05:50 Luns, 14 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-05-2019

Vostedes levan anos e anos -con máis crueza e intensidade nesta última década- malversando mínimas e cativas leis que proclaman os dereitos do galego na Galiza

Carta aberta ao Conselleiro de Cultura e Turismo

Valorar (39)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Hai múltiplas ocasións e maneiras, señor Conselleiro, de sentírmonos estranxeiras na nosa patria, cento e trinta e nove anos despois de que Rosalía de Castro o deixase publicado no seu maxistral poema. Unha delas é comprobar, unha e outra vez, como o galego, a lingua que a lexislación define como “propia” da Galiza, a única lingua que esta nación creou e arrequeceu durante centos de anos, a que se veu abaixo desde que perdemos capacidade e control político e pasamos a sofrer todos os efeitos da dependencia e da españolización, a lingua galega, en fin, está ausente de calquer anuncio, aviso ou documentación en hoteis e similares do noso país. Simplesmente, non existe por nengures. Eu supoño que vostede, aínda estando avicindado na Galiza, fixo uso algunha vez dun hotel na mesma. Eu supoño que tamén se terá hospedado nalgún hotel de Catalunya ou de Euskadi. Por sobre a información en español e no omnipresente inglés, non deixaría de advertir que en hoteis cataláns e bascos o catalán e o éuscaro existen como linguas escritas nas informacións que a clientela debe coñecer. Esta prestación é obvia, por necesaria, para os nativos de ambas nacións, mais é igualmente conveniente para todos aqueles visitantes ou viaxeiros estranxeiros que, a través da lingua mesmamente, se van decatar de onde están, de que especificidade, como povo, como sociedade, asiste ao lugar onde se atopan.

Nada desta percepción elementar é posíbel na Galiza. O galego é lingua oral, coloquial  -cando o é-, limitada a súa existencia a que o persoal traballador do ramo tiver a ben usalo para devolver a fala en galego da ou do cliente. Mais ben sabemos que verba volant, scripta manent. Nós, clientes galegos, pagamos a exclusión pura e dura do que nos identifica e nos sinala como povo. Os de fóra reforzan a súa noción de que están nun anaco de España, nunha provincia peculiar por paisaxe e gastronomía, mais perfeitamente asimilada ao Estado de que depende. Vostedes levan anos e anos  -con máis crueza e intensidade nesta última década-  malversando mínimas e cativas leis que proclaman os dereitos do galego na Galiza e reforzando, na pior das demagoxias, o mal inflixido ao noso povo: a naturalidade da ocultación do galego, a súa permanente subordinación á lingua oficial do Estado, a naturalidade con que se admite e practica que ao galego lle abonda con ser limitada, parcial ou residual fala, lingua oral, nunca lingua completa, escrita incluída. Todo isto após trinta e seis anos de promulgada a Lei de Normalización Lingüística; quince anos despois de se aprobar por unanimidade o Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega no Parlamento Galego; dezaoito anos despois de o Estado español adoptar como vinculante a “Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”; vinte e tres anos pasados da aprobación da “Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos”... Papel mollado para vostedes, auga de castañas... O galego endexamais pode dar a imaxe dunha lingua normal, enteira, usada e usábel para todo. O supremo e supremacista español, como símbolo maiúsculo da España e do Estado que vostedes nunca ousarán rabuñar, ha de reinar, cal monarca absoluto. A súa ubicuidade é a garantía da submisión e ocultación do galego. E nós... a pagarmos a nosa in-existencia e a pagarmos a prestación lingüística de outros (servizo, por certo, de alto valor: sentirse como na casa estando fóra; ser servido-a na propria lingua; atopar a resposta precisa e a axuda necesaria sen necesidade de mudar de lingua...).

Da súa dirección política, da Consellaría que vostede dirixe, dependen departamentos e competencias en turismo, cultura, política lingüística, industrias culturais, patrimonio cultural... Con toda naturalidade atopamos en calquer hotel propaganda de “El Corte Inglés”. Nada referido ao valor extraordinario da nosa arte, da nosa historia, do noso patrimonio, dos lugares de visita obrigada escrito en galego. En galego, para os nativos; en galego, para os foráneos, que poden comezar a se familiarizar así coa lingua que a este país pertence. Nen sequer en convivio co español e o inglés, como mínima mostra de que existimos. Nas ementas dos restaurantes, adegas ou mesóns, estamos a ver no presente detallada información (supomos que derivada dunha normativa estatal), en español, por suposto, sobre alérxenos varios dos alimentos naqueles estabelecementos hostaleiros servidos. O galego, por suposto, non chega nen á categoría de alerxia ou intolerancia evitábel ou cognoscíbel pola clientela. Posúe máis dereitos a información sobre o glute ou sobre calquer outro componente alimentar que a palabra escrita que reflicta os nomes do que se come e se bebe en galego. Tiran proveito, como dixen, dunha masa de noso anestesiada, ignorante de si, afeita a ler e a escreber na única lingua de verdade, o español. Como vai haber “demanda” se vostedes negan rotundamente a “oferta”? Teño por práctica habitual deixar por escrito a miña protesta nos impresos correspondentes de hoteis, ou da Renfe ou... A resposta brilla pola súa ausencia. Para que? A que molestárense se saben que contan con toda a protección e amparo non só do Estado (Constitución española mediante) senón da súa delegación galega chamada Xunta?

Concentran toda a súa política turística no Xacobeo, o grande invento para negarnos, para que a Galiza non apareza en toda a súa diversidade e riqueza, na súa historia, arte e patrimonio. Seguiremos pagando  -si, pagando-  a través desta escolla a nosa exclusión, os albergues gratuítos ou case, a baratura dun país modelo de acollemento para os de fóra e de estrañamento para os de dentro. Non teñen perdón de Deus. Fagan vostedes o Camiño de Santiago á inversa: paren en calquer localidade española, basca, catalá, francesa... Quen son os “normais”? Eles ou nós, mediatizados e submetidos por vostedes? Fagan ese camiño á inversa e fiquen todo o tempo que quixeren por aquelas terras, a ver se a estadía lles serve, por contraste, para se decataren de canto nos falta no camiño de que a identidade de noso, a galega, teña espellos onde se ollar e recoñecer.

[18-05-2019 13:59] Luisa Sánchez Meizoso comentou:

Estaría ben compartir este artigo con personas coñecidas que non len o Terra e tempo. Vouno facer!

[18-05-2019 13:58] Luisa Sánchez Meizoso comentou:

Estaría ben compartir este artigo con personas coñecidas que non len o Terra e tempo. Vouno facer!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña