07:21 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-08-2019

mesmo se hai que arroubar co cruceiro ou co vello palco da música pra dar entrada ao trayler- escenario, todo vale con tal da macroverbena...

Da Etnografía que se dicía tradicional á aculturación

Valorar (20)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Nada manifesta mellor como a fala  estado da cuestión cultural dun pobo. Fala como feito intelixente de comunicarse,  lingua, feita de herdos tradicionais, de innovacións, de creacións,  pero tamén  coas laceracións do acoso impositivo, expresando o estado da cuestión. Crise de identidade, anomia, aculturación con causas políticas e efectos ensarillados. Anormalización de comportamentos que nos levan a unha nova antropoloxía e etnografía galegas.

A  Antropoloxía cultural nas súas vertentes de investigación como a Etnoloxía que é o estudo comparativo entre culturas e a Etnografía  como ciencia que describe a cultura material e inmaterial dos pobos, mudan e acultúranse aceleradamente aguilloadas por causas e efectos. Así é que os vellos tratados de Antropoloxía Cultural e os máis sobre Etnografía Galega - dende as descricións de Risco, Xocas, Taboada Chivite, Bouza Brey ou Fraguas na metade do século pasado até os estudos de Carmelo Lisón a fíns do mesmo - xa son Historia. Nas derradeiras décadas os medios e sistemas de produción, que perviviron con características aínda do Neolítico cambiaron: do mundo rural, agrario, gandeiro, artesanal ao mundo urbano, industrial, funcionarial, cos seus novos ritos e mitos do consumo, emigración e migración por medio. Hoxe os medios de comunicación, as novas tecnoloxías e canto supón a globalización inciden, crean adición  e monstros.

Patrimonio material e inmaterial das orixes, onde radica a orixinalidade dun pobo

Os modélicos estudos encol da Etnografía Espiritual de Risco - do que hoxe diríamos “Patrimonio inmaterial”, aínda que derive dalgunha materia -  está dividida na secuencia lóxica da mitoloxía, a relixión, a superstición/ as idades da vida, as festas do ano/ e finalmente a literatura, a plástica, a música e a danza...ao que algúns prefiren chamarlle folclore e  Risco “cultura popular”.

A Xeografía coa pedra, o mar, os rios , as súas ribeiras e bocarribeiras, o feito de ser Fisterra Atlántica condicionan a xeopsíquica, o carácter, di Risco. Sumando a todo isto a Historia, dende os antecedentes “célticos” nos que insistían os precursores, até os aportes romanos, suevos coas súas estruturas económico-sociais, relixiosa, como a parroquia... incidindo tamén os creadores e as relacións con outros pobos.  Na bases xeográfica e histórica radica a orixe sobre a que se asenta a orixinalidade, a identidade...a pesar de todo aínda marcada en Galiza.

Respecto á Cultura Material Galega, estudada por “Xocas” e por tantos outros sabios locais,  para as súas investigacións parten da casa, con tanto que significa como célula da organización social, tamén como construción, núcleo ao que se vencella á facenda, os sistemas de produción, de transporte que pasaban polo cabalo, os bois, o carro...os oficios, os artesáns... e con eles os seus artefactos e enxeños ; o estudo da mantenza, dos camiños... E velaí en todo iso o tear da cultura, como resposta que os seres humanos damos aos problemas que se nos formulan, acudindo pra resolvelos a tradicións, ao maxín e ás relacións con outros pobos...proceso intelixente que tamén pode ser intervido, condicionado, alterado, aculturado...máis pra corrixir tal estado anómico estaría a intelixencia e os poderes públicos .

Efectos con causa: si nos anos dos avós a base foi a casa, agora a arela  é ter un chalet ou tan sequera un  piso e que entran no consumo como ben de cambio. Ao respecto as tipoloxías que ofrecen as inmobiliarias son infindas e por catálogo ou polo piso piloto: de deseño, rústico, suízo, americano, ecolóxico... Por folclórica morriña a preferencia será polos construídos na sempiterna pedra e coa lembranza da antiga arquitectura sen arquitectos, a do patín e da solaina, aberta á natureza  por medio dun alpendre... e por algures, no xardín,  non esquecer a grella pra facer o churrasco... e mesmo como proba de amor patrio instalar o cabaceiro, ilegalmente comprado e movido,  erguer un cruceiro e poñer, a podrecer, carro vello, pote ou dorna. Iso si, que non falte garaxe. Na parte de atrás, no cu da casa, o que se esconde...un rocho para todo, galiñeiro e unha hortiña con verzas, patacas e tomates. Dentro os mobles, sólidos, os que si anos atrás eran feitos en Sarria ou na Estrada, agora serán de Ikea... e no salón, como sucesora da lareira, unha cheminea francesa, o sofá-cama a carón dun plasma televisivo cada vez maior, até desterrar o retrato maiúsculo dos pais, da voda ou o tapiz marroquí dos cervos e a fervenza.

“Feismos” físicos e psíquicos e “Libro dos records”

Tamén  entre o mostrario da nova etnografía atopamos a casa a medio facer, comezouse coutando o terreo co valado e ergueuse o cruceiro, outras asomando na planchada os piares do primeiro piso, ladrillo, uralita, onduline.... e ese ambiente gris. Propiedades feitas ou adquiridas coas penurias da emigración e do traballo, mediante hipotecas cos bancos.

A vella casa, a familia desfíxose, un está en Barcelona, outro en París, en Zurich, na Arxentina, en Panamá, en Venezuela ou en Vigo.... A casa da aldea quedou coas pantasmas, as hedras fanlle de manto. A non ser cando ven agosto e volven de vacacións pra esa concentración parcelaria festiva, onde xa sen mordomos, sen ramo, nin poxa, se honra aos santos de sempre, xa menos, pra facer misa e sacalos en procesión, buscar dificilmente uns gaiteiros e botar uns foguetes. Iso si,  bularse tamén das lembranzas dos titiriteiros da cabra... e sacar de onde sexa cartos pra contratar á orquestra Panorama, á París de Noya ou tan sequera ao Combo Dominicano... mesmo se hai que arroubar co cruceiro ou co vello palco da música pra dar entrada ao trayler- escenario, todo vale con tal da macroverbena...  Coa débeda xa quedarán pra outra as obras na estrada, a traída ou a reparación do tellado da parroquial. Mesmo se honrará en festa particular aos produtos da terra, pulpo, pementos, xamón, empanada...coa “tapa máis grande do mundo” pra figurar no “Libro dos Records”. E por algures mesmo alguén sacará do maxín un argumento histórico pra inventar un novo entroido de verán.

Na que foi sacrosanta Noiteboa e na Noitevella xa todos saen, a aboa queda na casa mantendo a tradición, vanse cada cal a onde lle peta e os máis ao restaurant, a cear, tomar as uvas a golpe de bombo...Aos magos desta tradicional “Terra Meiga”  sáenlle  estraños competidores, mesmo un miserento e depravado Apalpador. Terra onde a haxa de Vilancicos e Panxoliñas pra reducirse a los “peces que  beben y beben, y beben... y vuelven...” Menos mal que o instinto da identidade se rebela co Entroido no rural e resucita a maxia das vellas máscaras, folións e músicas tamén contaminadas de batukada ...aínda que na urbe a calquera cousa lle chaman “choqueiro” cando era o que levaba as chocas ao cinto. No San Xoán das fogueiras e ao faltar as campas, invádense antiecoloxicamente os areais das praias. O concello interfire e paternalistamente programa e couta tamén a liberdade dos Magostos... E toda festa cóbrese de  alcohol, o  “macrobotellón” .

O feismo, xa apelidado “galego” asúmese, sen entrar en causas, aínda que non sempre se enxerga, fálase de feismo dende o feismo . Por algo velaí unha instintiva saída de emerxencia, o programa  televisivo “Galiza bonita”, un xeito de apañar, remendar, vestir de verde, defectos con causa na crise de identidade.

O “Seminario de Estudos Galegos”, o “Laboratorio de Formas de Galiza” para rexenerar códigos. Ética-Estética  

E pra complementar a nova etnografía, como non podía ser doutro xeito, neste país de xastres e costureiras, o dengue, as cirolas, a monteira o pano ou o manto pasan ao museo, etiquetadas con esas connotacións de recato e sometemento. Iso si, contribuímos ao éxito da bata inventada por Amancio Ortega a todos os deseños de moda low cost.  
E, finalmente o tema da morte que pecha o ciclo nos estudos etnográficos, que xa é un mercado, como paradoxo velaí os tanatorios revitalizando centros dalgunhas vilas... E o cemiterio repite o caos...novos esperpentos están servidos pra quen queira enxergalos.  

Exemplar nestas cuestións de gardar a aparencia sen entrar en conflito co entorno natural, foi a teoría e a praxe respecto a súa illa de Lanzarote do creador César Manrique. Teimoso coa mensaxe de que un pobo sen educación está condenado á ruína. Misión  nada desencamiñada da galega, anterior, a herdada do Seminario de Estudos Galegos, fendido pola guerra civil e anovada da man de  Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane a través do Laboratorio de Formas de Galicia e das “Industrias da Memoria”,  o Castro e Sargadelos. Interrelación ética e estética, ensinar a enxergar  a fin de compatibilizar o desenrolo económico coa natureza e a cultura.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña