02:36 Xoves, 22 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-08-2019

“Moviéndose, trabajando, buscando colocación a las localidades, ofreciéndolas de casa en casa y a todos sus conocidos”, conseguira que o teatro estivese bastante concorrido

Aurora Landeira García: Actriz, empresaria e masona

Valorar (7)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


Aurora Landeira García naceu en Santiago de Compostela en 1865. Era filla de Francisco Landeira Varela e de Antonia García Varela -natural da cidade da  Coruña, na que tería nacido ca. 1833-. Irmáns de Aurora foron Antonio, nacido en Girona ca. 1855, e  Gregorio, nacido na Coruña ca. 1860. En 1877 vivían en Madrid. (El Siglo futuro, Madrid, 6-4-1877; Padrón de Ferrol 1887 e Padrón da cidade de Bos Aires, 1895 (tomamos os datos da web https://www.familysearch.org/). En 1878 debeu morrer o pai: unha noticia fala da concesión dunha pensión a Antonia García, viuda de Landeira. (La Paz, Murcia, 13-12-1878).            
Moi moza dedicouse profesionalmente ao teatro. Na tempada 1882-1883 do  Teatro Apolo de Madrid, figuraba no cadro dunha compañía de alto nivel, dirixida por José Valero. (El Heraldo de Madrid, Madrid, 26-9-1929). En 1883 actúa en Las esculturas de carne, estreada o 1-2-1883 no citado teatro; encabezaban o elenco Elisa Mendoza Tenorio e Antonio Vico. (Concepción Fernández Soto: Claves socio-culturales y literarias de la obra de Eugenio Sellés y Ángel (1842-1926). Una aproximación al teatro español de fines del siglo XIX, Universidade de Almería, 2005). Pouco despois, en abril, celébrase unha función no Teatro Alhambra de Madrid a beneficio de Aurora, moi concorrida. No programa, Traidor, inconfeso y mártir, lectura dunha poesía a cargo dela e Pobre porfiado. (La Correspondencia de España, Madrid, 13 e 14-4-1883). Tanto Aurora como o actor López Somoza, que a acompañara en Traidor, inconfeso y mártir, recibiron moitos aplausos. (LCDE, 19 e 20-4-1883). Avanzado o ano, o 8-9-1883, no mesmo eatro estreouse Por donde viene la muerte, de Valentín Morán, distinguíndose Aurora Landeira e o actor Lapuente. (LCDE, 9-9-1883).            

De 1884 dispoñemos de dúas noticias: unha función extraordinaria no Teatro da Zarzuela a beneficio da actriz, figurando no programa La pasionaria, Día completo e Pobre porfiado. (El Día, Madrid, 14-6-1884), e a súa participación, na sección de declamación dunha compañía cómico-lírica de Juana Pastor, que actuaría no Teatro Ribas de Barcelona no verán, con artistas dos teatros Eslava e Lara de Madrid, cuxas representacións comezarían o 21-6-1884 e da qu era director principal Ricardo Zamacois. (La Dinastía, Barcelona, 15 a 17-6-1884).            

O 12-2-1885 a Primitiva Sociedad Dramática ofreceu unha función no Teatro-Circo Balear de Palma de Mallorca, debutando “la primera actriz” Aurora Landeira, poñéndose en escea Carlos II el Hechizado, de Gil de Zárate. O domingo seguinte, representarían Lanuza ó el Mártir de la Libertad. (El Balear, Palma, 12-2-1885). E o 28-6-1885 celebrouse no Teatro da Comedia de Madrid unha función a beneficio “de la dama jóven” Aurora Landeira: no programa El corazón de un soldado, a cargo de Aurora; pezas de concerto a cargo da señorita Moltó, e de Paredes e Viglietti; e lectura de poesías a cargo de Dicenta, Torromé e a propia actriz. (LCDE, 27 e 28-6-1885).            

Pouco antes desta representación teatral produciuse a súa iniciación masónica. Solicitara o ingreso na loxa “Hijos del Progreso n.º 362” de Madrid o 29-4-1885. No escrito, dicía que era natural de Santiago, tiña 20 anos, era actriz e residía na rúa Callejón de Paredes, n.º 30, de Madrid. Acompañaba a solicitude de tres informes favorables de tres masóns, Manzini, Casio e Riego. Na súa iniciación adouptou o nome simbólico de Rita Luna. Chegou a acadar o grado 3º. O 16-8-1885 pediu ao taller unha licencia por ausencia de Madrid de tres meses, durante os cales residiría en Soria, onde esperaba poder visitar loxas masónicas, para o que pedía a expedición dunha carta acreditativa. (Natividad Ortiz Alvear: Mujeres masonas en España: diccionario biográfico (1868.1939), Santa Cruz de Tenerife, 2007, p. 247).

Tamén o seu irmán Gregorio era francmasón. Empregado do Concello de Madrid, iniciárase en 1885 na citada loxa co nombre simbólico de Maldonado. Semella que viaxaba continuamente a Albacete e, en 1888 acabou instalándose en Casillas, dende onde contactou con Miguel González Panadero, residente en Villalgordo e iniciado na tamén en Madrid. Con el, impulsa a fundación da loxa “La Juventud”, de Villalgordo del Júcar, o 13-2-1888, da que será o seu Venerable Mestre. Tiña neste momento 28 anos e ostentaba o grao 18º. En novembro de 1888 pide a baixa por ter que ausentarse da rexión, ofrecéndolle a loxa unha homenaxe e nomeándoo Venerable de Honor ad vitam por ter sido “el que puso la primera piedra" do taller. (José Antonio Ayala Pérez: La masonería en Albacete a finales del siglo XIX, Albacete, 1988, pássim).            

O 20-2-1886 Aurora participa nun abono de dez funcións (a última en xuño) que fixo a compañía do actor e director Alejandro Almada no antigo teatro do Campo de San Juan de Badaxoz. (Ángel Suárez Muñoz: “Badajoz (1860-1900)”, Signa, n.º 12, 2003). Precisamente a finais de abril de 1886 daríase no Teatro de Badaxoz unha función a beneficio de Aurora Landeira, “dama jóven de la compañía que últimamente actuó en el coliseo de la plaza de San Juan”. (Crónica de Badajoz, Badajoz, 23-4-1886).             A ano seguinte, o 17-4-1887, no Teatro de Novedades de Madrid, realizaríase unha función no seu beneficio (prevista para o dia 10 no Teatro da Zarzuela mais suspendida por causas alleas a ella). (LCDE, 10-4-1887).            
No mes de setembro temos constancia da súa presenza na Coruña: “Hemos tenido el gusto de saludar ayer á la simpática y distinguida actriz nuestra jóven paisana la señorita doña Aurora Landeira”. (La Voz de Galicia, 30-9-1887). Tamén a prensa viguesa informa que Aurora, empresaria dunha compañia lirico-dramática, propoñíase dar unhas funcións. (Faro de Vigo, Vigo, 16-10-1887).            

Recala en Ferrol. No padrón da cidade de 1887 encontrámola hospedada na rúa San Juan, nº 100, figurando coma solteira. Acompánana a súa nai Antonia García Varela, viúva e pensionista, e o seu irmán Antonio Landeira García, solteiro e aprendiz de carpinteiro. Figuran como transeúntes, levan dous meses en Ferrol, sendo a razón da estancia "Para ver la población". (https://www.familysearch.org/)

A primeiros de novembro comezouse a repartir un prospecto que dirixía ao público “nuestra paisana la Srta. Aurora Landeira”, anunciando que unha compañía lírico-dramática actuaría no Teatro Romea dende o día 12, baixo a dirección do primeiro actor Luis de Obregón. Ademais de Aurora, primeira actriz, formaban parte da compañía as actrices Nazarina Cabrera, Catalina Pérez, Pascuala Toda e Concha Valle, e os actores José Bernárdez, José Caballero, José Fernández, Antonio Landeira, Luis Obregón, Francisco Palanca, Nicanor Puchul e Enrique Vidal. Abríase un abono por 15 representacións, e poñeríanse en escena obras como Redención, En el seno de la muerte, Dos fanatismos, La payesa de Sarriá, Divorciémonos, Vivir en grande, Los amantes de Teruel, Inocencia, El pañuelo blanco, Contra viento y marea, La pasionaria, Realidad del delirio, El anzuelo, De mala raza, El tanto por ciento, La noche del asalto, Niña Pancha, Cádiz, Los carboneros ou El padrón municipal. A función inaugural sería o 12-11-1887, coa representación de El anzuelo, de Eusebio Blasco, e unha zarzuela. (El Correo Gallego, Ferrol, 8-11-1887). Na prensa coruñesa tamén se informaba do inicio destas representacións a cargo dunha compañía da que formaba parte “la notable artista, hija de aquella ciudad” (sic) Aurora Landeira. (LVG, 11-11-1887). Mais estas retrasáronse  porque o 12 de novembro actuaron en Lugo, representando Lo Positivo y La Casa de Campo. (El Regional, Lugo, 13-11-1887). Tamén se comentaba que chegara a Ourense, “su ciudad natal” (sic), Aurora Landeira García, empresaria da compañía lírico-dramática que se propoñía abrir aquí un abono de 15 representacións. (Galicia Moderna, A Habana, 20-11-1887).            

As representacións en Ferrol comezaron o 3 de decembro no Romea, con regular concorrencia de público. (ECG, 26-11-1887 e 4-12-1887). Púxose en escena o drama de Cano La Pasionaria. Aurora, Obregón e Palanca estiveran moi ben nos seus roles. Respecto ao resto do elenco, o comentarista do xornal dicía que lle parecera moi deficiente. Si estivera ben executada a comedia Humo sin fuego, con poucas personaxes, “y de los que verdaderamente puede decirse que son artistas”. (ECG, 6-12-1887).            

Colaboran na función que no Teatro-Circo celebraría a sociedade dramática Sapho a beneficio dos pescadores de Cariño, O Vicedo e O Barqueiro. Representáronse as obras Marinos en tierra, El laurel y la oliva e D. Ricardo y D. Ramón, a cargo de varios afeccionados, Landeira e Obregón. (ECG, 8-12-1887).            

Unha nova función da compañía tivo lugar o 8 de decembro “con mejor acierto que en El Anzuelo y en La Pasionaria", poñéndose en escea Lo Positivo, de Tamayo, Landeira, Obregón e Palanca mereceran repetidos aplausos "del escaso público que asistió al espectáculo". A compañía tivo pouco éxito en Ferrol: os ingresos a penas cubrirán os gastos máis indispensables. Por este motivo, só daría en Romea outra función a beneficio de Landeira (ECG, 10-12-1887), que debeu ser a do 30 de decembro, tomando parte Aurora e varios afeccionados da sección de declamación do Nuevo Liceo de Artesanos, representándose La Payesa de Sarriá, de Eguilaz, e Pobre Porfiado. (ECG, 28 e 30-12-1887). A crítica teatral foi moi dura. La Payesa requiría “una interpretación y un estudio no exento de dificultades”, mesmo para artistas expertos; quen tivese pouca experiencia teatral expoñíase ao fracaso. Iso fora o que pasara na representación, “en la cual pusieron sus manos pecadoras una primera dama como la Landeira, que tiene todavía bastante que aprender”, e varios mozos, aprezables como afeccionados pero que se equivocaran “por querer meterse en honduras”. O público burlouse dende os primeiros momentos, mesmo desapiadadamente, deses actores.            

Aurora, “moviéndose, trabajando, buscando colocación a las localidades, ofreciéndolas de casa en casa y a todos sus conocidos”, conseguira que o teatro estivese bastante concorrido “y que en taquilla se recaudaran algunas pesetas”. A banda de música de Marina tocara nos entreactos. Aurora, “mediana aunque hizo todo cuanto pudo y sabe”; en Pobre Porfiado todos foran moi dignos de aplauso. Mais “la mise en scene detestable, el atrezo deplorable y el teatro infumable. Había ayer una decoración de fondo, un árbol y una parra formada con pajas y hojas de yedra, que eran un atentado al buen gusto y un ataque al sentido común”. (ECG, 31-12-1887).            

Co fracaso das funcións de abono a compañía disolveuse. Os actores trataban de organizar unha función “con el auxilio de otros elementos teatrales”, xa que o último beneficio que deran no Romea non lles producira un só real, sendo maiores os gastos ca os ingresos: “menos afortunados el Sr. Obregón y sus compañeros que su ex empresaria la Landeira”, caeran nun pozo do que non había saída fácil. (ECG, 6-1-1888). Logo do fiasco, Aurora foi á Coruña coa idea de organizar unha función no seu beneficio, porque “le vá bien con el sistema de ofrecer beneficios a troche y moche”. (ECG, 6-1-1888). A prensa coruñesa fala da posibilidade de que dese esa función “la simpática actriz, paisana nuestra, señorita doña Aurora Landeira”. (LVG, 8-1-1888). Debeu acadar o seu obxectivo, xa que “todas las localidades para ese espectáculo, que se efectuará el domingo, están ya vendidas”. En Ferrol ironizaban sobre se para obter ese resultado, “habrá apelado al recurso de hacerse la interesante como en Ferrol, diciendo aquí que era hija de este pueblo”, sendo moi probable “que entre los coruñeses se las haya echado también de paisana”. (ECG, 19-1-1888). A mediados de xuño de 1888 está en Badaxoz. Daríase unha función no López de Ayala a beneficio dela, e tocarían as bandas do Rexemento de Castilla e do Batallón de cazadores de Tarifa. (Crónica de Badajoz, 13-6-1888). Acompañaron á actriz en Levantar muertos o seu marido, Luis Obregón, e afeccionados pertencentes á sección dramática do Liceo de Artesanos. A representación desta obra, e a de Amar sin dejarse amar, “entretuvo agradablemente á la concurrencia”, que fora selecta e numerosa. (El orden, Badajoz, 23-6-1888).            

No ano seguinte, o 10-3-1889, no Teatro Principal de Palma de Mallorca desenvolveuse unha función no seu beneficio con Amar sin dejarse amar, El ratoncito Pérez e Como pez en el agua, así como a banda do Rexemento de Filipinas. (El isleño, Palma de Mallorca, 9-3-1889). En febreiro de 1890 a parella está en León, celebrándose dúas funcións a beneficio dela, acompañada de varios afeccionados. O día 15, no teatro do Círculo Católico de Obreros, puxeron en escea El ratoncito Pérez, de Eusebio Blasco, Traducción libre, de Eugenio Sierra, e Como pez en el agua, traducido do francés por José María García. E o día 22, foron Amar sin dejarse amar, de Francisco Botella, Suma y sigue, de Mariano Pina, e Noticia fresca, de Vital Aza. Asistiu bastante público. (La España artística, Madrid, 23-2-1890; Estefanía Fernández García: León y su actividad escénica en la segunda mitad del siglo XIX, U.N.E.D., Madrid, 1997).            

De León viaxan a Asturias. O 9 de marzo habería unha representación no Teatro Jovellanos de Xixón, con El ratoncito Pérez, Traducción libre e Como pez en el agua. (La España artística, 8-3-1890). Pouco despois, o 25-5-1890, no teatro do Liceo de Pontevedra, representou El ratoncito Pérez, Traducción libre e Como pez en el agua, e tocando a banda do Rexemento de Luzón. (LVG, 24-5-1890; Tomás Ruibal Outes: La vida escénica en Pontevedra en la segunda mitad del siglo XIX, UNED, Madrid, 1997, páxs. 347-348 e 940).            

Outra noticia indica que a compañía debeu facer algunha representación en Vigo. (Faro de Vigo, 25-5-1890). Confirmámolo cando en xuño se acheguen a Salamanca. No teatro do Liceo daríase o día 15 unha función extraordinaria no seu beneficio, con actores que “han formado parte de una compañía que actuó últimamente en Vigo” baixo a dirección de Obregón, e coas obras El ratoncito Pérez, Traducción libre e Como el pez en el agua. (El Adelanto, Salamanca, 14-6-1890). A primeiros de xullo actúan en Béjar, coas mesmas obras. Mais, a pesar do escaso personal (só Luis e Aurora), “la compañía resultó alcanzada en algunas pesetas”. (La Locomotora, Béjar, 10-7-1890).            

Continúa a xira. O 14-9-1890, no Teatro Principal de Segovia, celebraríase unha  función “para la cual se nos ha dicho que están ya vendidas casi todas las localidades”. (El faro de Castilla, Segovia, 13-9-1890). Rematando case o ano, o 23-11-1890 sería o Teatro Principal de Santander o que acollería outra función a beneficio de Aurora, acompañada de Luis e coa colaboración da banda do Rexemento de Bailén. Poñeríanse en escea El ratoncito Pérez, Traducción libre e Como pez en el agua, de Pastorfido. (El Correo de Cantabria, Santander, 21-11-1890).            

A partir deste momento, desaparece toda información sobre ela.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña