14:54 Martes, 21 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-08-2019

Cumpre que a sociedade galega reaccione, asuma que ten capacidade e que debe responsabilizarse se quere saír deste estado de tedio, abulia e deixarse levar.

Realismo, coherencia e iniciativa

Valorar (51)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Corren tempos complicados. O escepticismo e o desánimo asolagan moitas persoas que teñen unha visión crítica da realidade. Ao mesmo tempo parece que, na política, debe primar o ilusionismo. Non se procura o entusiasmo, a iniciativa e a indicación dos problemas con claridade e das solucións que se propoñen, de forma que  dominen o debate político e a información á sociedade, e mesmo a súa mobilización. Predícase como se este fose o mellor sistema, o mellor réxime e, no caso concreto de Galiza, o mellor status do que podemos gozar como pobo. Só debemos aspirar a xestionalo. Todo parece reducirse a unha liorta de quen é máis listo e máis eficaz para facelo. Entramos así nunha infernal competición electoral sen fin, que enreda e lea sen deixar tempo nin para a reflexión nin para a acción ou a iniciativa política que interrogue e comprometa ao pobo nalgo máis que na petición do seu voto. Isto de por si xa, nas sociedades desenvolvidas e normais, non colonizadas, é unha severa limitación para se producir unha mudanza real favorábel ás maiorías sociais. No caso das sociedades ou nación dominadas, colonizadas, como a galega, é optar por vivirmos nun ilusionismo permanente, nunha adaptación acrítica a algo que, asumido así, nos leva á insignificancia e desaparición como pobo. Neste contexto, resulta natural, lóxico e comprensíbel,  que exista un desacougo, unha inquedanza e un afán por desprazar da Xunta de Galiza o Goberno do PP. Efectivamente, non só non favorece actuacións a prol dos intereses de Galiza; máis ben  cava máis fundo a nosa foxa. Neste sentido, a resignación, o quietismo, a adaptación, para alén de ilóxica e antinatural, na chamada oposición, e en particular no nacionalismo, non se poderían entender. É un obxectivo político necesario desprazar ese partido e ese presidente da Xunta. O problema está cando ese é o único obxectivo, e dáse por suposto que da súa consecución virán as mudanzas e orientacións que coloquen, polo menos, o pobo galego nunha dirección máis acorde consigo mesmo e coas súas necesidades.

Permítaseme indicar algunhas cuestións que un realismo necesario e operativo debía ter presentes para actuarmos sen nos deixar anular como forza política nacionalista nun marco tan adverso. De inicio, non enganarse respecto do que pode dar de si o marco autonómico a esta altura. No caso galego, levamos moitos anos co efecto combinado do que  só é  unha descentralización administrativa, coa privación  ademais de calquera carga política reivindicativa polos sucesivos gobernos do PP, de acordo sempre coas  severas limitacións que  o Estado, goberne quen goberne, impide superar. Logo valorar como facer cunha correlación de forzas electoral que, por moito que  se poida mellorar a favor do nacionalismo, hoxe por hoxe  terá dominancia  do españolismo de esquerdas. Atendendo a estas dúas cuestións, o nacionalismo debe condicionar o seu apoio a que haxa unha aposta por, como mínimo, modificar o estatuto de autonomía, de forma que se produza un debate de alcance na sociedade galega que sirva para sacala do seu estado anémico en relación consigo mesma. Nunha palabra, que obrigue a cavilar sobre o que nos está pasando e as súas causas, e que sirva para comprender  por que necesitamos soberanía. Non falamos dun debate fechado nas catro paredes do Parlamento, senón aberto e incisivo para fóra ( e aquí o nacionalismo terá algo máis que a súa relevancia electoral). E por moito que a algúns lles pareza superfluo, definir Galiza como nación, por máis que poda quedar nunha definición sen consecuencias de momento nun estatuto de autonomía reformado. Non teñamos unha ilusión ilusa a este respecto, pero non deixemos de dar o debate co argumento de que gobernar o que hai vale e dá de si, pero intentar saír das limitacións que nos abafan, non.

Das urxencias e necesidades vitais, para alén de subliñar e garantir que o galego vai ser tratado como lingua preferente dos servizos públicos en xeral, e do ensino en particular, habería que centrarse en mudanzas radicais da CRTVG, da política forestal e agraria, da enerxética e de todo o relativo ao financiamento da Xunta e dos concellos, abrindo ademais o camiño para cubrir  a necesidade dunha banca pública...E tomarse moi a serio que Galiza non pode padecer tanta ignorancia e desleixo sobre si mesma, a súa historia, os seus símbolos...E si hai un Parlamento, por máis que sexa de cartón, facer que funcione, polo menos polo seu regulamento, como un verdadeiro foro de liberdade, debate e propostas  que axuden a o pobo galego ser consciente do que lle pasa,  as responsabilidades de cada quen e a onde necesitamos encamiñarnos.  Cumpre  que a sociedade galega reaccione, asuma que ten capacidade e que debe responsabilizarse se quere saír deste estado de tedio, abulia e deixarse levar. Após o devandito e póndoo como condición, o nacionalismo poderá optar polo que considere máis correcto, conforme a unha valoración da conxuntura, e  para os seus intereses e obxectivos estratéxicos: apoiar a investidura dun novo presidente, participar no novo goberno ou permanecer á marxe desas alternativas, de non significar a continuidade do que hai.  Nunha palabra, o importante é ter iniciativa, formulala e que sexa irrenunciábel en boa maneira,  e non limitarse a negociala a escuras ou sen provocar certa convulsión e interese na sociedade, e moito menos que se limite a ser pretexto para acomodarse a un reparto de consellarías. Non están os tempos para iso, a non ser que se queira provocar unha desafección de secuelas imprevisíbeis na propia base social, ou anulala na súa potencialidade.

E, por fin, fagamos algunhas reflexións españolísimas. Ultimamente, non só o PP, Cidadáns e Vox, tamén o PSOE, están nunha carreira por ver quen defende mellor España. Nunha simplificación demagóxica e para parvos, todo o que non sexa iso é facer política partidista, din: na realidade defender España  consiste en meter medo aos discrepantes coa súa idea de España e negar que existen varios pobos ou nacións no Estado. A forma máis escura e oligárquica de facer política agóchase no seu españolismo.  Unha das primeiras consecuencias desta propaganda é negar a lexitimidade do pluralismo político real existente no Estado español, que é o nacionalismo nas súas diversas manifestacións. Así esta ideoloxía  acaba por considerarse na práctica anticonstitucional, en paralelo coa sacralización da Constitución, un dogma infalíbel e intocábel.

Pero claro tócalle unha parte tamén á esquerda española que se di rupturista. Doutra forma, menos agresiva, pero discriminatoria tamén. As dificultades para que Pedro Sánchez sexa investido Presidente non derivan de que non poda contar con aliados potenciais para lograr a maioría parlamentaria necesaria. Non,  derivan de que, en nome da responsabilidade con  España, pretende gobernar só con 122 deputados detrás, grazas a que os demais obedezan como marionetas. E por se fose pouco, desbota unha coaligazón gobernativa coa outra dita esquerda española co pretexto de non se lle poder entregar unha parte da gobernabilidade do Estado tendo en conta a súa falta de preparación e madurez. Quérese dicir que non soportan (naturalmente algúns dos que de verdade mandan)  nin a mínima discrepancia por pequena que sexa en temas cruciais, que unha forza rupturista, se non quere desaparecer, debe enunciar de cando en vez. Por exemplo, habería que pensar en dar un indulto, após a condena previsíbel dos políticos cataláns presos. Habería que valorar se debemos reformar algún aspecto da Constitución....

Nin iso queren escoitar. Perante a sospeita, mellor non abrir a porta...Claro está que o mellor foi a revelación sen paliativos nin enganos que, co gallo deste debate e desavinza, fixo o PSOE (o previsíbel substituto nuclear do PP na Xunta,  de haber mudanza, de non mudaren moito as cousas en nove meses), por distintas bocas autorizadas. Perante o argumento de como chegaban a acordos en moitas autonomías para gobernalas, e non podía habelo para gobernara España....Resposta: (sorriso de suficiencia) "Mire vosté,  unha comunidade autónoma ou un concello non é o Estado, nin ten os seus poderes nin as súas responsabilidades nin a súa importancia, nin os temas delicados que hai que tratar e resolver...".  España, o único importante;  as comunidades autónomas, unha ficción política, que non pode expresar nada politicamente relevante. Máis claro imposíbel.


[01-09-2019 22:01] Francisco Rodríguez comentou:

Creo que a amábel lectora Palmita Quintas non entendeu a intención deste artigo. Non sei se por estar mal matizado ou construído, e prestarse a equívocos, ou por un preconceito ideolóxico-político que a levou a ler xa con lentes deformadoras. Non creo que esaxere se digo que na miña análise está moi presente unha descualificación do réxime de 1978, da estrutura do Estado, dos partidos estatais, e en particular do PSOE e unha chamada de atención para non facer unha política ilusionista, falsificadora da realidade, limitándose á xestión do existente, ou esperando que esa xestión dea o que non pode dar.
Por outra parte, é unha advertencia, non aseverativa, senón de simple chamada de atención sobre como actuar nunha conxuntura determinada que se pode producir dentro de nove meses. Indícase unha posibilidade de como o nacionalismo actuar de forma que esa actuación sexa unha contribución a tirar Galiza do impasse político no que está. Non vexo por nigures lamento algún sobre as potenciais durezas do PSOE sobre o seus socio de goberno; todo ao contrario, indico que con iso hai que contar e telo presente, mesmo para non entrar nese goberno. O problema non está en ver con claridade que das institucións deste réxime e deste estado non vai saír a luz para Galiza. Tampouco está en saber os límites insalvábeis da Constitución española. Nin a didáctica que se deriva do caso catalán tela en conta. Todo iso foi analizado con contundencia e realismo por quen está escribindo e pode verse tamén correctamente analizado en textos programáticos e políticos da UPG e do BNG. O problema está en como, se se participa nas eleicións e se ten presenza institucional, neste caso, parlamentar, se usa e para que. Entón coido que, unha cousa é que o marco legal non dea de si, e outra que non se podan formular modificacións ou propostas que sirvan para que o debate social exista sobre certas cuestións e a conciencia política do pobo galego sexa máis acorde coas propias necesidades que ten. Neste aspecto, todo o que digo, sen quedar nas catro paredes do Parlamento, pode axudar, debe axudar, por máis que non se logre. Sería impensábel, a conciencia nacional a que se chegou en Cataluña sen o debate dun estatuto de nación e a posterior frustración derivada da anulación práctica de aspectos substanciais do mesmo.
Creo que a amiga Paimira debía ter presente que debater hoxe na Galiza en sede parlamentar sobre os temas que eu propoño co gallo de forzar unha reforma do Estatuto, o único de todo o Estado que non foi nuca reformado, no actual contexto, para alén de pouco desexado polos partidos estatais, é unha forma de intentar contribuir a que algo se mova na conciencia social. E xa advirto de sempre que o nacionalismo se mova fóra tamén da institución....
Porén, o que me interesa é subliñar que este artigo no TT foi escrito sobre todo para alertar de que xa non vale entrar a gobernar en coaligazón co PSOE a Xunta, tendo o nacionalismo unha posición minoritaria aínda enriba, coa única intención de xestionar o existente, contentándose cun reparto de consellarías. Máis claro auga. Palmira, estará de acordo comigo en que esa hipótese dun goberno alternativo ao PP, con esa correlación de forzas, pode darse, é verosímil. E o que temos que aclarar a curto prazo, como facer...E para facer, hai que actuar, no plano en que se vai producir esa situación...Doutras cuestións orgánicas, moi importantes, estou dacordo na necesidade de asumilas e practicalas. E tamén en criticar as deficiencias do nacionalismo político pasadas e presentes en non asumir con máis determinación a estruturación dunha base social nacionalista en todos os ámbitos da sociedade...Máis algo do que se ten feito e do que se está a facer neste eido, tamén leva o seu carimbo...E xa que de críticas e autocríticas vai, a amiga Palmira debía de comprender que outro nacionalismo máis social, que non dubido da súa existencia, non deu moitos froitos que digamos, e está nun estado larvado, e cunha inoperancia política excesiva, tamén moi desorientado, abducido por un ideoloxismo excesivo....En fin, creo que debemos ser todos algo máis construtivos, e xulgar se hai unha posición que exceda do puro electoralismo e intente que a conciencia social avance apoiala....O perigo hoxe está en limitarse a xestionar o existente sen máis aspiración..... Galiza necesita moverse por un obxectivo propio....

[01-09-2019 13:19] Palmira Quintas Cospedal comentou:

Cando comecei a lectura do artigo de Paco Rodríguez sentín unha certa ledicia pois pensei que por fin había unha pequena luz pola que se podía comezar a colar algo de autocrítica. A ilusión foi vana transcorridos breves instantes de lectura. Con todos os respectos, o texto transluce tres ideas que, humildemente, gustaríame comentar: 1ª. O pobo galego está sumido no tedio e na abulia o que xustificaría a correlación de forzas existente. 2ª. Para que saia do seu letargo precísase dun debate (?) iniciado no parlamento autonómico que impulse unha reforma do estatuto. 3ª. Que o PSOE é un partido do réxime que pon obstáculos inaceptables aos seus socios potenciais en futuros gobernos de coalición.

Sen dúbida estaremos de acordo en que, a abulia e tedio do pobo galego ten a súa orixe en causas económicas estruturais profundas consolidadas desde a transición polos mecanismo lexitimadores da democracia parlamentaria representativa e as súas regras de xogo. Nese contexto, a función dos partidos políticos submisos a ditas regras teñen unha cota moi importante de responsabilidade. Non hai que esquecer que Galiza leva case 40 anos cun nacionalismo realista de esquerdas que non foi capaz de mudar a correlación de forzas nin sumar, dentro das regras de xogo, unha maioría social transformadora do status quo. É mais, a pesares que desde o ano 2009 estamos inmersos unha crise económica profunda con graves consecuencias sociais, o nacionalismo galego, no momento mais álxido dos seus efectos, estivo ausente social e politicamente. Foi practicamente varrido do debate político e perdeu unha gran parte do seu peso electoral. Logo algo non se está facendo correctamente.

Pensar que un debate parlamentario poda ser un factor de reflexión colectiva sobre o que nos pasa aos galegos, resulta, cando menos, sorprendente. E mais, se cabe, que dito debate verse sobre a reforma do estatuto, cando sabemos que é irreformable dentro do marco constitucional dende unha perspectiva galega, e que calquera cambio que non cuestione ese marco non terá ningún efecto transformador da túzara realidade do noso País. Pensemos tan só nunha reivindicación histórica do nacionalismo galego, que eu apoio incondicionalmente: a supresión das Deputacións Provinciais. Hai que dicir claramente que para que isto sexa posible requírese a modificación do artigo 141 da CE/78, pola vía do artigo 167 (3/5 das dúas cámaras en primeira lectura, 2/3 en segunda e posterior sometemento a referendum en todo o estado) e iso sabemos que non vai a acontecer, entre outras cousas, porque Galiza nunca poderá acadar a correlación de forzas necesaria para que iso aconteza. É legalmente imposible. A situación tórnase aínda mais insalvable se se pretende acadar como obxectivo unha banca pública galega no marco da euro zona. Os cambios que precisa Galiza, en termos económicos e xurídico-políticos son tan profundos, que a súa formulación pública en sede parlamentaria, nun contexto de ausencia de identidade como povo, non terá mais efecto que aquel que lle dediquen os medios de comunicación. Moitos pensamos que a “normalidade democrática” das institucións autonómicas só está ao servizo dos mecanismo de lexitimación do réxime e polo tanto ao servizo da súa invulnerabilidade . E que é precisamente a súa crise de lexitimidade a que abre camiños para que medre a conciencia emancipadora.

Non acado a comprender como despois de tantos anos padecendo as políticas do PSOE, incluso de aqueles gobernos que enarboraron temporalmente políticas públicas de corte social, se poden expresar "lamentos" sobre a súa dureza e intolerancia cos potenciais socios de goberno. Salvo, claro está, que ese lamento responda a que se poden ver truncadas as expectativas dun posible pacto en Galiza despois das eleccións do 2020, porque se albergue algunha posibilidade de cambio con semellante socio.

O proceso catalán está demostrando que o réxime resposta con dureza a calquera intento de cuestionar desde as institucións, teñan estas as maiorías que teñan, o marco xurídico vixente. Polo tanto, na miña humilde opinión, sen abandonalas, hai que poñer os esforzos, noutro sitio. A conciencia de povo non se adquire con debates parlamentarios, senón ca implicación das persoas nos asuntos que lle atanen, participando da política desde abaixo. Ese proceso de participación debería concluír con estruturas organizativas autónomas que foran suxeitos políticos activos con capacidade de converterse en verdadeiros contra poderes. Na miña opinión, para que isto sexa posible, hai que contar con partidos políticos galegos, que non só pensen na “realpolitik” senón que estean estruturados para que o proceso de autoorganización sexa unha realidade, que conten con visión estratéxica, xenerosidade e asuman as contradicións sociais que tal proceso conleva. A conciencia como pobo non è un acto intelectualizado, senón unha sensación do propio do que che identifica como colectividade. É a conciencia que nace do conflito social, de enfrontarse contra a discriminación por razóns culturais, económicas e social.
En Galiza, guste ou non, a loita pola autodeterminación e pola soberanía nacional non é só contra o PP, senón contra o conxunto das estruturas do estado.


[29-08-2019 19:16] Moine comentou:

Entendo que para emancipar ao povo galego da condena da emigraçom, política desenhada desde a Vila e Cortelho para o nosso submetimento como naçom, só cabe construir em todo o tecido social umha consciéncia política de rebeldia e de negaçom a quem nos nega. Nos últimos dez anos fôrom forçados a emigrar mais de 180.000 rapazes e rapazas porque aqui nom tinham como sobreviver. Sem gente nova o processo de libertar ao conjunto da povoaçom galega da sua miséria cultural e económica, ao meu entender nom é possível. Os partidos de raizame estatal obedecem a estrategias alheias a nós, os seus interesses venhem ditados polas razons de Estado, que nom som outras que as razons da oligarquia espanhola.

[26-08-2019 18:41] Joám comentou:

Bom toque de atenção. Obviamente a brincar com Espanha não imos a nenhures. Apenas seguiremos a consumir as poucas forças que conservamos como povo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña