09:47 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-06-2010

Deixémonos de eufemismos, Estados Unidos e os seus aliado manteñen unha estratexia imperialista en Afganistán

As cousas polo seu nome: Imperialismo

Valorar (12)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Aínda que por estas latitudes o asunto ao que me referirei a continuación pasou máis ou menos desapercibido mediaticamente, o certo é que o feito en cuestión ten unha enorme transcendencia. O día 31 de maio dimitiu o Presidente Alemán, Horst Köhler. Un pequeno inciso: perdoade a miña ignorancia, pero non sabía que Alemaña tiña Presidente; pensaba que por encima da a Sra. Merkel non había ninguén; e, efectivamente, non había ninguén.

Como dixen, hai apenas 20 días dimitiu o Presidente de Alemaña, a locomotora europea. A súa decisión non estivo motivada por un caso de corrupción estilo Gürtel, nin nada polo estilo. Por raro que pareza, a súa dimisión estivo motivada por dicir a verdade, por seren honesto, e falárenlle claramente ao pobo alemán e dicirlle o verdadeiro motivo do despregue de tropas deste país en terras afganas. E que foi o que dixo? Pois o que todo o mundo sabe, pero ninguén se atreve a dicir: que o exército alemán participa na guerra de Afganistán para defender os seus intereses económicos e estratéxicos. Máis claro auga.

Cando o Imperio Romano colonizou a península Ibérica e Galiza non o fixo para traernos a súa cultura e o seu idioma, iso veu despois para facilitaren as relacións cos colonizados; o motivo principal foi puramente comercial. Cando o reino de Castela cruzou o atlántico, non o fixo meramente polo interese científico de demostrar que o mundo era redondo; non, fíxoo para abrir unha ruta alternativa ás indias e poderen dar saída aos seus excedentes comerciais; no canto das indias topáronse cun inmenso continente habitado por civilizacións posuidoras dun inmenso patrimonio material e cultural, ás que arrasaron e someteron militarmente, arrebatándolles todo canto tiñan, o que foi o cerne dun un Imperio onde nunca se poñía o sol.

Imperio Romano e Imperio Español son dous exemplos de comportamento imperial que estudan como tal os nenos e nenas na escola. Sen embargo, en pleno século XXI, na era da información, algúns políticos e medios de comunicación recorren a eufemismos, a disfrazar o que unha sociedade tan formada como a actual identificaríamos como Imperialismo. Sen embargo para moita xente estas manobras de distracción masiva, amplificadas por uns medios de comunicación que forman parte do sistema imperial, funcionan e, non só logran eclipsar a verdade, senón que cando esta se desvenda de xeito tan sincero e honesto por parte de quen ten responsabilidades políticas, o premio non é o recoñecemento público, senón a maior da indiferenza e liquidación públicas e política como lle pasou ao Horst Köhler.

Volvendo ao asunto de Afganistán, supoño que a estas alturas non haberá ningún incauto/a que pense que Estados Unidos, Alemaña, o Estado Español, ... están á procura de Ben Laden, disque que o responsábel dos atentados do 11-S, que foi a escusa que atopou Estados Unidos para invadir este país en 2001. Como todos e todas sabedes o terrorista máis buscando aínda non apareceu, entre outras cousas por que está morto, segundo unhas declaracións que fixo Benazir Bhuto (min. 6:13), a que fora Presidenta de Paquistán, semanas antes de seren asasinada. Outra das escusas recorrentes é a de garantir a estabilidade dun goberno democrático, como se iso fora posíbel nun país invadido e en guerra, cuxo presidente foi posto a dedo polo invasor. Para rematar cas xustificacións da invasión de Afganistán, tamén é recorrente a escusa da liberación da muller afgana do xugo imposto polo fanatismo relixioso dos talibáns, que as obrigan a levar burka; por esa regra de tres, tamén habería que invadir Arabia Saudí, pero hai un problema, son os que nos venden o petróleo.

Moito se ten argumentado sobre o verdadeiro motivo da invasión militar de Afganistán: interese xeoestratéxico para ter controlado Irán e China, interese comercial (nada máis seren invadido Afganistán, UNOCAL, empresa da que era directivo Hamid Karzai, construíu un gasesoduto que atravesa este país) e intereses espúreos no control comercial da droga, especialmente heroína, da que Afganistán é o principal "exportador".

Mais a estes intereses, máis ou menos velados, temos que engadir outro tamén de vital importancia, que, se se confirma, farán de Afganistán un novo "El Dorado" para os intereses económicos de occidente, especialmente de Estados Unidos, xa que recentemente o Pentágono -que curioso, non?- atopou un importante xacemento mineiro valorado en 1 billón de dólares, que, segundo indica o medio de comunicación no que saíu a noticia, "cambiará o plan de guerra" en Afganistán.

Como podedes supoñer, nun país invadido e cun goberno títere dos Estados Unidos, a riqueza deste importante achado mineiro non redundará en beneficio do pobo afgán, senón que repercutirá notabelmente nos beneficios de importantes transnacionais occidentais, promotores desta e doutras ofensivas, e no benestar de todos nós, xa que seremos nós, os que vivimos en occidente, os principais consumidores dos produtos derivados deses achados mineiros.

Por iso que, deixémonos de eufemismos, chamémoslle ás cousas polo seu nome, a guerra de Afganistán non é outra cousa que imperialismo, que procura o dominio sobre un territorio concreto para apropiarse  dos recursos enerxéticos, naturais, etc, dun país para beneficio dunha minoría, mentres a poboación local vive na máis absoluta das miserias, e sen que estas riquezas repercutan en desenvolvemento económico e social de  Afganistán.

E nesta estratexia imperial, o Estado Español está a xogar un papel importante, mantendo, malia a crise e os recortes no gasto corrente do Estado (pensións, salarios, investimentos, ...), un número significativo de tropas en Afganistán, sexa para conseguir contratos para as empresas españolas, sexa para que Aznar puidera colocar os pés enriba da mesa de Bush ou para que Zapatero puidera sentarse ao lado de Obama e botar un discurso no "Desayuno Nacional de Oración".

A estratexia imperial está clara, e o plan de guerra resúmese en que, por unha banda, Estados Unidos e os seus aliados garantiranse por todos os medios, que eses recursos naturais flúan a occidente, igual que fluíu (e flúe) o petróleo iraquí en plena invasión e guerra neste país; e por outra banda, aseguraranse o control destes recursos mantendo o goberno títere e establecendo bases fixas nese país.

Deixémonos de eufemismos, o que está a pasar en Afganistán é unha guerra imperial, e os que loitan contra os invasores, non son terroristas fanáticos, son a resistencia anti-imperialista, máis ou menos organizada, de Afganistán, por moito que se nos trate de confundir con cuestións relixiosas que son, simplemente, elementos colaterais que non deben confundirnos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña