04:47 Mércores, 17 de Xullo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-05-2019

O fascismo levara as mulleres e homes nacionalistas vellos e novos que nos podían axudar, ás cunetas ou ao exilio.

Os vellos. As vellas

Valorar (7)

LOIS DIÉGUEZ


Grato resultou para min neste 1º de Maio cadrar no lugar da manifestación da CIG no que ía un grupo de vellos e vellas tras unha pancarta na que se reclamaba unhas pensións dignas. Con grande animación, a cada pouco, erguían os brazos e coreaban ese lema xa vello tamén, pero orgullosamente adaptado a eles-nós mesmos: Os vellos, na rúa, a loita continúa. Uninme inmediatamente ao canto e ao aplauso (así se fai, berraba un señor que nos miraba desde a beirarrúa). Esa forza e ánimo trouxéronme á cabeza aquela sentencia de Cicerón  no seu estudo "Sobre a vellez" (filosofía que levo sempre na cabeza e no corazón), Pois así como admiro a un mozo que ten algo de vello, do mesmo xeito a un vello que ten algo de mozo. E remata esa gran verdade deste xeito: quen siga este criterio poderá ser vello de corpo, mais nunca o será de ánimo. Cicerón escribiu este libro no ano 44 antes de Cristo. Xa choveu, verdade?, mais o afirmado segue sendo actualísimo.  

Pois si, as vellas e os vellos coa súa forza produto da historia, da experiencia, e de moita, moita ferida, incidindo na evolución social dun xeito activo e reclamando precisamente o froito do seu traballo cando o voraz capitalismo e os seus servidores intentan roubalo tamén. Alivio, por outra parte, para o paro criminal que eles, vellos e vellas, adozan un pouquiño entregando os cartos e axudando á xente nova á que aquel lle rouba tamén dereitos e futuro. É clásica xa esa paisaxe urbana do vello, e sobre todo da vella, levando o neto ou neta no carriño ou pola man e falando cariñosamente, cadro máis fondo aínda do que os ollos poden apreciar, pois indica sobre todo a relación, a comunicación entre dúas xeracións que intercambian precisamente a forza e a sabedoría.  

Non é só neste espazo familiar onde a aportación destes homes e mulleres coa mocidade xa vencida resulta importantísima. Importantísima se se quere aproveitar como lección práctica xa vivida e como xeito de avanzar con máis forza e rapidez e menos equívocos  se os novos, as novas xeracións, o queren aproveitar no outro espazo máis amplo: o social, o colectivo. Cando eu era novo e iniciabamos na negra etapa fascista a loita polos dereitos sociais e nacionais de Galiza, é dicir, pola mellora plena das necesidades das galegas e galegos, non tiñamos, non coñeciamos esa sabedoría. O fascismo levara as mulleres e homes nacionalistas vellos e novos que nos podían axudar, ás cunetas ou ao exilio. Tivemos que facer todo partindo de cero, nós soas. Como iamos montar os partidos, os sindicatos, as asociacións culturais, sociais... a loita de cada día? Ninguén nos podía guiar. E cando conseguiamos xuntar xente para unha acción, todos os presentes eramos novos e botabamos en falta ver entre nós xente vella. Ao revés do que pasa agora: seguimos os vellos e vellas ou xente de mediana idade, pero non, en termos significativos, a mocidade. Lección para aprender e resolver. Podemos dicir algo nós?  

Nos distintos campos sociais, tanto persoais, familiares ou  políticos, esa parte da organización activa non se pode completar sen o traballo xa feito, sen a historia, xa que logo, se se actúa con intelixencia e amor, ou se non vos gusta a palabra, con humanidade ou camaradaría, pois para min son o mesmo. Facelo, significaría unha pexa brutal que leva a frear o proceso histórico, é dicir, a facelo máis lento por incidir en erros que do outro xeito non habería ou se reducirían. As novas xeracións son, obviamente, as que deben coller a bandeira para levala á fronte. Pero se non está sostida tamén por quen viviron xa esa historia, o proceso non só estará eivado, senón que tamén será incomprensíbel.             

Resúltame tristísimo ver unha roda potente movida só polos que teñen a forza física, deixando de lado a quen, pola experiencia, posúen o segredo de facela correr empregando tamén a experiencia. E volvo a Cicerón, aínda que esta frase se poida axeitar mellor aos tempos de hoxe: ...pois a intelixencia, a racionalidade e o bo xuízo están nos vellos. Dígoo como imaxe, a xeito de reflexión ou análise (a palabra análise segue sendo a miña favorita), para que o debate entre no fondo das cousas e das accións e non no compadreo ou man que con artificio suaviza, e valla para corrixir o que non se pode aceptar, mais si mellorar. E vai, máis que para un grupo ou sector social en exclusiva, para a vida, para o sociedade en xeral, pois coido que esta etapa histórica que nos toca vivir e sufrir, está enterrando elementos humanos fundamentais (pode haber progreso sen humanismo?) sen os cales será imposíbel destruír esa máquina global que nos está a substituír, é dicir, que nos está a mudar nun arremedo dela mesma. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña