06:39 Mércores, 19 de Xuño de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-06-2019

Pouco a pouco iranse creando todas as estruturas do novo Estado fascista

Culleredo: implantación da ideoloxía fascista. O Concello como mecanismo de transmisión.

Valorar (12)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


Controlada a situación polos militares sublevados na cidade da Coruña, o secretario do Concello de Culleredo, Ernesto Lareo Jiménez, fíxose cargo do mesmo, en colaboración con algúns amigos militares de alto grao, e algúns funcionarios, porque a Garda Civil andaba por Carral e Ordes, aínda que de acordo con eles. Propuxo a Jorge Bermúdez de Castro como Subdelegado Civil de Culleredo, que o 28 de xullo  tomou posesión como Delegado militar dos servizos municipais en Culleredo, por orde do comandante do posto da Garda Civil de Sigrás, cabo Francisco García Sánchez, que destituíra á Comisión Xestora da Fronte Popular que viña funcionando. O día 30, Bermúdez de Castro é nomeado subdelegado de Orde Público. E constituídas axiña as Milicias, por escrito do 8-9-1936 sabemos que o capitán de Milicias da Coruña pide armas para as milicias do Burgo. Pouco a pouco iranse creando todas as estruturas do novo Estado fascista.

O 3-9-1936 celébrase a primeira sesión do chamado “Consejo Municipal”, ordenada por circular do gobernador civil do 10 de agosto. Queda como Delegado Civil de Culleredo Jorge Bermúdez de Castro, veciño de Vilaboa, con subdelegados civís en todas as parroquias: Manuel Lantes Pan (Almeiras), síndico; Ignacio Sabio Ucha (Burgo); José López Pan (Castelo); Benito Barbeito García (Celas); Antonio Sánchez García (Culleredo); Francisco Reboredo Rumbo (Ledoño); José Sánchez Regueiro (Orro); José Míguez Vázquez (Rutis); Juan García Pedreira (Sésamo); José Barbeito Ponte (Sueiro) e Manuel Otón Monelos (Castelo). Nesta primeira sesión acordan enviar escritos ao Xeneral da 8ª División, ao Gobernador Civil e ao Delegado Militar da zona, "haciendo votos por el pronto triunfo de nuestro glorioso Ejército".

Veremos agora, seguindo as sesións dos Libros de Actas da Corporación Municipal, as disposicións tomadas con relación ao título desta colaboración.

8-10-1936: Anúlase o expediente de incautación do cemiterio de Rutis.

12-11-1936: Constitúese a Comisión Xestora. Mándanse escritos ao Xeneral, Gobernador e Delegado Militar, "haciéndoles presente la inquebrantable adhesión de esta municipalidad a nuestro Glorioso Ejército y su ilustre Caudillo Exmo. Sr. General Don Francisco Franco Bahamonde, Jefe del Estado Español".  

13-5-1937: Destínanse 500 pta para gastos dos soldados de Culleredo que se incorporan ao Exército na Coruña.      

10-6-1937: Destínanse 250 pta para o acorazado "España". A Corporación manifesta o sentimento pola morte do xeneral Emilio Mola, decidíndose enviar un telegrama de condolencia e celebrar un funeral.

8-7-1937: Noméase un funcionario temporeiro para expedición de selos “Pro-familia de combatientes” (había unha oficina), e auxiliar á Xunta Municipal do mesmo fin.

22-7-1937: Apóiase que se conceda a Franco o grado de Capitán Xeneral do Exército, todas as ordes civís e militares, e que se ascenda a Mola, postumamente, a tenente xeneral, considerándoo falecido en acción de guerra.

22-9-1937: Destínanse 50 pta para cada unha das subscricións nacionais pro-monumentos a Calvo Sotelo e Mola, e 600 pta máis para os soldados de Culleredo mobilizados.

28-10-1937: Envíase telegrama a Francisco Franco, felicitándoo no aniversario da súa exaltación á Xefatura do Estado. 

11-11-1937: O cullerdense Javier Galán Prieto regresou de Zaragoza, onde entregou, para as forzas galegas, dúas gaitas, dous tamborís e dúas frautas, que por subscrición no Concello se mercaran para ese fin.

22-11-1937: Destínanse diversas cantidades de diñeiro para persoal e material da “Oficina de Colocación Obrera”. Recíbese telegrama do secretario de Franco, agradecendo ao Concello a felicitación, e saudando á Corporación e á veciñanza.

9-12-1937: O Concello ingresou, en decembro de 1937, pola subscrición do "Plato Único", 3.687 pta (unha das maiores aportacións da provincia).

20-1-1938: Constitúese a “Junta Local de Auxilio a Poblaciones Liberadas”, quedando así: presidente: Jorge Bermúdez de Castro, alcalde; vocais (polos veciños): Julio Pérez Gómez, mestre de Cordeda, Antonio Rubal Trigo e Ramón Seoane Vázquez. Este último sería substituído, o 4-2-1938, polo falanxista Luis Rey Carrero (fora xuíz municipal na República), en representación do xefe local da Falanxe de Culleredo, Rafael Osende.      

27-1-1938: Devólvense os títulos eclesiásticos do cemiterio de Rutis aos propietarios.

10-3-1938: Mércanse un retrato de Franco e un crucifixo para o Xulgado municipal. O Concello axudaba cunha pequena cantidade económica para o destacamento de 8 soldados que vixiaban a estación e a vía do tren no Burgo. O párroco de Almeiras e uns veciños solicitan unha subvención para a reconstrución da igrexa, "incendiada por las hordas en los días que precedieron al Glorioso Movimiento Nacional". A Corporación, que sabe que Sueiro ou Culleredo estaban nas mesmas circunstancias, dá 100 pta.

24-3-1938: Dánselle 100 pta ao crego de Sueiro para reparación da igrexa.

24-4-1938: O crego e veciños de Culleredo solicitan axuda para a reparación da igrexa, "que sufrió daños a consecuencia de unas bombas explosivas colocadas en ella en los primeros días del Glorioso Alzamiento Nacional"; dánselle 100 pta.

14-7-1938: Infórmase que o 12 de xuño detivéranse uns momentos ante a Casa do Concello os ministros de Interior, Xustiza e Educación Nacional, e o gobernador civil, acompañados doutras autoridades, que se dirixían a Santiago. Colocárase un arco de triunfo nas inmediacións da Casa do Concello, con expresivas dedicatorias. Asistiron, con bandeiriñas, os nenos das escolas de Culleredo, Almeiras, Burgo, Laxe-Castro, Cordeda, Portádego e Vilaboa, cos seus mestres, e autoridades locais, milicias de FET y de las JONS cos seus xefes, o párroco de Rutis, funcionarios municipais e de Sanidade e veciños. Entregáronse sete ramos de flores para o gobernador civil e acompañantes, por catro mozos de Falanxe e tres nenos das escolas. Nos comedores do Auxilio Social instalados no Burgo e Rutis houbo un xantar extraordinario sufragado polo Concello, ascendendo os gastos a 502 pta., para o que houbera que habilitar un crédito. O día 13, aniversario da morte de Calvo Sotelo, o Concello pagou uns funerais en Rutis e colocou unha placa no salón de sesións. Leuse unha alocución do gobernador civil e déronse os vivas regulamentarios. Habilítase un creto de 500 para gastos dos soldados mobilizados.

10-9-1938: Respecto das subscricións para mercar o pazo de Meirás e doarllo a Franco, o Concello dará 4.816 pta. Aparte, había unha subscrición individual na rúa, asinando a xente nun álbum.

28-9-1938: O Concello designa a Manuel Lantes como representante para a “Comisión Local de Colocación Obrera”, que estaría presidida polo delegado sindical local, e que tiña que estar constituída o 1 de outubro.

27-10-1938: Para instalar a “Oficina Local de Colocación Obrera”, que sería de 6ª categoría, o Concello tería que achegar o diñeiro para o persoal (xefe da Oficina, 5.000 pta; e axente, 3.500 pta.). Tamén a Corporación expresa o seu sentimento de pesar pola morte de José Antonio Primo de Rivera, facéndose constar "la protesta de este Ayuntamiento por su alevoso asesinato llevado a cabo por las hordas comunistas en Madrid" (sic). Exprésase tamén o pésame pola morte de Ramón Franco e demais tripulantes do avión.

10-11-1938: Nos acordos da Corporación aparece a apertura dunha suscrición para o aguinaldo pro-combatente, destinándose 200 pta. Infórmase tamén que pasaran por Vilaboa cara Santiago, Francisco Franco e a súa esposa, volvendo a pasar o día 5, cando regresaban a Meirás. Estiveron presentes o alcalde e concelleiros, o xefe local de Falanxe, camarada Osende, o xefe local de Milicias, camarada Delgado, o delegado local sindical, camarada Rey Carrero, a xefa da Sección Feminina, camarada Dolores Vila Sobrino, así como Milicias, obreiros sindicais, seccións femininas, mestres e nenos das escolas con bandeiriñas e guirnaldas, e veciños. A pesar de que a viaxe teoricamente era de incógnito, engalanáronse casas en Vilaboa.

12-1-1939: A Corporación expresa o seu sentimento pola morte de Severiano Martínez Anido, tenente xeneral e ministro de Orde Público.

26-1-1939: Destínanse 250 pta para a subscrición de víveres para poboacións liberadas. Estábase realizando tamén a recollida da prata.

23-2-1939: Recíbese un telegrama do secretario de Franco acusando recibo do enviado co gallo da ocupación de Barcelona. O Delegado sindical local da “Central Nacional Sindicalista de FET y de las JONS” comunica a morte do secretario local sindical, camarada Celestino Pérez Fernández, que fora axente executivo da “Oficina Local de Colocación Obrera”, sen percibir emolumentos. Deixaba viúva e 5 fillos. A Corporación destina 150 pta para o enterro e axuda da familia.   

9-3-1939: Na subscrición popular, de alcance provincial, pro-pazo de Meirás para o Caudillo, recadáranse 841,9 pta (o Concello pagara 4.816). 

25-5-1939: Vanse organizar en Vilaboa uns funerais por todos os soldados de Culleredo mortos na guerra. Pola súa parte, o secretario do Concello asistiu aos actos de homenaxe ao xeneral Antonio Aranda, na Coruña.

24-7-1939: Os días 21 e 22 de xuño a Corporación acudiu a recibir a Franco en San Pedro de Nós e na Ponte Pasaxe, mercándose boinas encarnadas e camisas azuis para asistir aos actos. Logo houbo un convite para os funcionarios. Franco foi nomeado alcalde honorario de todos os concellos (incluído Culleredo). Vaise contribuír persoal e economicamente á homenaxe ao xeneral  Aranda. Infórmase de que Franco ía pasar por Vilaboa para facer a ofrenda ao Apóstolo en Santiago, decidíndose levantara arcos de triunfo na entrada e saída do Concello. Pero finalmente suspendeu a viaxe.

12-9-1939: Faise constar en acta unha relación de Medallas e cruces de guerra obtidas por diversos soldados de Culleredo. Infórmase de que o ditador Franco pasou por Vilaboa acompañado de varios ministros, gobernador civil e outras personalidades, en dirección a Santiago, Vigo e Ourense. Na entrada e saída de Vilaboa  levantáranse dous arcos de triunfo, sendo saudado ao seu paso por case todos os compoñentes do Concello. Disparáronse profusión de bombas, sendo saudado ademais por multitude de nenos das escolas públicas e numeroso público. Logo o alcalde, concelleiros e personalidades asistentes, reuníronse a comer.

28-9-1939: Outra relación de Medallas e cruces a soldados de Culleredo.

16-11-1939: Como a xefa da Sección Feminina da Falanxe local, camarada María Dolores Vila Sobrino, deixara de recadar o Plato Único na parroquia de Rutis, “debido a sus múltiples ocupaciones”, o que viña facendo dende que este se implantara, a Corporación “acordó tributarle un expresivo voto de gracias por su incausable labor, lamentando que la necesidad de atender a las cocinas de Auxilio Social y otros quehaceres de índole no menos humanitaria y patriótica le impidan continuar atendiendo a la recaudación mencionada”. Tamén se acordou por unanimidade “asociarse al duelo nacional con motivo del aniversario del asasinato del ilustre mártir fundador de la Falange José Antonio Primo de Rivera”.

22-2-1940: Respondendo a unha carta da Xefatura provincial da Sección Feminina de F.E.T. y de las JONS, solicitando unha subvención para gastos dunha camarada de Culleredo que se desprazaría á Coruña, durante un mes e medio, para asistir a un cursillo, acordouse concedela, e solicitar de dita Sección provincial a instalación dunha “Cocina de Hermandad” na parroquia de Celas, na cal, como nas limítrofes, había moitas familias necesitadas sen medios de subsistencia.

9-5-1940: Recíbese un escrito da Xefatura Comarcal Sindical de FET y de las JONS comunicando o cese de Luis Rey Carrero como Delegado comarcal e nomeando ao camarada Ángel Blanco. O Concello acorda que cubra o cargo da “Oficina de Colocación Obrera” se reúne as condicións de ser mutilado ou excombatente. O alcalde tamén informa que na contabilidade municipal de 1939 había consignadas 5.000 pta para o xefe da citada Oficina, 3.500 para un auxiliar e 300 para equipamentos da mesma, e que aínda que no Concello non constaba o nomeamento de tal xefe e tal auxiliar, librárase a favor de Luis Rey Carrero toda a cantidade consignada para o xefe e auxiliar, cousa que non podía permitir, e menos cando constaba que na Oficina Provincial de Traballo xustificárase soamente a factura de ditas cantidades. Acordan por unanimidade abrir un expediente para facer averiguacións e mesmo pedir o reintegro do librado de máis.

8-8-1940: A Xefatura local de FET y de las JONS estaba instalada na Casa Consistorial, radicada en Vilaboa. Para que funcionase de maneira independente, sen interferir co Concello, íanse facer unhas obras e pintar as instalacións.

15-11-1941, sesión supletoria: Fálase do monumento aos caídos que se erixiría en Sésamo, e dunha circular do gobernador civil dicindo que nos orzamentos de 1942 debía consignarse un 2% para FET y de las JONS local.

7-6-1942, sesión supletoria: Recíbese a orde de colocar a bandeira negra e vermella e a das aspas de Borgoña ao lado da nacional no balcón do Concello, así como o xugo e as frechas. Acórdase tomar como patrona do Concello á Virxe A Milagrosa.  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña