04:44 Martes, 17 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-08-2019

a bandeira é un signo inequívoco, por simbólico que for, da nosa identidade distintiva, non da nosa subordinación obrigada.

Non é un artigo, é un desabafo

Valorar (41)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Aviso (e disimúleseme o ton “soberbioso”): o que a seguir figura non é un artigo, é un desabafo. Cando me dispuña a cumprimentar o compromiso de publicación mensal con Terra e Tempo, a primeira idea que me xurdiu tiña a ver coa glosa dunha palestra sobre a lingua hai pouco proferida (en Sillobre, no 12 do presente mes, cuarenta e catro aniversario do asasinato de Moncho Reboiras), perante compañeiras e compañeiros da Unión do Povo Galego, do Bloque Nacionalista Galego, amigos e simpatizantes de ambas. Dei en titulala “Lingua galega: todo pasa por ela” e o centro da mesma consistía mesmamente en explicar o ripio de tal título. Tratábase, en síntese, de diferenciar o galego consentido do galego con sentido. Houbo algunhas cousas que me sorprenderon e quixera dar conta delas. Deixarémolo para mellor ocasión. O segundo tema que se me ocorreu viña da man da noticia que nos informaba da masificación turística en certos municipios galegos e da inxente cantidade de recursos, dispositivos asistenciais e diñeiro, en definitiva, que cómpre mobilizar para atender semellante riada de forasteiros en época estival. Naturalmente, o rei neste ranking de afluencia masiva é Sanxenxo, que, segundo o seu alcalde, pasa dos 18.000 habitantes censados a quintuplicar, no verán, a súa povoación. Con toda a cachaza e con toda a alegría, o rexedor infórmanos de que “En total nos gastamos casi dos millones de euros entre servicios de limpieza, playas, agua y seguridad”. Viva a Pepa! E quen paga todo isto? De que partidas e de que necesidades non cubertas se detraen semellantes partidas? É este o noso destino? Extremar a “hospitalidade” para favorecer que nos visiten masas de turistas que gozan de millenta servizos gratuítos ou baratos, encanto miles de compatriotas emigran? Por que non se cobran, como en tantos outros lugares do mundo, servizos, recursos e prestacións (sen ir máis lonxe, en Milán, catro euros por noite, a pagar no hotel [taxa municipal])? Habemos de ser os galegos permanentes receptores de turistas que, desde logo, non son informados de cal é o país que visitan, cal a súa historia, o porqué de tal espléndida monumentalidade e millenta pormenores máis?. Examinen as respostas encomiásticas da maioría destes visitantes, famosos ou descoñecidos: que maravilla de paisaxe, de gastronomía e de hospitalidade! Claro, todo gratis ou ben económico. Si, eu advogo claramente por unha taxa turística, aínda que non sei cal é a nosa posición política ao respeito. Tamén desbotei este asunto como tema do meu artigo. O que me tocou vivamente a sensibilidade e paso agora a referir é tamén moi recente: unha festa tradicional nunha aldea do interior do país, no día 15 do presente mes, que debe de concentrar a maioría das festas populares da Galiza. Non direi o nome, pois o que presenciei penso que se pode aplicar a outros moitos lugares.

Cheguei cando acababa de finalizar a misa patronal. Iniciábase a procisión, de traxecto curto, pois os santiños saían da igrexa até o campo da festa e deste voltaban ao templo. Enfrente deste, unha espléndida casa reitoral, que podía ser restaurada e preparada para usos actuais, mais que está abandonada á súa sorte, isto é, ao labor destrutor do tempo. Os santiños todos da igrexa, como digo, ían saíndo da igrexa: as figuras masculinas, portadas por homes; as femininas, por mulleres; unha Virxe pequeniña, por nenas. No grupo dos homes, un mozo vestía unha camisola coa seguinte mensaxe, en letras ben grandes: I HAVE A DREAM (el sabería o rapaz a procedencia da frase?; a macrofactoría norteamericana vende todo, incluídas frases célebres do asasinado Martin Luther King; non haberá camisolas con textos en galego?). No ano pasado, sentín como, nun momento dado da celebración, no canto do himno español da miña infancia, soaban compases do himno galego. Algo avanzamos, pensei daquela... A procisión foi servida de amplo acompañamento musical. Amplo e variado, non sei se algo caótico, por simultáneo: o repique das campás, manexadas con man destra polo sineiro; o retumbar dos foguetes e, aínda, os sons do grupo de gaitas, tamboril e bombo que abría a marcha. A escena tiña, desde logo, algo de conmovedor, de vontade de manter un ritual que conectase os asistentes coas súas “raíces” ou cunha tradición que, cal residuo dun tempo ido, cómpre manter, para non atraizoar de todo unha pertenza minguada ao que somos ou ao que fomos. Digo “raíces” malia detestar a palabra ou, mellor dito, o conceito que me semella que agocha. Si, “raíces” galegas (ou, por mellor dicer, “aldeás”); e o tronco, e as pólas, e as ramas, e os froitos? Quer dicer, as raíces, invisíbeis na maior parte dos casos arbóreos, galegas; o visíbel, o vizoso, o rendíbel..., se valer a metáfora botánica, isto todo, para os demais, para o español como idioma, para as economías que se nutren e arrequecen coa nosa emigración. Cito á mantenta a emigración porque tamén esta aldea se enche no verán de emigrados retornados por uns días ou semanas ao seu lugar de orixe e participan da festa patronal: o español das xeracións novas contaxia, claro está, o idioma das precedentes e velaí temos avós, pais-nais e netos, todos a falaren o español de turno co sotaque basco ou catalán que delata o destino da emigración: un dos “dons” que ela, a emigración, nos proporciona! Que grande “avanzo”, que maravilla de asimilación, xa denunciada hai cento e cincuenta e tres anos por Rosalía de Castro!

Mais a escena que quero referir é anterior á que acabo de relatar. Nada máis chegar ao campo da festa, recebín a primeira labazada visual: o cordel que o atravesaba, cheo de bandeirolas españolas. Nen unha galega. Cando me encontrei cos meus hóspedes, comecei a bradar. A..... díxome que xa o advertira a véspera e así llelo fixo saber aos ramistas. Estes retrucaron que, nas vilas próximas, non atoparan galegas e a iso se debía que só houbese españolas. “Pois se non hai bandeirolas galegas (todo un síntoma, por certo), non se pon nengunha!!!”, berrei. B..... recomendoume calmarme, porque o alporizamento sobe a tensión. “Son hipotensa!!”, seguín berrando irada, tendo que admitir, porén, que o encabuxamento claro que sobe a tensión e fai doer a cabeza. A seguir, batemos cun compañeiro do BNG e seguimos a protestar con toda a contundencia. “Non é para tanto  -respondeunos-, hai cousas piores”. “Cóntamas!, repúxenlle, a ver se podemos solucionar algunha, porque esta si que está na nosa man!”. Razoei que tal exhibición dun signo visíbel como é a bandeira española equivale a negar o que somos, a dar por boa e compracida a nosa dependencia, a abenzoar o amo, a dar por válida a nosa EXCLUSIÓN! Se a lingua  -por dicelo con expresión de Carvalho Calero-  é o sacramento unitivo que certifica a pertenza á nación, á Galiza, a bandeira é un signo inequívoco, por simbólico que for, da nosa identidade distintiva, non da nosa subordinación obrigada. O compañeiro do BNG, coido que máis incómodo do que atribulado, desviou a conversa para me apresentar un seu amigo, ambos compañeiros de Seminario Diocesano dun meu curmán polo que me perguntaron (todos tres con profisións civís distintas da vocación sacerdotal que abandonaron). Volvín, secasí, á carga; de aí, o uso da palabra “sacramento”, que, asegurei, coñecerían, pola súa formación, tan ben ou mellor ca min. Curiosamente, o señor apresentado acabou dándome a razón e xustificando o meu enfado. A..... fíxome prometer que o tema acababa aí e non o alongaría ao resto da xornada. Cumprín a promesa. C......, como tantas outras veces, lembrou: “Tes razón, mais... non temos remedio!”. Retruqueille que a súa práctica, oral e escrita, contradí semellante fatalismo, porque contribúe para que o galego exista como instrumento público. En fin, a festa seguiu, con toda a cordialidade de moitos-as acompañantes hospitalarios e xenerosos.

Con toda a probabilidade, se este desabafo algún leitor-a tiver, provocará unha reacción que coñezo: xa está esta muller, máis unha vez, lanzando mensaxes pesimistas, críticas, a protestar sempre... Mais debo aclarar: no meu xuízo, a cousa non vai de “pesimismo” ou de “optimismo”. Se se tratar de apontar anécdotas positivas, teño un amplo surtido. Polas mesmas datas, un casamento eclesiástico, ben tradicional, ben burgués, celebrouse integramente en galego. Hai orquestras que, ao menos, realizan a animación en galego, por moito que a música, na maior parte, siga sendo en español ou en inglés, iso si, coa despedida a cargo de cancións galegas (o anaco de identificación consentida). A misa informáronme de que tamén, como hai xa anos, fora en galego. E podería seguir. Insisto: non se trata de pesimismo ou optimismo óptico. Trátase da escala valorativa que todas e todos nós, os que nos declaramos nacionalistas, posuímos e damos a coñecer ou a reclamar. Trátase do “abecé” da nosa teoría e da nosa práctica. Trátase de escoller entre o indiferentismo (“Éche o que hai!, frase que xa proe, de repelente) e a mínima mudanza sociocultural. Trátase de cantarmos o himno íntegro ou resignarnos ao catálogo dos recortes. Trátase de facer ver que temos unha bandeira que representa un povo e unha historia ou somos membros dun obediente e submiso rabaño. Trátase, en definitiva, de conformármonos con que hai, co que se nos dá e se nos permite e autoriza, ou de sermos inconformistas e ansiarmos unha outra visibilidade, unha outra presenza e unha outra intervención.

A pé feito cito o inconformismo, porque por inconformista me teño. E ser inconformista non é ser descontentadiza nen “ceniza”. E, de novo, descúlpenme –se até aquí chegaron-  por me amosar un chisco soberbiosa, palabra popular de antano que tamén gosto de reivindicar.  

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña