08:18 Venres, 15 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-07-2019

Poderíase ver nos casos do conde de Gondomar e no de Lemos, unha concreta e subterránea presenza, agachada seguramente para eles mesmos, de algo que coido que podería considerarse próximo ó síndrome de Estocolmo.

Un herdado síndrome de Estocolmo no país galego?

Valorar (11)

MANUEL CABADA CASTRO


Para dalgún modo poder albiscar os fondos anímicos que posibelmente se agachan na conciencia ou subconsciencia deste país cumpriría botar man da historia e das persoas que en maior ou menor medida a conformaron. Pois a historia continuará a ser sempre, previsibelmente e dalgún xeito, “mestra da vida”.

O aludido síndrome, en canto tal, non se presentará naturalmente coa desexada claridade ou diafanidade, mais aí estaría el, condicionando os comportamentos, sobre todo se non se pon convenientemente ó descuberto a súa operante presenza e o seu secreto influxo.

Historiadores e hermeneutas da realidade social e política do país teñen xa aludido, en maior ou menor grao, ós contratempos, fracasos, etc. nel ocorridos e que foron orixinados de maneira especial desde os comezos da época moderna pola violenta intromisión de poderes foráneos, alleos á súa propia historia, lingua e cultura. Nesa incómoda  e enervante situación continúa a estar, quéirase ou non, este país.

Desde o descabezamento político posmedieval das clases dirixentes pola intromisión castelá, foron non poucas persoas pertencentes ás mesmas obrigadas ou sutilmente inducidas a servir ós intereses dos seus novos donos. Isto podería amosarse doadamente e de maneira concreta –incluso ata a época actual- en multitude de casos ben concretos, bastantes deles por outra parte suficientemente sabidos.

Na súa importante obra Unha nación no mundo (p. 167, 197-199) mostra ultimamente por exemplo C. Nogueira a amplitude da presenza de nobres galegos exercendo cargos de goberno en institucións políticas de fóra de Galicia, non naturalmente en nome desta. Entrementres, o propio país galego é dirixido e gobernado en gran medida por persoas foráneas, orixinariamente alleas xa que logo ó mesmo. Dito e resumido, por exemplo, en palabras do propio Filgueira Valverde do ano 1982: “Mentres tantos galegos ocupaban cargos de goberno polo mundo adiante, os postos de mando eran ocupados eiquí por forasteiros” (Quinto Adral, p. 23). Obviamente, con tal estratexia política o país afectado vivirá en realidade nunha situación, non poucas veces denunciada, de colonización fáctica no eido político, económico, cultural, etc.

Case en contacto co elo mesmo que une o florecente medievo galego cos inicios, frustrantes para Galicia, da época moderna, son neste sentido significativos e relevantes tanto Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, coma o seu contemporáneo Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos. Pois, se o seu servizo ós novos amos imperiais foi en ámbolos dous casos sobresaínte, non por iso podían deixar de percibir eles mesmos a interna dicotomía ou distorsión que inevitabelmente os afectaba. Ancorados ou enraizados aínda, pola súa propia ascendencia galega, coa cultura do país galego, pódese porén dicir que un inicial síndrome de Estocolmo pairaba xa en certo modo sobre a súa acción política fáctica ó servizo do poder hexemónico envolvente. Sentían, iso si, Galicia, mais debíanse ó tempo de feito porén ó poder político imperante que eles de feito representaban. Velaquí os que podemos considerar dalgunha maneira como xermolos do mencionado síndrome.

En canto ó conde de Gondomar, concretamente na súa carta a Andrés de Prada “en defensa de los gallegos” do 27 de xaneiro de 1614 (utilizo o texto das súas Cinco Cartas político-literarias, Madrid 1869), o seu autor amosa clara e ben informada conciencia do eximio -distante ou recente- pasado de Galicia, doéndose ó tempo da actual e deturpada visión ou imaxe que se ten de Galicia. “Fué Galicia reino, y sus reyes tuvieron este título primero que ningún otro de España.” (p. 14). Era o conde ben consciente así mesmo de que “la parte de Entre-Duero y Miño [...] era Galicia” (p. 6). Non deixa, polo demais, de loar ó longo da súa extensa carta a grandeza e nobreza dos galegos tanto na guerra como na paz (Cf. p. 4-14). E pola súa parte non quere el mesmo ser unha excepción respecto dos seus nobres antecesores: “La vejez y el desengaño hanme puesto ya en estado que solo el morir como cristiano y como fidalgo gallego deseo” (p. 1). Unha galeguidade que se estende naturalmente tamén á lingua galega, coa que el mesmo redactará significativamente o primeiro parágrafo desta súa carta “en defensa de los gallegos” así: “Meu señor verdadeiro: duas cartas tenho de vossa merced de dez de Novembre é de onse de Decembre, porque veijo as suas maos moitas é infinitas veces” (p. 1). Lingua que se fará presente nesta carta así mesmo noutros lugares, como cando anecdoticamente alude a un altercado nun preito que el comenta da seguinte maneira:  

“ [...] y viéndose el pleito en la chancillería de Valladolid, en tiempos del Emperador, halláronse a la vista en los estrados el abad y Juan de Novoa, y dijo el abad al presidente que mandase á Juan de Novoa que mostrase el título que tenía para aquellas tierras que poseía. El Juan de Novoa le respondió con gran cólera: ‘Eu qué título hey de mostrar, mais que haberlas herdado de meu pay, é meu pay de meu avó, é meu avo de nosos antepasados, que as poseeron desde que o mundo foi mundo: e vós em San Bernardo, que era de França, é á puta que os pareu, ¿qué tendes que ver co a minha fazenda per uns poucos de papeis derrocadeiros que presentais?’” (p. 10).  

Con razón observará de pasada Nogueira, na súa mencionada obra (p. 166) que Diego Sarmiento de Acuña “defendendo os intereses da coroa nas batallas diplomáticas europeas, usaba a lingua galega na familia, feito que, fronte á negación do poder monárquico e por si, evidencia a vitalidade do idioma”.

O que no contexto, porén, deste meu comentario coido que é máis importante ou pertinente é o que nesa mesma carta nos deixou ben formulado o mencionado primeiro conde de Gondomar sobre o rechamante e incomprensíbel contraste entre a nobre e meritoria historia xunto cos sobresaíntes feitos da Galicia histórica anterior e a súa actual e deplorábel situación de dependencia, submisión política e subseguinte explotación social e económica. Velaquí como se expresa o noso conde:  

“[...] ¿qué nación conquistada sufre sin atender á su lealtad ni áun con el pensamiento, como lo ha hecho y hace aún Galicia, que ha sido la conquistadora de lo que hoy posee la monarquía de España, puesto que sobre aquel cimiento y el de Astúrias se extendieron, como es cosa sabida, los reinos, y se fueron ganando á los moros por Portugal y por León? ademas de que esta cabeza conquistadora y matriz es gobernada en lo espiritual y temporal por forasteros, que llevan sus tesoros, sus trabajos y su sudor, y enriquecen las otras tierras de donde son naturales. Hasta las abadías de los monasterios que la devoción, religión y grandeza de los caballeros gallegos fundó y dotó tan espléndidamente, como se ve en las órdenes de San Benito y San Bernardo y otros, todo esto, y los obispados, dignidades, audiencias, corregimientos, comisiones y las administraciones de las rentas reales lo poseen y gozan forasteros, miéntras que los naturales, que están llenos de valor, de nobleza y de sangre tan pura y limpia, son feudatarios de las naciones y reinos que han conquistado, por su mucha modestia y encogimiento en el pretender, tan anejo y propio al valor y bondad” (p. 10-11).  

Non podería ser pensada esa “mucha modestia y encogimiento en el pretender” –cousa que ó final do mencionado texto é considerada polo conde como relacionada co “valor” e mais coa “bondade”- como un camuflado sinal ou síntoma máis ben da incipiente presenza e instalación no corpo social de Galicia dun certo modo de febleza que en contextos individuais viría expresarse como síndrome de Estocolmo, ou de xeitos semellantes, ante a concreta afección por determinados e inxustos sufrimentos ou sometementos?

Dende este punto de vista, a actitude doutro gran persoeiro, pertencente a esta mesma época, Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos, semellaría non distanciarse, no seu escrito El búho gallego, deste concreto ámbito de interpretación. Na alegoría literaria do conde de Lemos, o bufo representa efectivamente Galicia e atópase rodeado, nun a modo de magno e común parladoiro, por outras diversas aves, coma o tordo biscaíño, o lagarteiro navarro, o cuco aragonés, o miñato catalán, a merla de Valencia, a anduriña de Murcia, o pavo andaluz, o xílgaro portugués, o ganso castelán e, finalmente, o sisón manchego.

O noso conde tentará defender naturalmente no seu relato alegórico a resistencia e sabedoría do bufo galego fronte ós ataques ou desprezos das demais aves, coma os do tordo biscaíño que –en presenza da aguia real, representante alegórico da coroa imperial que preside os diversos discursos aviarios- criticará o bufo galego por ser este “ave nocturna, inimiga da luz”, etc. Mais non deixa de ser significativo, e sintomático ó tempo, que ó conde autor de El búho gallego lle compraza (de novo a sospeita da presenza do mencionado síndrome!) pór en boca da aguia real a súa propia defensa das virtudes de Galicia fronte, por exemplo, ás críticas biscaíñas a Galicia nos seguintes termos: “No me parece – así se expresa a aguia real- que es mal pensamiento el del búho, pues aspira al nombre de lexítimo español” (cursivas miñas). De modo que o conde vén pór de relevo en realidade no seu escrito a lexítima aspiración á “españolidade” do bufo galego como garantía da súa propia dignidade fronte ás críticas que o arrodean. Porque para o conde de Lemos ningunha outra ave ten máis semellanza en realidade coa aguia real có bufo galego. Tal como comenta no seu escrito, as demais aves “repararon que en tres cosas principales de su cuerpo, que no traía otras descubiertas, el búho se parecía más al águila que ninguna de las demás aves, como era en pico, uñas y ojos”.

Desde esta postura condescendente ou contemporizadora co –digámolo así- españolismo da época, resulta relativamente normal que o conde de Lemos, en liña co máis arriba comentado sobre o conde de Gondomar, enxalzase tamén el mesmo -representado neste caso polo bufo- as excelentes accións levadas a cabo por xentes galegas a prol dos demais pobos da península ó lles ter feito sempre “muy particulares beneficios, dignos de perpetuo agradecimiento, limpiándoles y guardándoles sus tierras, echando dellas las aves árabes y africanas aves en tiempo que las tenían ocupadas y puestas en extrema necesidad”.

Máis concretamente, e dirixíndose agora directamente ó pavo andaluz, lembraralle o bufo galego: “No pienso que ignoráis que los búhos gallegos infinitas veces nos hemos visto en más rigurosos encuentros con los árabes pavos andaluces, y tanto el miedo les perdimos que, sin ninguno, un gran número de búhos [se ha] atrevido a vivir entre ellos, esparcidos y derramados por toda la Andalucía, después de habérsela quitado con el nido de los castillos, villas y lugares. Y bien fueron necesarios estos búhos para la quietud de la tierra, enseñanza en la fe y suxección a su rey”.

De todos modos, a visión andaluza –segundo o comentario do propio conde de Lemos- destas intervencións galegas alén de Galicia non semellan coincidir exactamente coas do conde a teor da resposta que o pavo andaluz lle dá á pregunta que a aguia real lle fai directamente a el ó respecto. A ave andaluza respóndelle, en efecto, falando sobre si mesma deste xeito:  

“[O pavo andaluz] naturalmente aborrece con justísima causa a cualquier búho gallego y a toda su nación, porque ellos, más que otra ninguna, con el ayuda de su patrón Santiago, se les han abatido y suxetado y quitado el mando y gobierno del Andalucía, y no contentos con esto se quedaron allá entre ellos, señoreándoles; y que este aborrecimiento se les han tenido sus padres y agüelos, y crecía cada día más, en ver que los búhos gallegos de ordinario ocupan [en] este imperio los más eminentes lugares y en lo espiritual y temporal. Y, en estos tiempos un Castro en Nápoles, otro en Sicilia, otro en Sevilla; un Zúñiga en Roma, otro en el Nuevo Mundo, donde dejaban nombre inmortal; un Sarmiento en Londres, otro en Sevilla; sinnúmero de Cardenales: otro Castro, un Quiroga, un Fonseca, un Zúñiga, un Moscoso, un Valdés; un Fernández de Tomecén en Córdoba; un Faxardo en Murcia; un Rivera en Alcalá; un Sotomayor en Béjar; otro en el Carpio; un Figueroa en Feria; un Sarmiento en Salinas, sin otro número grande que sería largo contarlo [...]”  

O que aquí en calquera caso semella unha vez máis translucirse é que, pese á crítica formulada polo pavo andaluz ós búhos galegos, o conde intenta medrar (aínda que sexa por medio das palabras expresadas polo pavo) na adquisición de estima por parte da aguia real ó poñer de manifesto os grandes servizos e accións a prol dela, co que se veñen amosar suficientemente, unha vez máis, os síntomas ou pegadas do aludido síndrome.

O conde de Lemos semella basear, efectivamente, a súa estratexia de dignificación de Galicia na crecente aproximación do propio país, a súa terra galega, á vontade e ós designios imperiais da aguia real, por máis que isto non deixe de resultar directamente contraditorio coa propia realización política de Galicia como nación ou pobo de seu, algo que fora explicitamente entorpecido e impedido, non había aínda moito tempo, precisamente pola imperialista e foránea intromisión rexia en Galicia.

Lonxe de criticar xa que logo a aguia real ou de se rebelar contra ela, o que cómpre para o de Lemos é, polo contrario, identificarse con ela ou tentar polo menos asemellarse á mesma. Non é nada estraño, polo tanto, que o autor do comentado escrito faga rematar un dos extensos discursos do seu búho galego deste xeito: “Así que, por todo lo dicho, queda probado que el búho gallego de todas las demás aves desta junta es el lixítimo y verdadero español, y quien más derecho tiene a este nombre”.

Cabería, pois, concluír que, dalgún xeito e desde o punto de vista da situación social e política de Galicia, se podería falar en ámbolos dous casos (tanto no caso do conde de Gondomar coma no caso do conde de Lemos) dunha concreta e subterránea presenza, agachada seguramente para eles mesmos, de algo que coido que podería considerarse próximo ó que na actualidade coñecemos como síndrome de Estocolmo.

E semella así mesmo tamén que só desde a clarificación ou ilustración, tanto teórica coma práctica, de tales soterrados condicionamentos sería posíbel camiñar coherentemente na xusta dirección.                


[21-07-2019 15:10] José-Antonio Huerga Astorga comentou:

Bien dicho y bien hablado; que Galicia y Asturios son España y lo demás es tierra conquistada.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña