17:08 Luns, 23 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-05-2020

Mesmo antes de que o goberno do Estado decretara, o pasado 14 de marzo, o primeiro estado de alarma, o BNG xa lle tiña feito propostas

Prórroga si, pero non así

Valorar (19)

ROSANA PÉREZ FERNÁNDEZ


Mesmo antes de que o goberno do Estado decretara, o pasado 14 de marzo, o primeiro estado de alarma, o BNG xa lle tiña feito propostas para, por un lado, frear a expansión do Covid-19 e, por outro, atallar as consecuencias sociais e económicas que se prevían.

Dende o minuto un avogamos polo diálogo e a cooperación e rexeitamos a confrontación política diante da situación de excepcional gravidade que significaba sanitaria, social e económicamente a expansión do virus. Tamén, dende o principio expuxemos con claridade que a centralización absoluta na toma de decisións -pola que optara o Goberno- non nos parecía a mellor maneira de enfrontar a crise dende os distintos territorios, e deciamolo non por ideoloxismo puro e duro, senón por funcionalidade e eficacia práctica.

Non fomos os únicos. Outras forzas políticas advertiron, con maior ou menor contundencia, que “prórroga si, pero non así”. Con todo, tres das 4 veces que ese debate se levou ao Congreso apoiámolo á par que ofrecemos alternativas, propostas sensatas e actitude construtiva que, en ningún momento, foron tidas en conta. O Goberno en minoría do PSOE-UP optou sempre pola fuxida unilateral cara adiante, por non escoitarnos e, moito menos, por intentar chegar a acordos con nós.

Deste xeito, o pasado mércores, no cuarto debate da prórroga do estado de alarma, todos, os dezaseis grupos políticos que conforman a oposición parlamentar no Congreso dos Deputados, votaran a favor, en contra ou abstivéranse, coincidiron nun argumento: A falla de diálogo do Goberno con eses grupos e coas Comunidades Autónomas.

A estas alturas, pois, non é de recibo que, máis una vez, xurda o vello debate de que, pase o que pase, a esquerda ten que estar unida fronte á dereita. Esta dicotomía que aparece e desaparece intencionada e oportunistamente segundo lle conveña a PP e PSOE, e agora tamén a UP, e que mesmo potencian para retroalimentarse, non pode ser cegamente aceptada polos galegos e galegas que vemos a diario como se desprezan as aportacións das forzas soberanistas a prol da defensa dos seus países, das institucións propias e mesmo das súas minguadas competencias.

Pedro Sánchez foi investido en segunda volta como presidente do Goberno con 167 votos (os do PSOE, UP, PNV, Máis Pais, Compromís, Nova Canaria, Teruel Existe e BNG) e a necesaria abstención de ERC e EH Bildu, fronte a 165 en contra. E ese apoio, únicamente para a investidura no caso do BNG, non foi nin é, como ben lle deixou dito daquela o noso deputado Néstor Rego, un cheque en branco.

De sempre, a nosa actitude no Congreso foi, cando se pudo, a de dialogar, a de negociar e a de pactar cando foi posíbel, mais non a de decir amén a un Goberno, fose de dereitas ou de esquerdas (sen entrar a discutir aquí o que cadaquén entende por organizacións políticas de esquerda). A defensa da nosa nación, dos nosos dereitos e singularidades como tal, da nosa xente e das nosas potencialidades económicas foi ao longo de máis de vinte anos o noso sinal de identidade e ese é, precisamente, o debate de fondo.

A contradición principal entre as forzas que se autodenominan progresistas é a de Estado-Galiza. A unidade do Estado, que supedita ás nacións ao mando único (nunca mellor dito) dun Executivo e, no mellor dos casos, dun Lexislativo que impide, unha e outra vez, o avance das poucas competencias de Galiza e moito menos que esas competencias vaian na dirección do recoñecemento do noso pais como nación ou de obter a capacidade real de decisión para podermos resolver os nosos múltiples problemas. Eis a chave.

E é esa tamén a razón principal pola que a esquerda española prefire buscar apoios, entablar diálogo e chegar a acordos coas forzas máis reaccionarias e recentralizadoras do hemiciclo, coas que sabe que nunca lle van discutir quen debe ter o mando e coas que nunca vai ter diferenzas de criterio para recurtar as xa poucas competencias autonómicas.

O problema non é, en definitiva, que o PSOE-UP concorden ou non coas nosas propostas sociais, o problema é que non están dispostos a pasar porque esas ou otras propostas se desenvolvan dende Galiza, que sexamos os galegos e as galegas quen as levemos a cabo desde a nosa propia capacidade, desde o coñecemento da nosa realidade e desde as nosas institucións.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña