00:35 Sabado, 16 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-10-2019

O enCanto de Meditación resulta o máis claro logro do obradoiro musical. É como un 3D de emoción, exotismo e natureza. Concentrado musical de xenuína inspiración como recoñece o seu propio compositor.

Canto de Meditación

Valorar (12)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN


O pasado día 12 de outubro foi un pouco ensarillado! Escoitaba aleatoriamente música popular. Ata que reparei e ouvín pezas como Alma Llanera, varias interesantes versións de Pájaro Campana, ...e  pareime en Canto de Meditación...

O Canto de Meditación ou “Canto dos Paxaros” creación de Pablo Martínez Téllez, foi composta en Nejapa que pode resumir moi ben o traballo do Taller de Sonido Popular creado por Carlos Mejía Godoy nos 70 en Nicaragua. Advirto que queren estas liñas seren reflexión e divulgación non precisamente para as persoas moi lidas.  

Pois aquel obradoiro dou lugar a unhas composicións que chegaron a dar a volta ao mundo máis alá do pensado polos de Mejía Godoy. Era na época do pretendido lavado de cara do catolicismo co Vaticano II. Velaí parte da explicación da Teoloxía da Liberación nunhas terras desangradas polas cleptocracias que necesitaban, coma no resto do mundo, un verdadeiro e urxente aggiornamento. Esperanzados nuns teólogos con palabras próximas á xente para fuxir de ditaduras e dun imperialismo que sometía aos pobos ata asasinar tamén a persoas relixiosas que cuestionaban o poder dos terratenentes amparados polos seus gobernos e polos USA. A Misa Campesina converteuse nun fito: unha verdadeira revolución en si mesma.  

Desde un punto de vista musical, obsérvase ben como os ritmos e as letras emanan do pobo  pasando pola peneira dun obradoiro que lle soubo dar coma ningunha outra composición popular, unha proxección ecuménica que pode impactar hoxe se cadra máis que hai corenta anos, cando un se atreve a ler con detemento as letras duns cantos que non serían tal se non beberan tamén nunha tradición. Están as composicións desa rompedora misa en castelán. Un castelán que non é suficiente para pintar a paisaxe colorida, amada e propia dunha terra que nada ten que ver con Castela pero que parece queren reeditar outros tempos distintos daquel presente. Mais ninguén repara nas letras e gozamos só coa música festeira perdendo vocabulario e expresións como pasará décadas máis tarde coa chegada doutros ritmos e letras cos que nos bombardearon as grandes discográficas, verdadeiras beneficiarias a un lado e outro do charco.  

Vos sós el Dios de los Pobres,  introitus obrigado para a Teoloxía da Liberación. Posúe oito palabras descoñecidas para nós! e a aparición de tres persoas cos seus nomes de pila que fan máis próximo o cantar pero que afastan aos purpurados romanos pese a esperanzada visita a México do novo papa en 1979. Ratzinger e logo Xoán Paulo II advirten, sete anos despois do triunfo da revolución sandinista en Nicaragua, dos perigos do Marxismo na teoloxía que mesmo traizoa á causa dos pobres. Como pode ser iso cando os Mandamentos se resumían en dous: amar a Deus por encima de todo e ao veciño como a ti mesmo, pensa un!

Cristo, Cristo Jesús identifícate  kyrie integramente en castelán ...solidarízate...con el oprimido con el pueblo mío sediento de paz.  

As percusións e ventos do Gloria anuncian unha explosión de alegría que fai ver as cores dunha festa popular que pode haber, por exemplo, nos distintos sitios de Siuna, Jalapa ou Cosigüina.  

A Nicaragua obreira pintada cunha ducia de froitas e expresións locais serve perfectamente de Ofertorio cromático e diverso como podemos ver en moitas partes do mundo sobre todo a partir do Concilio. Na ligazón, unha adaptación feita na igrexa de Göteryds no sur de Suecia.  

No Santo directamente di libéranos del yugo danos la libertad.  

O enCanto de Meditación resulta o máis claro logro do obradoiro musical. É como un 3D de emoción, exotismo e natureza. Concentrado musical de xenuína inspiración como recoñece o seu propio compositor.  

Se entrabas tarde na misa da parroquia, convalidábancha se pillabas o rezo do Credo  que tiña que ser distinto do popularizado despois por Elsa Baeza. Actualización e adaptación dialogada co pobo de Nicaragua dos Credos Nicea e dos Apóstolos: o Cristo obrero, o constructor del pensamiento; de inmensos cafetales, de blancos algodonales; fronte a hacha criminal,...el romano imperialista, puñetero y desalmado, que lavándose las manos quiso borrar el error. Atrévome a asegurar que poucos curas das nosas 3.771 parroquias entoarían semellante peza pop. Tampouco foi do agrado nas igrexas daquela pero os centos de metros de cintas de magnetófono non puideron impedir o seu éxito crecente nos tempos do ditador Somoza.  

O Miskito Lawana un anónimo da rexión dos Misquitos -de crenzas preluterana- pecharía a xeografía de ritmos patrios feito éxito case discotequeiro.  

Vamos a la milpa, canto de comuñón, segue con aires de son nica sen ser forzado o folclore coa letra tan acaída sempre, enmarcada no máis rigoroso catolicismo primixenio Es comulgar con la lucha de la colectividad. Es decir yo soy cristiano y conmigo hermano vos podés contar.   

O Canto de Despedida podería ser declarado no noso estado como subversivo, se antes non che prenderon claro está, por cantar, ouvir ou entoar todo o anterior! Imaxínate hoxe a Miguel Bosé cantando: No hay cosa más bonita que mirar a un pueblo reunido, que lucha cuando quiere mejorar porque está decidido...  

Conviviron con esta e viñeron máis innovacións e misas Salvadoreña, misas Creoulas... o estraño movemento Viva la Gente fora antes xa benvido no franquismo e novas aportacións europeas dos cánones católicos penetraban. Ao son de guitarras, frautas e mesmo baterías en grandes cidades os espirituais, os acordes en Re Maior de Blow in the wind parecían a obertura que esixían os novos tempos. Pero non!

Da Misa Campesina cúmprense agora corenta anos da versión pop en vinilo cantada por Pablo Martínez, Laredo, Ana Belén, Sergio y Estíbaliz e Miguel Bosé. Poucas persoas a recordan e descoñecen a xénese daquel activo movemento no reeditado CD.

Así, os USA desde a expansión da nova corrente teolóxica da liberación adoutrinan para erradicala por ir contra os intereses da propiedade privada e do capitalismo. Na mesma liña e trala histórica foto do viaxeiro papa Xoán Paulo II sinalando co dedo a Ernesto Cardenal axeonllado ante el, estaba a agardada suspensión a divinis del, do irmán Fernando e de dous máis en 1984 feito que non axudou noutra década negra con máis centos de asasinatos, violacións de dereitos e exilio relixioso só no sur e centro América.

O actual papa derrogou aquela suspensión a divinis... pero non chega. As políticas necesarias para os pobos oprimidos serían a base da súa prosperidade. O innegable e verdadeiro Concilio da Teoloxía da Liberación coas distintas vertentes -incluída por suposto a feminista- pode axudar nesa liberación desde Latinoamérica ao resto do mundo fartos de entoar sós o Canto de Meditación.  



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña