16:06 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-05-2020

Con moita frecuencia, as lendas enverédanse coas realidades históricas máis lonxincuas para daren conta da orixe das nacións ou para construíren símbolos identitarios dos pobos

A antiga Gallaecia, unha verdadeira academia de linguas

Valorar (32)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Con moita frecuencia, as lendas enverédanse coas realidades históricas máis lonxincuas para daren conta da orixe das nacións ou para construíren símbolos identitarios dos pobos. Ás veces, os estudos desenvolvidos por especialistas en historia e en arqueoloxía contradín parcial ou totalmente as percepcións populares no tocante ao percurso histórico dos países. De calquera modo, non nos corresponde a nós opinarmos á volta do sentir máis común en determinados factos ou acontecementos de hai séculos nin sobre o rigoroso exame a que se someten vestixios doutras épocas para así nos informaren da veracidade histórica. Mesmo entre especialistas, por exemplo, tamén non existiu acordo unánime a respecto da relevancia que tiveron certos pobos no desenvolvemento da historia das nacións. Pensando na Galiza, un deles é a civilización celta: houbo persoas que lle negaron ou que lle restaron protagonismo histórico para o caso galego, como Adolf Schulten, que facía referencia en 1905 ao pobo lígur na prehistoria do norte da península ibérica na súa clásica obra Numantia. Die Ergebnisse der Ausgrabungen; en sentido contrario, outros destacados investigadores, cal Henri Hubert en Les Celtes et la civilisation celtique (1932/1974), ou John Haywood & Barry Cunliffe en The Historical Atlas of the Celtic Word (2001/2009), identifican a actual Galiza como un territorio habitado polos pobos célticos ou fortemente influenciado por estes. Mesmo na cimeira da relevancia exaxerada do mundo celta no desenvolvemento da historia galega, non falta quen diga que a gaita é un instrumento desa mítica procedencia, isto é, un aerofone xurdido na eclosión da polifonía medieval, despois do renacemento carolinxio do século IX, tería, na realidade, unha orixe de máis de mil anos antes da nosa era (adne.)...

Precisamente, sobre esta parte da Europa denominada Kallaikia polos cronistas gregos a partir dunha base probabelmente indoeuropea *kal-, nome que posteriormente sería adaptado como Callaecia ou Gallaecia polos autores romanos e que foi a orixe do actual nome do país, Galiza, queremos pór por escrito algunhas cuestións que ás veces comentamos con colegas ou nas salas do ensino. Eses asuntos céntranse no estado lingüístico do noroeste peninsular antes e despois da chegada dos conquistadores e colonos romanos e na efervescencia de linguas e de variedades que quizais se empregasen aquí nos primeiros séculos da chegada de Roma. O respectábel público convirá connosco en que se trata dun tema tan apaixonante como incerto e cheo de interrogantes pola escaseza de testemuños documentais.

Así as cousas, após as primeiras expedicións romanas no século II adne. no que hoxe enforma o norte de Portugal, entre as cales destaca a de Décimo Xunio Bruto contra os anos 139-137, os romanos identifican e combaten a tribo dos gallaeci ou callaeci nalgún lugar entre o Douro e Braga. Tal fito serviulles, dada a afinidade dos pobos que habitaban esas xeografías no que é denominado “espazo étnico galaico” por Martín Fernández Calo (Estado, poder e estruturas na Gallaecia, 2018), para denominaren toda esa rexión como Gallaecia, abranxendo desde o Douro até ao Ortegal e desde Fisterra até máis alá da actual cidade de León. Nos primeiros momentos, antes de lle descubriren o seu potencial en metais preciosos, a Gallaecia correspondía para os romanos a unha das terras máis afastadas da metrópole, onde o sol morría todos os días no medio do oceano, algo nunca visto polos conquistadores vindos do leste. Estaba habitada por diferentes pobos que foron capaces, con todo, de daren forma á cultura dos castros, e foi parcialmente descrita por autores como Estrabón (c. 60 adne.-20 dne.), Plinio o Vello (23-80 dne.) etc., como ben nos lembra Antonio Balboa Salgado en Gallaecia nas fontes clásicas (1993). Era costume entre os comandantes romanos a adopción como alcume do xentílico das nacións con que loitaban e, por iso, Décimo Xunio Bruto pasou a ser coñecido como gallaecus ou galaico, ‘o que combateu os gallaeci’, dos cales, non sen certo exaxero, transcendeu a idea de 50.000 guerreiros morreren na famosa batalla do Douro.
  A administración romana, instaurada nese confín máis occidental do seu imperio, axiña foi capaz de distinguir tribos e pobos, gens e clans dentro dos denominados gallaeci. De todos eses colectivos descoñécese hoxe en día que lingua falaban, aínda que todo dá para pensarmos que non sería unha única e que, mesmo o sendo, podería ter notábeis variedades locais ou dialectais. As obras de referencia en historia da lingua, con autores como Ivo Castro, Joseph-Maria Piel, Manuel Ferreiro, Ramón Mariño etc., costuman distinguir varios substratos so o cualificativo de “prerromano”, entre os cales son habituais as referencias a unha camada caucásica, outra tirrénica, unha celta ou paracelta etc. Cabe pensarmos, naturalmente, que eses estratos étnicos e lingüísticos non terían idéntica repercusión nin xeográfica nin socialmente en todo o territorio no tocante á propagación e/ou conservación de léxico anterior ao latín: o vocábulo tona, por exemplo, que é normalmente asociado á película manteigosa que cobre o leite (‘a tona do leite’) ou á parte exterior das patacas (‘destonar as patacas’), adoita ser identificado como unha palabra de orixe celta, mais descoñecemos de que parte da Gallaecia podería provir ou cando se fixo xeral; outros nomes prerromanos, cal lama, cheda e chedeiro (do carro tradicional) etc., poden presumir de seren empregados aquí desde hai máis de vinte séculos, mais tampouco sabemos en que circunstancias se fixeron correntes na lingua. Do que non hai dúbida é de que todo ese legado vocabular de uso habitual corresponde xeralmente a nomes comúns de significado concreto, como acontece con palabras maioritariamente adscritas a un substrato céltico, cal barro, berce, bidueiro, camba e cambeiro, carballo, billa, con, coio ou croio, laxe, legua, lousa, rodaballo etc.

O idioma que impoñen os romanos é o latín, que, con todo, debía de presentar por súa vez un relativo grao de diversidade interna a propósito das variantes dialectais, etnoculturais e contextuais. Ese latín que trouxeron os conquistadores, colonos e funcionarios á Gallaecia costumaba ser considerado conservador ou arcaico a respecto do empregado noutras provincias do imperio, sobre todo se o confronto se fixer coa península itálica. Ao mesmo tempo, as tropas e administrativos que contribuíron para romanizaren o territorio tamén non proviñan da mesma orixe: entre os escravos, lexionarios e escribas que asentaron cabo dun misterioso “mar salgado inzado de monstros”, conforme dicía Rufo Festo Avieno no século IV referíndose á Gallaecia, habería xentes cuxo latín presentaba notorias diferenzas, nuns casos por forzosamente proviren doutras terras (Aemilia, Etruria, Liguria, Tracia, Baetica etc.) e noutros por procederen de grupos socioeconómicos diferentes. Como quer que sexa, a lingua do Lacio faise maioritaria nos primeiros séculos da nosa era e, como é sabido, chegaría, co andar do tempo, a desenvolver certa caste de evolucións que a farían especialmente singular se comparada con outras variedades de latín; entre eses evoluíres, a desaparición da consoante nasal intervocálica (cfr. manu > mão, planu > chão etc.) e da consoante lateral intervocálica (cfr. animales > animaes, solu > soo etc.) exemplifican dous dos trazos máis idiosincraticamente subliñados como típicos do galego, segundo moito ben recolle Fernando Venâncio na súa última e interesante obra Assim nasceu uma língua / Assi naceu ũa lingua (2019).

Podemos agora situarnos nos séculos V-VI dne. e repararmos en cal sería a situación lingüística da Gallaecia. Certamente, non hai nada que nos obrigue a pensarmos que todas as linguas prerromanas ou variedades dialectais delas desapareceron de vez. Con moita probabilidade, algunhas sobrevivirían con relativa normalidade en determinadas comarcas e outras manteríanse diglosicamente, sendo só empregadas coa familia, ao paso que o latín era utilizado polas elites gobernantes ou cando se facía preciso tomar contacto coa administración. Se o éuscaro chegou até aos nosos días, por que algúns idiomas anteriores á romanización non se darían conservado cando menos até á Alta Idade Media, como suxire Antonio García y Bellido no seu artigo “La latinización de Hispania” (1967)? Na realidade, tornábase estritamente necesario que a populación galaicorromana soubese e debese empregar o latín durante todas as horas do día?
 
Frecuentemente, a manutención dunha lingua vai ligada á sobrevivencia da cultura material e espiritual en que esta se desenvolve. Por iso, é asaz probábel que Martiño de Dume, un dos primeiros santos galaicos (c. 510-580) e un dos principais bispos dos suevos, cando arremetía no seu libro De correctione rusticorum, desde a aldea bracara de Dume, contra o paganismo e as supersticións que aínda se conservaban entre as xentes labregas, tivese de se enfrontar a ritos que se vehiculizaban a manteren restos das antigas linguas da Gallaecia. Certo é que San Martiño e San Frutuoso de Braga (c. 600-665) foron dous dos artífices da propagación e consolidación  da relixión cristiá entre as xentes da Gallaecia, nunha época en que xa fixeran acto de presenza os suevos, os cales tamén empregaban a súa propia lingua, emparentada co godo e co vándalo. Con total seguranza, os dous relixiosos asentados en Braga terían máis de unha caviladura para convenceren a sociedade galaicorromana das novas crenzas que eles predicaban, ao tempo que tamén combatían o cristianismo arriano da nación sueva.

Nesa época, a noso ver, moito posibelmente latín e linguas prerromanas puidesen convivir, se non en todo o territorio, cando menos nalgunhas áreas, quizais naquelas máis afastadas das cidades e das vilas de importancia. Coa chegada dos suevos nos primordios do século V a que xa fixemos referencia no parágrafo anterior, o panorama lingüístico acrecentouse, a pesar de os xermánicos iren adoptando o latín como idioma normal, esquecéndose vagarosamente así da súa propia lingua. Con todo, deixaron na Gallaecia o sistema actual de administración paroquial, unha estruturación do territorio que goza de máis de quince séculos de vixencia, e foron os precursores do reino medieval galego que máis tarde habería de se desenvolver.

Tamén neses tempos ten lugar un outro acontecemento que se non pode secundarizar, cal foi a chegada da derradeira das colonizacións célticas á Gallaecia. Coa invasión de anglos, xutos e saxóns nas actuais Cornualla, Gales e Inglaterra nos séculos V e VI, prodúcense certos movementos migratorios cara a outras rexións da Europa por parte dos seus habitantes. A maioría dese éxodo, que moraba na illa que se chamaba Britania, dirixiuse para á Armorica, que significa en celta ‘a terra sobre o mar’, mais foi tan numeroso o seu continxente humano que chegou mesmo a lle modificar o nome á terra de recepción, que desde ese momento pasou a ser coñecida como Britania, Bretaña, ou, en bretón moderno, Breizh; a antiga Britania pasou a se denominar Gran Bretaña. Outras desas migracións arrivaron ás costas do norte da Gallaecia, nunha zona comprendida entre as actuais localidades de Mondoñedo e Oviedo, e fundaron a súa propia cidade, Britonia, orixe da actual Bretoña. Pensemos que as comunicacións a través do mar con outros países atlánticos durante a Idade Media eran moito máis fáceis que as terrestres; unha viaxe da Cornualla até á Coruña ou Brigantium podía demorar apenas uns días, mais un transporte de mercadorías desde a cidade do magnus portum artabrorum até ao centro da península iberica levaba ben varias semanas.  

A importancia desa chegada de celtas da Britania no século VI quizais non fose menor. Á fronte deses colectivos viña un bispo, Maeloc, que exercía de líder político e relixioso, neste caso non na esfera xeográfica, asociada a unha diocese convencional, mais no sentido étnico. A brétema envolve tanto a súa figura canto a forma do seu nome (Maeloc, Mailoc, Mayloc etc.), pois pouco máis se sabe del, para alén da súa presenza nos concilios suevos de Lugo (569) e Braga (572), onde é coñecido como o “episcopus britanorum”. A súa lingua de relación eclesiástica sería sen dúbida o latín, mais o idioma habitual con que se comunicaba co colectivo humano que gobernaba correspondería a unha modalidade de britónico. Por tanto, ao latín (importado polos colonizadores e funcionarios romanos), á lingua ou linguas de orixe prerromana (que, embora minoritarias, posibelmente continuasen a ser empregadas nalgunhas áreas) e ao suevo (quizais utilizado igualmente de modo minoritario) viña adicionarse o britónico de Maeloc e das súas xentes. Tamén non descartamos que, mesmo con carácter minoritario, se falasen outras linguas en determinadas circunstancias; puido haber familias patricias nas principais capitais que, a continuaren así o costume romano das clases acomodadas, tivesen escravos gregos que se encarregaban da educación das crianzas, coa lingua grega entre as materias da formación.  

Vira moito difícil ou imposíbel sabermos como as mulleres e os homes do norte do país darían asimilado esa case babélica situación, pois, como foi dito máis acima, non hai testemuños documentais. Mais talvez se non torne totalmente difícil imaxinarmos que, nos momentos iniciais da conquista romana, durante os primeiros séculos, se xerase algún tipo de pidgin ou crioulo, orientado sempre cara á lingua imposta polos conquistadores de Roma, o cal iría lentamente confluíndo con aquela, proporcionándolle algúns dos trazos que máis tarde singularizarían o galego face a outras linguas románicas. Tampouco se fai especialmente difícil pensarmos que a chegada de celtas britónicos á rexión de Mondoñedo tivese algún impacto no latín galaico que se empregaba alí, embora resulte completamente imposíbel acharmos indicios que esteen tal hipótese. Con todo, o léxico do norte do país dá mostras de singularidades vocabulares, as máis delas de orixe latina, que non se achan no resto do territorio ou que son escasamente coñecidas fóra desas áreas setentrionais, a pesar –voltamos a insistir– de non podermos procurarlles explicación canto ao uso por esa vinda de britanos: estamos a pensar en léxico como biouteiro ~ bieiteiro (‘sabugueiro’), brosa (‘machada’), celigras ~ ciligras ~ deligras ~ diligras ~ teligras ~ tiligras etc. (‘cóxegas’), chaola (‘orella’, sobremesa do Entroido na zona de Cariño), cimo e cimón (‘grelo’), coscos (‘caracois’), cuza (‘cadela’), fereixó ~ freixó (‘filloa’), golpe (‘raposo’), poallar ~ puallar (‘orballar’) etc. Deixamos aquí a porta aberta para futuras pesquisas confirmaren ou infirmaren estas persoais suposicións.

Por último, unha cuestión que non se pode esquecer é como o territorio conservou o nome que lle impuxo Roma. A Gallaecia, convertida en provincia romana en 218 por Diocleciano e organizada en tres conventos xurídicos internos coas respectivas capitais (Lucus Augusta ou Lugo, Bracara Augusta ou Braga e Asturica Augusta ou Astorga), mantivo diferencialmente a súa denominación como entidade política e administrativa, o que parece dar indicio, en primeiro lugar, da súa importancia económica e demográfica; outras provincias ou rexións perderon o nome romano (Baetica, Galia, Lusitania etc.) no uso corrente, que, no mellor dos casos, só subsiste hoxe en día de maneira parcial: Cartaxena, nome de cidade proveniente da antiga rexión Cartaginensis; Tarragona, igualmente nome de cidade da vella provincia Tarraconensis; etc. Falando en termos de relevancia socioeconómica, tamén non podemos secundarizar o aspecto cultural e espiritual, ao ser a Gallaecia o territorio de nacenza ou de adopción de ilustres vultos da vida académica e relixiosa da altura, coa monxa viaxeira Exeria ou Etheria (s. IV) –autora do Itinerarium ad loca santa–, o teólogo Paulo Orosio (aprox. 375-425), o bispo de Chaves Hidacio (aprox. 400-470) –responsábel polo interesante Cronicon–, os xa citados San Martiño de Dume e San Frutuoso, Valerio do Berzo (c. 630-695) etc. Así pois, a Gallaecia, unha terra sen dúbida lonxe de Roma, achábase non precisamente na periferia do debate relixioso e cultural da época; non é de estrañar, por tanto, que o latinista Xosé Eduardo López Pereira se ocupase de analizar ese período na súa obra O primeiro espertar cultural de Galicia (1989).  

Xa en segundo lugar, a continuarmos coa manutención do nome, debemos notar que, embora tendo sido colonizada e conquistada en varias ocasións por diferentes pobos ao longo da historia, a Gallaecia tamén deu conservado a súa denominación por parte desas nacións: nin coa invasión dos cuados ou suevos, nin coa chegada dos celtas da Britania nin coa anexión por parte dos visigodos se utilizou un nome que non fose o que se propagou grazas aos conquistadores romanos. E aínda se podería dicir máis: nos primeiros séculos de arabización da península ibérica, as crónicas dos novos moradores distinguen os territorios cristiáns dos musulmanos a identificaren aqueles como Khalisia ou Jhalisia e estes como Hispania.

En definitivo, a historia do país e das xentes que o habitaron no andar dos séculos dá mostras de se tornar tan atractiva como descoñecida para a maioría da populación galega. E, nestas contas, os aconteceres lingüísticos dos pobos que moraban nela cando se estaba a transformar de Gallaecia en Galiza viran igualmente dignos de interese, nunha relevante época de transición entre o mundo antigo e o medieval.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña