05:55 Martes, 22 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-10-2019

Que a CIG se consolide como primeira forza sindical é unha boa noticia para o nacionalismo galego

Primeira forza sindical

Valorar (19)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Moitas veces a militancia nacionalista inmersa en múltiples loitas e condicionada por unha axenda marcada polo adversario, que sitúa como único ámbito de noticia e por tanto único ámbito de actuación relevante a actividade política institucional, non é capaz de coñecer os logros acadados.

Un deses logros, agochado polos medios sistémicos e na miña opinión pouco divulgado polos outros, é o feito de que a Confederación Intersindical Galega a catro meses escasos do remate do período de cómputo consolida a súa posición de primeira forza sindical en Galiza, con unha distancia apreciábel sobre as dúas centrais sindicais españolas.

Que a CIG se consolide como primeira forza sindical en representación é unha noticia importante e moi positiva para a clase traballadora galega; pois estamos falando dun sindicato de confrontación, que denuncia o pacto social e considera a loita de clases elemento fundamental para conseguir avances sociais; un sindicalismo que entra nos despachos e senta nas mesas de negociación cando é preciso, pero que ten o traballo a pé de obra, a pé de  fábrica e a pé de rúa como fundamental.

A CIG é desde hai moito o sindicato con maior capacidade de mobilización e con maior base afiliativa, e a consolidación do primeiro lugar en canto ao apoio dos traballadores traballadoras nos seus centros de traballo en eleccións sindicais, pecha o círculo en canto aos tres elementos que permiten medir a forza de unha organización sindical.

Pero esa boa noticia vai máis alá da base de cadros, afiliación e delegados e delegadas cos que conta a central sindical; é unha boa noticia para o conxunto do nacionalismo galego, pois que a nosa central sindical supere a CCOO e UGT demostra unha grande capacidade para convencer á clase traballadora galega de que a aposta certa pola defensa dos seus dereitos está no apoio a un sindicalismo inequivocamente galego e inequivocamente de clase; un sindicalismo que non ten medo á politización, un sindicalismo que por contra considera que os traballadores e traballadoras deben facer política, e que unha das funcións do sindicato é a de ideoloxizar á súa base.

E todo isto faise nun país que ten un mundo do traballo dominado pola pequena e mediana empresa, con redución das empresas nas que se concentran grande número de traballadoras e traballadores, aumento do sector servizos caracterizado pola precariedade, dependencia da administración para sobrevivir moitas empresas, control social nos pequenos concellos e baixa conciencia nacional.

É público que ademais a CIG é o inimigo principal das organizacións empresariais e dun Partido Popular que en cada convocatoria de eleccións sindicais pon a súa maquinaria en marcha para favorecer ás organizacións sindicais españolas; podemos poñer multitude de exemplos, desde a represión e despido de candidat@s da CIG até facerlle as candidaturas a outros sindicatos.

Pero pese a todos os atrancos o traballo constante dá resultados e, sen esquecer erros cometidos nalgúns conflitos e eivas no traballo do día a día, cómpre que mostremos con orgullo o apoio recibido e esa condición de primeira forza sindical.

Ademais, partindo da necesidade imperiosa de establecer sinerxías entre as distintas organizacións que conforman o movemento nacionalista, entendo que un maior coñecemento e estudo da experiencia sindical da CIG podería aportar elementos que axudaran a mellorar o traballo noutros ámbitos.


[03-10-2019 06:30] miguel anjo comentou:

POR DESGRAZA FALTANOS O DE FAZAER PEDAGOXÍA

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña