04:36 Luns, 26 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-05-2020

Máis unha dialéctica Galiza/España

Territorio alleo

Valorar (14)

XOÁN COLAZO PAZÓ


Non imos tratar dalgún lugar estranxeiro, de fóra de Galiza. Falaremos de aquí, do territorio galego, que, porén, malia ser noso, é tratado como se fose alleo. Quizais por iso máis cumpriría adxectivalo de alleado.

Nin no Antigo Réxime, nin dende logo dende a creación do Estado moderno no século XIX, Galiza contou practicamente con institucións administrativas propias, que se adaptaran á realidade territorial do país. Calquera que fose a forma que adoptou o Estado Español, aplicou sempre en Galiza unhas estruturas político-administrativas que lles eran e son eficaces para os seus intereses pero que coliden co que precisamos e co xeito de habitarmos e relacionármonos coa nosa terra. Este é un dos piares en que se basea a dominación á que nos somete. A falla de soberanía para podermos decidir e implantar unhas estruturas territoriais propias, empece ademais un correcto e completo desenvolvemento das nosas potencialidades en todos os ámbitos da vida: económicos, socias, culturais, ambientais,... Sabemos que a superestrutura estatal española se aplica aquí para axudar a rematar coa nosa identidade, controlar os recursos de todo tipo de que dispoñemos e para manter a subordinación aos centros políticos de decisión alleos.

Pero, alén desta caracterización teórica sabida ou intuída, a pouco que nos fixemos, a distorsión entre a nosa realidade e a inadecuada organización territorial que padecemos faise notábel e ten consecuencias prácticas. A última delas aflorou coa situación derivada do coronavirus.
De primeiras dixeron que os territorios non importaban nesta pandemia, mentres Portugal pechaba as fronteiras co Estado Español e este implantaba un estado de alarma no territorio no que pode exercer a soberanía. Logo eliminaron competencias autonómicas -por definición outorgadas, non froito de cesión voluntaria ou pactada de soberanía- para centralizar aínda máis, mentres espallaban ás periferias o principal foco de contaxio. Bos exemplos de contradicións discursivas, que non de intencións.

E a nivel de organización interna do noso país, as medidas de desconfinamento destes días amosan ás claras non só a falla de soberanía para decidir segundo os nosos intereses e especificidades, senón que nos obrigan a actuar como se fósemos habitantes de Madrid. A disposición de ter como base as provincias e uns concellos implantados en Galiza con criterios mesetarios, fai que os ritmos, fases e horarios das nosas vidas cotiás diverxan de toda lóxica. A non consideración das parroquias e comarcas como entes básicos do poboamento galego e que isto sexa tido en conta nas medidas para superar o virus provoca situacións esperpénticas. Calquera de nós pode verificalo coa experiencia propia ou ollando para o seu entorno. E isto, sen falar xa de aldeas e lugares, os máis pequenos núcleos de poboación galegos, que tampouco son tidos en conta para nada por máis que supoñan practicamente a metade de todos os núcleos existentes no Estado.

O anterior é consecuencia desa contraposición entre unha realidade territorial galega moi diferente da española e unhas leis e institucións político-administrativas estatais que non se lle corresponden.

Por unha banda, as parroquias son aínda formas de encadramento social que non tiveron translación á estrutura administrativa nin legal, alén dos montes veciñais en man común e malia ao proposto nos vellos programas políticos nacionalistas. Dende unha visión do país autocentrada, nalgún momento haberá que rematar con esa carencia, antes de que o despoboamento, a urbanización difusa e moitos outros factores rematen por desvirtuar esta institución senlleira do país, e con elas boa parte da nosa identidade territorial (e non só). Por outra banda, as comarcas tampouco tiveron concreción práctica á hora de estruturar internamente Galiza e por iso non puideron ser a base dun modelo administrativo eficaz e eficiente para organizármonos como país. O exemplo de ter en conta as áreas sanitarias como base da desescalada fronte ás provincias, ispe o actual goberno do PP na Xunta do seu falso e interesado oportunismo. Daquela, por que hai hoxe só sete áreas sanitarias, cando até a reforma da Lei de Sanidade do ano 2018 o seu número era de once? Non foi ese mesmo goberno do PP o que as reduciu como máis unha medida privatizadora e recortadora? Non sería máis lóxico ir no sentido contrario, cara a verdadeiras áreas sanitarias comarcais que acheguen o servizo ás persoas?

Malia ao indicado no Estatuto de autonomía, nin parroquias nin comarcas tiveron desenvolvemento e recoñecemento oficial por medio de estruturas administrativas operativas. Fronte a elas o localismo e o provincianismo (que non o histórico provincialismo das e dos precursores) desenvólvense con corda longa da man do Estado Español. A dialéctica Galiza/España no territorial e administrativo segue sen se resolver a prol do nosos intereses.

En epidemioloxía os territorios si importan, mesmo son fundamentais para atallar a extensión e gravidade dos contaxios. A racionalidade no ámbito territorial máis ca unha discusión teórica ten enorme dimensión práctica e inmediata.

Imaxinar unha Galiza organizada sobre parroquias, concellos máis racionais, comarcas e, alén da nosa propia independencia, relacionada co resto de nacións de Europa e do mundo en pé de igualdade é un paso para poñérmola en práctica.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña