08:02 Mércores, 23 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-04-2019

Como galego-falante que quer viver na lingua do país con total normalidade, o meu voto será sempre nacionalista.

Votar polo futuro do galego

Valorar (104)

ROBERT NEAL BAXTER


Acabo de voltar para a casa após unha pequena estadía que me levou, aínda que só moi brevemente, por cinco das sete provincias bascas.  

Para alén da beleza das súas paisaxes montañosas marabillosamente isentas de eucaliptos, fiquei profunda e gratamente surpreendido pola cantidade de euskara que se ouve pola rúa. E non só nas aldeas, mais tamén en vilas tan turísticas como Zarautz, onde foi un pracer ver como un grupo de crianzas xogaba con toda naturalidade en euskara. E tamén en Bilbo, esa grande urbe onde conflúen e conviven máis de cen nacionalidades diferentes e onde unha percentaxe moi significativa da populación procede orixinariamente de fóra de Euskal Herria.  

Unha tarde cando estaba a tomar unha copa de patxaran diante dun bar na Cidade Vella, case me sentín tentado a comprarlle ao rapaz magrebí por se dirixir a min nun euskara moi fluído apesar de que levaba tan só tres anos en Euskal Herria. Seguir a sentirse orgulloso de ser berber ou de calquer outra orixe non quita tamén ser basco de pro, nunha mostra do verdadeiro espírito de integración.  

Foi unha gozada poder practicar o pouco euskara que sei en calquer tenda de Bilbo ou de Donostia. Mais na vila de Donibane Lohizune, non se respondía ao meu ‘Arratsalde on!’ mais que con ‘Bonsoir!’, toda vez que seguía sendo o mesmo país, unido tradicionalmente por esta mesma lingua milenaria, a uns escasos 10 quilómetros ao norte da fronteira que divide artificialmente Euskal Herria entre dous estados.

Que diferenza tan substancial pode haber para explicar que en Hegoalde o euskara estexa en puxanza e se ouza por todas as esquinas en boca de persoas idosas, novas, pretas..., encanto que en Iparralde se torna un ben escaso?  

Obviamente a historia de dominación por un dos estados máis centralistas do mundo, o francés, que se dedicou a conciencia a esmagar culturalmente os povos que teñen a má sorte de se acharen baixo a bota da sacrosanta República. Non só despregou o xenocidio cultural de xeito basto mediante a represión, mais sobretodo de maneira moito sutil e eficaz, ao inculcar un sentimento de auto-odio. Así, @s propri@s falantes tórnanse verdugos involuntarios da lingua: renegan do idioma, por temor a falalo coas súas fillas e fillos para el@s poderen escapar do estigma do paletismo e progrediren socialmente. E como xa imos comprobando infelizmente tamén na Galiza, unha vez rota a cadea de transmisión interxeracional, a dinámica que se enceta leva a unha perda moi acelerada da lingua.  

A República francesa sempre foi e segue a ser intransixente ao respeito. A Constitución recoñece o francés como única lingua oficial e segue a ser un dos poucos países que aínda non ratificou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. O esperpento chega a níveis delirantes cando os seus tribunais mesmo chegan a proibir que se poña o nome bretón Fañch a un rapaz por non ser o eñe unha letra francesa...  

Este contexto cria un clima onde calquer tentativa de recuperación lingüística se torna sumamente ardua, aínda que non imposíbel, como demostra, por exemplo, a lenta mais certa progresión do bretón grazas ao traballo incansábel da militancia dentro da sociedade.  

Frente a esta realidade, por moi insuficiente e desigual que sexa no que respeita ao deber de coñecer o español consagrado na súa Constitución, no Reino de España do 78 existe un certo amparo legal e un tímido grau de protección legal para as linguas cooficiais.

Mais, sendo basicamente o mesmo o marco legal vigorante, como se explica que en Euskal Herria se vaia recuperando unha lingua de moi difícil aprendizaxe para un/ha español-falante, encanto que na Galiza a lingua propria está en clara regresión, e onde tan só 5 % das crianzas falan galego nas grandes cidades? A resposta é obvia: é unha cuestión de vontade política, de tirar o máximo proveito das normativas existentes, tal e como parece que se está a facer na parte de Euskal Herria que abarca a CAB.  

Paradoxalmente, o españolismo concorda coa máxima de Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”. É por isto que, en vez de promover eficazmente a lingua, opta por propagar o mito da ‘imposición do galego’, cuxo antídoto sería o denominado ‘plurilingüísimo’ (léase máis linguas foráneas e menos galego), acusando a quen defenda o direito de viver con plena normalidade na lingua do país de fomentar un conflito lingüístico inexistente e de querer politizar a lingua. Por isto mesmo é que, nada máis chegar ao poder, o primeiro que fixo o españolismo foi transformar as Galescolas en Galiñas Azuis e impor o Decretazo para contrarrestar a política lingüística igualitaria do Bipartito.  

Entre moitas outras conquistas, como pode ser o concerto basco ou a gratuidade da autoestrada, en Euskal Herria o avance do euskara é un dos resultados positivos da implantación do nacionalismo no país. A maior nacionalismo, maior normalidade lingüística: unha normalidade que non virá nunca da man dos partidos españois e dos seus lacaios, sexan de direitas ou de esquerdas.  

É por isto que, como galego-falante que quer viver na lingua do país con total normalidade en todos os ámbitos da vida e para comezar de novo a colocar as medidas necesarias para que as crianzas do país falen en galego e se sintan galegas o meu voto será sempre nacionalista.

[25-04-2019 20:51] david otero comentou:

Contundente e ben traído.

[25-04-2019 04:05] Artai comentou:

Qué grande honra temos os galegos de te ter como exemplo, Robert! Un "inglés" bretonante galegofalante e patriota galego, unha das mentes máis limpas do país e un exemplo de integración e fusión coa, xa túa, nación galega! Viva Galiza! Viva Bretaña!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña