06:28 Martes, 22 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-04-2020

Mentres a media de camas por mil habitantes na OCDE é de 4,7, en España baixa a 3. Alemaña dispón dun 222% máis de camas en Coidados Intensivos que España, Francia, ten un 22% máis

Pés de barro

Valorar (8)

EDUARDO ÁLVAREZ


Hai moitísimos anos reinaba na Mesopotamia un poderoso monarca que dirixía o imperio desde o seu palacio de Babilonia. Unha noite, este rei tivo un pesadelo estarrecedor: aparecéuselle en soños unha enorme estatua de brillo extraordinario cuxa cabeza era de ouro; o peito e os brazos, de prata; o ventre e as coxas, de bronce; as pernas de ferro e os pés de barro. No medio do soño, o rei viu como, sen que ningunha man a empurrase, unha simple pedra se desprendeu dun cómaro e foi acarroulando até bater nos pés da impoñente estatua, que acabou escachada en mil triscos.
Vinte e seis séculos despois do soño de Nabucodonosor, que así se chamaba aquel rei, estamos vendo como a peste que nos azouta ataca con fereza o que nos facían crer ser o mellor sistema sanitario do mundo. Por causas tamén descoñecidas, propagouse, non unha pedra senón un virus que derrubou a falsamente sólida consistencia da súa armazón.

Naqueles tempos de Babilonia, todos os sabios, magos e encantadores que había ao servizo da corte real foron incapaces de entender o soño do rei e tivo que explicalo un profeta pertencente a un pobo sometido á escravitude dese imperio. Hoxe, os magos e encantadores da globalización neoliberal estendida polo mundo impuxeron tamén como valor supremo o becerro dourado do libre mercado sometendo as persoas ás grandes corporacións económicas e financeiras e os executores das súas políticas, durante moitos anos, afanáronse en abrillantar a cabeza dourada desta estatua e en inchar o seu peito de prata mentres lle foron reducindo na base os inconsistentes pés de barro.
Velaquí o resumo dos datos que neste pasado mes marzo ofreceu a OCDE a sobre a sanidade no Estado español:

En 2007 dedicábase o 7 % do PIB a gasto en sanidade pública. Cos recortes, rebaixouse ao 6,2 % e a maior parte desa rebaixa, o 0,5 %, produciuse desde 2011 a 2018, o que significa unha redución de 4.750 millóns de euros en inversión sanitaria en cada un destes sete anos. O gasto medio anual por habitante no Estado é de 1.616 euros, en Francia ascende a 3.278 euros, en Alemaña a 3.878, en Bélxica a 3.167...

Mentres a media de camas por mil habitantes na OCDE é de 4,7, en España baixa a 3. Alemaña dispón dun 222% máis de camas en Coidados Intensivos que España, Francia, ten un 22% máis e Italia conta cun 33%.

Enfrontados a esta pandemia, faltan medios en todas partes porque as políticas de recortes en persoal e en instalacións sanitarias nestes últimos anos acentuaron os pés de barro do sistema que nos impuxeron. Agora que nos centros sanitarios o insuficiente e heroico persoal, sen medios axeitados para protexerse e sen unidades hospitalarias suficientes e dotadas, non dá atendido todas as persoas afectadas polo COVID-19, comprobamos que as mobilizacións que se viñan realizando denunciaban tamén gravísimas deficiencias que agora se manifestan.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña