12:26 Xoves, 23 de Xaneiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-12-2019

Son moitos moitos milleiros de persoas as que están afiliadas á CIG, unha estrutura social das máis numerosas de Galiza.

Traballo que florece

Valorar (18)

LOIS DIÉGUEZ


Cando aínda non había sindicatos galegos estruturados, (e falo dos inicios dos anos 70) uns, unhas cantas galegas introduciamos nos nosos traballos a idea sindical como necesidade organizativa de galegas e galegos. A ditadura fascista borrara do mapa da conciencia social esta idea, polo tanto non existía e o traballo primeiro consistía simplemente niso: xuntarnos para reivindicar e romper o silencio.  

Así foron nacendo xermes de sindicatos  galegos (pois os españois mantivéranse a través de Comisiones Obreras), en distintas ramas do traballo. Despois (1977) naceu a ING e traballamos os nacionalistas baixo esas siglas, xa estruturados. Era a primeira vez na historia, pois, que Galiza organizaba a súa representación sindical, partindo, xa que logo, de cero. E quen isto escrebe e lembra, comezou no concello de Lugo, contra vento e marea, a súa loita sindical, en soidade como tantos e tantas outras noutras partes de Galiza; eu só contra toda unha organización administrativa fascista na que, o primeiro que introducín foi o noso idioma, e cantos desgustos e persecucións me trouxo, mesmo na carreira profesional.  

Así que hoxe, vendo esa Asemblea en Compostela de delegadas e delegados da CIG (Confederación Intersindical Galega) para celebrar o seu-noso 25 Aniversario, non podo máis que aledarme e botar foguetes como faciamos nas festas das aldeas e cidades hai anos, en símbolo da máxima alegría. Obra colectiva, que é  a máis grande e xenerosa, e con moitos capítulos xa da evolución dunha sociedade que vai luíndo con esforzo o seu camiño. Houbo rupturas, desacordos, debates, rifas, apertas... foguetes á fin, que deron como resultado un momentos histórico transcendental en 1994, cando se unen as dúas centrais nacionalistas daquel momento, a CXTG e a INTG, para constituír a central actual, a CIG. Souberon as artífices daquel momento, compendiar os acordos e desacordos nunha soa Táboa de ideas e organización coa que batallar unidos xa. Que grande lección e que resultados, pois hoxe a CIG é a primeira central sindical de Galiza, con moitos milleiros de traballadoras e traballadores detrás a quen lle debemos unha dinámica diferente da española que aquí levamos, propia e nosa. Por fin, aquí, na nación nosa.  

Fortalece a miña idea, o meu contento, esa foto dos catro secretarios xerais e confederal que ilustraron esa longa historia: Manuel Mera, Fernando Acuña, Suso Seixo e o actual, Paulo Carril. E fortalécea porque entre os catro, como representación de todos os traballadores-as da Central, cobren, presentan e representan as distintas xeracións que construíron a nosa defensa como traballadores-as contra vento e marea, porque como sempre pasa nos procesos de cambio, houbo que enfrontarse, por así dicir, a todo, ao instituído desde fóra e desde dentro do país, ás vellas mentalidades, ás engrenaxes enferruxadas do españolismo... para traer un asentamento da nosa propia realidade nacional.  
A CIG é a primeira central sindical de Galiza. En practicamente todos os centros de traballo hai militantes e seguidoras-es dela. Non se pode dar un paso no país, no campo sindical, sen a súa presenza. Repito, son moitos moitos milleiros de persoas as que están afiliadas á CIG, unha estrutura social das máis numerosas de Galiza. E non son súbditos de ninguén. Son libres, batallan e falan dos nosos problemas con datos obxectivos que non se someten a ningún organismo de censura. Obviamente, sería o normal ouvilos, saber das súas opinións nos nosos medios de comunicación, sobre todo nos públicos. E con todo, a RTVG ten prohibida a súa presencia. Por que acontece tal aberración que nos iguala aos réximes autoritarios coa censura previa para todo? É imposíbel imaxinar unha mentalidade que nunha sociedade democrática acepte isto, e menos, obviamente, que o practique obsesivamente como norma. Que guíe un medio público como se fose del, privado, ou do seu partido político. Poñémoslle nome a esta actitude: Freixó e PP. Representan hoxe e aquí o control enfermizo deste medio noso. E se isto se pode facer sen que a xustiza interveña, tal actitude resulta perigosa. Quero ouvir ao actual secretario xeral da CIG, Paulo Carril, unha das mentes máis lúcidas do panorama sindical actual. Quero ouvilo. Quero que o chamen cada vez que manipulan con obsesión tamén os datos mensuais do paro, por exemplo. Gustaríame que isto fose tema de debate nas mesas controladas da RTVG coas que nos mazan a cabeza cada día. E que a oposición do Parlamento Galego actúe sobre o conflito con maior e acaída contundencia, fóra tamén desa institución. Porque hai bastantes alternativas ao respecto que non se utilizan, entre elas  tamén a denuncia xudicial.

Parabén, pois, á CIG, á todas esas mulleres  e homes  que na súa historia abriron camiños de liberación para as traballadoras-es galegos. Parabéns porque, sobre todo, xente como ela é a que nos segue a alimentar o sorriso e a esperanza no futuro.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña