse en que as máscaras sirvan para tapar a voz e o alento do pobo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña