05:35 Luns, 14 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-05-2019

É xustamente o facto de @s desportistas de elite saíren da norma o que @s torna tan especiais, mais sempre distinguindo entre homes e mulleres.

Á muller barbeada víralle a cara

Valorar (73)

ROBERT NEAL BAXTER


En 1936, o xornal británico, The Daily Mail, publicou o seguinte: “As fermosas corredoras coas súas caras delicadamente maquilladas e os seus cabelos ondulados con exquisitos caracois proporcionaban hoxe un interludio pintoresco e feminino ante o empeño arduo e fervorosamente masculino dos Xogos Olímpico”. Naquela altura, calquera muller atleta que non se axustaba a este canon da muller desportista, concibida como unha mera apéndice secundaria e decorativa do desporto –entendido como unha empresa esencialmente masculina– considerábase unha aberración: alguén que renegaba de ser muller.  

80 anos despois, en pleno século 21, voltamos de novo à polémica: un claro indicio de que, apesar dos avanzos conseguidos pola loita feminista, o patriarcado non mudou substancialmente.   Caster Semenya é unha a atleta olímpica sul-africana. Mais, como é, ao parecer, inconcibíbel que unha muller poida realizar maiores proezas que un home, xa en 2009 tivo que se submeter a unha verificación de xénero antes de se lle conceder magnanimamente a medalla de ouro que conquistara nos 800 m no Campeonato Mundial de Atletismo. Cabe indicar, de paso, que non se aplican este tipo de probas aos atletas masculinos.  

Dez anos despois, após o Tribunal Arbitral do Desporto rexeitar o recurso interposto por Semenya, en 2019 entrou en vigor a norma da IAAF aplicábel a atletas (mulleres)  ‘hiperandróxenas’, que se deixara de aplicar desde 2015 tras o caso similar de Dutee Chand por falta de probas científicas sobre o impacto da testosterona na mellora do rendimento das atletas femininas. Este novo regulamento, que só se aplica nas clasificacións de atletas mulleres, ten por efeito rebaixar o nível de testosterona permitido 10 a 5 nmol/L.  

Esta decisión é claramente inxusta. De facto, o proprio Tribunal Arbitral recoñece que constitui unha discriminación que cualifica de  “necesaria, razoábel e proporcionada para protexer a integridade do atletismo feminino en probas restrinxidas”. Noutras palabras, procúrase salvagardar o desporto feminino tal e como vén definido hoxe en base à arbitraria división binaria de xénero socialmente construída co fin de protexer as ‘auténticas’ mulleres desportistas (as mulleres hai que protexelas, claro) frente a este tipo de ‘monstregas’.  

Por outra parte, a resolución tamén vulnera o espírito de antidopaxe que rexe o desporto, xa que, se Semenya e outras mulleres coma ela queren seguir a competir no seu desporto de predilección, terán que tomar hormonas artificiais para reducir o seu nível natural de testosterona. Non debe supreender saber que o endocrinologista Sindeep Bhana advertiu que isto podería ter consecuencias moi negativas para a saúde da atleta.  

É posíbel que Semenya sexa  intersex, e non sería este o primeiro caso de discriminación contra persoas intersex no desporto. A intersexualidade é unha realidade multiforme dentro da diversidade humana que fica ocultada detrás da dicotomía  XX = femia vs. XY= macho humana. Máis frecuente do que a priori se puider pensar, a intersexualidade –ao igual que a transexualidade e, non en tempos tan pretéritos, a homosexualidade– está patoloxizada mediante a denominación ‘trastornos do desenvolvemento sexual’. Como sempre pasa na sociedade patriarcal, o que non se axeita aos padróns binarios pré-estabelicidos pasa a ser considerado unha ‘tara’, un ‘transtorno’, unha ‘doenza’.  

En todo caso, sexa como for, segue a ser innegábel que Semenya nasceu muller, foi criada como tal e se identifica como muller. Portanto, non cabe dúbida de que dentro do desporto que se rexe polo binomio masculino/feminino, ten que poder competir como muller que é e que reivindica ser. Por esta razón, este caso ten repercusións que van moito máis alá da discriminación de persoas intersex no desporto, xa que ditamina o que significa ser muller partindo de preconceitos patriarcais decimonónicos.  

É xustamente o facto de @s desportistas de elite saíren da norma o que @s torna tan especiais, mais sempre distinguindo entre homes e mulleres. Así, apláudese a vantaxe xenética de desportistas masculinos como Michael Phelps coa súa altura superior à media, a envergadura dos seus brazos e os seus enormes pés con nocellos hipermóbeis, e louvase a morfoloxía excepcional de Usain Bolt. A ninguén lle pasaría pola cabeza propor que eles deberían ficar excluídos do desporto por deixaren na sombra os ‘homes normais’.  

Estase a brandir a testosterona como hormona fetiche da masculinidade por antonomasia no campo do desporto para dar unha pátina de lexitimidade científica à binaridade de xénero. Porén, face a esta dualidade reducionista, un estudo recente revela que existe unha sobreposición significativa do perfil hormonal entre homes e mulleres atletas; de facto, non existe de momento un consenso a respeito do impacto da testosterona sobre o rendimento desportivo. Tampouco se debe esquecer, obviamente, que chegar a se distinguir nun desporto precisa, para alén dunha boa predisposición xenética, de dedicación, perseveranza, treinamento e técnica, méritos que non se recoñece às mulleres cuxo corpo non encaixa dentro do espartillo das imposicións socio-culturais de xénero.  

O obxectivo é claro: manter a nítida división binaria entre homes por un lado e mulleres polo outro, perpetuando os mesmos canons físicos que imperaban a principios do século pasado. O varón debe aspirar a se parecer ao He-Man, encanto a femia debe ter un corpo de Barbie, à imaxe e semellanza de Disney. Nen falemos das consecuencias que ten a interiorización destes estereótipos ideais na incidencia de transtornos dismórficos corporais...  

E por se todo iso fose pouco, para alén de ser unha afronta à dignidade persoal de Semenya, conculcando os seus direitos humanos e propagando estereótipos de xénero propios da época das cavernas, non é nada desatinado dar crédito a quen acusa o IAAF de racismo, xa que este novo regulamento non se aplica a todos os eventos de atletismo por igual, mais tan só a aqueles en que compete Semenya. Así, Leonard Chuene, Presidente da Asociación de Atletismo de Africa do Sul comenta: “Quen son estes brancos para cuestionaren a constitución dunha rapaza negra? Eu digo que isto é racismo puro e duro”.  

Neste caso, conflúe o tándem máis rancio da subxugación que non se pode consentir neste novo milenio: a misoxinia e o racismo. Ao referirse ao caso Semenya, a xuventude do Partido Comunista Sul-Africano declarou: “Alimenta os estereótipos comerciais que ditan como debe ser unha muller segundo os seus trazos faciais e físicos, conforme à retrógrada definición eurocentrista da beleza. Esta cultura empurrou moitas mulleres negras a privarse de comida para poderen desfilar polas pasarelas de París ou Milán.”  

Fóra misoxinía e racismo do desporto e de todos os ámbitos da sociedade!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña