00:17 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-09-2019

Sabíamos, aínda que non o queríamos crer, que era moi posíbel espertar un día coa noticia de que un sector das FARC volvía coller as armas.

Novidades no labirinto colombiano

Valorar (19)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Sabíamos que dentro das FARC-EP a decisión de entregar as armas aos verificadores das Nacións Unidas fora obxecto de forte debate entre un sector maioritario, que consideraba que debían ser entregadas todas nunha soa entrega tal e como se fixo, e outro sector minoritario que consideraba que a entrega das armas debía facerse por etapas segundo se fora avanzando no cumprimento do asinado na Habana. Coñecíamos tamén os debates e as posturas diverxentes entre os dous sectores no congreso constitutivo do partido FARC, no que estivo presente como convidada a UPG.

Seguimos con preocupación as actuacións do Departamento de Estado dos EEUU, que desprezando o Acordo de Paz sigue mantendo ás FARC-EP no listado de organizacións terroristas e tentou, contando coa complicidade do estado colombiano, que foran extraditados varios dirixentes da guerrilla desmobilizada, destacando o caso de  Jesús Santrisch que viviu unha situación xudicial rocambolesca carente de calquera fundamento xurídico, na que se vulneraron todos os seus dereitos.

Cada poucos días nestes tres anos recibíamos a noticia do asasinato de líderes sociais, sindicais políticos, indíxenas...., superando xa o medio millar, e ao tempo o asasinato de máis de cen guerrilleiros desmobilizados, pese a que os acordos de paz fan referencia á garantía de protección por parte das autoridades para dirixentes políticos e sociais e guerrilleiros desmobilizados incorporados á actividade política.

Desde a chegada á presidencia de Colombia de Iván Duque en agosto de 2018 os poucos avances que se tiñan producido no cumprimento do Acordo de Paz paralizáronse, procedendo ademais o goberno á redución do orzamento destinado a financiar os programas de actuación contidos no mesmo.

Analistas independentes consideran que o Acordo de Paz inclúe tres transformacións fundamentais para mudar a situación do país, e que cando se van cumprir tres anos da sinatura dos mesmos non se deu avanzado nada nestas tres transformacións; estas son a necesaria transformación da estrutura política dun estado que é o máis centralizado do continente americano e no que máis do 80% do orzamento o xestiona o goberno central; a transformación agraria nun estado no que a pobreza do campo cuadriplica os niveis de pobreza existentes nas cidades; e a política da verdade sobre o conflito.

A realidade colombiana pon enriba da mesa o aumento das desigualdades na última década, e a ampliación as hectáreas de cultivo de droga de 48.000 a 200.000, situándose no nivel de cando Colombia era considerada un narco-estado.

O goberno dos Estados Unidos deu un paso máis no emprego de Colombia como base principal para a agresión a Venezuela, anunciando o pasado mércores a creación de unha Unidade de Asuntos de Venezuela, con sede en Bogotá e co obxectivo de favorecer ‘”a seguridade e benestar do povo venezolano”.

Diante desta situación sabíamos, aínda que non o queríamos crer, que era moi posíbel espertar un día coa noticia de que un sector das FARC volvía coller as armas. E iso aconteceu o pasado xoves co anuncio dun grupo de comandantes encabezados  por Iván Márquez e  Jesús Santrisch de que os incumprimentos por parte do estado e os asasinatos de dirixentes sociais e ex-guerrilleiros os obrigaba a volver ao monte poñendo en pé unha nova guerrilla.

Desde que se fixo pública esa decisión, os distintos sectores políticos e sociais colombianos e os axentes internacionais implicados no proceso de paz, encabezados por Cuba e Noruega, teñen mostrado a súa preocupación polo duro golpe que significa esa decisión para un proceso de paz que pasaba por unha situación delicada, facendo un chamamento aos disidentes a volver a reintegrarse no Acordo de Paz e criticando duramente os incumprimentos por parte do goberno.

Desa preocupación case unánime só se teñen desmarcado Álvaro Uribe, verdadeiro home forte do actual goberno colombiano aínda que non forme parte do mesmo, pois é o ideólogo do partido Centro Democrático do que forma parte o presidente Iván Duque, un partido que representa os posicionamentos dos sectores máis reaccionarios da oligarquía, e con vínculos demostrados co para-militarismo.

Uribe e Duque din que esta decisión do grupo encabezado por Iván Márquez e  Jesús Santrisch demostran que o Acordo de Paz era un engano, e que por tanto deben tomarse medidas para acabar coa guerrilla e para desmontar o engano; engadindo ademais que detrás de todo hai un plan elaborado por Nicolás Maduro e polo goberno cubano, volvendo deste xeito a empregar a figura do inimigo comunista estranxeiro para agachar a realidade de unha Colombia cada vez máis desigual.

Entendo que só ao povo colombiano corresponde valorar si a decisión correcta é a de quen consideraron que o camiño do Acordo de Paz estaba pechado e que debían volver a coller as armas aínda que só fora para defender as súas vidas, ou a de quen pese á delicada situación e aos asasinatos e incumprimentos se manteñen no mesmo ao considerar que na Colombia actual esa é a única saída; pero si podemos constatar nunha primeira valoración de urxencia que desde o pasado xoves a tensión tanto en Colombia como no conxunto da rexión ten aumentado, o uribismo manifesta publicamente a súa satisfacción ao contar con novos elementos para manter a súa estratexia, e o goberno vén de anunciar a morte de 12 guerrilleiros das FARC nunha operación militar.  




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña