15:03 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-07-2019

A pesar de que a conciencia ambiental ten aumentado obxectivamente dende hai décadas, tamén aumentou a incorporación de novos usos do medio, o que se nos ofrece como balance final é un aumento do impacto ambiental.

O certo é o uso, a natureza é o de menos

Valorar (18)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


A pesar de que a conciencia ambiental ten aumentado obxectivamente dende hai décadas, tamén aumentou a incorporación de novos usos do medio, o que se nos ofrece como balance final é un aumento do impacto ambiental.

O aumento da información e da divulgación ambiental ten incidido positivamente na sociedade no senso da mellora da conciencia ambiental, mais este cambio non é proporcional coa mudanza de actitudes. Algúns discursos, xa clasicamente ambientais, como o dos plásticos ou o do cambio climático, ata hai ben pouco cualificados de tremendistas, veñen ser asumidos amplamente pola sociedade, mais, esta toma de conciencia non se corresponde despois coa práctica, pois adóptanse comportamentos e usos distorsionados que entran en contradición con esa aparente permeabilidade ambiental.

E só por poñer un caso: actitude no uso do litoral.

Os cambios acontecidos na climatoloxía do noso país fan que o uso do litoral, maioritariamente de uso estival outrora, estase a desestacionalizar, é dicir, que practicamente todo o ano está sendo ocupado nas máis diversas actividades, dende usos individuais a usos colectivos.

É positivo o achegamento de moreas de persoas ao litoral?, que impacto causa?.

O impacto máis grande que causa o uso masivo é que moitas das persoas que se achegan durante grande parte do ano aos ecosistemas litorais van adquirindo "dereitos de uso", é dicir, elas mesmas se auto-subrogan dereitos que din ter adquirido de toda a vida, máis ben de parte da súa breve vida consciente. Nesta definición podemos atopar aquelas que levan os cans ceibos durante o inverno e que durante o verán seguen facéndoo, mesmo transferíndolle o dereito de uso, por suposto irrenunciable, ao propio animal.

Quen perde eses dereitos é a flora e fauna do litoral, a propia natureza.

A maior parte dos cans ceibos no litoral perseguen a todo becho vivinte, no inverno atacan aos cachorros de lobos mariños, por exemplo, que veñen refuxiarse en terra durante os temporais, e no verán aos pitos de píllara, gaivotas ou quen ouse pousar no "seu" areal. A ridícula novidade é levar unha bolsa para recoller as defecacións dos cans, recollelas efectivamente, e deixar a bolsa ven atadiña no propio areal, destinada a non se sabe ben quen que virá despois dilixente a retirala. Por máis que agardei non vin nunca o destinatario de tal agasallo.

Xa é practicamente inevitable que as cacharelas do San Xoán sexan nos propios areais nunha grande parte do litoral, nin se acorda que "santo" inaugurou tan aberrante tradición, e o que fica da esmorga é digno de xulgado de garda. Socialízase a farra mais non a retirada do lixo.

A moda dos "puntos cardio" chega tamén aos areais, benvida sexa!, mais ata tal punto que mesmo son deseñadas andainas, roteiros e competicións polas dunas, polos acantilados, polas furnas, en plena tempada de cría de aves e mesmo en lugares protexidos. Pisalo todo para baixar o colesterol, boa medida!.

A gota que colmou o meu xa ateigado copo foi unha conversa nesta semana. Diante da enésima alerta pola presenza dun golfiño varado morto en Corrubedo trato de argumentar os motivos de que alí aínda estea, e conste que non é a miña responsabilidade a súa retirada. O areal forma parte co Parque Natural, territorio ambientalmente protexido, é un lugar onde non se autoriza a entrada da maquinaria no areal, está criando a píllara e ata mesmo a descomposición do cetáceo pode aportar biomasa de insectos do que se alimentan estes paxariños estritamente protexidos.

Non agardaba que o interlocutor me contestara que non lle contara milongas, que el era biólogo mariño e que un areal aberto ao público turístico no se pode permitir semellante porcallada. Ademais, que a píllara non comía carne. Grande sabedor do litoral e do mar, si señor!.

Sobre o litoral, e a súa conservación, priman os dereitos adquiridos por unha facción da sociedade consumista, irrespectuosa, allea á realidade na que vive, sometida ao foráneo e mesmo entreguista dos seus propios valores ambientais, que debería defender con uñas e dentes.

Estarei facéndome vello, mais cada día estou máis achegado ás teses daquel vello arroaz que un día argumentoume que o xusto sería dividir o planeta ao 50%, a metade para as persoas humanas e a outra metade para a natureza, é a xusta medida dun bo reparto, no que o propio planeta e os seus habitantes, persoas non humanas, teñen os seus propios dereitos de uso adquiridos dende hai millóns de anos.

E se o mar deitou azarosamente os ósos do apodrecido golfiño no areal de Corrubedo, por outra banda morto polas actividades humanas, que alí o propio devir do tempo cabe a súa cova paseniñamente, mal que lle pese a quen lle pese, e, senón que non camiñen á par del.

Amén.

[15-07-2019 17:04] Luisa comentou:

Gostei moito deste artigo.Fico coa parte que escomeza así:Sobre o litoral,....
Amo a miña patria, Galiza,por iso defendo os seus PROPIOS valores ambientais con unllas e dentes.
Grazas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña