00:20 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-06-2010

Trátase máis ben de parabenizar a coherencia persoal, a consciencia de que os cambios sociais dependen tamén das decisións que cada un toma

Obrígannos a tomar partido (II)

Valorar (8)

IRIA TAIBO CORSANEGO


Hai uns días, fun incapaz de evitar unirme a un grupo no Facebook chamado Camareiros que traduzem automáticamente quando pedes '"um café com leite", incitada por recentes anécdotas persoais relacionadas co seu título e outras semellantes, de maior ou menor nivel de agresividade contra a liberdade persoal de quen elixe facer a súa vida en galego.

Unha destas anécdotas máis habituais é a que ilustra o título do grupo do Facebook, que calquera que vaia co galego por diante a diario vive con máis frecuencia da desexada en moitos establecementos de hostalaría do país. Hai outras, por desgraza, moi variadas, referentes a servizos públicos nos que só conseguen a documentación en galego persoas extremadamente insistentes e decididas a facelo. Tamén hai empresas nas que, con toda a liberdade do empresario, os servizos en galego poden resultar máis caros que en castelán. E tamén hai podemos escoitar sen querer a dúas persoas conversando, no hospital ou nun restaurante, falando con durísimos prexuízos sobre unha lingua coa que conviven.

Mais hoxe quería determe na outra parte da anécdota, na versión de quen recibe a tradución do café que pediu ou de quen ten que repetir tres ou catro veces que o quere con xeo. Sobre todo, porque ás veces é difícil xestionarmos o tremendo nivel de frustración que produce termos que insistir tantas veces ao día na nosa exótica elección lingüística, que tanto nos define e identifica. Tamén porque vemos o prexuízo na resposta do que está enfronte, e resulta difícil non tentar abrir os ollos desa persoa: a señora que lle di á amiga que o galego non vale para nada en Suíza parece pedir a berros que alguén lle diga que en Suíza o galego vale tanto ou menos que o castelán.

O exemplo do café é bo para isto: cando pedimos un con leite e a outra parte traduce a nosa inocente petición, podemos pensar que non nos entendeu, que ten un certo prexuízo contra o noso idioma, que só repite por asegurarse, etc. Mais confirmamos "si, con leite" e insisten "con leche, entonces?". Entón pode ser que vaiamos eliminando algunhas das opcións anteriores. A partir de aí, temos que decidir como actuar e as posibilidades cada vez son menos. Teremos que escoller entre o sorriso condescendente, continuarmos até o infinito co diálogo bilingüe ou directamente discutir coa persoa que pretendemos nos poña un café. É unha elección importante, pois non queremos quedar de esaxerados, mais tampouco nos parece xusto ter sempre que ser os que cambiemos de lingua.

Como co café, a nosa situación sociolingüística está nalgúns ámbitos a limitar co enfado de quen decide facer do galego a súa elección e mesmo facer causa desa escolla. Tamén está a obrigar a moita xente a optar entre pór boa cara e facer como que non lle importa que o galego sexa considerado unha lingua de segunda ou facer un esforzo e, por pura coherencia, significarse por defender a súa elección.

Coa aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza, consúmase só a máis recente das agresións ao galego por parte do Partido Popular na Xunta. Ademais diso, o goberno considera que é positivo investirmos, en tempos de crise, inxentes cantidades de diñeiro en impor o seu punto de vista sobre o decreto a través dunha campaña publicitaria.

Mais cada unha das medidas que adopta un goberno afecta a un ou varios sectores sociais e normalmente a moitos individuos que deben elixir se concordan con elas ou non e como van convivir con elas desde a súa entrada en vigor. O exemplo neste caso é o do ensino e unha parte dos afectados pola aprobación do decreto é o profesorado. O novo decreto obriga a impartir certas materias en castelán. En xeral isto é unha novidade, mais no concreto é tamén digno de mención, pois falamos de materias como as matemáticas ou física e química, que fican lonxe do tópico de relacionarmos o galego con aspectos máis vinculados á lingua e os asuntos culturais. Polo tanto, parece que quen toma a decisión de especificar que esas materias concretas deben ser impartidas en castelán parte dun prexuízo, a pesar das escusas que se dean. Porén, esta decisión implica a moitas persoas, profesores e profesoras, que viñan impartindo esas materias en lingua galega, nalgúns casos desde hai moitos anos.

Moitas destas persoas están agora a meditar como van xestionar esta decisión do goberno no que lles afecta directamente. Unhas cantas van tomar a decisión de incumprir esta norma, con todas as consecuencias, abertamente, sen agocharse detrás de ambigüidades cando teñan que pór por escrito como van dar as súas aulas o curso próximo. Algúns deixarán de pedir libro ningún para o curso próximo na súa materia, pois iso aforrará o gasto das familias nos libros novos innecesarios, mais tamén porque poderán utilizar materiais de elaboración propia ou mesmo os libros, aínda vixentes, de anos anteriores.

Outra parte desta cuestión está nas familias. Hainas que decidirán facer constar a súa preferencia clara polo galego na educación dos seus nenos e nenas, independentemente da lingua coa que se comuniquen con eles. Ás veces pode ser unha decisión complicada, pois todos sabemos que a cuestión da lingua está en primeira liña do debate político, polo que pode haber quen non queira polemizar nin causar problemas aos seus fillos. Mais claro, tamén está o outro elemento, a certeza de querer que o fillo ou filla sexa educado en galego e de que o sistema está cada vez menos deseñado para que iso sexa posíbel.

A outra parte son os estudantes. Hai uns días, Silvana Castro publicaba un artigo nesta mesma sección, no que falaba tamén destas decisións e dos condicionantes engadidos que enfrontan os adolescentes na cuestión da elección da lingua. Xa é difícil para un adolescente en moitos contextos facer visíbel unha opción diferente á da maioría, como para que a lexislación complique aínda máis ese exercicio de elección individual.

Non se trata de estarmos a crear unha nova clase de heroes, contra todo e rifando con todo o que atopamos. Trátase máis ben de parabenizar a coherencia persoal, a consciencia de que os cambios sociais dependen tamén das decisións que cada un toma. E tamén de estarmos orgullosos do que somos.

Parece entón que o curso próximo vai estar cheo, grazas á entrada en vigor do novo decreto, de decisións individuais relacionadas co uso do galego no ensino e co nivel de esforzo persoal que cada un dos implicados está disposto a pór da súa parte. Igualmente, nós seguiremos pensando que facer cada vez que nos fagan repetir tres ou catro veces que o café o queremos só. Pode ser que a próxima vez á segunda cambiemos de bar.

[23-06-2010 09:46] D.V. comentou:

Recórdame o comezo do artigo a unha anécdota na que pedindo un café \"clariño\", o camareiro que pensou que lle sobraba un -l- ao adxectivo, debeu pensar que a parte do café o que eu quería era unha cita! Cando se dou conta da mala interpretación, dixo que \"claro, é que o normal é pedilo \"clarito\",e así non leva a engano\".

Como ben dis, Iria, nestes casos, pode ser que a próxima vez cambiemos de bar!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña