23:59 Domingo, 23 de Febreiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-01-2020

Toda a prensa europea e estadounidense, a grandes trazos, opinan e terxiversan do mesmo xeito sobre o mesmo e as excepcións están reducidas a informar a pequenos grupos sen poder

Irán en Venezuela

Valorar (11)

XURXO MARTIZ CRESPO


O mundo, determinado mundo, é monocor. Calquera occidental que pretenda informarse acabara lendo a mesma opinión disfrazada de información veraz en todos os media. Toda a prensa europea e estadounidense, a grandes trazos, opinan e terxiversan do mesmo xeito sobre o mesmo e as excepcións están reducidas a informar a pequenos grupos sen poder de decisión na política europea ou estadounidense a través de medios alternativos e reducidos no seu ámbito.

Unha poboación europea e estadounidense sedada polo consumismo, as vacacións e o entretemento. Dócil e enganchada a cruceiros, segundas residencias, restaurantes e concursos televisivos; simple de pensamento e desinformada, lexitima cos seus votos e o aplauso posterior as políticas que máis tarde resultarán en magnicidios en Libia, asasinatos selectivos en nome da «liberdade» coma o de Ben Laden ou Soleimani, cárceres ilegais, detencións sen procesos xudiciais, desaparicións, secuestros, torturas, golpes de Estado polo mundo adiante no nome da liberdade, da seguranza e do status quo.

De aquí a unhas semanas veremos reproducirse por todas parte unha hipotética ameaza «terrorista» irano-venezuelana como consecuencia do atentado terrorista estadounidense contra o xeneral Qasem Soleimani.

As palabras do deputado oficialista do PSUV Pedro Carreño na embaixada iraniana en Caracas quen, ante o retrato do xeneral asasinado, proclamaba a vella consigna «Tu muerte será vengada, camarada» (mesma promesa feita por Diosdado Cabello presidente da Asamblea Nacional Constituyente de Venezuela), sementará na cabeza de calquera despacho de seguranza estadounidense a posibilidade do inicio dunha campaña internacional na que membros do Exército dos Gardiáns da Revolución Islámica e colectivos bolivarianos en Venezuela (xa que logo sen ningún tipo de control occidental) argallarán atentados terroristas contra estadounidenses en vinganza pola morte de Qasem Soleimani.

Un adianto desta «confabulación» xa está circulando por Venezuela polos medios antirrevolucionarios da man do xornalista venezuelano Vladimir Kislinger que, horas despois do atentado, asegurou que «presuntos funcionarios iranianos estaban reunidos no estado Bolívar, en Venezuela, ante a morte do  xeneral Qasem Soleimani…. Máxima tensión pola presenza activa de células de Hezbollah e por posíbeis represalias como resposta á morte de Soleimani».

Toda está serie de «informacións» frutifica en poboacións sedadas mentalmente, inactivas politicamente, desinformadas dende hai decenios, que xustifican co seu silencio e co seu temor a unha ameaza á súa comodidade burguesa, calquera asasinato, masacre ou arbitrariedade a miles de quilómetros da súa casa.  É deses silencios e temores válese Estados Unidos para cometer as maiores barbaridades coa cabeza agachada e de xeonllos dunha pusilánime Unión Europea.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña