16:17 Martes, 19 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-10-2019

Euskadi dispón dun singular modelo de financiamento que é moi beneficioso para os seus habitantes e que para si quixera Galiza.

O concerto económico vasco

Valorar (34)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS


O concerto económico vasco ten 141 anos, creado como un sistema provisional tras a abolición dos “foruak” (foros) ao final da terceira guerra carlista foi quen de permanecer até hoxe en día, excepto a paréntese franquista para Bizkaia e Gipuzkoa. Moi beneficioso para os vascos fai que Euskadi estea na cabeza do gasto por habitante en sanidade, educación, servizos sociais e outras múltiples variables. Os que venden a Galiza como pobre e dependente das esmolas que recibe do Estado utilizan argumentos terxiversados que non teñen en conta aspectos que modifican a súas consideracións, xa que Galiza, territorio rico e autosuficiente, tamén sairía altamente beneficiada dun concerto semellante.   

Bizkaia, Gipuzkoa e Araba gobernáronse moito tempo polos foros que veñen da idade media e que consistían en normas que viñan de costumes e ordenanzas propias. As “Batzar Nagusiak” (Xuntas Xerais), o principal órgano de goberno de cada un dos territorios históricos, canalizaban os poderes singulares, tales como a xustiza e a recadación de impostos, sendo executadas polas deputacións forais. Os vascos non pagaban impostos directos á coroa e estaban exentos do servizo militar, colaborando coa Monarquía con donativos.

O Goberno central eliminou os foros despois da derrota das tropas carlistas na terceira guerra do mesmo nome (1873-1876), tendo entón dende ese momento Euskadi que pagar os seus impostos ao Estado e os vascos facer o servizo militar. As Xuntas Xerais foron eliminadas coas deputacións forais, substituídas polas deputacións provinciais semellantes ás do resto do Estado. O problema para o Estado era a súa incapacidade para recadar os impostos nuns territorios alleos para a facenda central e que non controlaba. Así nace o Concerto Económico o 28 de Febreiro de 1878.

Os vascos non o ven pois como unha conquista senón como un modo práctico que tivo o Estado para facer que as “provincias vascongadas”, como as chamaba, contribuíran ao Orzamento do Estado. Euskadi recada os impostos que pagan os vascos para facer fronte aos gastos precisos para a prestación dos servizos públicos que reciben. Os territorios históricos a través da súas Batzar Nagusiak deciden os impostos que os cidadáns teñen que pagar e as deputacións forais encárganse de xestionalos e recadalos. A contrapartida era o chamado Cupo vasco que Euskadi debía pagar ao Estado para axudar aos seus gastos.

Esta situación era provisional pero continuou ao longo do tempo pois funcionaba ben e permaneceu incluso durante a ditadura de Primo de Rivera. Nos tempos da República adquiriu carácter de Lei até que chegou Franco e o suprimiu en Bizkaia e Gipuzkoa alegando que estes territorios eran traidores ao “alzamento nacional”. Araba conservouno toda a ditadura. Semellante a este Concerto soo temos o Convenio que rexe na Comunidade Foral de Navarra.

A Constitución de 1978 na súa Disposición Adicional Primeira ampara e respecta os dereitos históricos dos territorios forais, e fixou tamén o réxime común para o resto de comunidades. En canto ao Cupo vasco, a contía que paga anualmente Euskadi ao Estado, fíxase en base a un coeficiente que na súa última actualización (2017), a anterior data de 2002,  acordouse que fora o 6,24% da renda estatal, correspondendo á estimación do custe dos servizos públicos financiados polo Estado e dos que tamén se benefician os vascos, nomeadamente Defensa, Exteriores e a Coroa entre outros. Esta actualización foi aprobada maioritariamente polo Congreso coa única excepción de Ciudadanos e Compromis.

O Concerto é, como xa dixemos, beneficioso para Euskadi que está á cabeza en gasto por habitante en sanidade, educación e servizos sociais entre outros aspectos. Tamén dispón dun investimento en estradas moi superior ao do resto do Estado e un forte gasto público en axudas á investigación, loita contra a pobreza, industria, seguridade ou impulso ao euskera.

Este Concerto económico aplicado a Galiza evitaría o actual sistema de entregas a conta e a posterior liquidación, non dependendo dun Estado que na actualidade retén 700 millóns de euros de todos os galegos e galegas, pagados xa por todos. Por outro lado o Goberno da Xunta limítase a laiarse ou a facer deste asunto unha táctica unicamente electoral  e dirixida exclusivamente aos intereses do Partido Popular, cando o que correspondería sería a presentación dun recurso xudicial para reclamar o pago inmediato dos cartos xa pagados polos galegos e galegas e que corresponden a Galiza.

“Presume Feixóo dos 300 M€ do teito de gasto cando cun concerto económico Galiza disporía de once veces máis de recursos adicionais e cando ese teito aínda está por debaixo da cifra anterior á chegada deste á Xunta”, explicou recentemente Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento de Galiza. “É un mal punto de partida que dificilmente pode axudar á hora de enfrontar os retos que ten Galiza por diante e anticipa uns orzamentos continuistas que non ofrecerán ningunha alternativa ao fracaso económico e social da década Feixóo”, alegou así mesmo a deputada.

Inxentes recursos que produce Galiza e que van tributar a Madrid, farían xustiza a nosa nación e un Concerto Económico como o dos vascos poñeríannos onde realmente nos corresponde dando riqueza, recursos e autonomía á hora de elaborar uns Orzamentos que non dependerían da apartación de fondos que dispoñan os Montoros de quenda.  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña