07:22 Martes, 22 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-04-2020

O Covid-19 destapa con crueza os recortes e privatizacións que levaron a cabo durante todos estes anos os gobernos da dereita

Os virus son inevitables, as epidemias non

Valorar (7)

RAÚL RÍO DÍAZ


Tomo prestado o título para estas verbas, do epidemiólogo americano Larry Brilliant, ao ver a incompetencia dos nosos gobernantes para atallar o virus, antes de que se convertera en epidemia.

O Covid-19 destapa con crueza os recortes e privatizacións que levaron a cabo durante todos estes anos os gobernos da dereita, recortes que hoxe matan xente. Un exemplo é Madrid, onde gobernou o PP durante 25 anos, desviando tres millóns de euros da sanidade para a caixa B do PP madrileño e deixando hoxe nesa capital menos traballadores na sanidade que os que había en 2010, cando esa capital tiña medio millón menos de habitantes. Outro tanto pasou en Galicia, onde Feixoó leva once anos pechando camas e ambulatorios, vendendo hospitais, derivando á privada e despedindo médicos e pediatras, mentres outros profesionais da sanidade tiveron que emigrar.

Postos nesta situación de pandemia, debemos utilizar todos os medios para combatela, aínda que haxa persoas que dan mais prioridade á economía que a vida das persoas, como Isabel Diaz Ayuso, que non tivo reparo en dicir o 11 de marzo na televisión madrileña, que “Madrid non se vai pechar” polo coroavirus, porque “algo así prexudica gravemente á economía”, cando Madrid se converteu nun foco de infección para toda a península e que nestes tempos de globalización irradia a todo o mundo.

Non se parou a tempo a actividade económica non esencial, porque a dereita e a patronal afirmaban que non se podía permitir "un peche global" da actividade económica e industrial, e o Lehendakari Urkullu andaba mais preocupado de que as empresas non parasen que das mortes e da saúde dos mais de oito mil contaxiados en Euskadi, despois de advertir os médicos que o frearon en China, que o confinamento non é suficiente e que “hai que paralizar toda a actividade económica non esencial”, mentres no Estado Español millóns de persoas estaban sendo obrigadas a ir a traballar en sectores que non eran de primeira necesidade. Son tan egoístas que non queren entender que canto antes se parara antes se arrancaba e o tempo desa parada sería moito menor.

China foi a primeira e en pouco tempo dominaron a situación, sen embargo o Estado Español tivo mais de quince días de vantaxe para tomar medidas (como dixo unha enfermeira española en Italia), pero non o fixo. Nese tempo xa tiñan dabondo, tanto eles como os medios de comunicación adictos ao réxime, con criticar o sistema chino e tratar despectivamente a súa poboación dun xeito entre racial e paternalista, chamándolle a peste china.

Claro que o Estado non dá puntada sen fío e veulles moi ben para desviar a atención dese cheiro putrefacto que ven da Casa Real e nun acto de autoritarismo, represivo e electoralista, aproveitan para centralizar mais o Estado e intentar lavar a imaxe deses militares, nos que aínda aniña o espírito franquista, que se dedican a dar discursos patrióticos, facendo alusión á guerra e aos valores castrenses con arengas belicosas como: “Sin novedad en el frente “, cando estaban a morrer centos de persoas; “guerra irregular”, “contienda bélica sin armas”, “valores militares”, “moral de victoria”, ou que “todos somos soldados”, que ten mais que ver con un nacionalismo ultra-español rancio e supremacista que coa solución á pandemia da que intentamos saír.

Tanto Marlasca como Fernando Simón, menten cando din que o Covid-19 non ten fronteiras, e por iso non quixeron pechar Madrid nin blindar Galiza, cando agora sabemos cientificamente que a xenética do coroavirus que circula por Galiza veu de Madrid. Nin a propósito se pode facer peor. As que non teñen fronteiras son o cancro e outras enfermidades non virais, pero nas enfermidades contaxiosas compre illar os sans dos infectados, por iso China pechou Wuhan, por iso agora estamos recluídos e temos por fronteira as catro paredes da casa, e cando saímos aínda temos facer unha fronteira imaxinaria de mais dun metro e medio de distancia doutra persoa.

Si algo bo puidemos aprender desta pandemia foi que este sistema neoliberal non nos sirve; que a solidariedade e os dereitos humanos nos Estados que presumen de democráticos non existen; que estamos nunha Unión Europea do sálvese quen poida, na que xa non se respecta nin os países amigos nin o dereito internacional; que os gobernantes deses estados son ladróns e chantaxistas sen escrúpulos, como puidemos ver no latrocinio de Macron, cando se apropiou de catro millóns de máscaras pagadas polos Estados Español e Italiano, ou cando Turquía requisa 15 ventiladores que mercara Castela a Mancha; agora sabemos que a Monarquía (a que lle temos que poñer data de caducidade en canto saiamos desta), non serve para nada, e que non podemos permitir que desmantelen os servicios públicos, xa que os privados non son a solución mais que para os empresarios e para aqueles dirixentes sen escrúpulos, que ao rematar a súa etapa política utilizan esas empresas para enchufarse no seu consello de administración. Por outra banda, démonos conta da solidariedade e axuda de Cuba e China, países que enviaron científicos, médicos, enfermeiras, menciñas e insumos a Italia e outros países para salvar vidas, na vez de militares, bombas, carros de combate, morte e destrución, como fai o imperialismo e os seus lacaios. Aquí, pola prepotencia do goberno “de progreso” e o seu servilismo ante os ianquis, non permitiu a axuda cubana que pedira Catalunya, nin o medicamento cubano Interferón alfa-2b, que se utilizou con tan bos resultados en China, non só para curar aos enfermos, senón tamén para aumentar as defensas do persoal sanitario para que non se infecte, pero a eles non lles importan nin uns nin os outros.

Di Larry Brilliant que “os virus son inevitables, as epidemias non” e Albert Camus, na súa novela “A Peste”, afirma que “uns cantos casos non fan unha epidemia, porque bastaría con tomar precaucións”, pero como os nosos gobernantes non as tomaron, converteuse en pandemia. Menos mal que imos saír dela, non polo Goberno, nin intentando lavar a luxada imaxe dos símbolos tradicionais hispánicos, como son o exército e a do seu “primeiro soldado”, senón a pesar deles, porque o pobo é quen salva o pobo e contamos con un gran equipo de profesionais da sanidade pública, desde o persoal de limpeza ao colexiado, un verdadeiro exército de heroes que sen as proteccións adecuadas arriscan a súa propia saúde para curar a nosa. Moitas grazas a todas elas.
Grazas tamén a Nestor Rego, que nun exemplo de solidariedade, coherencia e integridade moral decidiu quedarse en Madrid para non poñer en risco a súa familia, a súa xente e ao seu país. Foi el so o que o fixo, pero iso demostra que non todos os políticos son iguais.

[07-04-2020 15:40] Lois comentou:

A PANDEMIA COLOCOU 20 COISAS EM EVIDÊNCIA.
1. Estados Unidos deixou de ser líder.
2. China ganhou a 3ra guerra mundial, sem lançar um míssil e ninguém percebeu.
3. Xi Jinping é visionário.
4. Na marra mesmo, pode ser feito muito pelo planeta e a humanidade.
5. O pessoal da saúde pública vale mais que um jogador de futebol.
6. O combustível a nível mundial não vale nada em uma sociedade sem consumo.
7. A prevenção salva mais vidas do que agir na última hora.
8. As crianças ocupam um lugar privilegiado na natureza.
9. A morte não distingue raça nem status social.
10. Funcionários da saúde pública estão sozinhos, abandonados e esquecidos, e mesmo assim não recuam.
11. NÃO estamos preparados para uma pandemia.
12. O ser humano é oportunista e desprezível, sem importância econômica ao SUBIR os preços das coisas básicas e necessárias.
13. As crianças de hoje não sabem brincar sem internet ou TV.
14. As redes sociais aproximam, mais também geram caos.
15. Papel higiênico é mais importante que a comida.
16. O planeta se regenera rápido sem humanos.
17. A humanidade é um vírus para o planeta.
18. O mundo está dividido sem necessidade de fronteiras.
19. Começamos a valorizar um aperto de mão.
20. A quarentena nos ensina como os animais no zoológico se sentem sem a liberdade.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña