14:00 Martes, 27 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-04-2020

Os Pactos da Moncloa asinados en outubro de 1977 non foron gratis, houbo beneficiados e prexudicados

Uns novos pactos da Moncloa para que?

Valorar (41)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Os Pactos da Moncloa volveron á actualidade política, púxoos enriba da mesa o ministro Ábalos o pasado xoves, e dous días despois foi Pedro Sánchez quen fixo referencia á necesidade de reeditalos unha vez remate a crise da coronavirus. Tendo en conta quen son Pedro Sánchez e Jose Luis Ábalos e o momento no que o fixeron, dúas roldas de prensa retransmitidas en directo pola maioría de medios de comunicación, non podemos estar diante dunha casualidade.

Pero sabemos que foron os Pactos da Moncloa realmente? Quen se lembra deles?. A historia oficial, a que aparece nos libros de ESO e Bacharelato, fala duns pactos asinados en outubro de 1977 fundamentais para a consecución da democracia e a ruptura co franquismo; pactos aos que se chegou grazas á capacidade negociadora de Adolfo Suárez, ao alto sentido da responsabilidade da oposición, e como non podía ser menos á acción do rei Juan Carlos.

Vista a cousa así pódese pensar que Pedro Sánchez como estadista busca un acordo global de todas as forzas, para que o estado español saia da grave situación económica e por tanto social na que se vai atopar cando remate a crise sanitaria; e para iso móstrase disposto a un pacto coas tres dereitas hoxe na oposición. Pero ese acordo de producirse sería a cambio de algo, por esa razón, e deixando de lado o mito deberíamos comprobar quen gañou e quen perdeu con aqueles pactos.

Os Pactos da Moncloa asinados en outubro de 1977 non foron gratis, houbo beneficiados e prexudicados, pois o “arrimemos todos o ombro” ou o “imos saír desta todos xuntos”, presentes tamén naquel momento, quedan moi ben nos discursos para subir a moral, pero sabemos ben que nin arrimamos todos por igual nin sairemos todos xuntos. Vímolo recentemente na crise iniciada en 2008, na que houbo gañadores e perdedores; no estado a gran banca foi gañadora, recibindo a fondo perdido un rescate de 60.000 millóns de euros, e no caso galego a caixa de aforros da que saíu o actual banco Abanca foi comprada por só 1000 millóns de euros, despois de ter sido saneada con 9000 millóns de euros de cartos públicos, recuperando o propietario o seu investimento no primeiro ano, no que obtivo xa beneficios. E foi fundamentalmente a clase traballadora, xunto con autónomos e pequena empresa quen tivemos que apandar cos prexuízos , perdendo dereitos laborais e sociais os primeiros e varios puntos de poder adquisitivo o conxunto, perdas das que aínda non nos demos recuperado.

Os Pactos da Moncloa foron iniciativa dos sectores franquistas máis intelixentes, conscientes da necesidade de mudar algunhas cuestións para non perder o seu poder económico, afectado naquel momento pola crise do petróleo, e a súa presencia e control dos poderes e de moitas institucións do estado. Actuando de xeito moi intelixentemente conseguiron unha foto que os branqueou, conseguindo que aquela esquerda legalizada uns meses antes –outros éramos aínda ilegais- entrara nun camiño que supuxo importantes perdas para a clase traballadora e as maiorías sociais. CCOO entrou naquelas reunións como sindicato con unha importante folla de servizos no combate á ditadura e saíu das mesmas convertida en “axente social”, unha perversión da linguaxe que se mantén na actualidade; e UXT que inicialmente mantivo unha actitude coherente rematou tamén asinando.

Entre as medidas económicas incluídas naqueles Pactos estaba a limitación das subas salariais ao 20% pese a haber naquel momento uns índices de inflación superiores ao 30%; a posibilidade do despido libre, inicialmente de até un 5% do persoal, naquelas empresas nas que o empresariado e outras organizacións sindicais puideran ter chegado a acordos superiores aos topes salariais establecidos no acordo. Introducíase tamén a posibilidade do despido libre de mozos e mozas nos dous primeiros anos en postos de traballo de nova creación.... pero non se incluía ningunha novidade importante en canto á necesaria reforma fiscal. PCE, PSOE, CCOO e UGT pasaron así a participar da estrutura que estaba deseñando o novo réxime, un deseño planificado entre sectores do franquismo, os EEUU e a socialdemocracia da RFA.

Os Pactos impoñían á clase traballadora a asunción de grandes sacrificios para poder camiñar cara a democracia, pero nin se avanzaba cara a derrogación da Lei anti-terrorista empregada na represión e folgas e manifestacións nin se tocaba apenas o tramado de poder do franquismo. E sendo certo que había algunhas pequenas promesas como un aumento dos postos escolares nas grandes cidades, lembraba non hai moitos anos o historiador Josep Fontana sobre os poucos contidos positivos que “(...)os negociadores se esqueceron de crear un organismo de seguimento para asegurarse do seu cuprimento(...)”. Os Pactos da Moncloa, hoxe convertidos noutro mito da transición, reduciron a conflitividade laboral e social, abriron camiño a múltiples pactos entre os “axentes sociais” e os distintos gobernos, e supuxeron o inicio de unha desmobilización e desencanto en moita militancia de esquerda sindical e política; en palabras do mesmo Josep Fontana “(...)O meu desengano completouse en 1977, o día en que escoitei a Santiago Carrillo explicar aos militantes do PSUC que os Pactos da Moncloa, que acababa de asinar, contiñan toda sorte de ganancias para a clase obreira, e que eran un paso adiante cara á sociedade socialista, ou pouco menos(...)”.

Daquela o nacionalismo galego unha vez máis tivo que dicir NON saíndose do rabaño, e a Intersindical Nacional Galega-ING (antecedente da actual CIG) xunto coas Comisións Labregas, co apoio do resto de organizacións nacionalistas, convocou diversas mobilizacións con importante seguimento, pero desgraciadamente os Pactos da Moncloa foron tamén en Galiza o primeiro chanzo na imposición da chamada transición democrática e o inicio dunha progresiva desmobilización social.
Trinta e nove anos e unha forte crise económica despois, non podemos caer no mesmo engano. Para saír da actual situación non temos que facer tod@s o mesmo esforzo, pois hai quen en todo este tempo non fixo máis que acumular beneficios e repartir dividendos, eses son quen deben arrimar o ombro.

Moit@s que non coincidimos para nada co PSOE estivemos e estamos apoiando as medidas máis urxentes e necesarias para atallar a urxencia sanitaria e salvar vidas, pese a esa auto-suficiencia propia do centralismo español que o levou a rexeitar todas as propostas feitas polo BNG no Congreso, como a paralización dos sectores económicos non esenciais ou a descentralización de decisións para beneficio da eficacia das actuacións. E diante da realidade testan que obrigou ao goberno español a dar marcha atrás e ter que adoptalas non fixemos sangue, pois aínda na discrepancia non somos voitres. Pero se o que buscan con ese chamamento ás tres dereitas a unha unidade da nación española con nós que non conten. Ese berro de “todos a una”, non é o noso, temos experiencia dabondo de que eses chamamentos só serven para impoñer máis centralismo, reducir dereitos e deixar aos máis desfavorecidos no camiño.

As eléctricas veñen de pagar aos seus accionistas 5.5000 millóns de euros en dividendos hai uns días, a banca débenos 60.000 millóns de euros, as sicav seguen permitindo a evasión de miles de millóns de xeito legal, algunhas das grandes corporacións que teñen decidido aplicar ERTEs acumulan inmensos beneficios, membros da familia real seguen facendo os seus negocios aproveitándose dos privilexios que lles dá a súa condición. Empecemos por aí e despois falamos.

anterior 1 2

[06-04-2020 10:56] unamigocalquero comentou:

Que teima cos 60.000 M€ da banca española. Os informes da mesma Comisión de Competencia da UE (sobre as axudas de estado ao sector financeiro, no último ano para o que existen dados, 2018), dinnos que entre outubro de 2008 e outubro de 2017, para o conxunto da banca dos 28 estados aprobáronse 5,1 BILLÓNS de euros, dos que se utilizaron 1,97 BILLÓNS de euros. Á banca española: aprobados (0,54 Billóns €) e utilizados (0,19 Billóns €). Esta é a realidade: recapitalización + saneamento activos tóxicos + garantías + outras medidas de liquidez). Non hai que quedar na primeira e parecera que única medida. Estes informes da UE están ao alcance de calquera para os estudar con todo o detalle que quera por estados integrantes dese enxendro economicista.Polo demais, todo ben.

anterior 1 2
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña