03:24 Venres, 20 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-07-2019

O título do contributo pretende ironizar á volta dun problema, cal é o escaso ou nulo uso da nosa lingua en determinadas esferas do ámbito público

Sociolingüística hospitalaria, un novo campo de pesquisa para a lingua galega

Valorar (38)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


O ser humano, desde que hai 140.000 anos comezou a desenvolver a linguaxe articulada, leva opinando sobre temáticas lingüísticas en situacións e en auditorios moito diferentes. Posibelmente, unha das primeiras reflexións que fixo o obrigase a reparar en que algunhas comunidades humanas xeograficamente próximas empregaban un linguaxar non exactamente coincidente co propio, o que, nalgúns casos mesmo implicaría que a intercomprensión nin sempre se caracterizase por se facer efectiva. É tamén probábel que, co andar do tempo, a figura dunha persoa que puidese servir como intérprete se fixese imprescindíbel en determinados casos, de forma que, talvez, o primeiro oficio de verdadeiras dimensións sociais e comerciais que existiu, en vez dos dous tan reiteramente citados e coñecidos, fose o de tradutor ou tradutora. Naqueles tempos tan lonxincuos, o ser humano quizais tamén puido cavilar en que había linguas que as empregaban as clases dominantes para exerceren o poder e que existían outras, contrastivamente, que eran as utilizadas por persoas que vivían na escravatura ou que pertencían ás camadas sociais más desfavorecidas. En fin… Estas son suposicións que facemos, apelando á comprensión do público lector, non verificábeis cientificamente, mais si, a noso ver, cando menos suxestivas.  

Outras opinións, en confronto, si que as podemos localizar e por iso, desde hai dous ou tres milenios, contamos con unhas poucas desas impresións xa documentadas. Así, en varios textos antigos faise referencia explícita á consideración de diversas linguas ou ás características das persoas que as utilizan. Quizais unha das mostras máis singulares (e seguramente unha das máis sanguinarias) sexa a procedente do Antigo Testamento, cando as tropas de Galaad e as de Efraim combatían xunto ao río Xordán. Cóntase que algúns efraimitas conseguiran penetrar nas tropas galaaditas sen poderen ser distinguidos dos seus rivais; mais un xeneral galaadita deu ideado un medio para detectar os impostores, o cal consistía en chamar os sospeitosos e en os obrigar a pronunciaren o nome da espiga de trigo, que os galaaditas denominaban shibboleth. De acordo co relato bíblico do Libro dos Xuíces (12, 6), os intrusos usaban a forma sibboleth porque non podían pronunciala doutro modo; nese momento estaban a asinar, sen o saberen, o seu drástico futuro a curto prazo, pois ao pronunciaren esa palabra de forma distinta eran identificados como inimigos, detidos e executados. Por súa vez, os textos sagrados da India, os Brahmana, que datan do século VIII antes da nosa era, ofrecen preciosos datos sobre a consciencia lingüística. Dise que o pobo dos asuras foi privado da linguaxe correcta e que, consecuentemente, empregaba unha variedade de sánscrito que non era a que se consideraba máis adecuada. O rexeitamento dese dialecto foi tan explícito que mesmo se chega a explicar o insuceso guerreiro polo feito de non utilizar algo equivalente ao que se chamaría hoxe en día “norma culta”: conforme se expón nesa obra clásica da literatura sánscrita, os asuras, ao empregaren a tal variedade, demostraban teren fraqueza no campo de batalla, o que explicaba as súas derrotas bélicas.  

Eses vellos comentarios de teor (socio)lingüístico que mulleres e homes de todas as partes do mundo presumibelmente farían ao longo da historia e os documentos en que se recollen algúns deles encaixarían facilmente dentro da sociolinguística. Mais este ramo do coñecemento, tamén identificado ás veces como socioloxía da linguaxe, nace como disciplina lingüística recentemente, na segunda metade do século XX, mercé, entre outros motivos, ao proceso de descolonización de África. As potencias europeas áchanse coa problemática de harmonizaren fronteiras xeográficas con linguas, tribos e etnias moito diferentes e fano ao seu modo occidental, a obviaren por completo as realidades culturais e lingüísticas de todas esas nacións africanas.  

Ao mesmo tempo, continuando o camiño iniciado polo ser humano hai tantos milenios, os comentarios sobre temáticas desa índole mantivéronse por toda a parte, tanto en África como noutras rexións do mundo, normalmente proferidos por xentes non formadas en lingüística ou en filoloxía: “Tal lingua non serve para nada, é mellor esta ou estoutra”, “Ese idioma parece nomeadamente pensado para cantar mais non para estudar matemática”, “Esa lingua é máis bonita que aqueloutra”, “Onde se fala mellor este idioma é nesta comarca, noutras non se utiliza ben”, “As linguas cun grande número de falantes son mellores que as que contan con menos utilizadores” e un longo etc. Son o que se coñece como preconceptos lingüísticos, aparecidos por condicionantes psicolóxicos e socioculturais e apresos normalmente a partir do ambiente social en que mora o individuo. Na tradición oral xudía do talmud, por exemplo, insístese en que o grego foi pensado para cantar, do latín dise que se ideou para facer a guerra, do hebreo afírmase que é adecuado para falar e do asirio ou caldeo dise que é a lingua apta para honrar as persoas mortas, conforme pondera Guy Deustcher en El prisma del lenguaje (2011); de aquí dedúcese que outras linguas non serían adecuadas ou que, cando menos, non o serían tanto para desenvolveren tales tarefas…  

No caso do galego, levamos escoitado ou lido opinións de persoas alleas á ciencia da lingüística desde hai ben tempo, moitas das cales exemplifican ilustrativas mostras de preconceptos asentes na sociedade con diversos graos. Para os entendermos debidamente, tórnanse recomendábeis a este respecto lecturas como Preconceito lingüístico. O que é, como se faz (1999, 2006) de Marcos Bagno, “Lingua galega e preconcepto” de Xosé Ramón Freixeiro Mato (Revista Galega de Filoloxía 10, 2009) ou Los prejuicios lingüísticos de Jesús Tuson (2010). Algúns deses ideoloxemas son xa bastante recorrentes entre nós, como ese que se centra na (in)utilidade da lingua ao saírmos da Galiza ou esoutro que invoca a educación e a cortesía para non usar o galego por se o interlocutor ou interlocutora non o percibir. Outros, contrastivamente, son bastante modernos, cal o utilizado polos sectores máis reaccionarios da sociedade galega á volta do mito da imposición do idioma ou aquel que afirma que a norma estándar está a mudar continuamente, como se isto non acontecese noutras linguas sobre as cales ninguén opina coa mesma intencionalidade con que fan co galego (español, inglés, noruegués etc.). Corresponden, no seu conxunto, a impresións que podemos ouvir en moitos lugares, tanto nas aulas de calquera nivel de ensino como na padaría do bairro, quer nas tabernas máis populares quer nos restaurantes máis exclusivos, ora nunha convocatoria ordinaria de reunión da comunidade veciñal ora nun encontro fortuíto na rúa coa parella que mora no oitavo dereita etc.  

Nestes medios, os centros de saúde son outros dos contextos en que tamén abrochan tales comentarios con relativa facilidade, talvez polo seu propio funcionamento, en que moitas persoas coinciden nas salas de espera en canto agardan seren atendidas, ou quizais polas circunstancias sociosanitarias de quen se ve na obriga de pasar por eles, que pode ficar ingresado días ou semanas. Este foi o caso da nosa amiga Xoana Mantiñán, a cal botou un mes e medio nun hospital dunha grande cidade galega após diversas intervencións cirúrxicas. Visitámola en varias ocasións e, neses encontros, a medio camiño entre a reivindicación e a brincadeira, sempre tiña algo para nos contar do que decidimos denominar “sociolingüísica hospitalaria”. Coa licenza que nos concedeu hai uns días ao lle comentarmos que iamos redixir este texto, imos citar aquí algunhas das anedotas que tiveron lugar no marco dese novo ramo do coñecemento humanístico, centrado na vida cotiá do convivio entre pacientes e persoal sanitario.  

Así, en primeiro lugar, o que sempre sinalaba Xoana era a presumíbel incapacidade de enfermeiras/os, auxiliares e medicas/os para pronunciaren o seu nome, que era practicamente sempre substituído polo seu equivalente en español. As xustificacións ou os preconceptos a que antes fixemos referencia aparecían todos os días mediante comentarios de diversa natureza: “Es que yo casi nunca hablo en gallego”, escoitou nunha ocasión; “¿Que más dá Xoana o Juana? Lo importante es que ahora te toca a ti hacer la prueba y que te vamos a curar”, aclaroulle unha enfermeira; “Ya estamos con el gallego!”, proferiu un facultativo; “El gallego cambia mucho de comarca a comarca y eso va por zonas: en unas se dice Xoana y en otras Juana, igual que en unos sitios se dice nai y en otros mai”, explicoulle un sabio internista… Precisamente, este último comentario levou a nosa amiga a pensar que, con efecto, se trataba de zonas, non xeográficas, mais de zonas do cérebro máis ou menos evoluídas. Porén, unha das poucas persoas que sempre se dirixiu a ela polo seu nome era un dos cirurxiáns que a operou, o cal, curiosamente, non era galego, ao paso que era o que máis esforzos facía por se comunicar con Xoana na lingua desta.  

A nosa amiga de vello dá aulas de lingua e literatura nun liceo. As amizades e a familia, sabedoras das súas afeizóns, presenteárona con libros e música para lle faceren máis levadeira a estadía no hospital. Nun certo día, acima da mesa de noite, tiña tres obras, tres agasallos, que simultaneaba para ler: Fóra de si (2018) de Suso de Toro, O último barco (2019) de Domingo Villar e El prisma del lenguaje (2011) de Guy Deustcher. Despois de varias persoas a asearen e de lle mudaren as vendas, Xoana comentounos que alguén se interesou por aquelas lecturas e que, despois de as colocar no seu sitio, lle preguntou: “Oye, mira, ¿como es que una profesora de gallego lee libros en español?”. “Pois verás, é unha lingua que non falo, mais que, en contrapartida, a entendo bastante ben”, explicou a paciente un pouco perplexa. A militanza consciente no galego tamén provocou que a inquirisen por se sempre se expresaba neste idioma e por se era o único que sabía utilizar. A nosa benquerida amiga tivo de clarexar que sabía falar e escribir outras linguas e que entendía algunhas das románicas cando menos por escrito, mais que, como norma xeral e salvando excepcións con amizades doutros países, normalmente non sentía a necesidade de empregar na Galiza unha que non fose o galego.  

Xoana tennos tamén insistido en que, á excepción dunha única enfermeira, a relación co persoal foi en todo o momento extraordinaria: “É unha mágoa que non coiden o trato con doentes na lingua en que falan, poi así xa sería case de matrícula”, comentounos nunha terza feira. Relativamente a estas cuestións, as matrículas e as cualificacións en xeral eran o que máis preocupaban unha auxiliar, pois a filla dela parece que tiña algúns problemas académicos coas linguas, nomeadamente coa galega: “Ay, como eres profesora, no sabes lo bien le vendrías a mi hija para explicarle eso de A pola vai pola póla, pues yo no doy entendido lo de las vocales abiertas y cerradas, si total solo hay cinco letras”. “Olla –díxolle Xoana–, existen linguas que teñen dez, doce, quince vogais e outras que teñen catro, seis, sete como o galego…, por iso non é tan raro no mundo que un idioma non teña cinco”. “Si, si –replicoulle ela–, pero eso de la pola y la póla es muy complicado y no hay derecho”.  

Na imaxinación popular, existen linguas bonitas e linguas feas desde que o ser humano ten consciencia lingüística, como nos din os manuais especializados. E máis un preconcepto que xurdía con relativa frecuencia na vida do hosptial era o referente á suposta beleza do galego, vernizada con comportamentos e prácticas que, contrastiva e aparencialmente, contradicían ese pensar: “A mí me parece muy bonito el gallego y cuando veo un niño o una niña que lo habla me emociono. Nosotros no se lo hablamos a nuestro hijo, pero me parece una pena que se pierda”, sinalaba unha enfermeira despois de practicar a Xoana unha rotineira cura durante a mañá. “Pois telo ben fácil se non queres que desapareza: abonda con llo falardes normalmente”, respondeu ela. “Si, pero también tiene que hablar otras lenguas”, concluíu a auxiliar.  

Como bo ramo do coñecemento humanístico, en que se costuma primar un certo eclecticismo entre diferentes disciplinas, a sociolingüística hospitalaria partilla esferas de pesquisa con outras orientacións investigadoras. Unha destas parte do tópico do binomio aldea / cidade para explicar usos e comportamentos lingüísticos; outra parte  da prohibición a que foi sometida moita xente durante o franquismo e na monarquía parlamentar para non empregar o idioma, pois son asuntos que tamén transparecen nas salas dos centros de saúde. “En la aldea mis padres usaban el gallego, pero en la ciudad se hablaba menos”, clarexou unha enfermeira durante unha conversa duns minutos; “Yo el gallego no lo hablo, y que conste que me gusta mucho, pero no lo hablo porque cuando era pequeño no me lo dejaban hablar”, comentoulle un celador. “Agora xa non es pequeno e penso que ninguén aquí vai impedirche o seu uso”, replicou Xoana. “Ya, pero es la costumbre”. “Vaites, vaites…”  

Tamén aparecía con relativa frecuencia nas conversas de Xoana co persoal sanitario o tema de se en tal ou cal cidade se fala máis galego e de se se podía intuír a proveniencia xeográfica dunha persoa polo idioma en que se expresaba normalmente. Ela, que na actualidade traballa nun centro de ensino do sur do país, naceu nun tradicional bairro da cidade da Coruña, asunto que tiña de clarexar sempre que lle preguntaban pola súa procedencia: “¿Tú de dónde eres? Como hablas en gallego…”. “Son da Coruña”, respondía ela. “Ya, pero ¿de Coruña mismo o de un pueblo de la provincia?”, voltaban a lle insistir. “Pois da mesma localidade da Coruña, dunha zona moito antiga da cidade”. “Pues no lo parece”. “Xa ves”.  

Anedotas e brincadeiras á parte, talvez si que serían merecentes dun estudo sociolóxico os motivos que levan diferentes grupos profesionais do ámbito público a manteren usos favorábeis ou belixerantes coa lingua. Moitas traballadoras e traballadores que desenvolvían o seu labor como auxiliares e titulares de enfermaría, conforme nos informou Xoana, eran as persoas máis tendentes a utilizáreno espontaneamente, a conservaren o galego ou a usáreno cando o paciente así o facía. No sector das médicas e médicos, tamén segundo a nosa colega, constatábase unha menor tendencia a empregar a lingua do doente, pois, salvando aquel facultativo que non era galego e que tentaba usala con Xoana, só cun par de profesionais o trato era desenvolvido no idioma propio do país.  

Canto aos usos escritos, Xoana Mantiñán foi incapaz de conseguir ningún documento (consentimentos de intervención, panfletos informativos, partes médicos etc.) en galego, moito embora os solicitase reiteradamente; algúns deses materiais estaban ao dispor do público sorprendentemente en inglés, unha lingua moito usada entre nós sobre todo en pacientes de máis de 60 anos, que eran as persoas que predominaban naquel servizo de cirurxía. Tamén verificou que a maior parte da sinaléctica informativa aparecía case exclusivamente en español, incumprindo así as disposicións legais vixentes en materia de lingua aprobadas polo parlamento galego. E, ao paso, constatou persoalmente até que extremo chegaba a magnitude da mentira proferida por un deputado español cando, nunha manobra para dar publicidade á súa formación política na Galiza, afirmaba que o español desaparecera totalmente destes territorios.  

Como non queremos cansar o respectábel público, imos deixar por aquí estes comentarios baseados naqueles que nos transmitía a nosa amiga Xoana. Somos sabedores, con todo, de que, infelizmente, non son exclusivos do seu paso polo hospital, mais que se rexistran diariamente ao longo e largo da nación. O título do contributo, formulado como unha piada, pretende unicamente ironizar á volta dun problema que non se caracteriza por ser menor, cal é o escaso ou nulo uso da nosa lingua en determinadas esferas do ámbito público e nos preconceptos que aínda empecen máis a súa utilización en tales campos. Oxalá que a melloría de Xoana, que lla desexamos de corazón, acompase tamén a recuperación da lingua, moito embora vexamos aquela ben máis posíbel do que esta.  

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña