11:36 Xoves, 29 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-06-2010

De como unha palabra altera o seu significado co paso do tempo, e as suas consecuencias

O Santo dos "Croques": Nen tantos “trosques”, nen tanta tradición

Valorar (24)

CÉSAR VARELA GARCÍA


O Santo dos "Croques"


Temos visto como o medio de produción xerada un topónimo, no caso da Porta Faxeira, que xurdía para resolver un problema de calefacción da cidade. O nivel xurídico-político enxendraba outro, como o da Praia de Nerga ollado como un caso de dominio señorial .Hoxe imos tratar como o nivel ideolóxico da sociedade produce  e manipula un chamadeiro como o do coñecido  "SANTO DOS CROQUES " da catedral compostelá.

Ao andar polo mundo ollándoo con ollos de galego, sempre se poden aprender cousas relacionadas coa nosa Terra.

Veleiquí un exemplo:

Daquela estábamos nun curso de italiano na parte de Calabria, onde se escoitan palabras que nos lembra moitas verbas do noso idioma porque, ao fin... o latín funciona !

Alí escoitei a unha muller falar de  " facere la crochia", referíndose a aparar o seu cabelo enroulandoo sobre si en forma de espiral.

Ai comecei a matinar : qué relación habería entre a "crokia" (así pronunciado ), daquela calabresa, e o santo dos Croques compostelán ? E aínda.... , tería todo iso algo a ver co xeito de chamar de "croques" aos berberechos, como aínda din as xentes  do mar de Vigo?

As cousas ficaron confusas  e sen solución no meu maxín e ao fin do curso  volvín a Londres , onde traballaba daquela. Aos poucos días, facendo a compra nun TESCO ( supermercado), atopei unha lata de berberechos que locía o nome inglés de "COCKLES". Así que os ingleses, como os de Cangas, tamén chamaban aos berberechos de "croques"! 

A chave que me permitiu organizar esta meada de asociacións foi a lectura dunha frase do ano 1745, nun libro do sempre esclarecedor P. Sarmiento:

"ESTA LÁ TEN MOITOS CROQUES".

Estábase referindo a un proceso ao que se sometía a la dos antigos colchóns para espelila e facer así as camas  mais molidas. Co paso do tempo as guedellas da la ficaban engruñadas ; nas palabras de Sarmiento, ficaban cheas de "croques", ou sexa enguedelladas e encarapiñadas.

Agora non era difícil comprender que, eses "croques" da la aos que se refería o bieito,e a croquia de que falaba a muller calabresa, tiñan a común relación de estaren "enroulados", ou sexa en forma de espiral ou caracol.

Todo debe proceder da palabra latina "cochlea" que testemuña o significado de "caracol".

Caracol de mar para os bilbirichos; la e cabelo enguedellado ou encaracolado,para os outros casos.

Agora estaría claro  porque o pobo deu o nome ao santo famoso !

Chega con botar unha ollada sobre a tal escultura para percibir o tanto como sobrancean as guedellas na imaxe do santo románico, que padece a "juba dum leao "se lembramos a música de Gal Costa..

Era o SANTO DAS GUEDELLAS ou do cabelo enroulado !

O costume de darlle un "trosque" na testa para comunicar sapiencia non debe ser un  uso moito antigo senon que tería unha orixe  moito mais recente, asociado se cadra á bohemia estudiantil dos goliardos da Casa da Troya , desde  Neira de Mosquera ou por aí.

Na verdade, as palabras crían mundos !

E así comprobamos como unha estatua que chamou a atención do pobo por causa dos seus exuberantes cabelos  "encrocados", acabou entrando no "marketing " turístico do Camiño e sendo agora sonada por comunicar intelixencia a quen lle dea un "trosque" .


[24-06-2010 16:39] Medios comentou:

Pois mellor sería que alguén se encargase de protexer a intelixencia dos preregrinos, de semellante hostia en vano, e de paso tamén a cabeza encrocada do santo e a columna que o suxeita, tan afectadas pola salitre da suor de tanto camiñante falto de intelixencia.

[23-06-2010 13:39] xan comentou:

Guai!

[23-06-2010 13:35] Salgado comentou:

Camarada Cesar, aledoume moito saber de ti, xa que a tua entusiasta colaboracion, votamola en falta na tua Terra.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña