16:13 Xoves, 21 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-11-2019

Corenta anos negando un cambio constitucional que se axeite ás necesidades vellas e novas dos pobos deste Estado, dan como resultado o Procés de Catalunya, por exemplo

Españolismo que afoga

Valorar (25)

LOIS DIÉGUEZ


Se este Estado é capaz de exercer toda a represión posíbel sobre unha idea aberta e democrática que, por medios lícitos e pacíficos, intenta exercer o dereito que lle corresponde, estará entrando no camiño da ditadura. Porque nese momento comezarán a saltar tamén todas as contradicións que ese Estado amorea, é dicir, todas as inxustizas nas que se asenta e que non corrixiu no momento en que se producían. E resultará moi perigoso que, no canto de enfrontalas co diálogo imprescindíbel en democracia para a resolución de calquera conflito, siga teimando en mantelas, utilizando toda a maquinaria represiva que ten ao seu dispor, desde o aparato xudicial até o policial ou o mediático.  

Non é certo que o paso dun Estado fascista a outro democrático se fixese cunha transición modélica que os seus turiferarios repiten até o desmaio. O paso tal foi feito por enriba, é dicir, polas forzas políticas dominantes en 1975, das cales a maioría eran as fascistas precisamente, e as outras non tiñan a esa altura o seguimento nin o aval popular necesario. Mantivéronse, polo tanto, as estruturas fascistas sobre as novas creadas, o cal deu como resultado outros corenta anos nos que os problemas de fondo seguiron sen solucionar: Monarquía fronte á República, Poder xudicial controlado fronte ao Independente, Economía capitalista como dogma, coa Banca e Transnacionais á cabeza, fronte a outras realmente democráticas e favorábeis aos pobos, Estado autonómico fronte ao Plurinacional, Idioma e cultura Españolas fronte ás que corresponden por dereito ás nacións catalá, vasca ou galega; e como non, esoutra terríbel realidade de que aínda hoxe sigan nas cunetas tantos homes e mulleres asasinados polos franquistas.  

E o ensino (que a pesar das competencias autonómicas segue impoñendo as súas regras desde Madrid e a Constitución); e o dominio dos medios de comunicación que en teoría habían ser variados e plurais e ficaron en mans dos poderosos que controlan a economía e que apoian e deciden os programas dos partidos nacidos ou reavivados en 1975, PSOE e PP e que teñen graves problemas de corrupción e seguen a defender, con poucas diferencias, ese Estado do pau fronte a calquera das reivindicacións á que me refería no apartado anterior.  

Corenta anos negando un cambio constitucional que se axeite ás necesidades vellas e novas dos pobos deste Estado, dan como resultado o Procés de Catalunya, por exemplo, movemento que pode representar hoxe os cambios necesarios para unha España real e non ficticia, imposta dese xeito fascista a quen ofrecen outras alternativas máis acaídas. Por que eu teño que defender a idea do PP, Cs ou Vox, (tres pés da mesma cadeira, fascistas, como no debate a 5 puidemos comprobar onte, sempre co odio e coa estaca ameazando en nome da Constitución que eles mesmos incumpren nos contados aspectos avanzados que ten), desa España única (que non unida, que isto é outra cousa), confesional, dos ricos e señoritos de cabalo e pistola, do pau e tento teso, monárquica, dunha única bandeira erguida arreo polos fascistas de sempre para darche con ela nos fuciños; machista, machista, machista... e non outra confederal, acordada entre os pobos e nacións diferentes deste Estado, aconfesional, republicana, popular, económica e ideoloxicamente democratizada de verdade... unida, si, deste xeito máis que do outro, porque se basea nos dereitos lexítimos de todos e todas, persoal e colectivamente. Por que? Son terrorista por iso? Hai que me combater e mandarme as Forzas da Orde a baterme e levarme ao cárcere por isto? Teño que ser xulgado por uns xuíces que mudan e compoñen as súas institucións segundo o interese dos partidos do bipartidismo (co PP á cabeza), e son, en moitos casos, fascistas tamén? (non esquezo os mitins reaccionarios, máis que discursos, de Carlos Lesmes, presidente do CGPJ a respecto dos nacionalistas cataláns). Onde, pois,  a separación de poderes, rota, politizada escandalosamente no xulgamento aos e ás catalás que defendían outra España, outra Catalunya democrática e republicana, outra orde: a democracia, xa que logo?  

E o terríbel é que eu, nós, quen pensamos e defendemos así o noso, teñamos que aturar 24 horas do día ouvindo ou vendo eses medios tan españois que nos bombardean até a asfixia coa maldade dos cataláns, é dicir, de todos e todas as que non pensamos coma eles,  e nos deixen só como  alternativa o cabreo, a indignación, a súa violencia constante sinalándonos co dedo e as mentiras para que interioricemos que non somos maus ou, no mellor dos casos, uns raros agresivos. Non hai un medio español hoxe nesta España única e non unida, que non estea emitindo unilateralmente as mentiras sobre Catalunya ou sobre quen queremos outras leis e outros alternativas políticas. Os e as representantes dos partidos españolistas son quen dominan os medios de xeito ditatorial, e pola forza temos que aturar os mitins constantes de Casado (presidente do partido máis corrupto de Europa e, pola contra, dándonos cada día leccións de moral e honestidade), Sánchez (xogando coa plurinacionalidade do Estado de xeito frívolo e interesado), Rivera (levantado contra o propio pobo que lle deu de comer) ou ese Innomeábel que vai aínda máis aló até levar da man e na cabeza ao propio Franco, o asasino e ditador, e potenciado en moitos casos polos medios de comunicación .  

Non é raro, pois, que cando salta o debate en calquera lugar ou casa, unha parte importante da poboación repita arreo as mentiras e dogmas ideolóxicos deste medios españois controlados polos políticos nomeados. A xente non ten outros, pois están afeitos a estes desde sempre, fóra das canles das redes sociais, único respiro que nos queda. Polo tanto, unha parte importante da poboación segue mimeticamente, consciente ou inconscientemente, as manobras reaccionarias de quen a castigan a ela mesma para que acepte como normal tamén que non haxa traballo, ou malo, ou que a privatización da sanidade e do ensino sexan o mellor porque o público é imposíbel de manter, ou que as pensións non poden ser cubertas polo Estado, ou que a vida ha subir arreo mesmo con estes salarios de miseria... sen ter posibilidade de contrastar o que pasa realmente. Sen conciencia non é posíbel a toma libre de decisións. En corenta anos nunca se fixo unha política de respecto e recoñecemento aos distintos idiomas e culturas que se falan e practican no Estado, actuando así como separadores e ditadores (a riqueza cultural diferente sempre se odiou nesa España negra do españolismo).  

Poida que nos resulte difícil ver unha saída esperanzada a esta situación. Mais sei que para vencer un camiño e chegar á súa meta hai que pasalo, andalo, axudándose coas cousas necesarias para iso. Véncese todo o que un, unha, queira. A decisión, a meta clara, a constancia, son imprescindíbeis para calquera tarefa da nosa vida. No colectivo é igual, e por moi difícil que nos sexa ser nós mesmos, se queremos, acabaremos séndoo. E é certísimo: a esperanza é o último que se perde, mais sen esquecer que a loita, o traballo e a constancia son quen a poden manter. As eleccións aos parlamentos forman parte dese camiño, e sementar todo o que leve á consciencia da súa importancia para o futuro, o esforzo colectivo deste momento. A vida dos galegos e galegas será outra cousa porque como dicía Uxío Novoneyra "sabemos que ti (Galicia) podes ser outra cousa".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña