11:58 Xoves, 29 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-11-2019

Cando xa estamos rematando o primeiro cuarto do século XXI, parece que algúns políticos e votantes senten nostalxia de ese longo, triste e convulso século XIX

A periodización da historia e o interminable século XIX

Valorar (10)

ADOLFO DE ABEL VILELA


Todos sabemos que un século son 100 anos, pero na práctica, como imos ver, pode chegar a ter 175. Para o seu estudio a Historia divídese en períodos ou épocas que comezan cun acontecemento importante que vai producir cambios en determinados aspectos da vida das persoas e polo mesmo da sociedade no seu conxunto, afectando ao seu desenvolvemento científico, cultural, económico, sistema político, etc., e que ten como característica que se vai a diferenciar do período anterior. Son, en síntese, as coñecidas como as Idades Antiga, Media, Moderna e Contemporánea.

A efectos prácticos faise un axuste para facer que comecen cun século. Pero sabido é que na realidade, o desenvolvemento dos acontecementos e os seus efectos, pode diferir a nivel local, dentro dun mesmo estado ou pais ou mesmo universal.

Así temos a Prehistoria, a Idade Antiga; a Idade Media, subdividida en Alta do s. V ao X; Plena do s. XI ao XII;  e Baixa, s. XIV e XV;  a Moderna do s. XV ao XVIII e despois a Contemporánea.

Os acontecementos que marcan estes cambios son, por exemplo, a caída do Imperio Romano de Occidente e o de Oriente, a conquista de América. a Revolución Francesa, a Independencia dos Estados Unidos de América e a Revolución industrial, incluso algúns historiadores falan da caída do Muro de Berlín do que se cumpriron 30 anos o pasado día 9.

As anomalías do século XIX  

A Alta Idade Media en Lugo comeza no último terzo do século V, no día de Pascua do ano 460 os suevos entran na cidade segundo nos conta o Cronicón de Hidacio de Chaves, e chega ata o s. X coa terceira refundación da cidade por Ordoño III; a Plena Idade Media comezaría coa rebelión do conde Rodrigo Ovequiz no ano 1086 e a cuarta refundación, a de Afonso VI, que foi a definitiva; a Baixa Idade Media comezaría no s. XIV coa usurpación do señorío ao bispo don Xoán por parte do infante don Filipe, e remataría coa derradeira Revolución Irmandiña de 1467, cualificada no preito Tavera Fonseca como "un grande roído". A Idade Moderna tería inicio co descubrimento de América (1492) e remataría coa Revolución Francesa (1789), dous acontecementos que transcenden o nivel local.

Pero para os habitantes do territorio que comprende o Estado español a Idade Contemporánea non comezou coa Revolución Francesa e a Primeira Revolución Industrial. Se houbera que escoller unha frase histórica para retratar o inicio atrasado do século XIX, eu collería esta pronunciada o 10 de Marzo de 1820 polo derradeiro monarca absoluto:  

"Marchemos francamente, y yo el primero, por la senda constitucional; y mostrando á la Europa un modelo de sabiduría, orden y perfecta moderación en una crisis que en otras naciones ha sido acompañada de lágrimas y desgracias, hagamos admirar y reverenciar el nombre Español, al mismo tiempo que labramos para siglos nuestra felicidad y nuestra gloria". .

Nada disto ocorreu e o balanzo de desgrazas, infelicidade e bagoas non puido ser peor:  

- Oito constitucións, as de 1812, 1834, 1837, 1845, 1869, 1876, 1931 e 1978.

- Vintecinco pronunciamentos militares, o primeiro o 12 de abril de 1814 o "Manifiesto de los Persas" e o último o de Franco o 17 de xullo de 1936.

- Catro guerras civís, I Guerra Carlista (1833-1840); II Guerra Carlista (1846-1849); III Guerra Carlistas (1872-1876); Alzamento Nacional (1936-1939).

- Dúas Repúblicas, a I República do 11 de febreiro de 1873 ao 29 de decembro de 1874. A II República do 14 de abril de 1931 ao 1 de abril de 1939.

- Tres dictaduras militares, a do xeneral Miguel Primo de Rivera do 13 de setembro de 1923 ao 28 de xaneiro de 1930; a do xeneral Dámaso Berenguer, chamada "dictablanda" do 28 de xaneiro de 1930 ao 13 de febreiro de 1931; a do xeneral Francisco Franco de 18 de xullo de 1938 ao 20 de novembro de 1975.

- Un Sexenio Democrático ou Revolucionario (1868-1874), cun rei foráneo, Amadeo de Saboia (1871-1873).

- Dúas Rexencias, a de Espartero (1835-1843) e a de María Cristina (1885-1902).

- Dúas restauracións borbónicas, a de 1874 e a de 1975.  

Aquí a modernidade encetouse cos primeiros gobernos liberais de Isabel II. Por iso a efectos prácticos eu sempre lles digo aos meus alumnos que o século XIX non comezou en 1800, senón o 29 de setembro de 1833, coa morte de Fernando VII e rematou o 20 de novembro de 1975, tamén a consecuencia dun deceso, afirmación que lles sorprende, pero que chegan a entender cando lles explico a razón desta prórroga de tres cuartos de século reflectida nos acontecementos da relación anterior.  

O interminable século XIX  

Con motivo do desenterro de Franco o xornalista Daniel Gavela publicou en El País o artigo "Que Vox os lo premie", e vaia se llo premiou o día 10 de novembro, no que ven a coincidir coa miña apreciación sobre ese anormal século XIX, pois di:  

"Por lo demás solo veo ataques de solemnidad y de gozo. A mi no me queda nada ni de lo uno ni de lo otro, porque lo gasté todo el día en que murió y sobre todo, el día que aprobamos la Constitución. Esa es la losa con la que el pueblo español enterró a Franco con la que puso fin al interminable y violento siglo XIX, el más largo de la historia".  

Penso que ten razón porque o período máis longo de estabilidade sen os reiterados sobresaltos do XIX é o que vai de 1976 ata o día de hoxe. Pero este século, por un lado atrasado e por outro alongado polas mesmas circunstancias, a concepción e o exercicio absolutista do poder político, aínda tivo os estertores co intento de golpe de estado militar do 23 de febreiro de 1981 do xeneral Alfonso Armada e Comyn do que foron actores cara o público o tenente coronel Antonio Tejero e o tenente xeneral Jaime Milans del Bosch e Ussia.

Pois ben, cando xa estamos rematando o primeiro cuarto do século XXI, parece que algúns políticos e votantes senten nostalxia de ese longo, triste e convulso século XIX e queren volver a el, seguramente por ignorancia, porque nunca tivemos unha clase política tan pouco responsable e ilustrada e unha boa parte da cidadanía tan doada de convencer. Todos os días estamos a escoitarlles as palabras Constitución, nación, patria, bandeira, democracia e ata se volve a sacar dos relatos lendarios o mito de don Pelaio e Covadonga. Están a confrontar os  nacionalistas españois, agora chamados constitucionalistas, e os cataláns. Volven aparecer as dúas Españas, intransixentes e descoñecedoras polo que vemos das leccións que nos ofrece a historia. Así que preparémonos para regresar ao pasado a partir do 3 de decembro.

Mentres os dirixentes políticos, ben pagados, lanzan as súas estériles soflamas  patrióticas pensando só nos seus, propiciando o enfrontamento cos seus discursos mentireiros e demagóxicos, fomentando o odio ao diferente e ao discrepante, e poñendo en risco a paz social, ao chegar o serán deberíanse colocar diante das caixas dos supermercados para ver o sobre de sopa e a latiña de sardiñas que mercan para cear moitos xubilados, seguramente nun fogar frío e agardando a morrer en solitario. Noutras casas nin eso. ¡E xa nos están anunciando outra recesión!



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña