07:06 Sabado, 20 de Xullo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-06-2019

No entorno rural do Carballiño por “camouco” enténdese un anaco de leña mal feito, estilo raiceira,… “bótalle ese camouco ao lume!”, fálase ao pé da lareira

San Vicenzo de Caamouco: un mergullo no fondo do tempo

Valorar (15)

CÉSAR VARELA GARCÍA


A miña amiga Helena Veiguela, antiga colega da carreira e hoxe compañeira de soños encol do futuro do noso País, desde Ares, faime a encomenda de atopar un significado ao antigo nome da parroquia de San Vicenzo de Caamouco. A encomenda non é cousa pequena; imos á fronte!

CAMOUCO:

A. de Almeida Fernandes ao falar de topónimos do porte de: CAMAO, CAMOSA, CAMOUÇA e CAMOUCHO explica-se assim: “…nao sabemos se a forma antiga era CAM- ou se CAAM-, o que tudo se debe observar para os outros casos.

Se CAM-, podemos ter o caso topográfico-metafórico de CAMA, com os derivados em –ao < -anu. –osa e –ouça, ou mesmo o –CAM pré-romano, céltico, significando “curvo” ou ideia afim.

Se CAAM-, devemos ver o igualmente pré-romano  CALA, “pedra” ou “pedregal ”.

Sem a forma antiga, nada se pode dizer com suficiente grau de aceitabilidade.

Despois de ler ao sabio portugués xa entendemos que a tarefa non vai ser doada.

Na nosa Terra, temos un CAMOUCO en Palas de Rei e un CAMOUZO na Enfesta da Coruña, amén dunha CAMOCA  en Asturias, e aínda sospeitamos que pertenzan á mesma familia unha restra de chamadeiros como os CAMOIRAS da parte de Lugo.

Nicandro Ares, ao falar do CAMOUCO de Palas de Rei, opina que a súa orixe sexa prerromana; e engade que CALAMAUCOS, en latín, era una palabra estranxeira co significado de “pucho ou coroa de xuncos”.

Dá para entender que ten na mente a palabra latina CALAMUS, co significado de “palliña” ou “variña”.

No entorno rural do Carballiño por “camouco” enténdese un anaco de leña mal feito, estilo raiceira,… “bótalle ese camouco ao lume!”, fálase ao pé da lareira; e tamén se aplica á feitura dunha persoa. “Parece un camouco”, quer dicir un tipo desproporcionado, cabezudo  e forte.

Había un defensa do Celta, que era un tipo rillote e pelexón, que lle chamaban no Carballiño, “o camouco”.

Recollemos o sentir deste nome nas  poéticas verbas  do Prof. Henrique Monteagudo:

Nas praias de area finísima da nosa beiramar, na franxa onde baten rítmicas as ondas, abundan as pedriñas miúdas de seixo, ovaladas, de cor esbrancuxada ou cincenta, de superficie tersa, extremadamente duras pero de tacto macio, luídas con primor polo incesante abalar e devalar das mareas. Na miña terra chámanlles camoucos. A palabra foi recollida só por moi requintados lexicógrafos (Aníbal Otero, Elixio Rivas), con significados completamente diversos ao que eu lle coñezo, relacionados coas tristeiras árbores demoucadas. Por libre asociación de ideas e sons, camouco tráeme ecos doutras voces que me reinan como pelouro (que tamén utilizamos para descualificar unha persoa trosma) ou penouco (que os dicionarios dan como equivalente a ‘penedo’, pero para min refírese a unha pedra grandeira, mais non tanto que un non poida coller coa man). Canta non é a diferenza de sonoridade e connotacións dun camouco cun croio, un pandullo ou un callao!!! 

Se vamos ao dicionario de Estravis atopamos :

CAMOUCO:  

(1) Árvore sem galhos.  

(2) Diz-se do que é apressurado e volve a cabeça para os lados.  

s. m.  

(1) Com grande que não fica tapado nas marés vivas.  

(2) Onda.    

Voltemos a Portugal, e  despois,  veremos  que opinan os castelás desta palabra:

Os portugueses chamaban CAMOUCO a unha moeda de pouco valor, O TOSTAO, chamado así porque presentaba a cabeza ou TESTAO dun soberano, e ten o significado de  CABEZA GRANDE.

Tamén na España,chamábanse “pelucones” a un tipo de moeda en cuxa cara figuraba a    cabeza do rei lucindo unha perruca, das que se usaban naqueles tempos.

Algúns toponimistas españois consideran que o topónimo CALAMOCHA  quer dicir “monte, ou cabezo pelado ”.

Entenden que CALA procede do CAPUT latino e MOCHA, dun MUTILARE, no sentido de cortar ou rapar.

Pensamos que “camouco” debe ser equivalente a “pelouro”, co significado de “cabeza rapada”.

Cando , de nenos, saiamos do barbeiro coa cabeciña rapada, a brincadeira era pasarche a man pola cabeza e dicir: 

E quen te rapou?

Foi o rapa-coucou!

Á vista do material desenvolto, reparamos en que existe una referencia constante ao significado de, CABEZA:

No dicionario de Estravis: pode ser un CON ou cabezo de pedra que desafía ás marés , unha ONDA coa súa testa de espuma mallando na area, un home cabezudo, unha árbore demoucada, como un “rapa cou-cou”que lle tiraron os CAMOUCOS, que serían as pólas que son mais anchas nunha punta que na outra, ou sexa “cabezudas”.

A testemuña portuguesa da moeda chamada CAMOUCO equivalente a TOSTAO, tamén é moi definitoria, pois lévanos directamente ao sentido de TESTA REAL.

Que nas terras de H. Monteagudo (parécemo que é Noia), chamen aos “pelouros” de “camoucos”, síguenos conducindo á idea dun canto ou cabeciña de pedra rodada polas augas.

Por se non fose pouco ainda atopamos na entrada MOCA (que entendemos como evolución de MOUCA), os seguintes significados:

1)      Caçete com uma maça na extremidade.

2)      Mango do malho, ou pértega.

3)      Pau de carvalho com um avultamento.

4)      Boi de mar.

Como vemos refírese a algo como unha CACHAPORRA, ou sexa CABEZA GRANDE.

Chegados eiquí, todo o exposto lévanos a pensar que o valor toponímico de CAAMOUCO debe ser o de TESO, ou sexa un monte rapado ou rozado.

A súa etimoloxía sería: CALA, co valor de CABEZA, que atopamos en palabras como CALABAZA,que deu a nosa CAABAZA; e MOUCA, que nos resoa a DEMOUCAR, ou sexa podar, ou se cadra, rozar; pero como “moca”, pódese enteder como algo “abultado”.

Por CAA-MOUCO entendemos ao fin, un CABEZO PROMINENTE.

CALA-MOUCO, evoluído logo a CAAMOUCO, sería pois o nome que se daría a un monte ou CABEZO-PELADO e ABULTADO.

Acaeceralle ben este nome, ao lugar de S. VIÇENZO DE CAAMOUCO de Ares?

Non o sei, pero, miña querida Helena, até aquí chegamos!;  valerá?




[24-06-2019 01:22] Helena comentou:

Moitas grazas César polo teu traballo que aporta moita luz sobre a posibel orixe do topónimo CAAMOUCO.
A Agrupación Instrutiva de Caamouco transmiteche o seu agradecemento.

[20-06-2019 20:43] Agrupación Instrutiva de Caamouco comentou:

Grazas a César Varela e Terra e Tempo pola análise do topónimo da nosa parroquia e á nosa veciña, Helena Veiguela, pola iniciativa. Na nosa revista de estudos locais 'A Tenencia' tamén afondamos na súa orixe. Pódese consultar nesta ligazón (páxina 114): http://caamouco.net/...ev.../1863-revista-a-tenencia-num-5

Agrupación Instrutiva de Caamouco

[20-06-2019 13:08] Ernesto Lopez Naveiras comentou:

Hai na revista A Tenencia nº5, www.caamouco.net (sección Agrupacion) un artigo sobre o topónimo Caamouco. Moi documentado este artigo de Cesar Varela. Houbo una proposta a RAG, dende a Agrupación Instrutiva de Caamouco (Ares), para que procederan a estudo, foi posposto o estudo. Seguiremos traballando. Unha aperta

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña