06:38 Mércores, 19 de Xuño de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-05-2019

Quen tomou a decisión de pechar o capítulo da enésima derrota inminente do chavismo e abriu un novo, no que os movementos non son retransmitidos.

Que pasou con Venezuela?

Valorar (26)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Lembrades a autoproclamación de Juan Guaidó como presidente de Venezuela?

Lembrades o ultimato de Pedro Sánchez a Nicolás Maduro?

Lembrades a operación que tentaba introducir alimentos e medicinas pola fronteira colombiana?

Lembrades a portada do xornal ABC, e a colección de fotografías, sobre a suposta catástrofe humanitaria provocada polo chavismo, que realmente correspondían á situación no Iemen?

Lembrades ao presidente colombiano Iván Duque ameazando con unha intervención militar en Venezuela?

Lembrades o chamamento ao povo venezolano para que se concentrara diante dos cuarteis, chamando ao exército bolivariano a unirse á oposición?

Lembrades as anotacións do conselleiro de seguridade nacional de EEUU John Bolton no seu caderno, que supoñían unha clara ameaza de intervención militar na Venezuela?

Lembrades ao senador republicano Marco Rubio en redes sociais, dicindo que Nicolás Maduro acabaría torturado, sodomizado e asasinado como Muamar Gadafi?

Lembrades a liberación de Leopoldo López e o seu aloxamento como convidado na embaixada de España en Caracas?

Ao mellor non lembrades todos estes episodios, pero algún deles seguro que si; ao redor de cada un fabricouse unha historia que ía rematar co derrocamento do actual goberno venezolano, debido ao insostíbel da situación, a un povo que por fin  decidía levar á oposición “democrática” ao poder, e ás graves fendas existentes no chavismo e fundamentalmente nas forzas armadas bolivarianas.

Desde hai aproximadamente un mes, de súpeto, Venezuela desapareceu das portadas, das aperturas de informativos e dos debates televisivos. As veces semella que todos eses acontecementos, que se nos presentaban como históricos e definitivos para o derrocamento do presidente Nicolás Maduro, só existiron na nosa imaxinación.

Mudarían tanto as cousas en Venezuela nas últimas semanas?

Seguro que as condicións de vida da xente seguen sendo as mesmas, o bloqueo norteamericano que impide un desenvolvemento libre e soberano do comercio internacional por parte do goberno venezolano segue presente, o acaparamento de produtos seguro que segue habéndoo, os problemas de xestión e os casos de corrupción non creo que desapareceran.

Pero houbo quen tomou a decisión de pechar o capítulo da enésima derrota inminente do chavismo e abriu un novo, no que os movementos non son retransmitidos.

O imperio sabe que a tensión non se pode manter indefinidamente, e chegou un momento, que podemos situar na liberación de Leopoldo López, en que ou rebaixaba os niveis de tensión ou só lle restaba acometer a tantas veces anunciada intervención militar directa ou indirecta, de imprevisíbeis consecuencias.

A liberación de Leopoldo López tanto por como se produciu como pola súa personalidade, reabriu fendas coñecidas ente uns opositores “oficiais” que son simplemente lacaios dos EEUU e dos intereses das oligarquías venezolanas e outros sectores da oposición, menos acariñados pola prensa internacional, totalmente contrarios ao proceso político bolivariano pero tamén a converter Venezuela nun estado falido, que sería a onde levaría a política do trío López-Guaidó-Trump.

Nesta situación o chavismo non está inmóbil, consciente de que en Venezuela xógase moito máis do que parece, aproveita que estamos nunha partida de xadrez de dimensións internacionais;  tenta garantir o apoio de Rusia e China ao tempo que lanza propostas que poidan ir socavando a credibilidade da oposición “oficial”. Hai unhas semanas Maduro volveu propor o adianto das eleccións á Asemblea Nacional Venezolana, controlada pola oposición, que están previstas para decembro de 2020, para que se comprobara quen ten o apoio electoral do povo. Fronte a esta proposta atopou o rexeitamento dun Guaidó que di só estar disposto a aceptar a destitución do para el presidente ilexítimo. Pese a esa negativa que xa agardaba, o goberno mantén a liña discursiva iniciada en 2014, defendendo que a única saída está na negociación. Unha negociación que ao longo destes cinco anos tivo múltiples encontros pero todos eles sen resultado, e na maioría dos casos por negativa da oposición.

Nos últimos días soubemos da celebración de novas reunións en Noruega, promovidas unha vez máis polo goberno venezolano que buscou a mediación norueguesa. Reunións que remataron sen acordo, pero tanto Guaidó como Maduro nas declaracións posteriores manifestaron que o desacordo non supón remate definitivo.

Conclusión: Venezuela segue aí e no capítulo actual non hai focos, pero no vindeiro non sabemos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña