16:24 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-04-2020

Desa viaxe polas principais vilas cubanas faise eco o Galicia; e respecto dos concertos que tiña previsto dar na Habana, agardaba que a colonia galega en Cuba

A pianista Emilia Quintero Calé: a súa xira cubana de 1911

Valorar (3)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


O mesmo día que se cumpría o terceiro cabodano do pasamento de Manuel Curros Enríquez (7-3-1908), a revista habaneira Galicia, no monográfico que lle adica, anuncia nun solto que a eminente pianista galega Emilia Quintero Calé daría en breve varios concertos na Habana, a onde chegaría un deses días. (Galicia, ano X, nº 10, Habana, 7-3-1911, p. 7).

Dúas semanas despois volven informar sobre este asunto, indicando que "esta notable pianista de universal renombre" era filla da insigue poeta Emilia Calé, falecída había pouco tempo [fixérao o 18-9-1908], sobriña [realmente curmá] do poeta Teodosio Vesteiro e alumna de Dámaso Zabalza e Pablo Sarasate, e viña de percorrer as principais cidades de España e Portugal. Por último, recollían o publicado por El Heraldo Alavés dun concerto que dera na sala "Parisiana" de Vitoria. (Galicia, nº 11, 19-3-1911, p. 5).

Nestes días, -antes do 25-, chegou Emilia á Habana no vapor "Virginie", da Compañía Trasatlántica Francesa. (Galicia, nº 12, 25-3-1911, p. 5).

Na nosa terra, a finais de abril El Correo Gallego faise eco da chegada a Cuba de Emilia, salientando que a prensa da Habana falara con entusiasmo da distinguida pianista, ben coñecida en Ferrol porque alí vivira moito tempo, xulgándoa coma unha das máis brillantes concertistas que pasaran por Cuba. Fora moi agasallada, xantara co embaixador de España, co presidente do Centro Galego e da Beneficencia galega, e asistira a actos na súa honra organizados polo máis selecto da colonia galega. Tamén se publicara un retrato dela. Os seus concertos constituíran un grande éxito e tiña previsto viaxar a outras vilas de Cuba e "más tarde á Méjico desde donde regresará á España". (El Correo Gallego, nº 11012, Ferrol, 27-4-1911, p. 1).

Desa viaxe polas principais vilas cubanas faise eco o Galicia; e respecto dos concertos que tiña previsto dar na Habana, agardaba que a colonia galega en Cuba, "que tanta solicitud y prodigalidad ha tenido con las glorias de otras regiones hermanas", ofrecería un tributo de admiración e respecto digno de tal eminente artista. (Galicia, nº 19, 13-5-1911, p. 3).

Unha semana despois, a xornalista Mercedes Vieito Bouza, no artigo "De Arte", facíase eco da celebración dese concerto: apenas anunciado, xa existía unha grande animación para asistir ao mesmo, especialmente entre a colonia galega que quería aplaudir e admirar á ilustre pianista. Lembra que Emilia era filla de Emilia Calé, "cuyos versos inspiradísimos conservan los aromas de nuestros campos y las vagas y misteriosas melodías de un país de ensueño", herdando a filla esa delicadeza e sublime dominio da arte, patrimonio de espíritos elevados e talentos superiores, "dotes excelsas que elevan un nombre hasta las regiones de la inmortalidad". Continúa reflexionando sobre que Galicia tiña, na Arte, unha gloriosa representación, facendo algúns deses artistas, da música, un verdadeiro sacerdocio. Logo doutras consideracións sobre que a alma do pobo galego era de artista por excelencia, e que ese sentimento transmitíase de xeración en xeración, a través dos anos e dos séculos, e conservábase sempre, esperaba que Emilia Quintero, que deixaba por todas partes a lembranza da súa arte conmovedora e exquisita, que acadara o posto reservado ao verdadeiro xenio, aos grandes mestres, sería unha vez máis aclamada na Habana, resultando o seu concerto un grande acontecemento. Tiña a esperanza de que, para acompañala, acudiría a colonia galega en pleno, que afastada da súa terra, da súa patria..., iría ese día a soñar, grazas á música, cos vales e campos lonxanos, coa aldea querida, cos ecos de romarías e festas...(Galicia, nº 20, 20-5-1911, p. 1).

De novo Mercedes Vieito, no artigo "Emilia Quintero", ocúpase do concerto, que seria un éxito inmenso dada a categoría artística da "genial artista gloria de Galicia", eloxiada como pianista pola prensa de España e as principais cidades de Europa, "comparándola á una hada en el difícil instrumento, proclamándola reina del teclado y rodeando su nombre de un nimbo de gloria". Encarece á colonia galega a asistir, pois sería unha falta imperdoable a indiferenza "ante esa estrella brillantísima que es nuestra, que nos pertenece y de la cual debemos mostrarnos orgullosos", cando noutras ocasións rendéranselle homenaxes "á estrellas extranjeras que no valían lo que la nuestra".
Lembra Mercedes que tivera a honra de coñecela había uns días, destacando nela a virtude da modestia. De doce voz, amosaba na súa conversación unha vasta ilustración que non se cinxía só á música senón a moitos ámbitos. Non falaba dos triunfos ou ovacións que recibira, senón de arte, dos seus seres queridos e, con admiración sincera, dos grandes artistas galegos, alegrándose dos seus triunfos. Emilia procedía de familia de artistas e escritores: a súa nai, a poeta Emilia Calé; o seu parente Teodosio Vesteiro Torres, malogrado poeta; "Galicia Literaria", de Madrid, da que formaran parte escritores como Curros... Por iso, a pianista vira transcorrer a súa vida nun ambiente superior, de intelixencia, no que se foron desenvolvendo os seus sentimentos artísticos privilexiados e o seu precoz talento, chamando xa a atención dende a súa tenra nenez. Neste número, publícase a fotografía que ilustra este artigo. (Galicia, nº 21, 27-5-1911, p. 1).

Empezan tamén a saír na prensa da capital noticias tomadas dos xornais de Matanzas referidas ao concerto que alí celebrara Emilia había un mes, no Teatro "Sauto". Do Yucayo do 30 de abril recollían como o cronista do mesmo relataba que Emilia tocara apenas ante 50 espectadores, pero fixérao concienzudamente, como se a estivesen oíndo 2.000 persoas, "lo que prueba su temperamento espiritual y su culto y devoción al Arte en que oficia con innegable derecho y éxito indiscutible". Continuaba dicindo o relator que outros artistas visitaran a cidade, precedidos de sona e renome, pero na súa maioría nono impresionaran como a grande pianista, compatriota de Sofía Casanova, de Álvaro de la Iglesia e doutros xenios das letras e as cencias, "nativos de la bella Suiza española". Emilia, que posuía un inesgotable caudal de sentimento, interpretaba aos grandes mestres "poniendo á contribución su alma y todas sus potencias y sentidos", conmovendo e fascinando aos espectadores, que percibían, ansiosos e emocionados, coma en éxtase, as notas que arrincaba ao piano que, como submiso escravo, parecía someterse baixo a presión dos seus áxiles dedos. E remataba felicitándoa pola súa maneira de tocar, polo tesouro de espiritualismo que espallaba cando se sentaba ao piano, enviando de paso o seu pésame aos que, podendo, non quixeran asistir e apoiar a "una artista meritísima", que o merecía máis que moitas anunciadas eminencias que desfilaran polo escenario do "Sauto".

Pola súa parte, El Correo de Matanzas dixera que era unha artista de alma, que interpretaba con exquisito gusto as máis difíciles producións dos principais autores clásicos, podendo chamárselle "genial artista". Por iso, os poucos espectadores que acudiran ao concerto podían certificar que os innumerables eloxios que lle tributara a crítica seria de Europa foran xustísimos. Despídese o redactor lamentando non poder volvela a escoitar, xa que "la señora Quintero encanta con su música, subyuga intensamente". (Galicia, nº 21, 27-5-1911, p. 3). De novo na Habana, a finais de maio danse a coñecer os programas de dous concertos que daría na "Sala Espadero" [vencellada ao Conservatorio Nacional de Música] o xoves 1 e o domingo 4 de xuño.

O programa do primeiro concerto sería o seguinte: 1ª parte: "Trois Lesons" (Georg Friedrich Händel), "Pastoral variée avec cadenza" (Wolfgang Amadeus Mozart). 2ª parte: "Sonata para piano nº 23 Appassionatta" (Ludwig van Beethoven); "Marcha fúnebre" da sonata para piano nº 2, "Estude I, op. 25" e "Valse (en do sostenido menor)" (Frédéric Chopin). 3ª parte: "Minueto" (Ignacy Jan Paderewky), "Ossian" e "Dos Baladas" (Nicolás Ruiz Espadero); "Marche des Gibaros" e "Un souvenir de Porto Rico" (Louis Moreau Gottschalk); "Valse caprice" (Anton Grigoriévich Rubinstéin).

E o do segundo recital foi este: 1ª parte: "The Carman´s Whistle" (William Byrde), "The King´s Hunting Jigg" (John Bull); "Les Tricotenses" (François Couperin); "Les Tricotets" e "Tambourin" (Jean-Philippe Rameau); "Le Coucou" (Louis-Claude Daquin); "Toccata (Sonata)" (Doménico Scarlatti). 2ª parte: "Impromptu" (Franz Schubert); "Carnavales en Viena" (Robert Schumann). 3ª parte: "Valse" (Wanda Landoswka); Vilanella, Raf (non a puidemos identificar); "Chants sans paroles" (Piotr Ilich Chaikowky); "A Campanella" (Ferenc Liszt). (Galicia, nº 21, 27-5-1911, p. 4).

Debeu marchar de novo de xira, nesta ocasión ás cidades de Cárdenas e Unión de Reyes, onde deu os seus últimos concertos, regresando posteriormente á Habana. A prensa deses lugares colmáraa de calorosas loubanzas, e ela viñera gratamente impresionada do favor que lle dispensara o público desas cidades e das atencións que lle prodigaran "connotadas personalidades agenas á nuestra colonia". Como debía partir en breve, -fora solicitada para dar varios concertos en New York-, achegouse á redacción do Galicia para despedirse. (Galicia, nº 27, 8-7-1911, p. 3).

A última noticia que encontramos na prensa habaneira é de mediados de xullo. Nun artigo de Francisco Barral, titulado "Emilia Quintero", informa que a pianista marchara de Cuba, levando no seu maletín favorito de viaxe moitísimos episodios dignos de mención, como as demostracións de afecto e cariño dos galegos residentes na Habana e provincias, dos que particular e individualmente só recibira numerosas atencións, quedando eles prendados das súas dotes de artista e muller "al ver su fina y amable conversación, su esmerada y amena cultura".

Marchara Emilia sen facer o mínimo reproche á colectividade galega, "para aquellos que por Pepito Arriola se han desbordado de entusiasmo dándoles banquetes y regalos valiosos". No seu interior, -cavilaba o cronista-, Emilia sentiría a diferenza de paisanos a paisanos, diría que Pepito Arriola era un xenio, pero "¿yo no valgo nada para mis paisanos, para los 30.000 gallegos que pueblan la isla?"

Se non o dícía, debería dicilo, di o cronista, porque a colonia galega, os ferrolanos en primeiro lugar, amosaran moi pouco agarimo cara ela, que debía ter sido festexada e agasallada como o merecía unha artista do seu temple. Emilia, coa modestia que a caracterizaba, marchara moi agradecida de todos, en particular do Centro Galego, que lle cedera o Teatro o día da súa función, de Mercedes Vieito e outros moitos paisanos que individualmente se lle ofreceran moral e materialmente. Mais, ao preguntarlle pola colectividade en conxunto, un amargo sonriso asomara aos seus labios e, en lugar de contestar, dixolle ao entrevistador: "yo no me despido, prometo volver á esta hermosa Antilla y entonces, tal vez con más programa, vean mis paisanos oportunidad de hacer, lo que hoy por causas que no me es dado averiguar, no han hecho".

Da conversa que mantiveran, dedúcese que un dos motivos de que os concertos non acadaran o éxito agardado puidese ter sido as disidencias que había entre os do Centro Galego a a súa Directiva. Sen embargo, nas provincias fora moi ben recibida. Por exemplo, en Unión de Reyes hospedárase en casa dunha familia asturiana que a colmara de atencións, e en Cárdenas a súa curta estancia resultara un éxito.

Pide Emilia ao cronista que, por medio do Galicia, a despida dos compatriotas dos que lle sería imposible facelo persoalmente, desexando a todos "unión para acabar esas diferencias que á nada bueno conducen y va en perjuicio de los que, como nosotros, venimos á recorrer las Américas atenidos al sin número de conterráneos que se encuentran en ellas".

E finaliza Barral a súa crónica: "Y allá, con rumbo á New York, va la genial y meritísima pianista Emilia Quintero, donde, seguramente, será obsequiada y alcanzará los lauros á que, por sus manos y su cerebro, es acreedora. Lleve feliz viaje y sepa que aquí quedan unos cuantos, muchos, paisanos suyos que la estiman y admiran su notable talento y sabrán en ocasión más propicia dar mérito á quien mérito se debe". (Galicia, nº 28, 15-7-1911, p. 4-5).

Quince días despois, nunha revista galega publícase unha fotografía dela, mencionando que realizara unha brillante campaña artística en Cuba. (Vida gallega, ano III, nº 31, Vigo, 1-8-1911, p. 19).

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña