08:11 Mércores, 21 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-05-2019

En efecto, o espírito de irmandade con todos de Seixas, de modo especial cos humildes e marxinados, aprendérao xa de cativo en contacto con campesiños ou labregos

O P. Seixas (1915-1994), un profeta moderno para Galicia e para o mundo

Valorar (15)

MANUEL CABADA CASTRO


“Como calquera cidadán de a pé, poñíaste a cotío na ringleira alporizante de ‘Vitrasa’. Vestías cuspidiño a un traballador, non a un señor. Co teu nariz aquilino e a barba de honrado profeta, carteira vella na man, enchida de papeis, compoñías unha figura popular e querida. O teu sentido do humor, a túa sinxeleza e a túa proximidade idiomática e afectiva eran un atractivo colateral moi importante” (Evaristo Rivera, Carta aberta ó Padre Seixas)            

Segundo as informacións recibidas, fostes polo menos algúns de vós –antigos alumnos da promoción de 1969 que neste ano 2019 celebrades o cincuentenario da vosa saída do colexio- os que formulastes o voso desexo de que con esta ocasión se vos falase algo sobre a persoa do P. Seixas, a quen varios de vós en maior ou menor grao coñecestes ou tratastes na época da vosa estancia no colexio, é dicir, alá polos anos 60 do século pasado.

O ano 1969, no que rematastes os vosos estudos neste colexio, foi tamén para min importante, porque coincidiu no meu caso coa miña entrada como docente na Universidade Comillas de Madrid despois de bastantes anos fóra da península. De modo que vós saíndo e eu, aínda que doutra maneira, entrando, converxemos na celebración de dous cincuentenarios persoal ou profesionalmente importantes aínda que entre si diferentes. En calquera caso, é tamén posíbel que saibades vós máis sobre o P. Seixas ca min –que agora vos vou falar algo sobre el- porque coido que en conxunto convivistes con el durante máis tempo ca min. Eu a el só o coñecín, sobre todo de vista e de maneira un tanto fuxidía durante un par de anos, cando el traballaba nos comezos da década dos anos cincuenta do século pasado relixiosa e socialmente en Salamanca cos obreiros desa cidade. Daquela estaba eu iniciándome tamén en Salamanca como novizo da Compañía de Xesús, ben mozo aínda, nos secretos dun novo modo relixioso de vivir. Seixas e mais eu formabamos parte, aínda estando no interior dun mesmo e grande edificio, de dúas comunidades distintas que tiñan entre si escasa relación a non ser en momentos especiais.

O meu coñecemento máis real e substantivo, xa que logo, de Seixas é sobre todo a través dos testemuños orais dos que o coñeceron e trataron directamente, mais tamén a través de documentación e escritos tanto do propio P. Seixas como doutras fontes diferentes. Un libriño, en calquera caso, que me espertou do meu sono (pois con anterioridade era descoñecido para min) e que me mobilizou fondamente foi o que leva como título Conversas do Pai Xaime Seixas Subirá con Silvestre Gómez Xurxo (Vigo, SEPT, 1985). Lino con paixón a pouco de chegar eu a Vigo hai agora un pouco máis de oito anos e quedei impresionado polo espírito que Seixas reflectía nese libro-entrevista. O resultado foi a miña teima por coñecer máis amplamente o espírito e o modo de ser de Seixas, que desembocaría na publicación no ano 2013 dun amplo escrito titulado O padre Seixas desde dentro. Unha aposta progresista, galeguista e universalista  grazas ó apoio da  Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT). Máis recentemente editouse logo (no ano 2015 e tamén en SEPT) o volume colectivo O padre Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da irmandade. Homenaxe no centenario do seu nacemento (1915-2015), no que se pode atopar información detallada sobre o curriculum vital de Seixas e mais un gran número de colaboracións de importantes persoeiros que nel ofrecen o seu persoal testemuño sobre a persoa de Seixas e sobre a súa variada e intensa actividade.

Dito isto, vou limitarme aquí a facer un par de indicacións sobre determinados aspectos da figura de Seixas que vos poderían resultar quizais máis descoñecidos. Pois Seixas non era só a súa simpática, acolledora e ó tempo sinxela e humilde presenza que se multiplicaba en actividades exteriores de moi diverso xénero, senón que posuía unha rica e fonda interioridade, que se pode albiscar en diversas manifestacións súas escritas (a modo de cartas, diarios, etc.) que afortunadamente conservamos.

1) A relevancia ética e relixiosa das persoas e grupos marxinados en Seixas

A) Os leprosos

Posibelmente poucos souberon en vida de Seixas que el solicitara, cando era aínda bastante mozo (tiña só 25 anos), ó Superior Xeral da Compañía de Xesús que o mandase a atender e acompañar leprosos nalgún lugar do mundo. Efectivamente, en agosto do ano 1941, pouco antes de vir por primeira vez a este colexio como “mestriño” (onde estaría entre os anos 1942 e 1945) e cando aínda non transcorreran catro anos despois de emitir os seus primeiros votos relixiosos, Seixas escríbelle ó P. Xeral da Compañía de Xesús, o polaco Vladimir Ledochowski, manifestándolle os seus desexos de ser destinado a traballar cos leprosos. O Xeral respondeulle no mes seguinte loando o seu xeneroso ofrecemento e ó tempo indicándolle que non deixase de exporlle os seus desexos ó Provincial correspondente. Aínda que estes desexos de se dedicar ós leprosos non recibisen ó final o beneplácito dos seus Superiores relixiosos, é significativo que aínda anos despois Seixas, no día seguinte a súa misa nova do 25 de xullo de 1948 na súa cidade natal compostelá se achegase á leprosería de San Lázaro de Santiago para celebrar alí cos leprosos a misa do día seguinte á festividade do Apóstolo Santiago: “eu –comentará Seixas en Conversas− sempre tiven devoción polos leprosos”.

Isto explicaría tamén por que Seixas, incluso cando levaba xa preto dunha decena de anos dedicado de cheo ó seu traballo en Vigo, mantivese vivos estes desexos, ó lle escribir en 1975 ó P. Francisco Javier Baeza:

            “En cuanto a mi vida (¡cómo pasa el tiempo; estoy entrando en los sesenta!)  sigo con mis Ideales de siempre. No quisiera morir (esto en conciencia) sin realizar mis deseos de leproserías. Creo que aún estoy en buena edad para ser capellán de enfermos, tanto más que tengo la experiencia de Francia. Dios dirá. Le pido me ilumine en esto. ¿Qué podría hacer? ¿Dónde? ¿Cuándo?”.

B) A raza negra

Xunto co seu desexo de traballar en leproserías, aniñaba tamén moi fondo nel o seu amor ós negros. Neste sentido solicitaría repetidas veces poder traballar con eles, pois considerábaos como a raza máis discriminada do mundo.

As solicitudes de Seixas ocorren ó longo de varios anos (de 1958 a 1960), é dicir, cara ó final da súa estancia durante varios anos (desde o mes de outono de 1953) en Salamanca. Efectivamente, no ano 1958 escríbelle ó Superior da misión de Haití, dependente da Provincia xesuítica do Baixo Canadá, manifestándolle os seus desexos de traballar cos negros de Haití e pedíndolle informacións sobre esta misión. O Superior da misión respóndelle loando os desexos e motivos que o moven para traballar alí e indicándolle ó final que se poña en contacto cos dous Provinciais (o do propio de Seixas e mailo do Baixo Canadá).

No ano seguinte remite outra carta agora ó P. Xeral da Compañía de Xesús, o belga J. P. Janssens, comunicándolle o seguinte:

            “Someto á resolución da vosa Paternidade un asunto espiritual que me afecta profundamente. Tiven durante case toda a miña vida relixiosa unha forte inclinación a traballar con negros. Sentín por primeira vez esta vocación dun xeito un pouco singular. Unha noite, cinco anos antes de entrar na Compañía, tiven unha gran preocupación polo meu futuro. Despois, mentres durmía, vinme (con moita consolación) vestido con sotana negra entre negros. Amo moito as misións de infieis con negros, mais teño medo das súas linguas e do clima porque estiven sempre bastante cansado. Esta é a razón pola que penso, dende hai algún tempo, en Haití onde tódolos habitantes son negros e os sacerdotes son pouco numerosos. Dáse en relación con Haití unha coincidencia singular: no noviciado pensaba en como se realizaría o meu soño, dado que a Provincia de León non tiña misión ningunha con negros. Mais ó oír falar de negros de Haití que se pasaran á República Dominicana tiven o sentimento de que eran os negros do soño. Velaquí agora a miña situación: teño case 44 anos, falo francés e teño facilidade para os ministerios apostólicos sobre todo cos obreiros. [...] Deixo todo nas mans da vosa Paternidade e espero esta decisión como procedente de Deus”.

Mais a esta carta de Seixas responderalle o P. Xeral indicándolle que “contribuiría máis á gloria de Deus que continúe realizando o apostolado social cos obreiros, dado que o maxisterio recente e antigo dos Sumos Pontífices amosan o moito que aprecian este apostolado”.

Malia esta resposta, Seixas non se dá por vencido e continuará nos anos seguintes a lles manifestar ós seus superiores relixiosos os impulsos que o seguen a mover a traballar en países e con persoas de raza negra. Así o volve facer escribíndolle unha vez máis ó P. Xeral -asesorado polo seu Provincial e mais polo seu director espiritual- e tamén, algo despois, ó novo Superior da provincia do Baixo Canadá.

As respostas seguen a ser negativas. De modo que Seixas parece albiscar que os seus soños mozos de misioneiro entre negros semellan ter xa poucas posibilidades de se realizaren. Pese a todo, váiselles dar a eses soños unha imprevista oportunidade por un novo camiño. Porque os soños existiran e os desexos de Seixas continuaban vivos. El non era dono deles. Mais agora Seixas non será xa o que peta á porta e chama, senón o que é chamado. Ocorre, en efecto, un “chamamento”, é dicir, unha “vocación” que vén de “fóra” del, mais que se dirixe a el. Nas súas Conversas do ano 1985, aínda que sen aludir nelas en ningún momento a estes contactos epistolares cos seus superiores, Seixas vai referirse explicitamente a como aquel seu soño adolescente, nunha noite de incómodo sono nun sofá, chegaría de feito a se realizar:  

            “Eu seguía convencido de que chegaría a cumprirse o soño e por fin recibín unha chamada do Pai Baeza, Visitador Xeral de Hispanoamérica, que me solicitaba como misioneiro para una parroquia da República Dominicana na fronteira de Haití, na que había moita xente negra, e que estaba pasando unha etapa tremendamente conflitiva [...] E sentín que definitivamente se ía realizar o futuro que me agardaba desde había  tempo. Preparei todo e funme de inmediato [...] Un día o misioneiro da misión veciña á miña, na que había moita xente de color, díxome se lle podía ir dicir a misa a unha aldea moi remota, toda de xente negra. Sentín algo moi especial. Decidín poñerme a sotana negra como vira no soño. Cando cheguei alí a aquela aldea de cabanas, coa xente negra que me arrodeou, sobre todo os nenos, sentinme coma na casa, coma se coñecese aquilo de sempre. Era a estampa real do meu soño misioneiro. Sentín que cumpría a miña misión”.

Efectivamente, o 31 de outubro de 1961 (trala súa curta estancia de aproximadamente un ano na Coruña) daría Seixas o salto a América, para desenvolver alí unha intensa actividade, ó tempo (coma sempre) social e relixiosa, na República Dominicana, na fronteira con Haití. Foron case catro anos alí de entrega e de felicidade para Seixas e para os que el atendía. Velaquí unha significativa anécdota da súa etapa americana, contada polo propio Seixas:  

         “Procuraba facer actos un pouco chamativos para educar. Por exemplo, nas concentracións da J.O.C., cando viñan doutras partes, abríalles a casa parroquial para que viviran nela e ocupábana toda, pero había un cuarto moi importante, o adicado ó bispo, que era a habitación máis grande e a mellor posta. Unha vez chamei ó cociñeiro que tiña, de raza india, e mandeille preparar o cuarto do bispo. E acórdome que entre os xocistas había un da cidade veciña, Dajabón, que era moi negro, limpabotas de oficio, collino e díxenlle, aquí tes a túa habitación: ó vela quedouse un pouco abraiado e díxenlle:
  - Mira, este é o cuarto do bispo, que para nós é a representación de Cristo, pero ti representas para min a Cristo máis ca el, porque representas unha raza explotada e oprimida, que é a raza de Cristo, así que ti estarás aquí con todo o dereito.

                        E na mesa tamén ocupou o lugar e usou os cubertos do bispo”  (Conversas...,                                80-81).

Se algo practicou sempre Seixas na súa relación coas persoas e cos grupos humanos foi a continua teima por crear igualdade, fraternidade e mutua integración entre todos, incluído naturalmente el mesmo. Así o constata el mesmo en relación co seu encontro coa comunidade dominicana:  

            “Fixen todo o posible por integrarme, cheguei a aprenderme todo o seu vocabulario e falaba coma un dominicano; chegou a cousa a tal punto que dicían: ‘el padre solo es blanco por fuera, porque por dentro es la mitad negro y la mitad indio’; e por iso me miraban cunha enorme simpatía. E era verdade, eu sentía en negro porque procuraba que houbese moita irmandade entre eles, que non se mirasen mal. Por iso unha vez lle rifei a un mulato que insultou a un negro. Indigneime, cheguei a dicirlle palabras ofensivas, porque lle dixen: este é negro e eu son branco e ti non es unha cousa nin outra, ti es café con leite, que é peor; ataqueino, aí faltei ós meus principios, pero descúlpome porque foi por defender o negro” (Conversas..., 80).

C) Galicia e os galegos

É trala súa peripecia misioneira e obreira en terras americanas cando Seixas se vai asentar permanentemente en Galicia, concretamente aquí en Vigo. Foi outro máis dos seus frecuentes achaques ou enfermidades o que o trouxo de volta acá. A súa querenza seguiría sendo en calquera caso, coma sempre, os marxinados. Por iso desde o comezo da súa actividade na nosa cidade olívica en outono de 1965 ata finais do ano 1967 as dúbidas asaltaríano unha e outra vez sobre se a súa actividade en Galicia sería ou non a que el, dada a súa nidia preferencia polos marxinados, verdadeiramente debía realizar. Nesta interior loita clarificadora todo parece indicar que Seixas acadou chegar por fin a atopar unha solución satisfactoria e integradora cando se decatou de que en realidade o país galego formaba parte en boa medida do chamado Terceiro Mundo. É esta consideración a que lle vai dar de feito lexitimidade práctica á súa actividade en Galicia, pois Seixas pode unir agora o seu impulso “misioneiro” (en principio dirixido cara a “fóra”) e promocionador dos marxinados co labor de promoción cultural, social, relixiosa, etc. dun país do que el mesmo é orixinario. Seixas era moi consciente de que a súa terra por complicadas circunstancias históricas se atopaba aínda nunha situación de múltiple dependencia (cultural, económica, lingüística, etc.).

Velaquí, por exemplo, como se expresa el neste sentido no ano 1968, sen se pechar en modo algún por outra parte ó seu traballo “fóra” (ben sexa na República Dominicana das súas gratas lembranzas, Brasil como posíbel nova tarefa no futuro, ou onde queira que fose). Así lle escribe agora a un compañeiro seu xesuíta en xaneiro de 1968:

            “Yo, caso de volver a América, pienso quizá ya más en el Brasil, pero por otra parte estoy convencido de que Galicia en gran parte es Tercer Mundo y esto me obliga mucho”.

E, de maneira similar, noutra carta súa algo posterior:

            “Este tercer mundo gallego está ahora en un momento decisivo para su futuro y los Superiores (empezando por Roma) quieren que siga aquí. Así lo hago procurando ocupar mi puesto de pionero como siempre, pero dispuesto en cualquiera coyuntura favorable a volver a mi amada ‘misión’ o a otra parecida”.

Así, pois, as motivacións e actividade de Seixas vanse centrar desde agora en Galicia, na promoción cultural, social e relixiosa do país galego sobre a base da súa lingua propia, o galego.

Por invitación do cardeal de Santiago, Fernando Quiroga, presidirá xa Seixas o día de Santiago Apóstolo do ano 1965 a primeira misa oficial en galego de tódolos tempos, antes aínda de que se aprobara oficialmente desde as instancias romanas a liturxia en galego (esta aprobación ocorrería por fin felizmente o 7 de xaneiro de 1969). Pois ben, esta primeira misa galega terá lugar no templo de San Domingos de Bonaval de Santiago. Entre as moitas e diversas persoas que participaron nesta primeira misa oficial en lingua galega non podía faltar naturalmente D. Ramón Otero Pedrayo, sobre o que conta Seixas o seguinte: “Ó rematar a misa, D. Ramón achegouse a min, grande como era, esperoume alí xunto á baixada do altar. Deume unha forte aperta e díxome: - Estaba agardando que chegase este día e chegou, xa podo morrer contento” (Conversas…, 113).

Poucas semanas despois, co inicio do curso de 1965-66 neste noso colexio de Vigo, Seixas –que residirá xa desde agora coa comunidade xesuítica deste colexio durante os seus primeiros seis anos en Vigo trala súa volta de América- daralles clases ós alumnos do Preuniversitario sobre Rosalía, Pondal, Curros, etc. O propio Seixas comentará que incluso lles deu ós seus alumnos as clases sobre Rosalía e Pondal, “a petición do público”, en galego.

E neste contexto non deberiamos esquecer que Seixas estivera xa antes aquí, neste mesmo colexio, vinte anos antes (entre os anos 1942 e 1945) como “mestriño”, é dicir, como “pequeno mestre”, tal como era denominada (entón e tamén moitos anos despois) a etapa xesuítica intermedia entre os estudios de filosofía e de teoloxía, que adoitaba durar arredor de tres anos. Entre parénteses, cómpre indicar en calquera caso en relación con Seixas como “mestriño” que el, Seixas, pouco antes de entrar no ano 1935 na Compañía de Xesús en Bélxica (dado que a Compañía de Xesús fora disolvida en España polo goberno republicano) acadara o título oficial de mestre. Pois ben, o tempo do chamado “maxisterio” na Compañía de Xesús era un tempo dedicado polos xesuítas tralos estudos de filosofía á súa estrea na docencia e na atención á mocidade estudantil nos nosos colexios.

Foi entón cando Seixas, nada máis chegar, creou un grupo de cantos e bailes galegos, chamado “Os filliños do Apóstolo”, que actuou no colexio en determinadas datas festivas, como as festas reitorais do ano 1942, mais tamén noutros lugares como, no ano seguinte, en Santiago de Compostela ou en 1945 no Centro Galego de Madrid.

            “Aquela idea [a dos “Filliños do Apóstolo”] –cóntanos o historiador e Reitor que foi neste colexio, Evaristo Rivera Vázquez, na revista “O noso Lar”, setembro-decembro 1994, p. 23- fora unha bufarada de aire fresco nunha atmosfera ateigada de tódalas tradicións, historias e culturas agás a nosa. Amosabas así a todos desde ben cedo cal era o vieiro que ías seguir, aínda que fose soedoso, non doado e escontra corrente”.

Pois ben, trala súa volta ó colexio vinte anos despois, o labor de Seixas a nivel relixioso, eclesiástico e xeral a prol do uso do galego sobre todo nos actos litúrxicos foi moi intenso aquí en Vigo (e desde aquí en toda Galicia) coa súa estreita colaboración con SEPT, a súa “Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía e Santiago Apóstolo” e con outros diversos grupos que el foi pouco a pouco creando e animando. Moi merecidamente recibiría Seixas por esta razón, tras outros vinte anos de estancia en Vigo, o 28 de xuño de 1985, a prestixiosa “medalla Castelao”.

Esta incardinación de Seixas na cultura e lingua de Galicia –como con anterioridade a realizara noutras culturas e linguas- responde a un fondo imperativo da súa conciencia cristiá e humana. Así, desde os comezos mesmos da súa estancia en Vigo, non deixará de manifestar claramente en diversas ocasións a súa opinión sobre a situación de dependencia e marxinación social e política de Galicia. E dunha maneira especial cara ó final da súa vida activa (antes de que o ferira a derradeira enfermidade), no ano 1985, ó el formular o seguinte comentario: “o amor cristián sempre ten preferencia polos máis necesitados, polos oprimidos, e o pobo galego leva séculos de opresión, de asoballamento, de pobreza, o que xustifica terlle un especial amor. E Galicia aínda hoxe segue sendo un país asoballado ó que non lle dan o dereito de vivir como pobo e de chamarse nación” (Conversas..., 138).

En realidade, Seixas vivira este seu galeguismo xa desde os tempos de rapaz, moi influído niso tanto por seu pai coma polo seu avó materno, tal como el dicía nas súas Conversas:

             “Sempre me recordo [...] de que nas escolas onde el [seu pai Antón, que era mestre] estaba, xa en tempos da Monarquía, tan centralista daquela, comezaba e remataba as clases cantando o Himno Galego; eu o Himno Galego seino desde ben pequeniño. Logo era meu pai un home que amaba moito tódalas nacións ou nacionalidades, como hoxe dicimos, e así o Himno Vasco, Guernikako Arbola [...] o meu pai ensinóunolo a tódolos fillos; eu aínda o sei cantar agora [...] En resumo, que o ambiente familiar era moi aberto, galego e universal á vez, e nel aprendín moitas cousas que en min son xa totalmente espontáneas, como é a amor a Galicia” (Conversas..., 12-14).

E en canto ó seu avó materno (que era catedrático do Instituto de Santiago), Jaume Subirá, dicía tamén Seixas:

            “O galego era para el [o seu avó] unha das grandes riquezas que adoraba e que nos inculcaba. Foi un gran defensor do noso idioma. Sempre me dicía: Aprende ben o galego, que é a lingua máis fermosa que existe [...] Era moi amigo de Alfredo Brañas, por exemplo [...] Cando digo Jaume Subirá digo algo case do outro mundo, case a nivel sobrenatural e dou gracias a Deus de ter vivido tanto con el porque influíu moitísimo en min” (Conversas..., 16-17).

Este temperá influxo familiar sobre Seixas chegou a acadar nel unha determinada forma política, tal como se manifesta na súa relación xuvenil co carlismo e co galeguismo político. Seixas refírese a iso tamén en Conversas cando nos di:

            “A única militancia política que tiven, e antes de ser xesuíta, foi na Comunión Carlista, Deus, Patria e Rei. Boa parte da miña mocidade fun militante da Xuventude Carlista de Santiago [...] Na miña casa recibíase a prensa carlista e tamén a nacionalista porque o meu irmán máis vello, Xosé Antón, era galeguista, un auténtico nacionalista, militante das Mocidades Galeguistas. Así que eu daquela lía por exemplo o Correo Catalán, carlista, e A Nosa Terra e mais Nós, nacionalistas [...]. Estas lecturas fixéronme moito ben. Eu non militei nunca nun partido nacionalista, aínda que o carlismo entendía o federalismo, pero considérome profundamente galeguista e funo durante toda a vida [...] Certamente, coido que no fondo da miña alma segue vivo ese sentimento [carlista] e eu respéctoo: non presumo del, pero tampouco teño por que anulalo” (Conversas..., 18-20).

Entre a documentación persoal de Seixas pódese ver, efectivamente, o seu carné nº 1 de Socio numerario da “Juventud Jaimista” de Santiago (“Dios, Patria, Rey”) con data do 15 de novembro de 1932, é dicir, cando el só tiña dezasete anos.

En relación con todo isto, vouvos ler agora –en certo modo como unha primicia, pois ata este intre non llelo comuniquei senón a moi poucas persoas- o texto dunha curiosa información que recibín o 20 de xaneiro de 2015 de Jesús Bravo Lozano -bo amigo, profesor universitario e de privilexiada memoria- que sen dúbida está en relación con esta inqueda e axitada primeira época xuvenil  do P. Seixas. É esta:

            “Seguín o P. Seixas nos comezos da VOJ en Salamanca aló polo ano 1954/55/56. Coñecíao de antes, estivera na casa dos meus pais antes de que eu entrara no noviciado. Gardo uns recordos-lembranzas moi persoais del. Unha cousa que recordo especialmente era o seu ‘nacionalismo galeguista’ que por entón non cultivaba. Contoume que de xove lle encargaran de ‘liquidar’ a un conservador, e déranlle unha pistola. Foi confesarse, contouno e o cura convenceuno de que non o fixera. Un gran home, un gran xesuíta”.  

Hai poucos días púxenme aínda en contacto co que me deu esta información, para lle preguntar se podía facer uso público dela tal e como el ma tiña comunicado. Respondeume afirmativamente, engadindo de paso estas precisións:  

            “O P. Seixas contoumo así, sen deterse moito na cuestión. Unha cousiña. Non sei se me dixo que lle mandaran matar a un "conservador" ou da outra banda. Iso non cambia a confidencia que me fixo”.  

2) Seixas pioneiro

O ata aquí lembrado sobre Seixas lévanos á consideración doutro aspecto moi rechamante e destacado do seu modo de ser. Refírome ó que se pode denominar o seu talante progresista, pioneiro. Seixas foi sempre un home dinámico, aberto e rompedor: “a min –dinos el- sempre me gustou ser pioneiro, meterme en cousas novas” (Conversas…, 105-106). Sentía ademais a vida, esta e mais a do alén, como unha perpetua xuventude. Así llo manifesta, cando acababa de pasar xa a fronteira dos cincuenta anos, ó seu compañeiro xesuíta Manoel Fole Salgueiro, en carta que lle escribe a Santo Domingo desde esta nosa cidade viguesa en 1966:

            “¿Verdade, amigo e irmán Salgueiro, que asegún pasan os anos vai un sentindo máis a carón as garimosas brisas da eternidade, da eterna xuventude?”.

Seixas ten fe, pois, na xuventude (coa xente moza sentíase en principio sempre moi a gusto), fe nas novas xeracións, que poden aportar en principio novas ideas e novas prácticas para os novos tempos. Neste sentido deixounos escrito sobre Seixas E. Rivera Vázquez (reitor que foi neste colexio desde o curso 1974/75 ata comezos dos anos 80) nun seu escrito inédito titulado Carta aberta ó Padre Seixas: “Engaiolabas como poucos a xuventude, segundo demostraches (entre outros casos) cando o ano 1979 fuches capelán dos mozos e mozas de COU, un cárrego nada arelado por ninguén”. A isto mesmo referíase o mesmo Rivera nunha carta que me escribiu o 8 de xullo de 2012, cando estaba xa retirado e enfermo en Salamanca, na que me comentaba textualmente: “Outro encontro con el [Seixas] foi cando eu era Reitor e facía falla un Director espiritual en COU. Propúxenllo a Seixas. Moitos botáronseme sobre min. Pero Seixas sabía atraer moi ben os rapaces e rapazas, tanto persoal como espiritualmente”.

Estas simpatías súas coa xente moza maniféstanse tamén no parágrafo dunha carta escrita por Seixas no ano 1966:

            “Quizá las generaciones eclesiásticas de antes de la guerra y de la guerra lo mejor que podrían hacer sería marcharse de España y dejar el campo completamente a las nuevas generaciones. Aquí solamente ellas podrán construir el futuro”.

O que aquí comenta Seixas posibelmente teña algo que ver cun puntual desencontro anterior de Seixas cun compañeiro seu da propia comunidade xesuítica do colexio de Vigo, o gaditano P. José María Poggio, o 4 de abril de 1966 en relación co “asunto dos PP. Capuchinos de Barcelona”.

Cumpriría lembrar, efectivamente, que precisamente un par de semanas antes tivera lugar nese ano 1966 a sonada “Capuchinada” en Barcelona: unha reunión e encerro de estudantes pertencentes ó antifranquista “Sindicato Democrático de Estudantes” no mosteiro capuchino barcelonés de Sarriá, na que estiveron tamén presentes algúns sacerdotes. É verosímil supoñer que Seixas manifestase dalgunha forma a súa simpatía ou comprensión coa reunión estudantil e cos relixiosos que acolleron os estudantes, mentres que o mencionado seu compañeiro da comunidade xesuítica viguesa pensaría de xeito distinto. En calquera caso, nunha carta que lle escribe o mesmo día, comunícalle Seixas entre outras cosas o seguinte:

            Ante todo debo manifestarle mi extrañeza por sus palabras de esta mañana [...] Si el Concilio Vaticano II recomienda el diálogo con los otros cristianos (incluso con los creyentes no cristianos y aun con los ateos), creo que, con mayor razón, debemos dialogar los que profesamos una misma fe, pertenecemos a una misma Iglesia y hemos sido consagrados con un mismo Sacerdocio; además de ser miembros también de una misma Orden Religiosa. Hablaré con V., pues, con la confianza que me concede el tener estos títulos comunes. Creo, Padre Poggio, que el momento en que se encuentra la Iglesia en España es de gran trascendencia. Han pasado casi treinta años después de una guerra civil que dividió (con distintos matices) a los españoles en dos bandos antagónicos y, en algunas provincias, también a los católicos. A consecuencia de esta guerra la Jerarquía (al menos en su inmensa mayoría) tomó una posición que ha llevado consigo al mismo tiempo (aunque sólo fuese aparentemente) vinculaciones de tipo temporal. Ahora, en 1966, resulta que el 65% de los españoles tiene menos de 35 años. Es decir, no pertenece a las generaciones de la guerra civil. Por otra parte la guerra mundial última ha dividido al mundo en democracias y sistemas totalitarios marxista-leninistas. A su vez las orientaciones del Concilio Vaticano II en lo referente al orden temporal manifiestan una tendencia francamente democrática. En estas circunstancias no es extraño que se produzca en España una ruptura sicológica entre las generaciones actuales y las de la guerra civil. Las primeras tienden a avanzar; las segundas a retroceder (fenómeno puramente físico). Las de la guerra tienden a conservar lo presente; las actuales a avanzar en sentido de democracia, exceptuados, claro está, los grupos enfeudados en el totalitarismo marxista-leninista. La Iglesia es de todas las generaciones, pero sus consignas conciliares coinciden mucho más con la posición de las generaciones actuales que con las de las pretéritas. La Jerarquía española que ve este problema, sin duda querrá evitar la ruptura (en parte ya existente) con las generaciones jóvenes. Su desvinculación de estructuras heredadas de la guerra civil es necesaria para el futuro de la Iglesia en España. Creo que nosotros los Sacerdotes, sin tomar posiciones puramente temporales, debemos ayudar a nuestra Madre en esta difícil tarea. Creo, por lo tanto, contraproducente oponerse, por sistema, a todo movimiento juvenil (sea de estudiantes, obreros, etc.) que manifiesta tendencias favorables a una evolución a estructuras más abiertas. Creo que mantener esta posición es comprometer a la Iglesia en el futuro de nuestra Patria, futuro que ya no depende de nosotros los que hemos rebasado el medio siglo. Es muy explicable que hombres como V. (pertenecientes a otras generaciones) tengan dificultad sicológica para poseer esta adaptación. Comprendo su caso porque yo también sentí esta dificultad. Gracias a Dios el contacto casi continuo con la juventud de varios Países ha mantenido mi mentalidad dentro del momento presente social y religioso. Creo que al hacer presente a la Iglesia (dentro de mis limitadas posibilidades) en las nuevas generaciones contribuyo a que la evolución inevitable se realice con la menor tensión posible. De todo ello he hablado con gran sinceridad con personas destacadas en la Compañía y en la Iglesia; en concreto, con el R. P. Asistente y con el Señor Cardenal de Santiago. Ambos no sólo aprobaron este criterio sino que me han pedido que siga colaborando en esta tarea, especialmente entre la clase trabajadora [...]”.

3) Seixas, un home libre        

Xunto a este talante progresista, hai unha vivencia interior en Seixas que nunca deixou de sentir e de expresar tamén formalmente. Trátase da vivencia e do aprecio da liberdade ou, mellor, das liberdades. Liberdade que el relaciona directamente coa súa fe en Deus e que ve incluso como raíz da esixencia dun comportamento amoroso con todos. Explícao nidiamente en Conversas nun texto ó meu ver moi significativo:

            “Son amante da liberdade, dunha gran liberdade. Para min o meirande argumento que teño para crer en Deus é o da liberdade. Se non tivésemos esta liberdade que nos caracteriza, que nos dá a racionalidade, o poder pensar libremente, non seriamos persoas. Por iso o que máis amo é a liberdade, pero esta leva consigo, se é verdadeira, o respecto a tódalas liberdades, pois aínda que utilicemos o concepto liberdade en singular, na realidade a liberdade pluralízase en liberdade de raza, de linguas, de relixión, liberdades de todo tipo e hai que amar as liberdades concretas de cada ser humano, o que supón un grandísimo respecto, incluso agarimo ós demais: aí está o esencial do cristianismo. Todo isto influíu moitísimo en min” (Conversas..., 48-49).            

De feito, os que conviviron con Seixas -a pouco que se fale con eles- poñen ben de relevo esta súa faceta humana. Era unha persoa agarimosa e libre e creaba en consecuencia arredor de si ámbitos da mesma calidade humana. Esa súa liberdade interior exercíaa en todo o seu comportamento vital, incluso cando podía entrar en conflito (como o propio Seixas confesa terlle ocorrido) coa debida obediencia ós seus superiores relixiosos. Na entrevista de Conversas explícao así:  

            “Eu coido que hai que ter unha xerarquía de valores e, dentro dela, o noso voto de obediencia é de obediencia a Deus, que está representado no Superior, pero tamén noutras cousas, na conciencia, en moitos valores superiores a un ser humano, a un superior. Así que hai que ter unha certa liberdade de conciencia, eu non son nada rigoroso nos votos e en todas esas cousas e, se algunha vez hai un choque, doulle a primacía á miña conciencia e así llo digo claramente ó superior [...] e sempre me respectaron. Claro, porque eu non podo ir contra a miña conciencia” (Conversas, 49-50).            


Non só coidaba e defendía a súa propia liberdade senón loitaba tamén a prol da dos demais. Toda a súa actividade con obreiros ou nas misións estaba imbuída deste espírito. Nun escrito de Antía Cal, viúva do famoso oftalmólogo Antón Beiras García, ámbolos dous bos amigos de Seixas, lin unha fermosa anécdota relacionada con isto que resulta ben ilustrativa. Cóntao ela así:  

            “Outro día chegou Antón cun folio de sinaturas e díxome: ‘Mándache isto o padre Seixas. Estamos a reunir apoios para que non metan na cadea a C. N.” (Carlos Núñez, o pai do que hoxe é un marabilloso gaiteiro, que logo había ser concelleiro de Vigo e que, efectivamente, era do Partido Comunista de Galicia). ‘Ti asinaches?’, pregunteille. ‘Asinei’. ‘Pois daquela xa cumpriu a familia. Eu termo de catro fillos’. Ao outro día apareceu o padre Seixas pola Escola. Quería falar comigo. ‘Ti es unha muller que preparas as túas alumnas para ir pola vida cos mesmos dereitos que os seus compañeiros’, comentoume. ‘Ti queres un mundo no que as mulleres sexan en todo iguais aos homes. Nesta lista que che enviei non hai máis ca homes, e non se pide cousa ningunha que vaia contra a lei, senón o dereito das persoas a seren libres de pensamento [as cursivas son miñas]. Hoxe tócalle a C. N. e mañá pode tocarlle ao teu fillo’. Asinei. Morta de medo, pero asinei. Convenceume” (Cal, Antía, Este camiño que fixemos xuntos. Memorias, Vigo, Galaxia, 2007, p. 197).

Para Seixas a liberdade ten que imperar a tódolos niveis, afectando non só os individuos particulares senón tamén os pobos. Isto posuía nel un valor máximo. Así o sostiña el, por exemplo, no contexto das conflitivas circunstancias políticas e militares en que desenvolveu a súa actividade na República Dominicana. “O loitar –afirma Seixas textualmente- pola liberdade dun pobo éche o máis grande e fermoso que se pode facer nesta vida” (Conversas..., 101).  

4) Seixas, irmán de todos

A raiceira fonda que deu vida e potenciou o modo de ser de Seixas ten naturalmente unha clara compoñente relixiosa ou cristiá. É porén tamén, no caso de Seixas, unha adquisición humana e social.

En efecto, o espírito de irmandade con todos de Seixas, de modo especial cos humildes e marxinados, aprendérao xa de cativo en contacto con campesiños ou labregos e co apoio e aprobación da súa familia. Seixas fala neste contexto do seu “contacto directo coa xente das aldeas”, para comentar a continuación: “Eu quería moito aquela xente e considerábame un deles, aí comezou a xurdir en min desde pequeno un grande espírito social, un espírito de irmandade do pobo galego a través do idioma, dos costumes, da vida, iso é algo que nunca esquecerei. Ademais a miña familia era moi democrática no seu trato social e non discriminaba a ninguén, eu podía andar con tódolos rapaces, que nunca meus pais me quitaron de facelo, e tampouco se discriminaba a lingua” (Conversas, 11).

Neste proceso de crecemento cara ó sentido e valor da irmandade foi tamén importante para Seixas, segundo el mesmo nos confesa, a súa estadía durante tres anos (de 1950 a 1953) en Bordeos atendendo refuxiados e exiliados de diversas nacións e culturas. Pois foi alí onde aprendeu apertura e irmandade con todos, é dicir, comunidade: “Bordeos foi para min –dinos el- unha experiencia marabillosa, difícil, pero marabillosa [...] Alí [...] coñecín un espírito relixioso moito máis progresista do que tiñamos aquí [en España] e fíxenme moito máis aberto e progresista na miña ideoloxía, porque eu tiña un carácter aberto, pero unhas ideas un tanto conservadoras; alí abrinme definitivamente” (Conversas…, 59-60). “Descubrín [alí] o senso comunitario da vida, o Corpo Místico” (Conversas, 138).

A vivencia humana da irmandade e maila relixiosidade cristiá potenciáronse así mutuamente para nel se constituíren nun verdadeiro programa de vida e de acción. Seixas confesa ter sido fiel a tal programa:

            “Sempre cumprín o programa que me marcara: para min todos son irmáns, de calquera relixión, de calquera raza, de calquera posición económica, e en caso de ter que discriminar [...] a alguén, faríao favorecendo os máis debles, os máis perseguidos, os máis abandonados, sempre a favor da parte máis necesitada” (Conversas, 78).

Por iso hai que dicir que que resulta ser ben xusto e pertinente o que se pode ler baixo a figura de Seixas na estela de pedra chantada en homenaxe a el no mes de Nadal do ano 2006 en Vigo no parque de A Bouza (Coia), a carón dunha das beirarrúas da rúa Padre Seixas: “Este é o meu programa: para min todos son irmáns, de calquera relixión, raza ou posición económica”. Unha frase da que o autor naturalmente é o propio Seixas (ver Conversas..., 78).

Foi sen dúbida esta actitude relixiosa e humana de Seixas coas persoas a que fixo que fose el moi querido pola xente. Era tamén ben consciente diso: “Sempre procuro tratar ben a xente, con agarimo e, polo xeral, son ben correspondido. Esta é unha faceta da miña vida da que estou plenamente satisfeito, sempre tiven moitos e bos amigos” (Conversas, 8).

Entre tantos testemuños como se poderían aducir en confirmación desta actitude fraternal e afectuosa de Seixas limítome só a un que procede dunha actual deputada no Parlamento Europeo, que dende cativa coñeceu e tratou o P. Seixas. Chámase Ana Miranda Paz e entrecollo algunhas frases dun correo electrónico que me mandou:

            “[O Pai Seixas foi] unha das persoas que máis admirei na miña vida. Hai persoas que marcan, que fan que poidamos seguir crendo na bondade do ser humano, e o Pai Seixas era unha delas [...] Das moitas influencias que tiven a sorte de ter na vida política como Camilo Nogueira ou Xosé Manuel Beiras, dende logo a primeira foi a do Pai Seixas. E digo a primeira, porque tendo eu 10 anos faloume dos mundos, da solidariedade internacional, dos inmigrantes [...] Iso marcoume moito toda a miña vida. Lembro unha anécdota moi simpática. O concello de Vigo organizaba teatro de rúa para nenos e inscribinme con 12 anos ou así no curso, e fomos representar unha obra na rúa do Príncipe, fronte ao actual Marco. Cando estabamos actuando, vin que pasaba o noso amigo, e funme da representación, porque cómo podía eu non saudar ao Pai Seixas, que era como unha figura de referencia, de admiración. Tróuxome unha reprimenda do director do teatro, máis a min non me importou. El sorría ao ver os nenos. Miña aboa que tiña alzheimer, cando el viña xantar con nós ás Travesas, era feliz, porque el a trataba con honras e simpatía. Non teño palabras [...]”.


Para rematar e a modo de síntese do modo de ser de Seixas, léovos uns parágrafos escritos por Francisco Carballo Carballo, que me parecen ben axeitados para achegármonos dalgunha maneira ós ideais e sentimentos que impulsaban a actividade de Seixas:

         “Coñecín o P. Xaime Seixas en Vigo, 1973. Eran anos fermosos: todo presentía a desaparición da Ditadura. O ambiente social exhalaba todos os aromas: inestabilidade laboral, busca de liberdade, alento relixioso, mobilidade. No medio o P. Seixas. No setembro do ano comezamos en Vigo unha experiencia relixiosa tres paúis: Dous xoves e un veterano [...]. A inspiración era a dos ‘curas obreiros’, que desde os anos 40, en Francia, estaban a dar á sociedade un horizonte de fraternidade. En Vigo había daquela un colectivo deses apóstolos, uns xesuítas, outros diocesanos, aos que o bispo Xosé Cerviño ollaba con curiosidade. Nós fomos recibidos na Comunidade de liturxia galega que o P. Seixas compartía e que celebraba a Eucaristía semanalmente. Unha comunidade importante na Igrexa galega da que formaba parte o colectivo de SEPT e numerosos cristiáns galeguistas. Esa actividade do P. Seixas deunos unha entrada misioneira, de alta espiritualidade para experimentar a vida apostólica no magma social vigués. Para nós o P. Seixas foi garantía de acerto: el compartía en Vigo as arelas máis significativas do país: a galeguización, a formación obreira, o diálogo con todos, a paciencia e a amabilidade. Seixas gustaba da serenidade, non era partidario do grito nin da exaltación. Home de humor e da confiada espera no día seguinte. Era un home maduro que coñecía culturas, continentes e situacións ben diferentes da evolución social e política. Sobre todo tiña ben asimilado o Concilio Vaticano II para aceptar sen timideces os cambios imprescindíbeis. Era un galeguista ecuménico. Vin con el como se relacionaba cos pequenos grupos cristiáns de diversas tendencias, cos primeiros africanos a inmigrar a Galiza, cos necesitados e cos gardiáns de tradicións: con todos paciente, sorridente, dialogante [...]”.  



[Texto completo da conferencia sobre o P. Seixas no Colexio Apóstolo Santiago de Vigo, lida neste centro só en parte o 23 de maio do 2019, co gallo da celebración do cincuentenario da promoción dos alumnos do ano 1969]

[29-05-2019 17:56] Xosé Mª Pin Millares comentou:

Creo que éun retrato moi fiel doP. Seixas. Seixas eramoito máis grande do que aparentaba e mesmo do que moitos coñecido seus imaxinaban.O encontro conSeixas non defraudaba, calquera persoa e en calquera situación estaba por enriba de calquera lei ou norma.Vivía o cerne do Evanxeo: a humanización, a encarnación de Deus. Outra persoa da súa escola e de similar comportamento foi Baldo García Romero, crego de Trasmañó. Dous galegos "bos e xenerosos".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña