03:41 Venres, 29 de Maio de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-03-2020

O Brexit está definitivamente en marcha por fin, catro anos despois do referendo do 23 de xuño de 2016

Valores europeus

Valorar (38)

ROBERT NEAL BAXTER


O Brexit está definitivamente en marcha por fin, catro anos despois do referendo do 23 de xuño de 2016, cando 51,89% das persoas con direito a voto optaron por saír da Unión Europea.

A campaña foi sen dúbida suxa, alicerzada en grande medida por parte da direita nun populismo que, para alén de difundir mentiras descaradas, predicaba unha mensaxe claramente xenófoba.

Mais non hai que confundir unha parte co todo. Cabe lembrar que a esquerda máis radical, aglutinada ao redor da denominada plataforma do Lexit (‘saída pola esquerda’), tamén pediu o voto en prol da saída, partindo dunha análise coincidente coa do nacionalismo galego que desenmascara a UE como un organismo fondamente anti-democrático ao servizo do capitalismo e o imperialismo.

Porén, @s partidari@s de permanecer na UE, que non conseguiron burlar a vontade popular mediante a convocatoria dun segundo referendo, andan agora a laiarse ao ritmo da Oda á alegría da perda de ‘valores europeus’, supostamente garantidos pola UE, que vai azoutar o Reino Unido. Vexamos, pois.

Tolerancia
Todo indica que o Reino Unido está a ser barrido por unha onda de racismo. Mais, se ben o discurso racista que se fixo patente co pretexto do Brexit contribuíu talvez a que aflorase o sentimento xenófobo, o certo é que este non puido xurdir do nada: debía estar presente desde antes nunha sociedade británica receptiva ante semellante discurso.

A cuestión é por que non se combateu máis eficazmente antes e se preferiu fechar os ollos durante décadas encanto se ía enquistando o racismo na sociedade, pronto a estoupar. É un problema que ten que encarar e resolver a cidadanía do Reino Unido, en vez de esperar respostas dunha Europea onde, por certo, predominan as forzas da direita e a extrema direita máis reaccionarias.

Democracia
É verdade que o Boris Johnson deturpou a representatividade do Parlamento británico, mais non por isto a Unión Europea se pode ou debe considerar unha baliza da democracía ante o escurantismo e a demagoxía. A UE adoece, en efeito, dun notorio déficit democrático: falta de división de poderes, escurantismo do Banco Central Europeo, falta de participación directa da cidadanía na toma de decisións, a Comisión e o Consello eluden o controlo do Parlamento, etc.
E, xa de paso, cabe perguntarse que hai de máis anti-democrático do que, tal e como pretendían os remainers, procurar reverter o resultado dun plebiscito popular como foi o do referendo.

Libre circulación
Como consecuencia directa do Brexit, o novo goberno conservador acaba de introducir un sistema de pontos para coutar a inmigración. Se ben se trata dun sistema altamente criticábel, non está de máis lembrar que tal sistema xa existía, aplicado aos inmigrantes provintes de fóra da UE: África, Asia, Medio Oriente... Isto a min si que me cheira bastante a racismo.

E cando se critica –con razón– o muro fronteirizo entre os EUA e México, non hai que esquecer aqueloutro erixido entre Hungría e Serbia, nen os campos de concentración onde fican retid@s millares de migrantes nas illas gregas de Lesbos, Samos e Quíos: non vaia ser que entren refuxiad@s que foxen das guerras en que participa a UE!

É verdade que impedir a inmigración de traballador@s non cualificad@s vai ter serias repercusións para determinados sectores económicos no Reino Unido (coidadoras profisionais, hostalaría, agricultura...) que se tornaron dependentes da man-de-obra barata procedente dos estados empobrecidos da UE. Isto si que é a verdadeira razón de ser da política da ‘libre circulación das persoas’, que se manifesta na Galiza en forma de emigración da nosa mocidade mellor preparada.

Direitos laborais
Se non fose tan escandaloso, sería motivo de riso apelar ao papel que desempeña a UE como dique de contención frente aos continuados cortes de direitos laborais conquistados grazas à ardua loita da clase traballadora e as masas populares ao longo do pasado século.

E, coa escusa da crise, aumenta a precariedade, impóñense teitos de gasto e taxas de redución da débeda... para cumprir coas directrices emanadas da UE e o BCE, que atenden, à súa vez, aos ditados do capitalismo neoliberal.

Capitalismo
De facto, ninguén no seu perfeito xuízo podería pretender que a UE sirva como traba perante os estragos causados polo capitalismo. Máis ben todo o contrario. Por exemplo, dentro da lóxica neoliberal que impera na UE, hai uns anos, a Grecia viuse obrigada a ceder ante a chantaxe do FMI, do Eurogrupo e do BCE ao ter que aceitar un rescate financeiro en troca dun pacote de medidas de austeridade, botando abaixo, así, calquer posibilidade de pór en marcha unha política verdadeiramente social no país. Máis vale, visibelmente, a estabilidade do capitalismo na Europa do que o ben-estar dun povo periférico como é o grego.

Soberanía
Sirva o anterior tamén como claro exemplo da inxerencia da Unión na política interna dun estado-membro, burlando a súa soberanía sempre que así o exixa o capitalismo. Porén, noutras ocasións, as institucións europeas prefiren facer a vista grosa cando lles convén en aras a manter a estabilidade interna da sacrosanta Unión, como cando deron as costas à Catalunya ante a vulneración do dereito democrático de votar e o acontecido durante o Procés. Non interveu neste caso para evitar alimentar as arelas de liberdade que están a soprar noutras nacións sen estado dentro da UE e que ameazarían implicitamente a súa propria existencia.

No entanto, as divisións internas causadas polo Brexit si encerran paradoxalmente a promesa da previsíbel desagregación do Reino Unido e a autodeterminación real das nacións que hoxe se achan sob a xugo de Westminster: unha Escocia independente, un Gales onde o independentismo non para de crescer e a posibilidade cada vez máis perto dunha Irlanda por fin reunificada.

Todos estes valores son evidentemente moi loábeis, mais nunca viñeron, nen virán, da mao da Unión Europea. Se en realidade son valores aos que se aspira, cada povo debe tomar as rédeas do seu proprio destino e traballar para os conseguir, en vez de esperar a que unha megaestrutura foránea composta por unha serie de estados-nacións llos regale.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña